Inicio > Tributos > Presentación > Tributos > Tributación sobre o xogo > Guía da tributación sobre o xogo

Taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias

Os tributos sobre o xogo son os seguintes:

  1. Tributos cedidos: Son tributos estatais dos que o seu rendemento está cedido á Comunidade Autónoma de Galicia e dos que a súa xestión, liquidación, inspección, recadación e revisión dos actos en vía de xestión exerce a Comunidade Autónoma de Galicia por delegación do Estado. Son os dous seguintes:
  • Taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.
  • Taxa sobre os xogos de sorte, envite ou azar.
     
  1. Tributos propios: Son tributos creados polo Parlamento de Galicia. Actualmente está establecido na Comunidade Autónoma de Galicia o seguinte:
  • Imposto sobre o bingo.

1. Normativa aplicable

  • Decreto 3059/1966, do 1 de decembro, polo que se aproba o texto refundido das taxas fiscais. (BOE núm.302, do 19 de decembro de 1966).
  • Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía. (BOE núm.313, do 31 de decembro de 2001).
  • Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión. (BOE núm.157, do 2 de xullo de 2002).
  • Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo. (DOG núm.84, do 2 de maio de 2002).
  • Decreto 247/1991, do 4 de xullo, polo que se aproban normas de xestión dos tributos creados pola Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo. (DOG núm. 139, do 22 de xullo de 1991).
     

2. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a autorización, celebración ou organización de rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

3. Suxeitos Pasivos

  1. Nas rifas e tómbolas: os organizadores.
  2. Nas apostas: as empresas que fagan actividades que inclúan a celebración de apostas.
  3. Nas combinacións aleatorias: as empresas que desenvolvan estas combinacións con fins publicitarios.
     

4. Responsables

Nas apostas serán responsables solidarios do pagamento da taxa os donos ou empresarios dos locais onde se celebren.

5. Exencións

Quedan exentos do pagamento destas taxas:

  1. A celebración de apostas mutuas deportivas, cando a organización e o desenvolvemento destas estean a cargo da entidade pública empresarial Loterías e Apostas do Estado.
  2. Os sorteos organizados pola ONCE.
  3. Os sorteos de amortización e capitalización que estean legalmente autorizados.
  4. A celebración de tómbolas diocesanas de caridade, nas condicións que regulamentariamente se determinen.
  5. A celebración de sorteos, tómbolas e rifas que organice a Cruz Vermella, nas condicións que regulamentariamente se determinen.
  6. As rifas organizadas ou celebradas sen ánimo de lucro con motivo de acontecementos educativos, sociais ou festivos, sempre que o produto íntegro da venda dos billetes ofrecidos non supere os 12.000 euros e o premio ofrecido teña un valor inferior a 1.500 euros.
     

6. Devengo

  1. Nas rifas, tómbolas e combinacións aleatorias: ó concederse a autorización, que será necesaria para cada unha delas, e en defecto de autorización, cando se celebren.
  2. Nas apostas: cando se celebren ou organicen.
     

7. Liquidación e Ingreso

A taxa será obxecto de liquidación por parte do Servizo de Xestión Tributaria da Delegación de Economía e Facenda competente por razón do territorio, previa solicitude por parte do suxeito pasivo, que deberá presentar no prazo de 30 días naturais a partir da data do devengo.
Notificada a correspondente liquidación, o suxeito pasivo deberá efectua-lo ingreso do seu importe dentro dos prazos previstos no artigo 20.2 do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 1684/1990, do 20 de decembro.

8. Bases e Tipos

A cota tributaria determínase de acordo coas seguintes bases impoñibles e tipos de gravame:

  1. Rifas e Tómbolas
    1. As rifas e tómbolas tributarán con carácter xeral ó 10% do importe total dos boletos ou billetes ofrecidos.
    2. Nas tómbolas de duración inferior a quince días organizadas con ocasión de mercados, feiras ou festas de ámbito local e sempre que os seus premios non excedan dun valor total de 3.000 euros o suxeito pasivo poderá optar entre satisface-la taxa consonte ó tipo sinalado na letra a) anterior ou ben a razón de 300 euros por cada día de duración en capitais de provincia ou poboacións con máis de 75.000 habitantes, 210 euros en poboacións entre 15.000 e 75.000 habitantes e 90 euros por cada día de duración en poboacións inferiores a 15.000 habitantes.
  2. Apostas

Con carácter xeral o tipo será dun 8,5% do importe total dos billetes ou boletos vendidos.

  1. Combinacións aleatorias

O tipo será do 12% do valor dos premios ofrecidos.
 

 

Taxa sobre os xogos de sorte, envite ou azar

A taxa fiscal sobre os xogos de sorte, envite ou azar é un tributo estatal do que o seu rendemento está cedido á Comunidade Autónoma de Galicia e que grava a autorización, organización ou celebración de xogos de sorte, envite ou azar.
En concreto, grava :

  1. os xogos en casinos
  2. o xogo do bingo
  3. os xogos de boletos
  4. os xogos mediante máquinas ou aparatos automáticos
  5. o xogo da lotería instantánea electrónica
  6. os restantes xogos autorizados, organizados ou celebrados
     

1. Normativa aplicable

  • Real decreto-lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas.(BOE núm.56, do 7 de marzo de 1977).
  • Real decreto 2221/1984, do 12 de decembro, polo que se regula a taxa fiscal sobre os xogos de sorte, envite ou azar. (BOE núm.304, do 20 de decembro de 1984)
  • Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía. (BOE núm.313, do 31 de decembro de 2001).
  • Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión. (BOE núm.157, do 2 de xullo de 2002).
  • Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia. (DOG núm.222, do 20 de novembro de 1985).
  • Decreto 116/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG núm.114, do 13 de xuño).
  • Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo. (DOG núm.84, do 2 de maio de 2002).
  • Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009. Taxas sobre xogos de sorte, envite ou azar.
  • Orde da Consellería de Economía e Facenda do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C. (DOG núm.249, do 28 de decembro de 1999).
  • Orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2001 pola que se desenvolve o regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica e se aproban os diferentes modelos de declaración e de declaración-liquidación, así como os documentos de ingreso en euros a utilizar para a xestión de tributos propios e cedidos na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG núm.242, do 17 de decembro de 2001).
  • Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C. (DOG núm.4, do 8 de xaneiro de 2004).
  • Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos. (DOG núm. 252, do 29 de decembro de 2004).
  • Orde do 14 de febreiro de 2007 pola que se modifica a orde do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C.

 

2. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible desta taxa a autorización, organización ou celebración de xogos de sorte, envite ou azar.
En concreto, inclúese dentro da taxa:

  1. as apostas celebradas en casinos
  2. o bingo
  3. os xogos mediante boletos
  4. os xogos mediante máquinas ou aparatos automáticos
  5. o xogo da lotería instantánea electrónica
  6. os restantes xogos autorizados, organizados ou celebrados
     

3. Casinos

  1. Devengo

A taxa devengarase, con carácter xeral, pola autorización e, no seu defecto, pola organización ou celebración dos xogos.

  1. Suxeitos pasivos

Serán suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades a quen se lles outorgara a correspondente autorización administrativa ou permiso de explotación.
En defecto de autorización administrativa ou permiso de explotación, terán a consideración de suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades que nas súas actividades inclúan a celebración ou organización de xogos de azar.
Serán responsables solidarios da taxa os donos e empresarios dos locais onde se celebren .

  1. Base impoñible

A base impoñible da taxa virá constituída polos ingresos brutos que sexan obtidos polos suxeitos pasivos.
A estes efectos, entenderase por ingresos brutos a diferenza entre o importe total dos ingresos obtidos procedentes do xogo e as cantidades satisfeitas ós xogadores polas súas ganancias.
Non se computará nos citados ingresos a cantidade que se abone pola entrada nas salas reservadas para o xogo.

  1. Tarifa (1)

 

Tarifa

Porción de base impoñible (comprendida entre euros) Tipo aplicable (porcentaxe)
Entre 0 e 1.677.207
22
Entre 1.677.207,01 e 2.775.016
38
Entre 2.775.016,01 e 5.534.788
49
Máis de 5.534.788
60

 

(1) Segundo redacción Artigo 61. Un da Lei 16-/2008, do 23 de decembro. de OXCA de Galicia para o ano 2009 (DOG nº253, do 31 de decembro de 2008)

  1. Modelo de declaración-liquidación

Modelo 044 aprobado pola Orde CEF do 22 de decembro de 2004.
O modelo estará dispoñible para os suxeitos pasivos da taxa na páxina web da Consellería de  Economía e Facenda a través da oficina virtual e, para o seu uso, aqueles deberán imprimir o modelo, cos seus tres exemplares debidamente cubertos, en papel.
 

  1. Liquidación

A tarifa impositiva dos casinos é anual, pero aplicarase trimestralmente ós ingresos brutos obtidos desde o comezo do ano ata o último día do trimestre de que se trate.
Cada un dos tramos da base impoñible gravarase ó tipo correspondente da tarifa, calculándose a cota total pola suma dos resultados parciais obtidos, e deducíndose dela o importe do ingresado no trimestre ou trimestres anteriores do ano, constituíndo a diferenza a cifra a ingresar.
No caso de iniciación da actividade despois do comezo do ano, a acumulación empezará con ela e terminará en todo caso ó fin do ano natura .
 

  1. Prazo de presentación

A declaración-liquidación preséntase trimestralmente, durante os 20 primeiros días naturais dos meses de xaneiro, abril, xullo e outubro.

  1. Lugar de presentación 
    1. No suposto de declaración negativa, na Delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente ó lugar onde radique o casino.
    2. No suposto de declaración a ingresar, na entidade que presta o servizo de caixa na Delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente ó lugar onde radique o casino ou en calquera entidade colaboradora da súa provincia.

 

4. Xogo do bingo

  1.  Devengo

Con carácter xeral a taxa devengarase pola autorización e, no seu defecto, pola organización ou celebración do xogo do bingo.

  1. Suxeitos pasivos

Serán suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades a quen se lles outorgara a correspondente autorización administrativa ou permiso de explotación.
En defecto de autorización administrativa ou permiso de explotación, terán a consideración de suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades que nas súas actividades inclúan a celebración ou organización do xogo do bingo.
Serán responsables solidarios da taxa os donos e empresarios dos locais onde se celebren.

  1. Base impoñible

A base impoñible da taxa estará constituída pola suma total do satisfeito polos xogadores pola adquisición dos cartóns sen ningunha dedución.

  1. Tipo de gravame

20%

  1. Modelo de declaración-liquidación

Modelo 043 aprobado por Orde CEF do 27 do novembro de 2001.

  1. Liquidación

No xogo do bingo, a taxa se satisface ó adquirir os cartóns necesarios para o desenvolvemento do xogo, nas súas distintas series e valores faciais.
Os citados cartóns serán obrigatoria e exclusivamente expedidos pola entidade pública empresarial Loterías e Apostas do Estado, elaborados para o efecto pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, e terán a consideración de efectos estancados.
A subministración dos cartóns solicitarase polo interesado ante a Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda que teña na súa demarcación situada a sala de bingo, a través do modelo de solicitude-liquidación arriba sinalado e xuntando fotocopia da autorización administrativa, con exhibición do orixinal.
O pagamento da taxa e do importe dos cartóns de xogo realizarase na entidade que presta o servizo de caixa na delegación, co que o peticionario poderá retira-los cartóns solicitados así como a guía xustificante da súa posesión ou destino .
 

5. Xogo de boletos

  1. Devengo

Con carácter xeral a taxa devengarase pola autorización e, no seu defecto, pola organización ou celebración do xogo.

  1. Suxeitos pasivos

Serán suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades as que se lles outorgara a correspondente autorización administrativa ou permiso de explotación.
En defecto de autorización administrativa ou permiso de explotación, terán a consideración de suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades que nas súas actividades inclúan a celebración ou organización de xogos mediante boletos.
Serán responsables solidarios da taxa os donos e empresarios dos locais onde se celebren.

  1. Base impoñible

A base impoñible da taxa estará constituída pola suma total do satisfeito polos xogadores pola adquisición dos boletos sen dedución algunha.

  1. Tipo de gravame

20%
 

6. Máquinas ou aparellos automáticos

  1. Devengo

Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización de xogos de azar, a taxa será esixible por anos naturais, devengándose o 1 de xaneiro de cada ano, en canto ós autorizados en anos anteriores.
No ano no que se obteña a autorización, o devengo producirase no momento do seu outorgamento.
 

  1. Suxeitos pasivos

Serán suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades ás que se lles outorgara a correspondente autorización administrativa ou permiso de explotación.
En defecto de autorización administrativa ou permiso de explotación, terán a consideración de suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades que nas súas actividades inclúan a celebración ou organización de xogos de azar.
Serán responsables solidarios da taxa os donos e empresarios dos locais onde se celebren.

  1. Cotas (2)

Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes:

A) Máquinas tipo A especial:
          Cota anual: 500 euros.

B) Máquinas tipo B ou recreativas con premio:
      a)  Cota anual: 3.740 euros
      b)  Cando se trate de máquinas ou aparatos automáticos do tipo “B”, nos que poidan intervir dous ou máis
            xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros
            xogadores, serán de aplicación as seguintes cotas:

- Máquinas ou aparellos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto no apartado a).
- Máquinas ou aparatos de tres ou máis xogadores: 7.640 euros máis o resultado de multiplicar por 3.080 o produto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

C) Máquinas tipo C ou de azar:
          Cota anual: 5.460 euros

Nos casos de nova autorización, ou de alta de autorización procedente de baixa temporal a cota que deberán autoliquidar os suxeitos pasivos será do 25%, 50% ou 75% da cota anual, segundo que a autorización ou a alta da autorización sexan posteriores ao 30 de setembro, ao 30 de xuño ou ao 31 de marzo do ano en curso respectivamente.

No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo “B” ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 18,80 euros por cada céntimo de euro no que se incremente o novo prezo máximo autorizado.

Se a modificación se producise con posterioridade ao devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela en que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresar a diferenza de cota que corresponda na forma e nos prazos que determine a consellaría competente en materia de facenda. 

Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e o ingreso será só do 25%, do 50% ou do 75% da diferenza, en función de que a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se produza despois do 30 de setembro, do 30 de xuño ou do 31 de marzo respectivamente. 

(2) segundo redacción Artigo 61.Dous da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de OXCA para o ano 2010 (DOG nº 253, do 31 de decembro de 2009).

  1. Modelo de declaración-liquidación

Modelo 045 aprobado por Orde CEF do 14 de febreiro de 2007

  1. Liquidación
    1. MÁQUINAS OU APARATOS AUTOMÁTICOS AUTORIZADOS EN ANOS ANTERIORES AO DO DEVENGO
      1. Os suxeitos pasivos deberán presentar en calquera das entidades colaboradoras autorizadas, nos vinte primeiros días naturais do mes de marzo unha declaración por cada máquina, practicando a liquidación pola cota anual legalmente establecida para o exercicio de que se trate e ingresando o primeiro dos pagamentos fraccionados, que consistirá na cuarta parte da cota anual. O prazo anterior entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado.Para estes efectos empregarase o modelo 045.
        O citado prazo de presentación e ingreso comprenderá do 1 ó 31 de marzo no suposto que se opte pola presentación e pagamento telemático.
        O pagamento do resto da cota anual deberá efectuarse en tres pagamentos fraccionados, cada un deles por unha cuarta parte da cota anual, ingresándose da forma seguinte:
        O segundo deles ingresarase nos vinte primeiros días naturais de xuño;
        O terceiro, nos vinte primeiros días naturais de setembro;
        E o cuarto, nos cinco primeiros días naturais de decembro.
        Para realizar cada un dos ingresos anteriores empregarase unha carta de pagamento facilitada polo servizo de Xestión de conformidade co sinalado na letra c do apartado 6.6.
        Estes 3 prazos entenderanse prorrogados ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose inhábil ou sábado.
      2. No mesmo prazo de presentación do modelo 045, o suxeito pasivo deberá presentar relación de máquinas, indicando o número de autorización destas, das que é titular a 1 de xaneiro e que se atopan nesa mesma data en situación de baixa temporal, ben aprobada administrativamente, ou solicitada e pendente de aprobación. Esta relación presentarase ante a delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente territorialmente en relación coa situación da máquina na data do último devengo da taxa fiscal sobre o xogo.
    2. MÁQUINAS DE NOVA AUTORIZACIÓN, OU QUE A DATA 1 DE XANEIRO SE ATOPASEN EN SITUACIÓN DE BAIXA TEMPORAL E SE PRETENDA DALAS NOVAMENTE DE ALTA
      1. Os suxeitos pasivos presentarán, en calquera das entidades colaboradoras autorizadas, a declaración correspondente no primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estivese operativo, e deberán practicar ao mesmo tempo liquidación da cota anual e, simultaneamente, realizarán o ingreso dos pagamentos fraccionados correspondentes ao trimestre corrente e ao/s vencido/s, de ser o caso.
        Para estes efectos empregarase o modelo 045.
        Se os prazos de ingreso do ano natural estiveran expirados, deberá presentarse a declaración a que fai referencia este punto, con carácter previo á data da autorización ou alta
        Se a autorización ou alta se pretendera realizar a partir do 1 de xullo, o obrigado tributario autoliquidarase só o 50% da cota anual.En tódolos casos, a cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores que amparara a autorización no período comprendido entre a data do devengo e á da presentación da autoliquidación. No suposto de que a 1 de xaneiro a máquina estivera en situación de baixa temporal, a data de alta sexa posterior ao 30 de xuño e o número de xogadores se incremente respecto ao número de xogadores da máquina en situación de baixa temporal, a cota anual que se autoliquidará será o 50% da que corresponda ao maior número de xogadores que amparara a autorización no período comprendido entre o 1 de xullo e a data da presentación da autoliquidación.
    3. TROCO DE MÁQUINAS AUTORIZADO
      1. Non suporá novo devengo da taxa e, polo tanto, a empresa operadora non deberá practicar autoliquidación, salvo o establecido na letra b) seguinte. Nembargante deberá comunicar a circunstancia á delegación da Consellería de Economía e Facenda onde se presentase a autoliquidación pola autorización da máquina destruída á que substitúe a nova, para efectos de obtención do correspondente distintivo acreditativo.
      2. Cando se autorice o troco dunha máquina instalada para a que xa se presentara autoliquidación no ano en curso, por outra para a que o número de xogadores sexa superior, a empresa operadora titular da autorización deberá presentar unha autoliquidación complementaria á/s que xa presentara no seu momento, cubrindo os espazos do modelo destinados para o efecto de acordo coas instrucións deste (modelo 045). A autoliquidación complementaria deberase presentar no primeiro prazo do ingreso dos pagamentos fraccionados que estivese operativo, salvo que os prazos de ingreso do ano natural estivesen expirados, o que provocará que a autoliquidación deba presentarse con carácter previo á data de autorización do troco.
        Para cumprir coa obriga anterior, o obrigado tributario declarará a cota anual correspondente ao número de xogadores da nova máquina, e autoliquidarase pola diferenza entre esa cota anual e as autoliquidadas con anterioridade para esa autorización ao longo do ano en curso. Ao mesmo tempo, procederá calcular o pagamento fraccionado correspondente a esa diferenza, que consistirá na súa cuarta parte, salvo o sinalado no parágrafo seguinte , no que será a metade da cota autoliquidada. Simultaneamente, deberá realizar o ingreso do pagamento fraccionado correspondente ao trimestre corrente e o correspondente aos vencidos , si é o caso.
        No caso de que a data de autorización do troco sexa posterior ó 30 de xuño, a cota anual calcularase mediante a suma do 50% da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizados durante o ano e o 50% da cota correspondente ao número de xogadores inmediato inferior ao anterior, durante o primeiro semestre.
    4. MODIFICACIÓN DO PREZO MÁXIMO AUTORIZADO PARA A PARTIDA
      1. No caso de modificación do prezo máximo autorizado para a partida en máquinas de tipo B producida con posterioridade ao devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con autorizacións de data anterior a aquela en que se autorice a suba, deberán autoliquidar a diferenza da cota que corresponda no modelo 045, durante o primeiro período para o ingreso dos pagamentos fraccionados que se abra a partir do día en que entre en vigor a modificación do prezo máximo autorizado, cubrindo os espazos do modelo destinados para o efecto, de acordo coas instrucións deste. O incremento de cota que por esta causa corresponda aos trimestres dos que o prazo de ingreso estivese vencido e en curso, de ser o caso, ingresarase simultaneamente á presentación da autoliquidación. O incremento de cota que por esta causa corresponda aos trimestres dos que o prazo de ingreso non se iniciase, ingresarase nos períodos establecidos subseguintes, podendo os suxeitos pasivos exercer a opción da domiciliación de acordo co xa exposto.
  2. Ingreso da taxa

O ingreso da taxa efectuarase, en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación, de acordo coas seguintes regras:

  1. Máquinas Autorizadas en anos anteriores ao do devengo. O ingreso do primeiro pagamento fraccionado realizarase no momento da presentación da autoliquidación. O ingreso dos pagamentos fraccionados pendentes deberase realizar: o segundo, nos vinte primeiros días naturais do mes de xuño; o terceiro, nos vinte primeiros días naturais do mes de setembro e o cuarto, nos vinte primeiros días naturais do mes de decembro, prorrogándose cada un destes ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose inhábil ou sábado.
  2. No resto dos casos, o obrigado tributario deberá ingresar os pagamentos fraccionados corrente e vencidos, de ser o caso, no momento da presentación da autoliquidación, e os subseguintes, nos prazos que correspondera dos anteriores sinalados.
    Para realizar cada un dos ingresos posteriores aos da autoliquidación, empregarase unha carta de pagamento expedida por cada delegación territorial. A carta de pagamento será única por suxeito pasivo, e comprenderá o total da débeda á que corresponda o pagamento fraccionado por tódalas máquinas, a autorización das cales motivou a presentación das autoliquidacións no mesmo prazo de presentación.
    Este ingreso deberase realizar en calquera das entidades financeiras colaboradoras agás que se exercese na autoliquidación a opción da autoliquidación.
  1. Lugar de presentación

