Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Orde do 5 de xuño de 2003 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ó imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares.

Sumario:

| | |
arriba
|

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexe-lo actuar das administracións públicas. Pola súa parte a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto ós principios constitucionais, ós de eficiencia e servicio ós cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas.

No ámbito tributario, a Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, desenvolve no seu artigo 20 a obriga da Administración de facilitarlles a estes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas ós procedementos xestores de tributos, son un instrumento idóneo para conxuga-los principios de eficacia da administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ó contribuínte, e nesta liña a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias e caixas das delegacións para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ó público. Ó mesmo tempo a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática de tributos facilita o cubrimento destes, guiando ó contribuínte na introducción dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

A Consellería de Economía e Facenda, de acordo coas competencias normativas que o artigo 41 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión e liquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, e tendo en conta a autorización que o artigo 5 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo concede ó conselleiro de Economía e Facenda para a presentación das declaracións ou declaracións-liquidacións por vía telemática, así como para realizar acordos con outras administracións públicas, así como coas entidades, institucións e organismos a que se refire o artigo 96 da Lei 230/1963, do 23 de decembro, xeral tributaria, para facer efectiva a colaboración social na presentación e ingreso das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións mediante a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, regula nesta orde a presentación telemática deste imposto, tanto se esta é realizada directamente polos suxeitos pasivos como se é realizada a través de determinados profesionais, tendo en conta que o carácter non periódico destes tributos, implica con frecuencia a presencia destes nos trámites previos á presentación.

En virtude do exposto,

|
arriba
|

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Conceptos e definicións.

  1. Número de Referencia Completo (NRC). O NRC é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asocia-la autoliquidación ó pagamento dela derivado.
    O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: alfanuméricas, corresponden ó número de xustificante da autoliquidación. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 14-22: carácteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo I a esta orde.
  2. Usuarios. Terán a consideración de usuarios para os efectos previstos nesta norma calquera dos seguintes:
    1. Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, que subscriban coa Comunidade Autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.
    2. Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, o doutras autoridades certificadoras admitidas pola Consellería de Economía e Facenda».

Artigo 2º.-Procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ó imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares.

  1. O pagamento e a presentación das declaracións-liquidacións correspondentes telemáticos o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares, que consonte os puntos de conexión establecidos no artigo 25 da Lei 21/2001, deba efectuarse á Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizarse por medios telemáticos, a través das aplicacións que a devandita Administración poñerá a disposición dos usuarios, especialmente mediante os programas de axuda existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería.
    Para que se teña por realizada a presentación telemática destes impostos é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación. No caso contrario terase por non realizada a presentación.
  2. O pagamento das autoliquidacións que se van presentar de forma telemática poderá efectuarse das seguintes formas:
    1. Mediante ingreso presencial da cantidade resultante da autoliquidación en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso realizarase mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completa-la presentación.
    2. Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Economía e Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada autoliquidación.
  3. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:
    • Que o recibo no que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.
    • Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación incorporada na carta de pagamento e non a outra.
    • Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

Dadas as expectativas de dereitos, opoñibles fronte a terceiros, a que pode dar lugar a carta de pagamento validada co correspondente NRC, unha vez xerado este non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presenta-lo suxeito pasivo, de se-lo caso, ante a Administración tributaria, a correspondente solicitude de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentada.

Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realiza-lo pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

As entidades que desexen adherirse ós sistemas de pagamento de autoliquidacións presentadas de forma telemática deberán solicitalo expresamente á Dirección Xeral de Tributos de acordo co establecido na disposición adicional segunda desta orde.

Artigo 3º.-Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

  1. Unha vez que o contribuínte opte polo pagamento da autoliquidación de forma presencial na entidade colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal se quedará co exemplar para entidade colaboradora e devolverá ó contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.
  2. Se se opta polo pagamento telemático a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o «Recibo de cargo en conta» que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.
  3. A presentación da autoliquidación do imposto acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 620) xerado pola aplicación informática no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitente, presentador, características técnicas do medio de transporte transmitido e liquidación. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa empresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como da súa data.
  4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores xurdirán para os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación e permitirán a inscrición nos correspondentes rexistros públicos daqueles documentos que incorporen o feito ou negocio que motivou o pagamento do imposto que estas acreditan.

Os contribuíntes deberán conserva-los xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación presentada non dé lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación da forma citada no punto 3 anterior.

Artigo 4º.-Utilización do programa de axuda para a presentación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares.

Aquelas persoas que non desexen realiza-la presentación telemática deste imposto ou ben non dispoñan do certificado de usuario expedido pola FNMT-RCM, poderán cubri-la súa autoliquidación utilizando o programa de axuda existente na páxina web desta consellería. Para estes efectos e unha vez introducidos os datos correspondentes, o sistema imprimirá catro exemplares do modelo 620 (exemplar para o interesado, exemplar para a administración, talón de cargo e carta de pagamento) que serán validos para a presentación do imposto de forma presencial nas oficinas xestoras desta consellería.

|
arriba
|

Disposicións adicionais

Primeira.-Confidencialidade e representación. (1)

Os profesionais colexiados, así como as entidades institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste imposto, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación abonda das persoas no nome da cal se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

(1) Modificada pola Orde do 2 de xuño de 2006 pola que se modifica a disposición adicional primeira das ordes do 19 de maio de 2005, 30 de abril de 2004 e 5 de xuño de 2003, polas que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Segunda.-Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades de depósito, xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos impostos cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia e que desexen adherirse ás novas formas de pagamento das autoliquidacións presentadas telematicamente, deberán solicitalo á Dirección Xeral de Tributos, que lles informará das configuracións técnicas necesarias para a incorporación efectiva á prestación do servicio. A efectiva intervención neste servicio requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Tributos.

Terceira.-Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas ó imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Cuarta.-Presentación e pagamento en prazo.

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realiza-lo pagamento telemático das autoliquidacións consideradas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade a materializa-la operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectua-lo devandito pagamento poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán ó mesmo do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa dos correspondentes impostos.

|
arriba
|

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o 1 de xullo de 2003.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2003.
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda

|
arriba
|

ANEXO I
Normas técnicas para a xeración do NRC.

A entidade financeira xerará o NRC (Número de Referencia Completo) segundo a segunda norma técnica do anexo I da orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 carácteres codificados en EBCDIC:

  • MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo
    • MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola oficina tributaria.
    • C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.
  • XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.
  • NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.
  • AAAAMMDD (8): data de cargo.
  • XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O Número de Referencia Completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

  • MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado enriba).
  • XXXXXXXX (8): carácteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9-1) ós datos anteriores (48 carácteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 carácteres de control; é dicir, a «sinatura».
A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC