(DOG
núm. 249, de 30 de decembro de 1995)
|
| |
|
- Cando se repasa o mapa de problemas medioambientais na Comunidade
galega destaca, sobre calquera outra característica, a
súa concentración nos núcleos industriais
da área da Coruña e de Pontevedra, ata o punto de
que, á marxe destes grandes focos de contaminación,
podería dicirse que a situación medioambiental de
Galicia resulta bastante satisfactoria. Non é estraño,
pois, que sexa a contaminación xerada nestas dúas
áreas xeográficas concretas a que demande a maior
atención da política medioambiental, especialmente
no que se refire ós vertidos industriais en augas continentais
e marítimas, por unha banda, e ás emisións
de determinados gases á atmosfera, pola outra, que constitúen
as principais vías de contaminación. Resulta xa
que logo indiscutible a existencia dunha seria problemática
no medio ambiente galego por mor da emisión de gases contaminantes
que provocan graves impactos nos recursos naturais do noso país.
Así, desde a perspectiva dos instrumentos económicos
e fiscais que nos ocupa, o problema dos vertidos foi abordado
na Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración
hidráulica de Galicia, mediante a creación dun
canon de saneamento; agora, na presente norma, lévase
a cabo a creación dun imposto sobre a contaminación
atmosférica, que contribuirá a paliar a outra
vertente do problema da contaminación.
Todo iso sen prexuízo da plena vixencia da Lei 1/1995,
do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia,
e doutras normas concordantes na materia, respecto das cales
esta lei entenderase como instrumento complementario da política
medioambiental da Comunidade Autónoma.
- A política medioambiental operou tradicionalmente establecendo
límites legais á emisión de substancias contaminantes
e, en xeral, á utilización dos recursos naturais,
acompañados de sancións no caso de que tales límites
fosen sobrepasados.
Esta presentación da política medioambiental
viuse complementada durante os últimos anos coa introducción
de instrumentos fiscais-exaccións que permitiron graduar
as políticas. Así, fronte á descontinuidade
que comporta o esquema prohibición-sanción, un
gravame sobre as emisións permite actuar continuamente
ó longo de todo o percorrido, isto é, desde o
inicio das emisións contaminantes, e pode facerse, ademais,
de forma progresiva, co que, nun primeiro tramo, o gravame operará
como un instrumento de recuperación dos custos que comporta
a política medioambiental e os correspondentes controis
e, máis adiante, convértese nun auténtico
instrumento regulador que favorecerá a limitación
das emisións, como sucede cunha sanción. En suma,
o obxectivo principal deste tributo non é acadar un volume
determinado de recursos monetarios. O fin que se procura é
conseguir que as empresas afectadas adopten, nun prazo curto,
as medidas antocontaminantes precisas para diminuír substancialmente
as emisións sinaladas.
Esta flexibilidade característica dos instrumentos fiscais
é o que propiciou a súa utilización xeneralizada
na política medioambiental e é igualmente a que
aconsella, no noso caso, o establecemento do tributo que se
contén na presente lei.
- Respondendo ós criterios e propósitos que acaban
de referirse, a articulación do gravame faise arredor do
concepto de foco emisor, constituído, normalmente, por
unha instalación industrial emisora das substancias contaminantes
gravadas. Esta é a referencia para a determinación
da base impoñible, que, como cabería esperar, consiste
na cantidade de substancias contaminantes emitidas. Trátase
pois dun tributo con perfís reais que aparecen reforzados
co establecemento do rexistro obrigatorio dos focos de emisión,
rexistro que constitúe a peza clave para unha adecuada
xestión do tributo.
As restriccións iniciais do gravame teñen o seu
reflexo na ordenación do tipo impositivo nunha tarifa
de carácter progresivo. O primeiro tramo opera cun tipo
cero, deixando desta forma á marxe do gravame tódolos
focos que non sexan grandes emisores. A continuación,
o segundo e o terceiro teñen unha pretensión basicamente
de carácter compensatorio e por iso estableceuse a un
nivel moderado en termos comparados.
Finalmente, o cuarto tramo, regulador das emisións gravadas,
déixase en suspenso ata o ano 2000 co propósito
de acadar unha implantación gradual e sen traumas do
gravame.
A natureza e funcións do gravame fano proclive á
súa afectación e tal é o criterio da lei.
Nembargantes, trátase dunha afectación xenérica
ó servicio dunha política de protección
medioambiental e de conservación dos recursos naturais
de Galicia.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de
conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co
artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta
e do seu presidente, promulgo, en nome el El-Rei, a Lei do imposto
sobre a contaminación atmosférica.
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Fin do tributo.
Co obxecto de contribuír a regular a utilización
dos recursos naturais de Galicia, e de forma específica a
emisión de substancias contaminantes, créase un imposto
sobre a contaminación atmosférica.
Artigo 2. Normativa aplicable.
O imposto sobre a contaminación atmosférica rexerase,
ademais de polas disposicións da presente lei, polo establecido
nas normas tributarias que lle sexan aplicables.
Artigo 3. Ámbito do tributo.
O imposto sobre a contaminación atmosférica recaerá
sobre as emisións nas que os seus focos se atopen situados
dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
Artigo 4. Afectación dos ingresos.
- Os ingresos provenientes do imposto sobre a contaminación
atmosférica, deducidos os custos de xestión, destinaranse
a financiar as actuacións da Comunidade en materia de protección
medioambiental e conservación dos recursos naturais de
Galicia.
- Cun 5% dos ingresos obtidos en cada exercicio dotarase un fondo
de reserva para atender danos extraordinarios e situacións
de emerxencia provocados por catástrofes medioambientais
ata alcanzar a contía de mil millóns de pesetas,
cantidade que será reposta a medida que sexa utilizada
mediante novas dotacións anuais en porcentaxe non superior
á citada. As prestacións do fondo terán o
carácter de anticipo reintegrable.
O funcionamento e demais aspectos concretos do fondo regularanse
por decreto.
- Do destino dos recursos a que se refire o apartado 1 anterior
será informado o Consello Galego de Medio Ambiente, para
os efectos das súas funcións.
Artigo 5. Órganos competentes.
- A xestión, inspección e recadación do
imposto sobre a contaminación atmosférica correspóndelle
á Consellería de Economía e Facenda.
- A modificación das tarifas impositivas, de acordo co
establecido no artigo 11.2 desta lei, efectuarase logo do informe
da Comisión Galega do Medio Ambiente.
|
|
CAPÍTULO II
Elementos do imposto
Artigo 6. Feito impoñible.
- Constitúe o feito impoñible a emisión á
atmosfera de calquera das seguintes substancias:
- Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado
do xofre.
- Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto
osixenado do nitróxeno.
- Presumirase realizado o feito impoñible mentres as instalacións
emisoras non cesen na súa actividade e tal circunstancia
sexa posta en coñecemento da Administración.
Artigo 7. Suxeito pasivo.
Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes
as persoas ou entidades que sexan titulares das instalacións
ou actividades que emitan as substancias contaminantes gravadas.
Artigo 8. Base impoñible.
- 1. Constitúe a base impoñible a suma das cantidades
emitidas de cada unha das substancias contaminantes por un mesmo
foco emisor.
Para estes efectos:
- As cantidades emitidas de dióxido de xofre e de
dióxido de nitróxeno expresaranse en toneladas.
- As cantidades emitidas de compostos osixenados de xofre
expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de
xofre.
- As cantidades emitidas de compostos nitroxenados expresaranse
en toneladas equivalentes de dióxido de nitróxeno.
- A cuantificación da base impoñible referirase
ó ano natural.
Artigo 9. Foco emisor.
- Para os efectos da presente lei constitúe un foco emisor
o conxunto de instalacións de calquera natureza que emitan
á atmosfera substancias contaminantes gravadas.
- A Administración establecerá o rexistro obrigatorio
dos focos emisores así como das súas características
e incidencias.
Artigo 10. Determinación
da base impoñible.
- A base impoñible determinarase:
- Por estimación directa, deducida da declaración
do suxeito pasivo e verificada pola Administración,
nos casos nos que as instalacións incorporen sistemas
de medida da cantidade de substancias contaminantes emitidas.
- Nos demais casos, mediante estimación obxectiva,
deducindo a cantidade de contaminantes emitida de indicadores
obxectivos vinculados á actividade ou ó proceso
de producción de que se trate.
- Mediante decreto, a Xunta determinará os supostos nos
que sexa aplicable o réxime de estimación obxectiva,
os índices ou módulos que hai que utilizar en cada
caso así como a súa valoración.
Artigo 11. Determinación
de oficio.
A Administración poderá sinalar de oficio, coa información
dispoñible, a base que corresponda a aquel suxeito pasivo
que, incumprindo as normas fiscais, fixese imposible a súa
determinación a través das vías ordinarias
previstas na presente lei.
Artigo 12. Tarifa impositiva. (segundo
redacción dada art. 34 Lei 6/2002, de 27 decembro)
- O gravame sobre a contaminación atmosférica esixirase
conforme a seguinte tarifa por tramos de base:
Tarifa por tramos base
| Tramos de base |
Euros./t |
| 1º. De 0 a 1.000 t
anuais |
0 |
| 2º. De 1.001 a 40.000,00 t
anuais |
33 |
| 3. De 40.000,01 a 80.000,00 t
anuais |
36 |
| 3º. De 80.001 t anuais
en adiante |
42 |
- A contía e os tramos da anterior tarifa poderán
ser modificados pola Lei de presupostos de cada ano. Poderase,
á súa vez, establecer un cuarto tramo da anterior
tarifa, con carácter regulador, de acordo co previsto na
disposición adicional da presente lei.
Artigo 13. Devengo.
O gravame devéngase no momento da emisión de calquera
das substancias contaminantes gravadas.
|
|
CAPÍTULO III
Xestión do tributo
Artigo 14. Normas de xestión.
Por proposta da Consellería de Economía e Facenda,
e mediante decreto, a Xunta aprobará as normas de xestión
e liquidación do tributo.
Artigo 15. Liquidación e
ingreso.
Os suxeitos pasivos están obrigados, nos prazos que se establezan
regulamentariamente para o efecto, a liquidar e ingresar o imposto
que corresponda a tódolos focos de emisión dos que
sexan titulares.
Artigo 16. Reclamacións.
Os actos de xestión, liquidación, inspección
e recadación do tributo serán reclamables perante
os órganos económico-administrativos da Comunidade
Autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa.
Artigo 17. Infraccións e
sancións.
As infraccións tributarias do imposto sobre a contaminación
atmosférica serán cualificadas e sancionadas de acordo
co establecido na Lei xeral tributaria.
|
|
DISPOSICIÓN ADICIONAL
O tramo regulador previsto no artigo 12.2 desta lei non se establecerá
con anterioridade ó ano 2000. A súa determinación
levarase a cabo por lei do Parlamento de Galicia, e nese momento
fixarase o tipo de gravame que sexa aplicable.
|
|
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.
Autorízase a Xunta de Galicia para proceder ó desenvolvemento
regulamentario da presente lei dentro dos seis meses seguintes á
súa entrada en vigor.
Segunda.
A presente lei entrará en vigor o día 1 de xaneiro
de 1996.