As declaracións-liquidacións dirixiranse, con independencia do lugar onde se realice o ingreso, á Delegación da Consellería de Economía e Facenda que corresponda territorialmente ó:

  1. Lugar onde se encontre instalada a máquina o día 1 de xaneiro cando foran autorizadas en anos anteriores e teñan vixente o correspondente boletín de instalación.

No suposto de traslado dunha máquina a un lugar no territorio doutra delegación entenderase que este se produce na data en que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local autorice o devandito traslado.

  1. Lugar onde se encontre a Delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local onde se solicite a alta da autorización de explotación para aquelas máquinas en situación de suspensión provisional ou nova autorización.
  2. Lugar onde se encontre a Delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, depositaria do expediente administrativo correspondente ó día 1 de xaneiro cando se trate de máquinas autorizadas en anos anteriores, que non estean no caso anterior e que nesa data non teñan boletín de instalación vixente.

 

  1. Distintivo acreditativo do pagamento da autoliquidación

Nos casos de presentación da declaración-liquidación ou autoliquidación, agás os supostos de modificación do prezo máximo autorizado para a partida producida con posterioridade ó devengo da taxa, o Servizo de Xestión Tributaria da Delegación da Consellería de Economía e Facenda á que se dirixira a declaración-liquidación ou autoliquidación facilitará o distintivo que acredite tal presentación.
O suxeito pasivo deberá retirar do servizo correspondente o citado distintivo acreditativo dentro dos seguintes prazos:

  1. o comprendido entre o vixésimo e o último día do mes de abril nos casos de presentación dentro de prazo da taxa correspondente a máquinas cando o devengo desta tivo lugar o 1 de xaneiro.
  2. o comprendido entre o trixésimo e o cuadraxésimoquinto día hábil contados a partir da data de presentación da autoliquidación nos casos de nova autorización ou reinicio da explotación ou presentacións fóra de prazo.

O distintivo acreditativo deberá adherirse á máquina no prazo dos quince días seguintes a súa retirada e permanecer adherido ata a súa substitución por outro novo.  

  1. Presentación e pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C

O pagamento e a presentación das declaracións-liquidacións correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, correspondente tanto a máquinas autorizadas en data anterior ó devengo do tributo como a máquinas en situación de baixa temporal ou novas que pretendan darse de alta ou autorizarse no primeiro trimestre do ano, poderá realizarse por medios telemáticos a través da aplicación que a Consellería de Economía e Facenda pon á disposición dos usuarios na súa páxina web. (www.conselleriadefacenda.es).
Para poder efectuar a citada presentación e pagamento telemático os suxeitos pasivos interesados deberán dispor do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e o pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola Consellería de Economía e Facenda, así como que previamente se identifiquen ante dita Consellería para a presentación e pagamento telemáticos deste tributo.
Tamén poderán efectuar a citada presentación e pagamento telemático os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais , que subscriban coa Comunidade Autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste (3). Todos eles, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (4).
O prazo para a realización do pagamento e presentación telemática das autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, comprenderá desde o día 1 ata o 31 de marzo. Transcorrido o mes de marzo non se poderá emprega-la páxina web para realizar ningunha presentación, debendo dirixirse á delegación competente por razón do territorio.

Procedemento para a presentación e pagamento telemático.
Para realizar o pagamento e a presentación telemática das autoliquidacións correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo se establecen dúas opcións ou posibilidades:

