(Aprobado polo Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro)
|
| |
|
CAPÍTULO I
Configuración do canon de saneamento
Sección 1ª. DISPOSICIÓNS
XERAIS
Artigo 1º. Obxecto.
É obxecto do presente regulamento o desenvolvemento normativo
do canon de saneamento creado e regulado na Lei 8/1993, do 23 de
xuño, como tributo de carácter finalista destinado
integramente ó financiamento de gastos de investimentos e
de explotación de infraestructuras de evacuación en
alta e de tratamento de augas residuais de acordo coa programación
aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro
de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda,
e logo da aprobación da Xunta de Goberno de Augas de Galicia.
Artigo 2º. Normativa.
O canon de saneamento réxese:
- Polas normas tributarias da Lei 8/1993, de 23 de xuño,
reguladora da Administración hidráulica de Galicia.
- Polo presente regulamento e o resto de disposicións
regulamentarias específicas que se diten en desenvolvemento
da citada lei.
- No seu defecto, polas disposicións legais e regulamentarias
de carácter xeral en materia tributaria.
Artigo 3º. Competencias.
- A xestión do canon de saneamento e a aplicación
dos recursos xerados mediante a súa exacción correspóndelle
ó organismo autónomo Augas de Galicia. En consecuencia,
correspóndenlle as funcións de:
- Resolución de recursos e reclamacións en
vía de xestión, agás aqueles previstos
no artigo 43.2º deste regulamento.
- Comprobación e investigación nos termos previstos
no capítulo V deste regulamento.
- Cualificación de infraccións e imposición
de sancións.
- Concesión de aprazamentos e fraccionamentos.
- O organismo autónomo Augas de Galicia está obrigado
a levar un rexistro separado dos recursos obtidos por este concepto,
que estará suxeito a fiscalización pola Consellería
de Economía e Facenda.
SECCIÓN 2ª. ELEMENTOS DO
TRIBUTO
Artigo 4º. Feito impoñible.
- Constitúe o feito impoñible do canon de saneamento
a producción de vertidos de augas e productos residuais
realizados directa ou indirectamente polos usuarios domésticos
e industriais de auga, e susceptibles de contaminar as augas continentais
ou marítimas. En todo caso, enténdese realizado
o feito impoñible polo consumo ou pola utilización
potencial ou real da auga de calquera procedencia.
- Para efectos do presente regulamento, enténdese por vertido
directo o realizado inmediatamente sobre as augas continentais
ou canle de rega ou desde terra ó mar territorial, ou ben
o realizado mediante infiltración ó terreo; e por
vertido indirecto o que non reúne estas circunstancias,
como o realizado en azarbes, rede de sumidoiros, canles de desacougamento
e pluviais.
- Para efectos do presente regulamento, enténdese por usos
industriais ou asimilados da auga os efectuados polos usuarios,
cando o consumo anual de auga sexa igual ou superior a 3.000 m,
ou, cando sendo inferior, orixine contaminación de carácter
especial na súa natureza ou na súa cantidade, nos
termos expresados no artigo 40 da Lei 8/1993; e por usos domésticos
de auga aqueles que non teñan a consideración de
usos industriais ou asimilados.
- De acordo co establecido no punto segundo do apartado primeiro,
a aplicación do canon de saneamento afecta:
- Á utilización da auga subministrada polas
entidades definidas no artigo 6.2º deste regulamento.
- Á utilización da auga procedente de captacións
de augas superficiais, subterráneas, pluviais ou de
calquera outra procedencia que efectúen directamente
os mesmos usuarios.
- Á utilización de auga procedente de entidades
subministradoras ou de aproveitamentos propios do contribuínte
e nos termos establecidos na lei.
- Non darán lugar á aplicación do canon de
saneamento os usos da auga correspondentes a:
- Subministración en alta a servicios públicos
de distribución de auga potable.
- Alimentación de fontes públicas ou monumentais,
bocas de rego e extinción de incendios por conta de
entidades públicas e os seus servicios, propios ou
concertados.
- Utilización da auga para o uso de rega agrícola.
- Estará exento do canon de saneamento o consumo ou a utilización
da auga para usos domésticos en núcleos nos que
a poboación de dereito non supere os 2.000 habitantes ou
aqueloutras exencións referidas a núcleos ou aglomeracións
que se sinalen legalmente.
- Estarán exentos do canon de saneamento os usos domésticos
da auga nos núcleos de poboación que non dispoñan
de rede de sumidoiros, mentres esta non entre en funcionamento,
nos termos seguintes:
- Enténdese por:
- Rede de sumidoiros: conxunto das conduccións
de augas residuais en baixa dun núcleo de poboación,
que transcorre dende os puntos de conexión dos
seus inmobles ata a acometida na rede de colectores.
- Núcleo de poboación: todos aqueles incluídos
nas aglomeracións definidas no artigo 35 da Lei
8/1993 e detallados na correspondente orde da Consellería
de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda.
- As postas en funcionamento de redes de sumidoiros nos núcleos
de poboación a que se refire o epígrafe primeiro
deberán ser comunicadas polo concello correspondente
ó organismo autónomo Augas de Galicia nos quince
días seguintes a que se produza tal circunstancia.
Nestes supostos, Augas de Galicia comunicará ás
correspondentes entidades subministradoras a data de inicio
da facturación do canon. O canon de saneamento facturarase
ou liquidarase, segundo os casos, a partir do período
de facturación ou liquidación respectivo seguinte.
- Ós suxeitos pasivos contribuíntes con subministración
de auga efectuada por unha entidade subministradora en núcleos
de poboación que non dispoñan de rede de sumidoiros,
ou que dispoñendo non se atope en funcionamento, as
devanditas entidades subministradoras de auga non lles facturarán
o canon de saneamento por usos domésticos; tampouco
procederá Augas de Galicia a practicar liquidación
polo canon de saneamento por usos domésticos no caso
de titulares ou usuarios de fontes propias nos mesmos casos.
(apartado 7 engadido polo Decreto 265/2000, do 26
de outubro)
Artigo 5º. Devengo e aboamento
do canon.
- O devengo do tributo prodúcese:
- Nos supostos de manifestación do feito impoñible
polo consumo ou utilización da auga, tanto procedente
dunha entidade subministradora como de captacións propias,
coincidindo coa devandita utilización ou consumo, sen
prexuízo da esixibilidade do canon de acordo cos períodos
impositivos que estean establecidos.
- En todo caso, e a falta da determinación a que se
refiren os puntos precedentes, no momento de producirse o
vertido.
- No caso de suxeitos pasivos con subministracións de
auga efectuadas por unha das entidades previstas no artigo 6.2º
deste regulamento, o aboamento do canon coincidirá co da
factura-recibo correspondente.
- No caso de suxeitos pasivos con aproveitamentos de auga non
derivados da subministración dun terceiro, o canon será
directamente liquidado por Augas de Galicia con periodicidade
trimestral.
Artigo 6º. Suxeitos pasivos.
- Son suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as
persoas físicas ou xurídicas de calquera natureza
e demais entidades sen personalidade xurídica ás
que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que, na súa
calidade de usuarios domésticos ou industriais de auga,
produzan o feito impoñible segundo é definido no
artigo 4º deste regulamento.
- As entidades subministradoras teñen a condición
de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte en relación
coa utilización ou consumo da auga dos seus abonados.
- Teñen a condición de entidades subministradoras
de auga as persoas físicas e xurídicas de calquera
natureza que, mediante instalacións de titularidade pública
ou privada, ben sexa con carácter oneroso ou gratuíto,
efectúen unha subministración en baixa de auga potable.
- Na súa virtude, dentro do procedemento de xestión
do canon de saneamento, as devanditas entidades subministradoras
están obrigadas a:
- Facturar e recadar o tributo dos seus abonados.
- Autoliquidar e ingresar dentro dos prazos establecidos
as cantidades facturadas unha vez foran percibidas ou cando
a súa falta de pago non fora xustificada de acordo
co que prevé o artigo 17.3º.
- Satisfacer como débeda tributaria as cantidades
non facturadas en incumprimento do que dispón a letra
a) precedente.
- Cumprir os deberes formais derivados da xestión
e inspección do tributo establecidos neste regulamento
ou nas normas tributarias de aplicación xeral.
Artigo 7º. Base impoñible.
- A base impoñible do canon consiste:
- En xeral, no volume de auga consumido ou utilizado no período
que sexa considerado.
- Nos casos en que a Administración, de oficio ou por
instancia do suxeito pasivo, opte pola determinación
por medida directa ou por estimación obxectiva singular
da carga contaminante, a base consistirá na contaminación
efectivamente producida ou estimada, expresada en unidades
de contaminación.
- Para efectos deste regulamento, enténdese por carga
contaminante a cantidade total de materias ou formas de enerxía
contidas nun vertido, representada polo conxunto de valores obtidos
para cada un dos parámetros indicados no artigo 10, expresadas
nas unidades que alí se indican.
Artigo 8º. Métodos de
determinación da base impoñible.
A base impoñible determinarase:
- Con carácter xeral, por estimación directa, mediante
procedementos de medida do volume da auga, ou dos establecidos
para a carga contaminante nos artigos 26º a 28 ºdeste
regulamento, así como a través das declaracións
a que fan referencia os artigos 21º e 29º, respectivamente,
cando sexan aceptadas pola Administración.
- Por estimación obxectiva nos seguintes casos:
- Captacións superficiais, subterráneas ou pluviais
de auga, cando o volume de auga non sexa medido directamente.
- Cando a base impoñible sexa determinada pola carga
contaminante cando non se efectuase a medida directa da base
impoñible.
- Con carácter supletorio por estimación indirecta
segundo as normas dos artigos 50 e 51 da Lei Xeral tributaria,
a Administración deberá motivar a adopción
desta modalidade en relación coas circunstancias que expresamente
se indican e atenderá para a cuantificación da base
a magnitudes características da actividade do contribuínte,
tales como producción, persoal empregado, potencia eléctrica
contratada, volumes de materias primas ou similares. A estimación
indirecta procederá cando a Administración non poida
chegar a coñecer os datos necesarios para a estimación
completa da base impoñible, debido a algunha das seguintes
causas:
- Falta de presentación de declaracións.
- Resistencia, escusa ou negativa á actuación
inspectora.
- Incumprimento substancial das obrigas impostas pola normativa
vixente.
Artigo 9º. Estimación
obxectiva da base impoñible expresada en volume de auga.
- Nas captacións de augas superficiais ou subterráneas
que non teñan instalados dispositivos de medición
de caudais e que fosen obxecto de concesión ou resolución
administrativa, a base impoñible trimestral será
o resultado de dividir por catro o caudal anual máximo
obxecto de concesión.
- No caso de captacións subterráneas que non teñan
instalados dispositivos de medida directa de caudais, e non fosen
obxecto de concesión nin de resolución administrativa
o consumo mensual, para os efectos da aplicación do canon,
avaliarase en función da potencia nominal do grupo elevador
mediante a fórmula:
Q = 25.000 x Ph +20
No cal:
- Q é o consumo mensual facturable expresado en metros
cúbicos.
- P é a potencia nominal do grupo ou grupos elevadores
expresada en quilovatios.
- h é a profundidade dinámica media do acuífero
na zona considerada, expresada en metros.
- En caso de aproveitamentos de augas pluviais ou augas superficiais
que non teñan instalados dispositivos de medición
de caudais nin fosen obxecto de concesión ou resolución
administrativa, e nos que a distribución de auga se produza
mediante bombeo, a base impoñible mensual será determinada
por aplicación da seguinte fórmula:
Q = 25.000 x P/20
Na cal P e Q son os valores indicados no punto segundo.
- Nos aproveitamentos previstos no punto anterior, nos que a distribución
de auga se produza por gravidade a través dunha ou varias
conduccións, a base impoñible trimestral será
determinada, para cada unha delas, por aplicación da seguinte
fórmula:
Q = 454 x Qm.
Na cal:
- Q é o consumo trimestral facturable expresado en
metros cúbicos.
- Qm é a capacidade hidráulica máxima
da conducción expresada en metros cúbicos por
hora.
Artigo 10º. Estimación
directa da carga contaminante.
- Os parámetros de contaminación que se considerarán
na determinación da carga contaminante, de acordo co procedemento
previsto no artigo 26º, son os seguintes:
- Materias en suspensión (MES).
- Sales solubles (SOL).
- Materias oxidables (MO).
- Metais pesados (MP).
- Materias inhibidoras (MI).
- A cantidade de contaminación correspondente a cada un
dos parámetros medirase como segue:
- Nas materias en suspensión, por concentración
na auga despois da solubilización das sales solubles.
- O contido en sales solubles da auga pola conductividade
da auga (a 25 Cº) expresada en Siemens por centímetro
(S/cm). A cantidade de sal vertido expresarase mediante o
producto destas conductividades polo volume vertido:
SOL = S/cm x m3
- Nas materias oxidables, pola súa concentración
na auga, unha vez repousadas as materias decantadas en dúas
horas.
As materias oxidables determinaranse de acordo coa ecuación:
MO = (2/3)DQO
- Os metais pesados (MP), pola suma dos miligramos por litro
existentes na auga dos seguintes metais, mercurio Hg, cadmio
Cd, chumbo Pb, aluminio Al, cromo Cr, cobre Cu, níquel
Ni e cinc Zn, afectadas cada unha das concentracións
encontradas por un coeficiente multiplicador en función
da súa perigosidade potencial, de acordo coa seguinte
expresión:
Mg/l de equimetal= (200 x mg/l de Hg) +
(40 x mg/l de Cd) + (40 x mg/l de Pb) + (10 x mg/l de Al)+
(4 x mg/l de Cr) + (2 x mg/l de Cu) + (2 x mg/l de Ni) +
(1 x mg/l de Zn); e todo iso dividido por «n»,
sendo «n», o número de metais realmente
analizados.
- As materias inhibidoras (MI), pola cantidade contida na
auga, unha vez repousadas as materias decantadas en dúas
horas, medindo a inhibición de mobilidade de Daphnia
magna, Strauss, ou ben a inhibición da luminiscencia
de Photobacterium phosphoreum.
Se a medición feita mediante o primeiro dos devanditos
métodos evidencia simultaneamente materias inhibidoras
e sales solubles, a base relativa ás materias inhibidoras
reducirase, para os efectos da súa determinación,
en 70 equitox por cada S/cm X m.
Sendo:
- S/cm o índice de conductividade do vertido,
que determina o seu contido en sales solubles.
- S/cm X m a cantidade de sales solubles vertidas nun
determinado volume de m de auga.
- Equitox o índice de medición das materias
inhibidoras presentes na auga despois de decantala durante
dúas horas e medindo a inhibición de mobilidade
de Daphnia magna, Strauss, ou ben a inhibición
da luminiscencia de Photobacterium phosphoreum.
- Os elementos enumerados nos puntos anteriores serán analizados
segundo os métodos e procedementos detallados no anexo
1 deste regulamento.
Artigo 11º. Tipo de gravame.
O tipo de gravame exprésase en pesetas por metro cúbico
ou en pesetas por unidade de contaminación en función
da base impoñible a que deba aplicarse.
Artigo 12º. Usos da auga para
os efectos da aplicación do canon.
- Para os efectos da aplicación do canon reputaranse como
usos domésticos tódolos supostos de utilización
da auga que constitúan feito impoñible daquel que
non teñan a consideración de industriais ou asimilados,
segundo o disposto no punto seguinte.
- Terán a consideración de usos industriais ou
asimilados da auga os efectuados polos usuarios, sexan ou non
empresas industriais, nos que o consumo anual de auga sexa igual
ou superior a 3.000 m, ou cando sendo inferior, orixine contaminación
de carácter especial na súa natureza ou na súa
cantidade. Para estes efectos, considerarase que un usuario orixina
tal contaminación, cando medida ou estimada a contaminación
diaria vertida, segundo os parámetros definidos no artigo
10, resulte que é superior á correspondente a douscentos
habitantes equivalentes.
- As referencias a un determinado número de metros cúbicos
de consumo para a cualificación de usos domésticos
ou industriais entenderanse con respecto ó ano inmediatamente
anterior ou no suposto de nova creación elevarase o consumo
do mes primeiro ó ano.
Artigo 13º. Cantidade de contaminación
equivalente a un habitante.
Ós efectos do artigo anterior, fíxase como cantidade
de contaminación diaria a considerar por cada habitante ou
«habitante equivalente».
- 90 gramos de materia en suspensión.
- 57 gramos de materias oxidables.
Artigo 13º bis.-Deducción
do canon de saneamento para usos domésticos da auga de familias
numerosas. (engadido por Decreto 265/2000, do
26 de outubro).
- As familias numerosas que acrediten formalmente tal condición
de acordo coa normativa de aplicación na materia gozarán
dunha deducción do cincuenta por cento da cota tributaria
do canon de saneamento correspondente ós usos domésticos
da auga.
- Enténdese por familia numerosa a que reúna as
condicións establecidas pola normativa vixente.
- O titular da póliza de subministración de auga,
ou titular ou usuario de fontes propias, que tribute por canon
de saneamento, terá dereito á deducción da
cota á que se refire o punto primeiro, logo de solicitude
dirixida ó presidente de Augas de Galicia, e acompañada
da documentación seguinte:
- Documento nacional de identidade do solicitante, quen deberá
coincidir co titular da póliza de subministración
de auga, ou co titular ou usuario das fontes propias.
- Certificado de empadroamento.
- Última factura da auga expedida pola entidade subministradora,
no caso de estar abastecido por ela.
- Carné de familia numerosa ou título acreditativo,
expedido pola Administración competente.
- Os servicios competentes de Augas de Galicia poderán
realizar a compulsa da devandita documentación cando o
solicitante presente ó mesmo tempo os orixinais e as fotocopias
correspondentes.
- A deducción entenderase concedida se transcorren dous
meses desde a presentación da solicitude sen ditarse resolución
expresa. A concesión da deducción, en virtude de
resolución expresa ou por silencio, será comunicada
por Augas de Galicia no prazo de 10 días ás correspondentes
entidades subministradoras, que a practicarán no seguinte
período de facturación, tendo en conta a data da
solicitude da deducción, a partir da que esta será
efectiva. Naquela comunicación deberán explicitarse,
de ser o caso, as correspondentes operacións de regularización.
No caso de aproveitamentos de fontes propias, a deducción
practicarase no seguinte trimestre natural.
- No caso de non resultar acreditadas as circunstancias que dan
dereito á deducción, Augas de Galicia, logo de audiencia
do interesado, ditará, no prazo de dous meses, a oportuna
resolución denegándoa.
- Calquera modificación das circunstancias que deron lugar
ó aproveitamento da deducción deberá ser
comunicada polo interesado ó organismo autónomo
Augas de Galicia no prazo de quince días desde que aquela
tivese lugar. A perda do dereito a deducción será
efectiva a partir do período seguinte de recibo ou de liquidación,
segundo proceda, ó que a devandita modificación
teña lugar.
- No caso de que se produzan facturacións do canon que
non conteñan a deducción, téndose acreditado
o dereito a ela, os interesados poderán reclamar a devolución
dos correspondentes ingresos indebidos, de acordo co procedemento
establecido na normativa tributaria de aplicación xeral.
|
|
CAPÍTULO II
Xestión do canon de saneamento percibido por medio de entidades
subministradoras.
Artigo 14º. Obriga de facturación.
- Tódalas entidades subministradoras de auga que desenvolvan
a súa actividade no territorio de Galicia están
obrigadas a facturar e recadar dos seus abonados o canon de saneamento.
- Para este efecto, as entidades subministradoras deberán
adaptar o formato das súas facturas-recibo ou outros documentos
de xeito que figuren, de forma diferenciada e comprensible os
seguintes datos:
- O número de metros cúbicos facturados no
período de que se trate.
- O tipo de gravame en pesetas por metro cúbico, afectado,
se é o caso, dos coeficientes de concentración
demográfica que sexan de aplicación, segundo
o previsto na Lei de orzamentos.
- O importe facturado en concepto de canon.
- En ningún caso poderá incluírse o canon
de saneamento en documento separado das facturas-recibo que emitan
as entidades subministradoras ós seus abonados.
- No caso que dentro dun mesmo período de facturación
teña lugar a modificación do tipo de gravame do
canon, cada un deles será aplicado ó volume facturado
en proporción ó número de días de
vixencia respectiva dentro do período.
- As subministracións especiais, domésticas e industriais,
realizadas por calquera entidade subministradora, estarán
suxeitas, se procede, á aplicación do canon. Para
a súa facturación e percepción, as empresas
subministradoras quedan obrigadas a confeccionar, antes do último
día do ano natural en que tivera lugar a subministración,
unha factura-recibo coas especificacións detalladas no
número 2 deste artigo e a esixir o seu cobro. Terán
a consideración de subministracións especiais, para
efectos da aplicación do canon, os consumos propios das
entidades subministradoras, e as subministracións non facturadas
ós usuarios, sempre que non sexan destinados ós
usos indicados no artigo 4.5º deste regulamento.
- As entidades subministradoras de auga están obrigadas
ó pagamento das cantidades correspondentes ó canon
que non facturaron ós seus abonados. Esta obriga será
esixible desde a data de expedición das facturas ou dos
recibos que se emitisen infrinxindo as obrigas que impón
este artigo, ou ben desde a data límite de emisión
da factura-recibo a que fai referencia o número 5 del.
- A facturación do canon de saneamento que efectúen
as entidades subministradoras ós seus abonados, terán
a consideración de actuación tributaria reclamable
segundo o disposto no artigo 43º deste decreto, entendéndose
efectuada a súa notificación desde que a devandita
facturación fose comunicada en forma fidedigna ó
abonado ou ben desde que exista constancia de que este tivo coñecemento
da facturación.
Artigo 15º. Facturación
segundo carga contaminante.
- Por iniciativa da Administración, cando a cota resultante
da medición da carga contaminante sexa superior á
que se deduza da determinación do canon por volume de auga
utilizado, ou por solicitude do contribuínte, o tipo aplicable
a un abonado de usos industriais da auga poderá ser individualizado
nunha tarifa unitaria calculada en función da contaminación
producida.
- A medida da carga contaminante efectuarase de acordo cos procedementos
regulados na sección segunda do capítulo III do
presente regulamento e o tipo aplicable que resulte da dita medida
será notificado pola Administración á entidade
subministradora para os efectos da súa aplicación
na seguinte factura-recibo expedida.
Artigo 16º. Declaración
e declaracións-autoliquidacións por conta das entidades
subministradoras.
- Dentro dos meses de xaneiro e xullo, as entidades subministradoras
presentarán, por cada municipio que abastezan e en relación
cos respectivos semestres naturais de cada ano, as autoliquidacións,
axustadas ó modelo aprobado para o efecto das cantidades
percibidas en concepto de canon naqueles períodos.
- Dentro do mes de marzo de cada ano as entidades subministradoras
presentarán, tamén por cada municipio, as declaracións
resumo do ano anterior, axustadas ó modelo aprobado para
o efecto.
Estas declaracións resumo conterán a determinación
do saldo pendente facturado e non percibido a final de ano e irán
acompañadas de:
- Unha autoliquidación axustada ó modelo aprobado
ó efecto por cada municipio abastecido, de regularización
das cantidades percibidas ata a data da súa presentación
e non liquidadas nos períodos a que se refire o punto
1.
- Unha declaración anual do importe facturado neto,
unha vez deducidos erros e anulacións, axustada ó
modelo aprobado para o efecto.
- Unha relación daqueles abonados ós que se
lles facturou o canon de saneamento de acordo co tipo correspondente
ós usos domésticos e que, ó finalizar
o ano, consumiron máis de 3.000 metros cúbicos
de auga.
- Unha relación daqueles abonados ós que se
lles facturou o canon de saneamento de acordo co tipo correspondente
ós usos industriais e que, ó finalizar o ano,
consumiron menos de 3.000 metros cúbicos de auga.
- As cantidades percibidas dos usuarios polas entidades subministradoras
correspondentes ó saldo pendente do ano anterior incorporaranse
ás autoliquidacións do semestre respectivo.
Xunto coa declaración resumo do mes de marzo de cada
ano, as entidades subministradoras procederán a xustificar,
na forma que se detalla no número seguinte, as cantidades
aínda non percibidas do saldo pendente na declaración
resumo do mes de marzo do ano anterior. Esta xustificación
terá, en relación cos contribuíntes, o
carácter de declaración para os efectos previstos
no artigo 65 da Lei xeral tributaria.
O importe non xustificado do devandito saldo considerarase
como débeda tributaria líquida da entidade, e
ingresarase no momento da presentación da declaración
resumo a que fai referencia o punto 2 precedente.
- A xustificación a que fai referencia o número
anterior farase mediante a presentación dunha relación
documentada axustada ó modelo aprobado para o efecto.
- Unha vez presentada a documentación detallada no punto
anterior as entidades subministradoras que eventualmente reciban
pagamentos correspondentes a cantidades xustificadas de acordo
co procedemento que se describe deberán ingresar o seu
importe no organismo xestor, coincidindo coas autoliquidacións
semestrais a que se refire o punto 1. As autoliquidacións
acompañaranse neste caso dunha relación documentada
segundo o modelo aprobado para o efecto.
- As autoliquidacións a que se refire o presente artigo
terán a consideración de actuacións tributarias
impugnables en vía económico-administrativa, de
acordo co que se prevé no artigo 43º.
Artigo 17º. Liquidacións
administrativas e notificacións.
- A Administración poderá practicar liquidacións
provisionais das declaracións-autoliquidacións presentadas
polas entidades subministradoras co fin de:
- Corrixir os erros aritméticos ou de concepto.
- Rectificar as autoliquidacións, de acordo cos datos
que consten previamente en poder da oficina xestora.
- Liquidar a recarga establecida no artigo 61.3 da Lei xeral
tributaria cando o ingreso se producise fóra de prazo.
- As liquidacións administrativas serán notificadas
ás entidades interesadas, logo do trámite de audiencia,
facendo constar:
- Os elementos básicos determinantes da débeda
tributaria.
- Breve expresión, se procede, dos motivos da corrección
ou rectificación.
- Os recursos que se poidan interpor.
- O lugar e os prazos de pago.
- O rexeitamento da notificación intentada en horas de
funcionamento normal da empresa ou entidade producirá tódolos
efectos propios da notificación sempre que exista constancia
por medio de dilixencia asinada polo empregado de correos ou axente
notificador con expresión da identidade deste, do número
da liquidación e da data e hora do intento. Idénticas
consecuencias seguiranse do rexeitamento da notificación
das liquidacións a que se refiren os artigos 24º e
30º.
Artigo 18º. Xestión
dos saldos pendentes.
As cantidades correspondentes ós saldos pendentes a que
fai referencia o artigo 16º.3, e xustificadas consonte o previsto
no artigo 16º.4, serán notificadas ós interesados
pola Administración, para o seu ingreso en período
voluntario antes de pasar, se procede, á súa exacción
en vía de constrinximento segundo o procedemento previsto
no artigo 40º deste regulamento.
Artigo 19º. Ingresos.
- O ingreso das débedas tributarias derivadas da xestión
do canon de saneamento efectuarase nas oficinas da Administración
designadas para o efecto así como nas contas restrinxidas
de recadación que sexan autorizadas.
- Os prazos de ingresos serán:
- Polas débedas autoliquidadas, simultaneamente coa
presentación da declaración autoliquidación,
dentro dos prazos establecidos no artigo 16º.
- Polas débedas liquidadas pola Administración
e notificadas dentro da primeira quincena de cada mes natural,
ata o día 5 do seguinte mes.
- Polas débedas liquidadas pola Administración
e notificadas a partir do día 16 e ata o remate de
cada mes, ata o día 20 do seguinte mes.
Artigo 20º. Subvencións.
A Administración xestora poderá establecer subvencións
en favor das entidades subministradoras de auga dirixidas á
compensación dos gastos dos elementos materiais que precisen
para levar a termo o cumprimento das obrigas derivadas da súa
intervención na xestión do canon de saneamento. Para
estes efectos, o Consello da Xunta promoverá a promulgación
da correspondente norma habilitante.
|
|
CAPÍTULO III
Xestión do canon de saneamento en aproveitamentos efectuados
directamente polo contribuínte.
SECCIÓN 1ª. PROCEDEMENTO
XERAL
Artigo 21º. Declaración
inicial.
- Tódolos titulares e usuarios reais de aproveitamentos
de augas procedentes de captacións superficiais, subterráneas,
pluviais ou de calquera outra procedencia suxeitos ó canon
de saneamento, están obrigados a presentar unha declaración
inicial (segundo o modelo aprobado para o efecto) que conterá
tódolos datos e os elementos necesarios para a aplicación
singular do tributo. A devandita obriga esténdese ós
abonados das entidades subministradoras de auga, nos supostos
en que así sexan expresamente requiridos por parte de Augas
de Galicia.
- A declaración inicial deberá ser presentada ante
o organismo xestor no prazo dun mes contado desde o inicio do
aproveitamento.
- Calquera alteración das características declaradas
deberá ser comunicada ó organismo xestor dentro
do prazo dun mes desde o momento que se produza.
- O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo constituirá
unha infracción sancionable de acordo co disposto no artigo
36º deste regulamento.
Artigo 22º. Fixación
da modalidade de aplicación do canon e da tarifa aplicable.
- A Administración á vista dos datos contidos na
declaración formulada e outros dos cales puidese dispoñer,
ditará unha resolución na cal fixará de maneira
singular a modalidade de aplicación do canon e a tarifa
aplicable, expresada en pesetas por metro cúbico que corresponda
a cada contribuínte.
- A mesma resolución poderá decidir, se procede,
sobre outros aspectos que hai que considerar na aplicación
do canon de saneamento e, en particular, sobre os que fan referencia
a prazos de aplicación e revisións do tipo de gravame
fixado.
- Antes de ditar a resolución, o expediente deberá
poñerse de manifesto ó interesado, durante un prazo
de quince días, nos seguintes casos:
- Cando a Administración teña que utilizar
datos ou elementos de xuízo non contidos na declaración.
- Cando a Administración non acceda ás modalidades
de aplicación solicitadas polo usuario.
- A tarifa contida nesa resolución revisarase automaticamente,
sen necesidade dunha nova resolución, no caso de producírense
por disposición legal aumentos ou diminucións dos
valores asignados ós parámetros de contaminación,
ós valores de base por volume ou outros elementos da base
ou tipo de tributo.
Artigo 23º. Declaracións
periódicas.
- Os contribuíntes comprendidos no artigo 21º presentarán
ó organismo xestor, dentro dos primeiros vinte días
naturais de cada trimestre, unha declaración segundo modelo
aprobado para o efecto dos volumes de auga consumidos ou utilizados
no trimestre inmediato anterior, coa lectura practicada en calquera
dos aparellos de medida aceptados. Estes aparellos serán
declarados polos contribuíntes mediante modelo aprobado
para o efecto.
- No caso de aproveitamentos que non tivesen instalado un aparello
de medida de volumes farase a avaliación por estimación
obxectiva, segundo dispón o artigo 9º.
Artigo 24º. Liquidacións
e notificacións.
- 1. O organismo xestor practicará, á vista dos
volumes declarados, a liquidación provisional do trimestre
correspondente, que será notificada ó suxeito pasivo.
A regularización das devanditas liquidacións levarase
a cabo nos mesmos termos previstos no artigo 30º.9.
- No caso de falta de presentación da declaración
periódica a que se refire o artigo anterior, a Administración
procederá:
- A abrir expediente sancionador, segundo prevén os
artigos 31º e seguintes.
- A practicar e notificar, logo do trámite de audiencia,
se é o caso, a liquidación provisional por estimación
indirecta, baseada no consumo do derradeiro trimestre declarado
ou na media dos catro últimos trimestres declarados,
aplicándolle os xuros de demora na contía regulada
no artigo 42º.
- A requirir a presentación da declaración.
- O organismo xestor practicará liquidacións complementarias
de acordo co tipo correspondente ós usos industriais e
sobre a totalidade da base impoñible a aqueles contribuíntes
ós que se liquidou o canon de acordo co tipo doméstico
e que, ó finalizar o ano, a suma das declaracións
ás que se refire o artigo 23º.1 dese un resultado
superior a 3.000 metros cúbicos. Do mesmo xeito procederase
nos supostos previstos no artigo 16º.2.c).
- No suposto previsto no artigo 16º.2.d) o organismo xestor,
logo da comprobación dos datos que constan no expediente,
procederá, se é o caso, á devolución
de ingresos indebidos.
Artigo 25º. Ingresos.
Serán de aplicación ó procedemento regulado
nos artigos precedentes as normas do artigo 19º, en todo canto
se refira ó ingreso das cotas tributarias resultantes.
|
|
SECCIÓN 2ª. NORMAS ESPECÍFICAS
DE PROCEDEMENTO PARA A DETERMINACIÓN DA CONTAMINACIÓN
PRODUCIDA
Artigo 26º. Medida directa
da contaminación.
- A Administración, de oficio, poderá aplicar o
canon de saneamento en función da contaminación
producida, determinada por medida directa de acordo co procedemento
establecido nos artigos seguintes, cando a cota resultante da
devandita medición sexa superior á que se deduza
da determinación do canon por volume de auga utilizado.
- A execución das probas, análises e mostraxes
na que consista a medida directa será en todo caso levada
a cabo ben polo organismo xestor, ben por un dos establecementos
técnicos auxiliares recoñecidos de acordo co que
regulamentariamente se dispoña.
- O procedemento poderá iniciarse, así mesmo, por
instancia do contribuínte. En tal caso, os gastos xerados
pola realización das operacións de medida serán
por conta do solicitante, con independencia do resultado ou duración
das devanditas operacións.
- Cos resultados obtidos, a Administración resolverá
a aplicación individualizada do canon de saneamento.
Artigo 27º. Medición
inicial.
- A medida da carga contaminante vertida por un usuario industrial
comezará coa visita das instalacións e a redacción
dun informe técnico no cal se analicen as peculiaridades
existentes de xeración de contaminación:
- Usos da auga.
- Tipos de procesos.
- Productos utilizados.
- Perdas de auga por evaporación ou incorporación,
así como posibles incrementos de auga.
- Tipos de dispositivos de tratamento das augas residuais
ou de regulación da contaminación.
O informe técnico debe rematar coa proposta dun plan
de medicións e toma de mostras para a caracterización
dos vertidos.
- Para conseguir unha representatividade adecuada da carga contaminante
xerada procederase a unha medición inicial de carácter
continuado. De oficio ou por instancia do interesado poderá
reducirse o tempo de toma de mostras fixado no punto seguinte.
- O tempo de mostraxe continuado será o correspondente
a unha quenda laboral completa. Se o usuario industrial presentase
unha gran variedade de procesos de fabricación ou puntas
de estacionalidade que provoquen modificacións substanciais
na cantidade ou calidade dos vertidos, este tempo poderá
ser ampliado e fraccionado, para os efectos de tomar mostras significativas
dos diversos vertidos. Estas mostras, debidamente ponderadas,
fixarán a cantidade de contaminación producida,
en función dos diversos períodos de fabricación,
de volume de auga e da concentración da contaminación
xerada en cada caso.
- Durante a medición e toma de mostras, unha representación
do usuario industrial suxeito a control pode acompañar
ó persoal encargado da Administración e pedirlle
a entrega de mostras xemelgas, así como facer constar na
dilixencia que levante tódalas observacións que
considere oportunas.
Unha vez rematada a medición, o persoal encargado entregaralle
unha copia da dilixencia levantada, que deberán asinar
ámbalas dúas partes.
- Os resultados da medición inicial permanecerán
vixentes mentres non sexa revisada de acordo co disposto no artigo
28º.
Artigo 28º. Revisión
da medición inicial.
- No caso de variacións dos procesos productivos, do réxime
de vertidos ou por calquera outra causa que modifique substancialmente
as condicións nas que se levou a cabo a medición
inicial, ou a declaración de carga contaminante regulada
no artigo seguinte, a Administración de oficio, ou por
instancia do contribuínte, poderá realizar unha
nova medición ou ben requirir a presentación dunha
autodeclaración actualizada, segundo sexa o caso.
- Os controis puntuais ou continuados que realice a Administración
como comprobación da vixencia da medición inicial
ou da declaración presentada, efectuados segundo o procedemento
descrito nos puntos 2, 3 e 4 do artigo 27º, poderán
servir como base para a modificación dos valores das unidades
de contaminación.
Artigo 29º. Declaración
da carga contaminante vertida.
- O procedemento regulado nos artigos precedentes poderá
ser substituído, de oficio ou por petición do interesado,
por unha declaración de carga contaminante presentada polo
contribuínte segundo o modelo aprobado para o efecto.
- A Administración, antes de ditar a resolución
correspondente, poderá rectificar a dita declaración
de acordo cos datos de que dispoña, dando audiencia ó
contribuínte.
- No caso que o contribuínte manifeste a súa desconformidade
coa proposta da Administración esta procederá a
realizar a medición directa da contaminación de
acordo co especificado nos artigos 26º, 27º ou, no caso
de concorrer os orzamentos para iso, a súa estimación
obxectiva, segundo o previsto no artigo 8º b).
- Os resultados da declaración, unha vez aceptados pola
Administración permanecerán vixentes mentres non
sexan revisados, ben sexa de acordo co disposto no artigo 28º
ou por unha nova declaración.
Artigo 30º. Resolucións
de determinación da base impoñible e da tarifa e liquidacións
do canon.
- De acordo co resultado das operacións efectuadas, que
se incorporarán ó expediente, a Administración,
ditará unha resolución fixando a modalidade de aplicación
do canon de saneamento e os elementos integrantes da base impoñible
e da tarifa expresada en pesetas por metro cúbico.
- Con carácter previo á súa resolución,
o expediente poñerase de manifesto ó interesado
sempre que sexa preceptivo segundo as normas xerais de procedemento.
- Na devandita resolución fixaranse, se proceden, o coeficiente
corrector de volume, que expresa a relación existente entre
o caudal de auga vertido e o caudal subministrado e o coeficiente
de vertido ó mar.
Para os efectos da aplicación do coeficiente de vertido
ó mar, os valores de dilución inicial indicados
no artigo 40.7º da Lei 8/1993 serán determinados de
acordo coa vixente normativa en materia de conduccións
de vertidos desde terra ó mar. De oficio ou por instancia
do interesado, poderán aplicarse outros métodos
autorizados pola Administración.
- A resolución poderá prever a realización
dun número mínimo ou determinado de operacións
complementarias de medida da carga contaminante ou de calquera
dos elementos que interveñen na determinación da
base impoñible ou no cálculo da cota do tributo.
Así mesmo, tamén poderá prever a instalación
obrigatoria, por conta do establecemento, de aparellos de medida
permanente de caudais e de mostraxe. Neste último caso
a resolución fixará os datos que deste proporcionar
o suxeito pasivo, a periodicidade destas e os mecanismos de inspección
e acceso do persoal da Administración para a verificación
dos aparellos.
- A tarifa resultante da resolución indicada no punto
primeiro será de aplicación a partir do período
de liquidación seguinte no que se efectúe a petición
por parte dos contribuíntes, ou o inicio por parte da Administración
do procedemento que dá lugar á determinación
da base impoñible por medida directa da contaminación,
a súa modificación nos supostos do Art. 28º,
ou a presentación da declaración de carga contaminante
vertida regulada polo Art. 29º.
- No suposto de que non se producisen liquidacións correspondentes
á producción do feito impoñible con anterioridade
á notificación da resolución regulada no
punto primeiro deste artigo, a tarifa resultante dela aplicarase
ós períodos trimestrais anteriores non liquidados.
- No caso de aproveitamentos de augas efectuados directamente
polo contribuínte, as liquidacións correspondentes
practicaranse por trimestres naturais vencidos, e será
de aplicación, se é o caso, o previsto nos artigos
23º e 24º. No caso de abonados conectados a entidades
subministradoras rexerá o indicado no Art. 15º.
- A petición por parte dos contribuíntes ou o inicio
por parte da Administración do procedemento que dá
lugar á determinación da base impoñible por
medida directa da contaminación, de modificación
dela nos supostos do Art. 28º ou a presentación da
declaración de carga contaminante vertida regulada polo
Art. 29º, non suspenderá a práctica, nin a
obriga de atender o seu abono, das liquidacións realizadas
de acordo coa modalidade de determinación da base impoñible
existente anterior ó devandito momento, tanto no caso de
que o canon de saneamento sexa percibido por medio das entidades
subministradoras como se é percibido directamente pola
propia Administración xestora.
- As liquidacións realizadas nos supostos regulados no
punto precedente terán a consideración de liquidacións
provisionais. A comprobación das anteriores liquidacións
provisionais, de oficio, ou por instancia do suxeito pasivo, será
realizada directamente pola Administración xestora tanto
no caso de que o canon de saneamento sexa percibido por medio
das entidades subministradoras como se é percibido directamente
pola propia Administración xestora.
|
|
CAPÍTULO IV
Infraccións e sancións
Artigo 31º. Infraccións
e sancións.
- O réxime de infraccións e de sancións
en materia de canon de saneamento é o vixente con carácter
xeral para o resto dos tributos da Xunta de Galicia.
- As sancións por infraccións graves e por infraccións
simples graduaranse e aplicaranse en cada caso segundo os criterios
enunciados nos artigos 82º a 89º, ámbolos dous
inclusive, da Lei xeral tributaria e na normativa ditada para
o seu desenvolvemento.
Artigo 32º. Competencia.
Os expedientes sancionadores por infraccións relativas ó
canon de saneamento incoaranse por acordo do presidente de Augas de
Galicia. As sancións que procedan serán impostas:
- As que consistan en multa pecuniaria fixa ou proporcional,
polo presidente de Augas de Galicia se corresponden a infraccións
simples e polo conselleiro de Política Territorial, Obras
Públicas e Vivenda, corresponden a infraccións graves.
- As que se refiren nos puntos b) e c) do artigo 81.1º da
Lei xeral tributaria, polo conselleiro de Economía e Facenda.
- As previstas no punto a) do artigo 81.1º da Lei xeral tributaria,
polo Consello da Xunta.
Artigo 33º. Procedemento.
- A imposición de sancións tributarias realizarase
mediante expediente independente daqueles instruídos para
a comprobación e investigación da situación
tributaria do suxeito infractor.
- O procedemento iniciarase de oficio mediante acordo do presidente
de Augas de Galicia, por propia iniciativa, por orde superior
ou por petición razoada dos órganos de xestión
do canon de saneamento. O acordo incorporará o nomeamento
de instructor.
- O instructor formulará prego de cargos, que indicará
os seguintes extremos:
- Identificación da persoa ou entidade presuntamente
responsable.
- Feitos que motivan a incoación, a súa posible
cualificación e a cuantificación das sancións
que poidan impoñerse.
- Órgano competente para a resolución do expediente.
- Indicación do dereito a formular alegacións
e á audiencia no procedemento.
- Posibilidade de recusación do instructor.
- Cando no procedemento sancionador se tomen en conta datos procedentes
dos expedientes de investigación e comprobación
da situación tributaria do suxeito presuntamente responsable,
aqueles serán formalmente incorporados ó expediente
sancionador con anterioridade ó trámite de audiencia.
- O expediente será instruído de oficio, realizando
cantas actuacións resulten necesarias para determinar,
se é o caso, a existencia da infracción tributaria.
- Á vista das alegacións formuladas á incoación
e ó prego de cargos, e trala conclusión da instrucción,
formularase proposta de resolución, na que se fixarán
motivadamente os feitos constatados e a súa cualificación
xurídica, con determinación da infracción
que poidan constituír, concretarase o seu responsable e
a sanción que se propoña con expresión dos
correspondentes criterios de gradación; noutro caso, se
propoñerá a declaración de inexistencia de
infracción ou responsabilidade.
- A proposta de resolución notificarase ós interesados,
con posta de manifesto do expediente e concesión dun prazo
de quince días para formular as alegacións e presentar
a documentación que consideran conveniente.
- Tralo devandito prazo de alegacións, a proposta será
elevada ó órgano competente, xunto coa documentación
que consta no expediente, e cun informe do instructor sobre as
alegacións, se se presentasen.
- Finalmente, o órgano competente ditará resolución
motivada, á vista dos documentos indicados no punto anterior,
con fixación dos feitos, valoración das probas practicadas
e con determinación da infracción cometida, do seu
responsable e da sanción que se impón xunto cos
criterios de gradación; noutro caso, declararase a inexistencia
de infracción ou de responsabilidade.
- A resolución, que deberá adoptarse no prazo de
seis meses desde a incoación do expediente, notificarase
ós interesados, con expresión dos medios de impugnación
e as correspondentes instancias e prazos para facelo.
|
|
CAPÍTULO V
Outras normas de procedemento
SECCIÓN 1ª. PROCEDEMENTO
DE COMPROBACIÓN E INVESTIGACIÓN
Artigo 34º. Actuacións
de comprobación e investigación.
- A comprobación e investigación do canon de saneamento
será exercido por funcionarios do organismo xestor especificamente
nomeados para o efecto polo presidente de Augas de Galicia, e
que actuarán baixo o seu mando. Nembargantes, por proposta
do presidente de Augas de Galicia, o conselleiro de Política
Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá motivadamente
solicitar o auxilio do persoal inspector da Consellería
de Economía e Facenda.
As facultades dos funcionarios antes citados serán as que
a normativa xeral atribúe ós órganos encargados
da comprobación e investigación dos tributos, en
particular, as de exame de libros, documentos e xustificantes
contables, coas limitacións que a citada normativa xeral
establece. A entrada e recoñecemento dos predios levarase
a cabo nos termos do artigo 141 da Lei xeral tributaria.
- Corresponderalle ó presidente de Augas de Galicia ditar
as liquidacións derivadas das actuacións de comprobación
e investigación; así como resolver os recursos de
reposición que, se é o caso, se interpoñan
contra estas.
Artigo 35º. Lugar e tempo das
actuacións de comprobación e investigación.
- As actuacións de comprobación e investigación
terán lugar, indistintamente, no domicilio do suxeito pasivo
ou do seu representante, onde se realicen as actividades gravadas
polo canon de saneamento ou ben nas dependencias do organismo
xestor.
- Os funcionarios inspectores poderán requirir a presentación
nas oficinas da Administración dos rexistros e modelos
oficiais referidos ó canon de saneamento indicados neste
regulamento. Noutro caso, os libros e a documentación do
suxeito pasivo que teñan relación co feito impoñible
do canon ou coa súa xestión no suposto das entidades
subministradoras, serán examinados no domicilio destes
e na súa presencia ou na do seu representante.
- As actuacións de comprobación e investigación
terán lugar nos locais da empresa ou entidade suxeita ás
ditas actuacións dentro da xornada laboral de oficina ou
da actividade que rexa nela. Cando as actuacións teñan
lugar nas oficinas do organismo xestor, axustaranse ó horario
oficial deste.
- As actuacións que se van efectuar nas dependencias do
organismo xestor iniciaranse mediante comunicación debidamente
notificada cunha antelación mínima de dez días.
A recepción da comunicación producirá os
seguintes efectos:
- Interrupción dos prazos de prescrición ou
caducidade da acción administrativa que estivese en
curso.
- Os ingresos que puidesen efectuarse con posterioridade terán
o carácter de ingresos a conta e non impedirán
a aplicación das sancións polas infraccións
nas que o obrigado tributario incorrese.
Os mesmos efectos producirá a comparecencia en forma
dos funcionarios actuantes nos locais ou oficinas do obrigado
tributario, documentada mediante unha dilixencia.
Artigo 36º. Expediente de comprobación
e investigación.
- Os expedientes de comprobación e investigación
comprenderán tódolos documentos que emitan os funcionarios
actuantes coa finalidade de recoller os resultados das actuacións
de comprobación e investigación.
- Se dos expedientes anteriores resultasen diferencias coas declaracións
dos suxeitos pasivos, procederase a practicar a oportuna liquidación
complementaria de oficio, por parte do organismo xestor.
Artigo 37º. Documentación
das actuacións de inspección e comprobación.
- As actuacións de inspección e comprobación
do canon de saneamento documentaranse en actas ou en dilixencias.
- Os resultados das actuacións inspectoras nos que se
propoña unha liquidación tributaria documentaranse
en actas, co contido previsto no artigo 145 da Lei xeral tributaria
e na súa normativa de desenvolvemento.
- As actuacións inspectoras consistentes en medición
de caudais de abastecemento ou de vertido ou de medición
de contaminación, e, en xeral, aquelas non tendentes directamente
á determinación da débeda tributaria, documentaranse
en dilixencias, nas que se fará constar, como mínimo,
o seguinte:
- a) Identificación do inspector e do suxeito pasivo
ou do seu representante.
- b) Lugar e tempo das actuacións.
- c) Descrición das operacións técnicas
levadas a cabo e resultado das medicións in situ.
- d) No caso de toma de mostras, ofrecerase unha mostra xemelga
ó interesado.
- e) As alegacións e manifestacións do interesado,
se é o caso.
|
|
SECCIÓN 2ª. IMPOSICIÓN
DE SANCIÓNS DERIVADAS DAS ACTUACIÓNS DE COMPROBACIÓN
E INVESTIGACIÓN
Artigo 38º. Procedemento.
Cando, no curso das actuacións de comprobación e
investigación, se observe a comisión de presuntas
infraccións tributarias, procederase á iniciación
do correspondente expediente sancionador, que será tramitado
separadamente e consonte os termos dos artigos 31º e seguintes
deste regulamento.
|
|
SECCIÓN 3ª. PROCEDEMENTO
DE RECADACIÓN
Artigo 39º. Recadación.
A recadación en período voluntario, dentro dos prazos
establecidos, correspóndelle ó organismo xestor, con
suxeición ás normas do Regulamento xeral de recadación
e disposicións modificativas e complementarias.
A recadación en período executivo corresponderá
á Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 40º. Recadación
en vía de constrinximento.
- Transcorridos os prazos de recadación en período
voluntario, a Intervención Delegada do organismo xestor
procederá a estender:
- Certificación de descuberto das débedas tributarias
individualizadas das entidades subministradoras de auga ou
dos titulares ou usuarios reais de aproveitamento de auga.
- Relación certificada das débedas non pagadas
dos usuarios.
- Os títulos executivos serán enviados ó
órgano competente da Consellería de Economía
e Facenda, que ditará a correspondente providencia de constrinximento.
Estes títulos terán a mesma forza executiva que
a sentencia xudicial para proceder contra os bens e dereitos
dos debedores.
- O procedemento será o regulado no Regulamento xeral
de recadación e as súas disposicións modificativas
e complementarias.
Artigo 41º. Aprazamentos e
fraccionamentos.
- A competencia para outorgar aprazamentos e fraccionamentos
das débedas tributarias, en período voluntario,
correspóndelle ó presidente de Augas de Galicia.
O procedemento será o regulado no Regulamento xeral
de recadación e as súas disposicións modificativas
e complementarias.
- A facultade prevista no artigo 53 do Regulamento xeral de recadación,
en casos en que se dean circunstancias excepcionais ou razóns
de interese público correspóndelle ó conselleiro
de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
Artigo 42º. Xuros de demora.
- A falta de ingreso dentro dos prazos regulamentarios das cotas
debidas e notificadas pola Administración por canon de
saneamento, determinará a esixibilidade de xuros de demora
desde o día seguinte ó seu vencemento.
- Cando o ingreso da débeda tributaria teña lugar
fóra do prazo establecido sen previo requirimento serán
de aplicación as recargas establecidos na Lei xeral tributaria.
- O tipo de xuro de demora cando proceda a súa aplicación
será o establecido para o resto dos tributos da Xunta de
Galicia.
|
|
SECCIÓN 4ª. PROCEDEMENTO
DE REVISIÓN
Artigo 43º. Actos impugnables.
- Poden ser obxecto de reclamación económico-administrativa,
logo de, potestativamente, recurso de reposición:
- As liquidacións provisionais ou definitivas a que
se refiren os artigos 17º, 24º, 30º e 34º.
- Os actos administrativos de fixación das tarifas
e modalidades regulados nos artigos 22º e 30º.
- As providencias de constrinximento a que se refire o artigo
40º.2.
- Os actos de imposición de sancións, previstos
nos artigos 31º a 33º.
- Calquera outro acto administrativo que, provisional ou
definitivamente, declare un dereito ou unha obriga e os de
trámite que decidan directa ou indirectamente sobre
o fondo do asunto.
- Teñen a consideración de actuacións tributarias
impugnables en vía económico-administrativa:
- As actuacións reguladas no artigo 16º, logo
de instancia ante os órganos de xestión da súa
confirmación ou rectificación.
- Os actos das entidades subministradoras a que se refire
o artigo 14º.7.
Artigo 44º. Competencia.
- É competente para resolver os recursos de reposición
o mesmo órgano que ditase o acto obxecto do recurso.
- As reclamacións económico-administrativas serán
resoltas polo Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade
Autónoma.
Artigo 45º. Procedemento.
- O prazo para a interposición do recurso potestativo
de reposición é de quince días contados desde
a notificación do acto impugnado.
- O prazo para a interposición da reclamación económico-administrativa
é de quince días contados:
- Cando se interpoña directamente, desde a data de
notificación do acto impugnados.
- Cando se interpuxese recurso de reposición previo,
desde a notificación do acto expreso resolutorio do
recurso.
- Cando este non se resolvese no prazo de trinta días
desde a súa interposición, o recorrente poderá
consideralo desestimado e iniciar a vía económico-administrativa.
Ó notificarse a resolución expresa e con independencia
do tempo transcorrido desde a desestimación presunta,
comezará a computarse o prazo a que se refire o punto
2 anterior.
- O procedemento do recurso de reposición axustarase ás
normas do Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro de 1979, e
as súas disposicións modificativas e complementarias.
- O procedemento da reclamación económico-administrativa
axustarase ás normas do Regulamento de procedemento na
materia.
|
|
Disposicións adicional primeira
Para a estimación obxectiva da carga contaminante o Consello
da Xunta aprobará por decreto as táboas que conteñen
as clases de actividades, as súas magnitudes características
e os coeficientes específicos de contaminación correspondentes
a cada actividade.
|
|
Disposicións adicional segunda
As normas técnicas referenciadas no anexo deste regulamento
entenderanse sempre en relación coa última actualización
publicada e serán substituídas polas normas UNE equivalentes,
a partir do momento da súa publicación.
|
|