O Imposto sobre Sucesión e Doazóns é un tributo
de natureza directa e subxectiva, que grava os incrementos patrimoniais
obtidos a título lucrativo por persoas físicas. Encóntrase
regulado pola Lei 29/1987,
do 18 de decembro, do Imposto sobre Sucesións e Doazóns,
e polo Real Decreto 1629/1991,
do 8 de novembro polo que se aproba o regulamento do Imposto sobre
Sucesións e Doazóns.
O obxectivo deste imposto é grava-los incrementos de patrimonio
que se producen, normalmente, como consecuencia de herdanzas e doazóns,
así como os seguros de vida nos que o contratante sexa persoa
distinta do beneficiario. É un imposto incompatible co imposto
sobre a renda das persoas físicas polo que a renda gravada
polo imposto de sucesións non se someterá ao I.R.P.F..
Grávase o adquirido por cada suxeito pasivo, tomando como
base, no caso das herdanzas, o patrimonio neto do causante, é
dicir, os seus bens menos as cargas, débedas e gastos.
As súas características principais son as seguintes:
ten un marcado carácter persoal e subxectivo, xa que
ten en conta as circunstancias persoais do suxeito pasivo. Así,
favorece as transmisións hereditarias entre familiares,
outorgando importantes reduccións canto máis próximo
sexa o parentesco ou reduccións en función da minusvalía
do adquirinte.
Favorece a transmisión de determinados bens coma a vivenda
habitual, empresas individuais, participacións en entidades
ou bens integrantes do patrimonio histórico.
É un imposto progresivo, xa que ademais de ter unha escala
de gravame progresiva, posúe un coeficiente multiplicador
en función do parentesco e do patrimonio preexistente do
suxeito pasivo.
¿QUEN TEN A OBRIGA DE DECLARA-LO IMPOSTO?(art.
3 L)
Teñen a obriga de declara-lo imposto aquelas persoas
físicas que adquiran bens e dereitos por:
herdanza, legado ou calquera outro título sucesorio
(ex. Apartación)
doazón ou calquera outro negocio gratuíto
seguros sobre a vida cando o contratante sexa persoa distinta
do beneficiario.
¿QUE PRAZO TEÑO PARA FACE-LA DECLARACIÓN?
(art. 67 R)
Se vostede se atopa no suposto a) ou c) do apartado anterior,
dispón de seis meses desde que se produce o falecemento
(no caso de apartación, desde a realización da
escritura pública).
Se vostede se atopa no suposto b), dispón de trinta
días hábiles, a contar desde o seguinte a aquel
no que se cause o acto ou contrato.
¿ONDE TEÑO QUE PRESENTA-LA DECLARACIÓN?
(art. 70 R)
A oficina competente virá determinada en función
da operación da que se trate. Así, pódense
da-los seguintes supostos:
se adquire bens e dereitos por causa de morte a oficina
será a correspondente ao territorio onde o causante
(falecido ou apartante) tivese a súa residencia habitual.
Se adquire bens e dereitos por doazón ou calquera
outro negocio gratuíto distinguirase segundo se trate
de:
bens inmobles: a oficina será a correspondente
ao territorio onde se atope o ben
outros bens: a oficina será a correspondente
ao territorio onde o adquirinte do ben teña a súa
residencia habitual.
Pode consulta-las oficinas xestoras,
os seus enderezos e teléfonos, así como os concellos
que corresponden a cada unha delas. Na oficina que lle corresponda
pode expoñe-las dúbidas que teña á
hora de cubri-la súa declaración.
para sucesións, a través do programa ALIS (Axuda á liquidación do imposto de sucesións), que está a súa disposición na oficina virtual tributaria,
para doazóns, a través da propia oficina virtual.
En ámbolos dous casos os documentos que saen da aplicación e da oficina virtual, substitúen ós modelos 650 e 651 respectivamente.
No caso de presentación telemática do imposto deberse presentar a documentación anteriormente subliñada, acompañada de copia do exemplar para o interesado do modelo 650 ou 651, no prazo de 15 días siguientes ó pagamento e presentación das autoliquidacións.
¿QUE DOCUMENTACIÓN TEÑO
QUE PRESENTAR? (art. 66
R)
Na oficina xestora que lle corresponda deberá presenta-la
seguinte documentación:
Se se trata de adquisicións por causa de morte:
Fotocopias dos D.N.I.
de tódolos interesados.
Certificacións de defunción do causante.
Certificación do rexistro xeral de actos de última
vontade (esta certificación pódese solicitar
a través do modelo correspondente á venda
en estancos).
Copia autorizada do testamento ou no seu caso da declaración
de herdeiros. No caso de non existir testamento presentarase
unha relación dos presuntos con expresión
do seu parentesco co causante.
Un exemplar dos contratos de seguro concertados polo
causante ou certificación expedida pola entidade
aseguradora no caso do seguro colectivo, aínda
cando fosen obxecto, con anterioridade, de liquidación
parcial.
Certificación dos saldos de contas en entidades
financeiras e do valor teórico das participacións
no capital de entidades xurídicas os títulos
das cales non coticen en Bolsa.
Xustificación documental das cargas, gravames,
débedas e gastos dos que se solicite a deducción.
Xustificación do título de adquisición
polo causante dos bens inmobles incluídos na sucesión
e copia do último recibo do Imposto sobre bens
inmobles (IBI).
Se o suxeito pasivo é declarante do imposto sobre
o patrimonio deberá presentar unha copia da última
declaración presentada. Se non é declarante
deberá manifestalo expresamente.
Modelo D650 (que non deberá presentarse se se utiliza o programa de axuda ALIS. Neste caso deberase aporta-lo 650 que sae da devandita aplicación)
Si se trata de doazóns:
Fotocopias dos D.N.I.
de tódolos interesados.
Copia do documento que conteña a doazón.
Xustificación documental das cargas, gravames
e débedas das que se solicite deducción.
Escrito no que se conteñan os datos identificativos
de transmitinte e adquirinte, un domicilio a efectos de
notificacións e unha relación detallada
dos bens e dereitos doados con expresión do valor
real (ver coeficientes sobre valores catastrais) que se
lle atribúe a cada un, así como as cargas
e débedas das cales se solicite deducción.
Tamén deberán solicitarse aquelas deduccións
nas cales a eficacia dependa dun comportamento ulterior
do suxeito pasivo (Ex. Reducción por doazón
de empresas individuais ou participacións en entidades)
Se o suxeito pasivo é declarante do imposto sobre
o patrimonio deberá presentar unha copia da última
declaración presentada. Se non é declarante
deberá manifestalo expresamente.
O imposto de sucesións e doazóns ofrece dúas
posibilidades para a súa liquidación:
o contribuínte presenta os documentos enumerados
no punto anterior á oficina xestora; esta aplica as
normas de liquidación e lle comunica posteriormente
o resultado da mesma, indicándolle a cantidade que
debe ingresar e mailo prazo, no suposto de que a mesma
sexa positiva.
o contribuínte presenta os documentos enumerados
no punto anterior á oficina xestora e ademais realiza
el mesmo a autoliquidación no modelo correspondente
(modelo 650 para sucesións e 651 para doazóns.
Os modelos adquírense nas oficinas xestoras). Polo
tanto, se resulta cantidade a ingresar deberá facerse
efectiva no momento da presentación da autoliquidación.
As instruccións para realiza-la autoliquidación
acompañan aos modelos
650 e 651.
Para feitos impoñibles realizados dende o 20/11/2005 o réxime de autoliquidación do imposto é obrigatorio. Para a súa presentación na modalidade de sucesións existe un programa de axuda (ALIS) que está a súa disposición na oficina virtual tributaria na sección deste imposto.
Se utiliza este programa, deberá presentar o documento 650 que sae da devandita aplicación e os documentos enumerados no punto anterior.
As especialidades desta forma de presentación son as seguintes:
Para que se teña por realizada a presentación telemática destes impostos é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación. No caso contrario terase por non realizada a presentación.
O pagamento das autoliquidacións para presentar de forma telemática poderá efectuarse das seguintes formas:
Mediante ingreso presencial da cantidade resultante da autoliquidación en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobro de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso realizarase mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.
Mediante
pagamento telemático.
O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Economía e Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. Caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada autoliquidación.
A presentación da autoliquidación do imposto e a súa data acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 650 ou 651) xerado pola aplicación informática, no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitente, presentador, datos dos bens e liquidación. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte.
Os contribuíntes deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación, no caso de que a autoliquidación presentada non dea lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación mediante a impresión do documento (modelo 650 ó 651) xerado pola aplicación informática tal e como se dispón nol punto 2.
Aparte das posibles consecuencias derivadas da falta de presentación
e ingreso, comúns a tódolos impostos, o imposto
sobre sucesións e doazóns posúe certas
garantías para a súa presentación que convén
ter en conta. Así, a súa non presentación
ou pago pode implicar que:
os intermediarios financeiros non autoricen a retirada de
fondos aos herdeiros, a venda de valores etc.
as compañías de seguros non entreguen a cantidade
contratada ata que se xustifique o pago do imposto
os rexistros da propiedade non autoricen o cambio de titular
dos bens
os documentos nos que conste o feito impoñible non
se admitirán nin terán efecto en oficinas ou
rexistros públicos