(DOG núm. 34 de 18 de febreiro de 2000)
A entrada en vigor da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica supuxo, o establecemento e a aplicación, a partir do 1 de xaneiro de 1996, dun novo imposto que recae sobre a contaminación atmosférica, producida por emisións de dióxido de xofre e de calquera outro composto osixenado do xofre e de dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.
Co obxecto de lle dar cumprimento ó texto legal, promulgouse o Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, no que se regulaban, entre outras materias, aspectos de xestión e liquidación do citado tributo.
Non obstante, a experiencia acumulada na xestión e liquidación do tributo vén suxerir unha serie de modificacións que permitan unha xestión máis flexible e máis axeitada ó obxecto do propio tributo.
Quedaban, así mesmo, unha serie de aspectos por regular, como son a determinación da base impoñible do imposto mediante o método de estimación obxectiva e o fondo de reserva para atender danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocadas por catástrofes ambientais, que se pospuxeron para un decreto posterior.
Mediante este decreto defínese, así mesmo, o concepto, para os efectos do imposto, de foco emisor, establecido pola lei no seu artigo 9, sen que isto veña supoñer modificación ningunha respecto do establecido polo Decreto 4/1996, por ser o foco emisor o elemento fundamental ó redor do que se constrúe o tributo, e iso baseado na diferente incidencia que teñen na atmosfera as emisións realizadas en puntos xeográficos distantes respecto das emisións realizadas de forma concentrada por un suxeito pasivo a través de distintas chemineas, válvulas, canais de desaugamento ou outros puntos ou fontes concretos de emisión. Pola importancia que ten o control dos distintos focos, é imprescindible contar cun bo instrumento de xestión: o rexistro de focos emisores.
De cara á seguridade xurídica e co desexo de que un só texto normativo regule os aspectos regulamentarios previstos na lei, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de xaneiro de dous mil,
Aprobación do Regulamento do imposto sobre a contaminación
atmosférica.
Apróbase o Regulamento do imposto sobre a contaminación
atmosférica que figura como anexo deste decreto.
A partir da entrada en vigor deste decreto quedará derrogado o Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, así como toda a normativa de igual rango ou inferior que se opoña ó establecido neste decreto. Exceptúase expresamente desta derrogación a Orde do 26 de xaneiro de 1996, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se aproban os modelos de xestión e liquidación do imposto sobre a contaminación atmosférica.
Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dictar cantas disposicións se consideren oportunas para o desenvolvemento e a execución deste decreto.
Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
ANEXO: REGULAMENTO DO IMPOSTO SOBRE A CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA