O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer actuar das administracións públicas. Pola súa parte a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas.
No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir aos obrigados tributarios no exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non perxudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Para conseguir este fin o artigo 96 do mesmo texto legal promove na administración tributaria a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, de maneira que os cidadáns poidan relacionarse con ela a través destes medios para exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento.
Precisamente as garantías a que se refire a lei consisten na aprobación dos programas e aplicacións electrónicos, informáticos e telemáticos que vaian ser utilizados pola Administración tributaria, garantindo a identificación da Administración tributaria actuante e o exercicio da súa competencia. Ademais, cando a Administración tributaria actúe de forma automatizada garantirase a identificación dos órganos competentes para a programación e supervisión do sistema de información e dos órganos competentes para resolver os recursos que poidan interpoñerse.
En consecuencia dítase a seguinte RESOLUCIÓN:
PRIMEIRA
Obxecto
A presente Resolución ten por obxecto aprobar os programas e aplicacións informáticas para a emisión dos certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio, e a obtención telemática destes.
SEGUNDA
Ámbito de aplicación.
A presente resolución é de aplicación aos servizos de emisión dos certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio. Estes certificados pódense obter a través dos seguintes procedementos:
- obtención dos certificados por vía telemática.
- obtención dos certificados nas oficinas da Consellería de Economía e Facenda.
- obtención de certificados por órganos xestores de axudas, subvencións e contratos (só aplicable aos certificados de estar ao corrente de obrigas tributarias).
TERCEIRA
Obtención dos certificados por vía telemática
- Todas as persoas que dispoñan dalgúns dos certificados dixitais emitidos polas autoridades certificadoras recoñecidas pola Oficina Virtual da Consellería de Economía e Facenda (as autoridades certificadoras autorizadas en cada momento poden ser consultadas na Oficina Virtual Tributaria: www.xuntaeco.es) poderán obter o certificado de estar ao corrente de obrigas tributarias e da presentación do imposto sobre o patrimonio, do seguinte xeito:
- Conectarase á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Economía Facen na seguinte dirección: www.xuntaeco.es
- Elixirá a opción: "Entrar a servizos con certificado dixital".
- Escollerá a opción "Catálogo de servizos" e dentro dela "Certificado de débedas/Patrimonio".
- Seleccionará o motivo da petición do certificado e pulsará sobre o botón "Emitir.
- A aplicación informática desenvolverá o proceso de comprobación necesario e xerará un documento co contido do certificado, a data e hora da súa expedición e un código electrónico que servirá para a comprobación de xeito seguro da súa integridade e autenticidade.

CUARTA
Obtención dos certificados nas oficinas da Consellería de Economía e Facenda
- Todas as persoas poderán solicitar nas oficinas de recadación da Consellería de Economía e Facenda, a emisión de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia e da presentación do imposto sobre o patrimonio. Para iso deberán comparecer nas devanditas oficinas acompañados de documento que acredite a súa identidade e encher o impreso de solicitude que aparece como ANEXO I a esta resolución.
- Cando o certificado se solicite mediante representante, deberase de acreditar a devandita representación.
-
A aplicación informática desenvolverá o proceso de comprobación necesario e xerará un documento co contido do certificado, a data e hora da súa expedición e un código electrónico que servirá para a comprobación de xeito seguro da súa integridade e autenticidade
QUINTA
Obtención de certificados de non ter débedas en periodo executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia por órganos xestores de axudas,subvencións e contratos
- Para a obtención de certificados de non ter débedas en período executivo coa Comunidade Autónoma de Galicia, os órganos xestores de axudas, subvencións e contratos solicitarán da Dirección Xeral de Tributos o acceso á aplicación Xeito-Débedas mediante o formulario do Anexo II. Unha vez concedida a autorización actuarase da seguinte forma:
- relacionarase e identificará con NIF/CIF os solicitantes de axudas, subvencións ou contratos dos que se require a información, e enviarase nun fichero de solicitude ao CIXTEC no formato especificado no Anexo III.
- O CIXTEC devolverá ao día seguinte da petición o listado de solicitantes indicando:
- as posibles situacións relativas á identificación dos solicitantes
- sentido do certificado
- motivo do certificado negativo
- código seguro de identificación do certificado
As circunstancias anteriores expresaranse cos códigos expresados no Anexo IV.
SEXTA
Comprobación de certificados
- Os certificados emitidos por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos producirán idénticos efectos aos certificados expedidos polos órganos da Dirección Xeral de Tributos coa sinatura manuscrita, sempre e cando se cumpran as condicións de comprobación destes establecidas no apartado seguinte.
- Todos poderán comprobar os certificados emitidos por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, sempre que dispoñan do código electrónico de verificación do certificado. A tal fin, a Dirección Xeral de Tributos conservará os certificados telemáticos emitidos nun ficheiro seguro, que garanta a súa integridade, dende o momento da súa expedición.
- Calquera persoa poderá comprobar a integridade e autenticidade do documento do seguinte xeito:
- Conectarase á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Economía e Facenda na seguinte dirección: www.xuntaeco.es
- Elixirá a opción: "Entrar a servizos de acceso libre".
- Escollerá a opción "Catálogo de servizos" e dentro dela "Verificación de documentos".
- Introducirá o Código Seguro de Verificación do documento a comprobar ou lerá o código de barras e pulsará sobre o botón "Verificar".
A aplicación informática xerará de novo o mesmo documento para o seu cotexo.
SÉTIMA
Órganos competentes.
- O órgano autor dos certificados será a Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda.
- O órgano encargado da definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade do sistema de información será o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Economía e Facenda.
Disposición Final
A presente Resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no "Diario Oficial de Galicia".
Santiago de Compostela, 29 de decembro do 2006
A Directora Xeral de Tributos
Asdo.: Regina Losada Trabada