  1. utiliza-los datos facilitados pola propia Administración Tributaria a través da aplicación informática, que o suxeito pasivo poderá modificar da forma que coide conveniente.
  2. incorpora-los datos procedentes dun arquivo propio do suxeito pasivo, que deberá ter as especificacións técnicas que se detallan no anexo II da Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C. Para realiza-la carga dos datos procedentes deste arquivo, os suxeitos pasivos deberán emprega-la aplicación "Upload de ficheiros" que se lles habilitará na oficina virtual da páxina web da Consellería de Economía e Facenda. Unha vez transmitido o arquivo, aparecerá a mensaxe de "Transferencia completada con éxito". O arquivo poderá ser enviado as veces que sexan necesarias, prevalecendo sempre os datos contidos no último arquivo remitido.
    Para que se teña por realizada a presentación telemática do tributo é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante na carta de pagamento xerada pola aplicación informática.
    A aplicación xerará unha única carta de pagamento por cada suxeito pasivo e delegación de Facenda que sexa territorialmente competente. Esta carta de pagamento suporá a presentación dunha autoliquidación por cada unha das máquinas amparadas pola súa correspondente autorización que o suxeito pasivo determinara na aplicación informática, ben pola aceptación e/ou modificación dos datos facilitados pola propia aplicación ou ben pola incorporación dos datos procedentes do seu arquivo, consonte o establecido nas letras a) y b) anteriores. Cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación da cota anual legalmente establecida para o exercicio corrente e a obriga de ingresa-lo primeiro dos pagamentos fraccionados. Para estes efectos a carta de pagamento que xerará a aplicación acumulará tódolos primeiros pagamentos fraccionados das máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar nunha delegación.
    O pagamento das autoliquidacións que presente de forma telemática o suxeito pasivo poderá efectuarse das seguintes formas:
    1. Mediante ingreso presencial da cantidade que figure na carta de pagamento xerada pola aplicación, e que previamente deberá imprimi-lo usuario, en calquera das entidades colaboradoras autorizadas pola Consellería de Economía e Facenda para o cobro de autoliquidacións presentadas telematicamente. A citada entidade quedarase co exemplar da carta de pagamento para a entidade colaboradora e devolverá ó contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co número NRC identificativo do ingreso realizado, o cal será requirido posteriormente pola aplicación informática para completa-la presentación.
    2. Mediante pagamento telemático a través das entidades colaboradoras autorizadas pola Consellería de Economía e Facenda para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, a aplicación informática xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da carta de pagamento impreso neste.

Número de referencia completo (NRC)
O Número de Referencia Completo ou NRC é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asocia-la carta de pagamento correspondente ás autoliquidacións presentadas simultaneamente por un mesmo suxeito pasivo ó pagamento dela derivado.
A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

  • Que o recibo no que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.
  • Que o devandito recibo corresponde ás autoliquidacións incorporadas na carta de pagamento a que fai referencia e non a outra.
  • Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

Dadas as expectativas de dereitos, que se poidan opor fronte a terceiros, a que pode dar lugar a carta de pagamento validada co correspondente NRC, unha vez xerado este non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presenta-lo suxeito pasivo, de se-lo caso, ante a Administración Tributaria, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentadas.

Acreditación da presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática
A presentación da autoliquidación do tributo acreditarase mediante a impresión dos documentos (modelo 045) xerados pola aplicación informática, no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da autorización da máquina de xogo correspondente, da liquidación e do ingreso do primeiro pagamento fraccionado. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como a súa data.

Distintivo que acredita a presentación da autoliquidación
Os distintivos ós que se refire o apartado 6.8 poderán ser retirados da Delegación de Economía e  Facenda correspondente polos suxeitos pasivos, unha vez realizado o pagamento e a presentación telemática, e deberá adherirse á máquina no prazo dos quince días seguintes ó da súa retirada e permanecer adherido ata a súa substitución por outro novo.

(3) Modificación introducida pola Orde do 19 de maio de 2005, pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patromoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo (DOG nº 100, do 26 de maio de 2005).

(4) Contido da disposición adicional quinta da orde do 30 de decembro de 2003, engadida pola disposición adicional sexta da orde do 19 de maio de 2005, pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patromoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo (DOG nº 100, do 26 de maio de 2005).

7. Lotería instantánea electrónica

  1. Devengo

Con carácter xeral a taxa devengarase pola autorización e, no seu defecto, pola organización ou celebración do xogo.

  1. Suxeitos pasivo

Serán suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades a quen se lles outorgara a correspondente autorización administrativa ou permiso de explotación.
En defecto de autorización administrativa ou permiso de explotación, terán a consideración de suxeitos pasivos da taxa as persoas ou entidades que nas súas actividades inclúan a celebración ou organización do xogo da lotería instantánea electrónica.
Serán responsables solidarios da taxa os donos e empresarios dos locais onde se celebren.

  1. Base impoñible

A base impoñible da taxa virá constituída polos ingresos brutos que sexan obtidos polos suxeitos pasivos.
Para estes efectos, entenderase por ingresos brutos a diferenza entre o importe total dos ingresos obtidos procedentes do xogo e as cantidades satisfeitas ós xogadores polas súas ganancias.

  1. Tipo de gravame

20%
 

Imposto sobre o Bingo

Os tributos sobre o xogo son os seguintes:

  1. Tributos cedidos:

Son tributos estatais dos que o seu rendemento está cedido á Comunidade Autónoma de Galicia e dos que a súa xestión, liquidación, inspección, recadación e revisión dos actos en vía de xestión exerce a Comunidade Autónoma de Galicia por delegación do Estado. Son os dous seguintes:

  • Taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.
  • Taxa sobre os xogos de sorte, envite ou azar.
     
  1. Tributos propios:

Son tributos creados polo Parlamento de Galicia. Actualmente está establecido na Comunidade Autónoma de Galicia o seguinte:

  • Imposto sobre o bingo.

1. Normativa autonómica

  • Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo. (D.O.G. número 122, do 27 de xuño de 1991).
  • Decreto 247/1991, do 4 de xullo, polo que se aproban normas de xestión dos tributos creados pola Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo. (D.O.G. número 139, do 22 de xullo de 1991).
  • Orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2001 pola que se desenvolve o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica e se aproban os diferentes modelos de declaración e de declaración liquidación, así como os documentos de ingreso en euros a utilizar para a xestión de tributos propios e cedidos na Comunidade Autónoma de Galicia. (D.O.G. número 242, do 17 de decembro de 2001).
     

2. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible a participación no xogo do bingo nos locais autorizados.

3. Suxeitos pasivos

  1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas que adquiren os cartóns para participar na partida do bingo.
  2. Son suxeitos pasivos substitutos do contribuínte as persoas ou entidades titulares de autorizacións administrativas para explotar o xogo e, de se-lo caso, as sociedades de servizos que teñan o seu cargo a xestión deste.
     

4. Base impoñible

A base impoñible está constituída polo importe das cantidades satisfeitas polo suxeito pasivo contribuínte no momento da adquisición dos cartóns.

5. Base liquidable

Constitúe a base liquidable o 70% da base impoñible.

6. Tipo de gravame

O tipo de gravame queda establecido no 5%.

7. Devengo

Prodúcese o devengo no momento da adquisición dos cartóns polo suxeito pasivo contribuínte.

8. Modelo de declaración-liquidación

Modelo 001 aprobado por Orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2001.

9. Liquidación

O suxeito pasivo substituto do contribuínte deberá presentar, ó tempo de efectua-la solicitude da subministración de cartóns, declaración-liquidación polo Imposto sobre o xogo do bingo na que figurarán o número, clase e contía dos cartóns solicitados, e procederá ó ingreso do correspondente importe na caixa da Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda que corresponda ó lugar onde se atope instalada a sala de xogo.
O Servizo de Xestión Tributaria non procederá á subministración dos cartóns solicitados sen que antes se xustifique o pagamento do imposto mediante a entrega da correspondente carta de pagamento. Na guía que o citado servizo expida como xustificante da posesión e destino dos cartóns farase constar mediante dilixencia que se efectuou o pagamento do imposto.

10. Devolución do imposto

O suxeito pasivo substituto do contribuínte poderá solicita-la devolución do imposto ingresado cando non sexa posible a realización do xogo do bingo.
En particular, entenderase que tal circunstancia se produce nos seguintes casos:

  1. Suspensión temporal ou perda definitiva da autorización. Neste caso deberá acompañarse á solicitude de devolución, certificación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do acordo de suspensión temporal ou perda definitiva da autorización e xustificación da inutilización dos correspondentes cartóns.
  2. Cese voluntario no exercicio da actividade. Neste caso, xuntarase certificación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da baixa do Rexistro de empresas do xogo do bingo e xustificación suficiente da entrega dos cartóns correspondentes na Delegación da Consellería de Economía e Facenda.
  3. Cambio de cartóns por outros de valor superior ou inferior. Á solicitude de devolución deberá acompañarse xustificación de ter solicitado e obtido o cambio dos cartóns, así como copia da declaración que corresponda ós novos cartóns que se subministren como consecuencia do cambio autorizado.

Naqueles outros supostos distintos dos contemplados nos apartados anteriores, a solicitude de devolución deberá ir acompañada de certificación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local expresiva das circunstancias que determinaron a non realización do xogo do bingo.
Para a tramitación do oportuno expediente de devolución do imposto rexerá o disposto na normativa reguladora da devolución de ingresos indebidos.

Consellería de Facenda ©