Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 57º.-Solicitude de beneficios fiscais.

Nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, os beneficios fiscais que dependan do cumprimento polo contribuínte de calquera requisito nun momento posterior ao devengo deberán solicitalos na presentación da declaración do imposto, e non poderá rectificarse con posterioridade, agás que a rectificación se presente no período regulamentario de declaración.


Artigo 58º.-Acreditación da presentación e pagamento dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.


Para os efectos do disposto no artigo 53.3º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, así como nos artigos 254 e 256 da Lei hipotecaria, 122 do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e 100 do Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, os xustificantes que acreditan a presentación e pagamento destes impostos serán os que se determinen por orde do conselleiro de Economía e Facenda en desenvolvemento específico desta norma.


Artigo 59º.-Comprobación de valores. Norma xeral.


Para efectuar a comprobación de valores para os efectos dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a Administración tributaria poderá utilizar, indistintamente, calquera dos medios previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, xeral tributaria.


Artigo 60º.-Estimación por referencia aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.


Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.b) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria poderá ben aplicar coeficientes multiplicadores aos valores contidos no rexistro do catastro inmobiliario ou ben referirse directamente aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal. Neste último caso, a Administración tributaria poderá declarar o recoñecemento como rexistro oficial de carácter fiscal calquera rexistro elaborado ou asumido como oficial pola Xunta de Galicia que inclúa valores de inmobles, sempre que se aproben e publiquen mediante orde da Consellería de Economía e Facenda. Na aplicación dos valores procedentes destes rexistros, poderase proceder á súa actualización mediante os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.


Artigo 61º.-Prezos medios de mercado nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.



Un.-Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.c) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria aprobará e publicará a metodoloxía empregada no seu cálculo, que incluirá as táboas dos propios prezos medios resultantes ou ben as táboas das compoñentes ou valores básicos (solo, construción e gastos/beneficios), así como dos coeficientes singularizadores en adaptación dos prezos medios á realidade física do ben por valorar. Esta normativa técnica aprobarase mediante orde da Consellería de Economía e Facenda.


As táboas actualizaranse periodicamente conforme as variacións do mercado inmobiliario, podendo adoptarse, para este caso, os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.


Será suficiente a motivación da comprobación de valor que inclúa unha correcta identificación do ben, unha aplicación do prezo medio que corresponda e unha adaptación deste ao caso concreto a través dos coeficientes singularizadores que determine a normativa técnica sinalada no parágrafo primeiro.


Dous.-As comprobacións de valor dos inmobles a través de prezos medios de mercado poderán realizarse de forma automatizada a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos de acordo co establecido no artigo 96 da Lei 58/2003, xeral tributaria.


Artigo 62º.-Ditame de peritos da administración.

Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.e) da Lei 58/2003, xeral tributaria, estas poderán tomar como referencia, para os efectos de motivación suficiente, os valores contidos nos rexistros oficiais de carácter fiscal do artigo 60 desta lei ou os valores básicos e prezos medios de mercado a que alude a normativa técnica mencionada no artigo 61 desta lei.


Artigo 63º.-Normas xerais da taxación pericial contraditoria.


Un.-Nos tributos xestionados pola Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e en corrección do resultado obtido na comprobación de valores, os interesados poderán promover a práctica da taxación pericial contraditoria mediante solicitude presentada dentro do prazo da primeira reclamación que proceda contra a liquidación efectuada sobre a base dos valores comprobados administrativamente.


Se o interesado estimase que a notificación non contén expresión suficiente dos datos e motivos tidos en conta para elevar os valores declarados e denunciara a omisión en recurso de reposición ou en reclamación económico-administrativa reservando para si o dereito a promover taxación pericial contraditoria, o prazo a que se refire o parágrafo anterior contarase desde a data de firmeza en vía administrativa do acordo que resolva o recurso ou a reclamación interposta.


Dous.-No suposto de que a taxación pericial fose promovida polos transmitentes, o escrito de solicitude deberá presentarse dentro dos quince días seguintes á notificación separada dos valores resultantes da comprobación.


Tres.-A presentación da solicitude de taxación pericial contraditoria, ou a reserva do dereito a promovela a que se refire a alínea 1, no caso de notificación conxunta dos valores e das liquidacións que os tiveran en conta, determinará a suspensión do ingreso das liquidacións practicadas e dos prazos de reclamación contra estas.


Artigo 64º.-Procedemento da taxación pericial contraditoria.


A tramitación da taxación pericial contraditoria axustarase ás seguintes regras:

1ª O órgano competente trasladará aos interesados a valoración motivada que figure no expediente referida ao ben obxecto da taxación, calquera que fora o medio de comprobación utilizado de entre os sinalados no artigo 57 da Lei 58/2003, xeral tributaria, concedéndolles un prazo de dez días para que poidan proceder ao nomeamento dun perito, que deberá ter título axeitado á natureza dos bens e dereitos por valorar. Designado o perito polo contribuínte, entregaráselle a relación de bens e dereitos para que nun novo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á recepción da relación, emita ditame debidamente motivado.


2ª Transcorrido o prazo de dez días sen facer a designación de perito, ou transcorrido o prazo dun mes sen emitir o ditame pericial, considerarase que desiste do seu dereito a promover a taxación pericial contraditoria, darase por rematado o procedemento e entenderase a conformidade do interesado co valor comprobado. Neste caso, confirmarase a liquidación inicial, cos correspondentes xuros de mora, e non poderá promoverse unha nova taxación pericial contraditoria.


3ª Se a diferenza entre o valor comprobado pola Administración e a taxación practicada polo perito designado polo obrigado tributario, considerada en valores absolutos, é igual ou inferior a 120.000 euros e ao 10 por 100 da devandita taxación, esta última servirá de base para a liquidación se fose maior que o valor declarado, ou este valor no caso contrario. A liquidación que se xire levará os correspondentes xuros de mora. Neste suposto darase por rematado o procedemento e non poderá efectuar con respecto ao mesmo feito impoñible nova comprobación de valores a Administración tributaria sobre os mesmos bens e dereitos.


4ª Se a diferenza sinalada na alínea anterior é superior, deberá designarse un perito terceiro conforme o seguinte procedemento:


a) Cada delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda solicitaralles no mes de xaneiro de cada ano aos distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos o envío dunha lista de colexiados ou asociados que teñan centralizada a xestión administrativa e a dirección das súas actividades no ámbito territorial da delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente, e que estean dispostos a actuar como peritos terceiros, que se agruparán por orde alfabética en diferentes listas tendo en conta a natureza dos bens e dereitos por valorar. Elixido por sorteo público un de cada lista, as designacións efectuaranse por orde correlativa. Cando non exista colexio, asociación ou corporación profesional competente pola natureza dos bens ou dereitos por valorar ou profesionais dispostos a actuar como peritos terceiros, poderáselle solicitar ao Banco de España a designación dunha sociedade de taxación inscrita no correspondente rexistro oficial.


Será necesaria a aceptación expresa polo perito elixido por sorteo, nun prazo de cinco días desde a comunicación da súa proposta de designación. A Administración tributaria competente poderá establecer honorarios estandarizados para os peritos terceiros que deban ser designados. A devandita aceptación determinará, así mesmo, a aceptación dos honorarios aprobados pola Administración.


b) Realizada a designación, remitiráselle á persoa ou entidade designada a relación de bens e dereitos por valorar e copia tanto da valoración da Administración coma da efectuada polo perito designado polo obrigado tributario, para que no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte da entrega, proceda a confirmar algunha delas ou realice unha nova valoración, que será definitiva.



No caso de que o perito terceiro non emita a valoración no prazo establecido no parágrafo anterior, poderase deixar sen efecto a súa designación, sen prexuízo das responsabilidades que resulten exixibles pola falta de emisión do ditame en prazo. No caso de que se deixe sen efecto a designación, deberase notificar esta circunstancia ao perito terceiro e ao obrigado tributario, e procederase, se é o caso, á liberación dos depósitos dos seus honorarios e ao nomeamento doutro perito terceiro por orde correlativa.


A renuncia do perito terceiro ou a falta de presentación en prazo impedirán a súa designación no exercicio corrente e nos dous posteriores a este.


No caso de que a valoración realizada polo perito terceiro posúa defectos de motivación, e tal circunstancia sexa apreciada en vía de recurso por un órgano administrativo ou xudicial, a Administración tributaria procederá ou ben á remisión da documentación para a realización dunha nova valoración ao mesmo perito ou ben ao nomeamento dun novo, de acordo co procedemento e prazos sinalados neste artigo. No primeiro suposto non procederá a realización de novo depósito nin novo pagamento de honorarios. No segundo caso procederá a devolución polo perito dos honorarios satisfeitos.


c) Os honorarios do perito do obrigado tributario serán satisfeitos por este. Cando a diferenza entre a taxación practicada polo perito terceiro e o valor declarado, considerada en valores absolutos, supere o 20 por 100 do valor declarado, os gastos do terceiro perito serán aboados polo obrigado tributario e, no caso contrario, correrán a cargo da Administración. Neste suposto, aquel terá dereito a ser reintegrado dos gastos ocasionados polo depósito ao que se refire o parágrafo seguinte.


O perito terceiro poderá exixir que, previamente ao desempeño do seu labor, se faga provisión de importe dos seus honorarios mediante depósito na Caixa de Depósitos da Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda na que se tramite a taxación pericial contraditoria, no prazo de dez días. A falta de depósito por calquera das partes supoñerá a aceptación da valoración realizada polo perito da outra, calquera que fose a diferenza entre ambas as dúas valoracións, e darase por rematado o procedemento. A liquidación que se dite tomará a valoración que corresponda e non poderá promoverse novamente a taxación pericial contraditoria por parte do obrigado tributario ou, se é o caso, non poderá efectuar unha nova comprobación de valor a Administración tributaria sobre os mesmos bens ou dereitos.


Entregada na Administración tributaria competente a valoración polo perito terceiro, comunicarase ao obrigado tributario e concederáselle un prazo de quince días para xustificar o pagamento dos honorarios ao seu cargo. Se é o caso, autorizarase a disposición da provisión dos honorarios depositados.


5ª A valoración do perito terceiro servirá de base á liquidación que proceda cos límites do valor declarado e o valor comprobado inicialmente pola Administración tributaria.


6ª Unha vez rematado o procedemento, a Administración tributaria competente notificará no prazo dun mes a liquidación que corresponda á valoración que deba tomarse como base en cada caso, así como a dos xuros de mora que correspondan.


O incumprimento do prazo ao que se refire o parágrafo anterior determinará que non se exixan xuros de mora desde que se produza o devandito incumprimento.


Coa notificación da liquidación iniciarase o prazo previsto no artigo 62.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, para que o ingreso sexa efectuado, así como o cómputo do prazo para interpoñer o recurso ou reclamación económico-administrativa contra a liquidación no caso de que o devandito prazo fose suspendido pola presentación da solicitude de taxación pericial contraditoria.


A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC