(aprobado polo Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro)
|
| |
|
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1º. Ámbito do
tributo.
O imposto sobre a contaminación atmosférica recaerá
sobre as emisións de substancias contaminantes a que se refire
o artigo 5 deste regulamento, producidas polos focos que se atopen
situados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma
de Galicia.
Artigo 2º. Foco emisor.
Para os efectos de aplicación do imposto entenderase por
foco emisor o conxunto de instalacións de calquera natureza,
constituído, de ser o caso, por unha ou máis chemineas,
válvulas, canais de desaugamento, ou outras fontes ou puntos
de emisión que emitan á atmosfera substancias contaminantes
gravadas.
Artigo 3º. Competencias.
A xestión, inspección e recadación do imposto
sobre a contaminación atmosférica corresponderalle
á Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 4º. Afectación
dos ingresos.
Os ingresos provenientes do imposto sobre a contaminación
atmosférica, deducidos os custos de xestión, destinaranse
a financiar as actuacións da Comunidade en materia de protección
ambiental e conservación dos recursos naturais de Galicia,
en virtude do que cada ano se determine nos orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma de Galicia, e, en particular, á
constitución do fondo regulado no capítulo V deste
regulamento.
|
|
CAPÍTULO II
Elementos do imposto
Artigo 5º. Feito impoñible.
- Constitúe o feito impoñible a emisión
á atmosfera de calquera das seguintes substancias:
- Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado
do xofre.
- Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto
osixenado do nitróxeno.
- Presumirase realizado o feito impoñible mentres as instalacións
emisoras non cesen na súa actividade e tal circunstancia
sexa posta en coñecemento da Administración.
Artigo 6º. Suxeito pasivo.
Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes
as persoas ou entidades que sexan titulares das instalacións
ou actividades que emitan as substancias contaminantes referidas.
Artigo 7º. Base impoñible.
- Constitúe a base impoñible a suma das cantidades
emitidas de cada unha das substancias contaminantes por un mesmo
foco emisor.
Para istos efectos:
- As cantidades emitidas de dióxido de xofre e de
dióxido de nitróxeno expresaranse en toneladas.
- As cantidades emitidas de compostos osixenados de xofre
expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de
xofre e,
- As cantidades emitidas de compostos nitroxenados expresaranse
en toneladas equivalentes de dióxido de nitróxeno.
- A cuantificación da base impoñible referirase
ó ano natural.
Artigo 8º. Determinación
da base impoñible: estimación directa.
A base impoñible determinarase por estimación directa,
nos casos en que as instalacións incorporen sistemas de medida
de cantidade de substancias contaminantes emitidas.
Artigo 9º. Determinación
da base impoñible: estimación obxectiva.
- Nos supostos de focos emisores que non conten cos aparellos
de medición a que se refire o artigo anterior, procederase
á determinación da base impoñible mediante
a estimación obxectiva que resulte dos indicadores aprobados
no punto 5 deste artigo aplicados de acordo coas regras establecidas
neste artigo.
- Os indicadores aprobados no punto 5 deste artigo poderán
ser utilizados para determinar a base impoñible nos supostos
nos que sexa de aplicación o artigo seguinte.
- O método de estimación obxectiva ten como finalidade
a determinación da base impoñible mensual do imposto,
medida en tm.
- Deberán calcular a base impoñible mediante estimación
obxectiva os suxeitos pasivos que reúnan os requisitos
seguintes:
- Que non conten cos aparellos de medición a que se
refire o artigo 8º.
- Que, polo menos o 80% dos combustibles utilizados na/s
súa/s instalación/s, sexan fluídos.
- A cantidade estimada de SOx emitida mensualmente realizarase
aplicando a seguinte fórmula:
X= 2 * C * PCS * (x - y * z)
Onde:
- X= cantidade de SOx emitida mensualmente expresada en Tm
equivalentes de dióxido de xofre (Tm/mes).
- C= cantidade de combustible consumido mensualmente en Tm
(Tm/mes).
- x= tanto por un en peso de xofre no combustible.
- y= tanto por un en peso de cinzas no combustible.
- z= tanto por un en peso de xofre nas cinzas (g/kg).
- A cantidade estimada de NO emitida mensualmente realizarase
aplicando a seguinte fórmula:
Y= FENOx * C * PCS * 10-6
Onde:
- Y= cantidade de NOx emitida mensualmente expresada en Tm
equivalentes de dióxido de nitróxeno (Tm/mes).
- C= cantidade de combustible consumido mensualmente expresado
en Tm ( Tm/mes).
- PCS= poder calorífico superior do combustible (Mj/kg).
- FENOx= factor de emisión de compostos oxidados de
nitróxeno expresados en g/Gj equivalentes de dióxido
de nitróxeno, que será, en cada caso, o que
resulte da táboa seguinte:
Factor de emisión de compostos oxidados de nitróxeno
| Combustible e tipo de combustión |
Potencia térmica nominal
(Mw th) |
| Menor 50 |
50-100 |
100-300 |
Maior 300 |
| Fueloil número 2 |
|
| Ignición parede ou fondo |
180 |
190 |
210 |
260 |
| Ignición tanxencial |
140 |
150 |
170 |
210 |
| Fueloil número 1 |
100 |
100 |
100 |
na(*) |
| Gasóleo ou fueloil BIA |
80 |
100 |
100 |
na(*) |
| Gas natural |
100 |
125 |
150 |
170 |
(*) Non aplicación.
Artigo 10º. Determinación
de oficio da base impoñible.
A Administración poderá sinalar de oficio, coa información
dispoñible, a base que corresponda a aquel suxeito pasivo
que, incumprindo as normas fiscais, fixera imposible a súa
determinación a través das vías previstas nos
artigos precedentes.
Artigo 11º. Tipo de gravame.
(Tarifa vixente art. 34 Lei 6/2002, de 27 de
decembro)
O gravame sobre a contaminación atmosférica esixirase
conforme a seguinte tarifa por tramos de base:
Tarifa
| Tramos de base |
Euros./Tm |
| 1º De 0 a 1.000,00 Tm anuais |
0 |
| 2º De 1.001,01 a 40.000,00 Tm anuais |
33 |
| 3º De 40.000,01 a 80.000,00 Tm anuais |
36 |
| 4º De 80.000,01 t anuais en adiante |
42 |
Artigo 12º. Devengo.
O imposto devengarase no momento da emisión de calquera
das substancias contaminantes gravadas.
|
|
CAPÍTULO III
Xestión do tributo
Artigo 13º. Declación-liquidación
mensual.
Os suxeitos pasivos están obrigados a presentaren unha declaración
liquidación segundo o modelo aprobado para o efecto, dentro
de cada mes, perante a delegación da Consellería de
Economía e Facenda correspondente á situación
xeográfica do foco emisor.
A devandita declaración liquidación referirase á
base impoñible acumulada no ano ata o final do mes inmediatamente
anterior, ingresándose a diferencia que resulte entre a cota
correspondente á dita base e a ingresada nos meses anteriores
referida ó exercicio obxecto de liquidación.
No mes de xaneiro presentarase a declaración liquidación
correspondente a decembro.
Artigo 14º. Declaración-resumo
anual.
Ademais, no mes de marzo de cada ano, e no modelo aprobado para
tal efecto, presentarase un resumo anual, referido ó ano
natural inmediatamente anterior.
Artigo 15º. Ingreso.
O ingreso das cantidades correspondentes ó pagamento do
imposto efectuaranse na caixa da delegación territorial da
Consellería de Economía e Facenda, ou, de ser o caso,
a través de entidades financeiras colaboradoras na recadación,
cando a normativa correspondente así o prevexa.
Artigo 16º. Límites
cuantitativos da obriga de declarar.
Non estarán obrigados a presentar as correspondentes declaracións
liquidacións mensuais e o resumo anual os suxeitos pasivos
que, respecto a un foco emisor, non superasen as 800 toneladas emitidas
das substancias gravadas no ano inmediato anterior.
Nestes casos, se ó longo dun exercicio se chegasen a superar
as 1.000 toneladas emitidas, presentaranse as oportunas declaracións
liquidacións a partir do mes seguinte a aquel en que se producise
esa circunstancia e, no prazo indicado no artigo precedente, o correspondente
resumo anual.
Da forma expresada no parágrafo anterior procederán
os suxeitos pasivos titulares de novos focos emisores a partir da
súa posta en funcionamento.
Artigo 17º. Comprobación.
As declaracións liquidacións presentadas conforme
os artigos anteriores serán obxecto de comprobación
por parte dos servicios de xestión da delegación territorial
de Economía e Facenda e, para istos efectos, poderase solicitar
dos servicios técnicos da consellería competente en
materia de ambiente a información precisa.
Artigo 18º. Recursos en vía
administrativa.
Os actos de xestión, liquidación, inspección
e recadación do tributo poderanse reclamar perante o Tribunal
Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de
Galicia, sen prexuízo da interposición do recurso
de reposición.
Artigo 19º. Infraccións
e sancións.
As infraccións tributarias do imposto sobre a contaminación
atmosférica serán cualificadas e sancionadas de acordo
co establecido na Lei xeral tributaria.
|
|
CAPÍTULO IV
Rexistro de Focos Emisores de Substancias Contaminantes
Artigo 20º. Sede.
O Rexistro de Focos Emisores de Substancias Contaminantes incluídas
no feito impoñible do imposto sobre a contaminación
atmosférica, creado para os efectos deste, terá a
súa sede nas delegacións territoriais da Consellería
de Economía e Facenda respecto dos situados no ámbito
da súa demarcación territorial.
Artigo 21º. Declaración
de alta.
- Tódolos titulares de focos emisores están obrigados
a presentar unha declaración de alta, no modelo que se
aprobe para o efecto, perante a delegación da Consellería
de Economía e Facenda correspondente.
- No caso do establecemento e posta en marcha dun novo foco emisor,
a dita declaración indicará o número de toneladas
das substancias gravadas que se prevén emitir no ano. O
prazo para realizala será o dun mes contado desde o día
da súa posta en funcionamento.
- Os titulares de focos emisores en funcionamento á entrada
en vigor da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a
contaminación atmosférica, consignarán na
oportuna declaración os datos relativos a 1995.
Artigo 22º. Inscrición.
- Procederá a inscrición no citado rexistro dos
focos emisores que superen as 100 Tm anuais de emisión
das substancias contaminantes gravadas.
- Se dos datos obtidos da declaración a que se refire
o artigo anterior se deduce que non procede a inscrición
no Rexistro de Focos Emisores, conforme o establecido no parágrafo
anterior, persistirá a obriga de efectuar nova declaración
de alta no suposto de que a contaminación efectiva anual
superase as 100 Tm. A dita declaración presentarase dentro
do mes de xaneiro seguinte.
Artigo 23º. Modificación.
Cando se produza unha circunstancia modificadora dos extremos que
figuran na declaración a que se refire o artigo 21º,
e segundo o que se dispoña na correspondente orde de desenvolvemento,
o titular do foco emisor, e no prazo dun mes contado desde o día
que aquela circunstancia se producise, estará obrigado a
comunicarllo á mesma delegación segundo o modelo que
para o seu efecto se aprobe.
|
|
CAPÍTULO V
Fondo do Imposto sobre a Contaminación Atmosférica
SECCIÓN 1ª. NORMAS XERAIS
Artigo 24º. Destino do Fondo
do Imposto de Contaminación Atmosférica.
O Fondo do Imposto sobre a Contaminación Atmosférica
é un fondo de reserva adscrito á Consellería
de Economía e Facenda que se destinará á atención
de danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocados
por catástrofes ambientais derivadas de emisións atmosféricas
ou verteduras realizadas sobre o solo ou augas marítimas
ou terrestres, xa sexan superficiais ou subterráneas, de
carácter contaminante.
Artigo 25º. Dotación
do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.
- A dotación e mantemento do fondo realizarase de acordo
co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro
e orzamentario de Galicia.
- Unha vez coñecida a recadación correspondente
ó exercicio anterior, dotarase o fondo cun 5% dos ingresos
obtidos.
- O período de referencia para o cálculo da dotación
á que se refire a liña anterior será o correspondente
ó exercicio liquidado anterior ó momento en que
se efectúe a dotación.
- O fondo deixará de dotarse cando alcance a contía
de mil millóns de pesetas, cantidade que será reposta
a medida que sexa utilizada mediante novas dotacións anuais
en porcentaxe non superior á citada.
Artigo 26º. Comisión
do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.
- Créase a Comisión do Fondo do Imposto sobre a
Contaminación Atmosférica co obxecto de decidir
as actuacións ás que se destina este de acordo cos
fins establecidos no artigo 24º.
- O réxime xurídico da Comisión axustarase
ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común, sen prexuízo
das peculiaridades organizativas da Administración pública
galega.
- A composición da comisión quedará constituída
da maneira seguinte:
- Presidente: o conselleiro de Economía e Facenda.
- Vicepresidente: o director xeral de Presupostos.
- Secretario: o secretario xeral de Medio Ambiente.
- Vocais: director xeral de Xustiza e Administración
Local. Secretario xeral de Relacións coa Unión
Europea e Acción Exterior. Director xeral de Calidade
e Avaliación Ambiental. Director xeral de Saúde
Pública. Director xeral do Centro de Información
e Tecnolóxica Ambiental. Director xeral de Montes e
Medio Ambiente Natural. Director xeral de Recursos Mariños.
Director xeral de Protección Civil. Presidente do organismo
autónomo Augas de Galicia.
- Poderán asistir ás reunións, cando así
o acorde o presidente, os titulares doutras unidades administrativas
que teñan competencias relacionadas cos asuntos que se
inclúan na orde do día, así como os técnicos
e funcionarios que se consideren oportunos. Actuarán con
voz e sen voto nos acordos que se tomen nos asuntos citados.
- No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal,
o presidente será substituído polo vicepresidente
e, no seu defecto, polo membro de maior xerarquía, antigüidade
e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.
- A comisión, na sesión de constitución,
aprobará o seu regulamento interno de funcionamento.
Artigo 27º. Competencias da
Comisión do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.
Serán competencias da comisión:
- Iniciar e impulsar o procedemento de disposición do
fondo do imposto.
- Estudiar e valorar os danos extraordinarios e as situacións
de emerxencia.
- Solicitar cantos informes coide necesarios.
- Decidir, de ser o caso, que danos e situacións se van
atender, así como qué proporción do fondo
se destinará os mesmos.
- Levar a cabo un seguimento e control da utilización
das cantidades concedidas.
Artigo 28º. Sesións
da Comisión do Fondo do Imposto de Contaminación Atmosférica.
- A comisión reunirase unha vez ó ano en sesión
ordinaria.
- Realizarase sesión extraordinaria cando a convoque o
presidente ou a solicite calquera dos seus compoñentes.
- O quórum mínimo para a realización das
sesións será de, alomenos, 7 dos seus membros, requiríndose,
en todo caso, a presencia do presidente ou do secretario ou das
persoas que os substitúan.
- As decisións adoptaranse por maioría absoluta,
con voto dirimente do presidente en caso de empate.
|
|
SECCIÓN 2ª. INICIACIÓN,
ORDENACIÓN E INSTRUCCIÓN DO PROCEDEMENTO DE DISPOSICIÓN
DO FONDO DO IMPOSTO DE CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA
Artigo 29º. Formas de iniciación.
- O procedemento para a disposición do fondo poderá
iniciarse de oficio ou por solicitude de calquera corporación
local.
- O procedemento iniciarase de oficio por acordo da comisión,
ben por propia iniciativa ou por petición razoada doutros
órganos da Administración autonómica.
- Poderá iniciarse o procedemento mediante solicitude de
calquera corporación local, logo de informe favorable da
Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Artigo 30º. Información
previa.
A comisión abrirá un período de información
previa ó acordo de iniciación co fin de coñecer
as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de iniciar
o procedemento.
Artigo 31º. Ordenación
e instrucción do procedemento.
Adoptado o acordo de iniciación do procedemento, este impulsarase
de oficio en tódolos seus trámites e axustarase ó
sinalado nos artigos 74 ó 77 da Lei 30/1992, de réxime
xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
|
|
SECCIÓN 3ª. INSTRUCCIÓN
DO PROCEDEMENTO DE DISPOSICIÓN DO FONDO DO IMPOSTO DE CONTAMINACIÓN
ATMOSFÉRICA
Artigo 32º. Terminación.
- Poñerá fin ó procedemento a resolución
da comisión na que se determine a procedencia ou non da
disposición do fondo coa finalidade establecida no artigo
24º. En caso de resolución positiva, esta fixará
a cantidade que se destina a atender os danos extraordinarios
e as situacións de emerxencia e os fins concretos a que
se deban aplicar as ditas cantidades.
- Tamén rematará o procedemento a imposibilidade
material de continualo por causas sobrevidas que fagan innecesaria
a reparación. A resolución deberá ser, en
todo caso, motivada.
- O prazo máximo de substanciación do procedemento
será de tres meses desde o inicio do procedemento.
- A resolución positiva fixará, así mesmo,
a corporación local, órgano ou organismo autónomo
de calquera das consellerías da Xunta, receptoras das cantidades
concedidas e establecerá cláusulas precisas para
proceder ó reintegro destas cantidades.
- A resolución da comisión poñerá
fin á vía administrativa.
Artigo 33º. Carácter
das prestacións.
As prestacións do fondo terán o carácter de
anticipo reintegrable, de tal forma que o fondo será restituído
cando e na medida en que o responsable da catástrofe ambiental
faga efectivas as cantidades correspondentes en virtude de declaración
xudicial ou derivadas dun contrato de seguro ou de calquera outra
garantía.
Artigo 34º. Informe.
Anualmente elaborarase un informe respecto do destino do fondo
e a súa aplicación á atención de danos
extraordinarios e situacións de emerxencia sinaladas con
anterioridade. Este informe deberá enviarse ó Consello
Galego de Medio Ambiente, para os efectos das súas funcións.