Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C.

(DOG. núm.4, do 8 de xaneiro de 2004)

| | |
arriba
|

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo e, en concreto, no seu punto 1, establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2º sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa Comunidade en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa a Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, establecía no seu artigo 13.seis o alcance das competencias normativas que podían asumir as comunidades autónomas respecto dos tributos sobre o xogo e que abranguían entre outras os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. En virtude destas competencias, asumidas pola nosa Comunidade mediante a Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse a Orde do 26 de decembro de 1997, pola que se estableceu un procedemento de xestión diferente ó establecido pola Orde do 18 de xaneiro de 1991 do Ministerio de Economía e Facenda, simplificándoo, de tal xeito que se reduciu o número de modelos presentados polos suxeitos pasivos e se estableceu a obriga da oficina xestora, no seu ámbito territorial, de acumular os pagamentos fraccionados correspondentes ás máquinas dunha mesma empresa operadora en tres cartas de pagamento, mediante as que o suxeito pasivo ía ingresar os pagamentos fraccionados pendentes. Nembargante, mantívose vixente o modelo 045 aprobado pola Orde do 18 de xaneiro de 1991 do Ministerio de Economía e Facenda. Este modelo adaptouse a este novo procedemento de xestión introducindo ademais nel a posibilidade de ordenar a domiciliación das cartas de pagamento xeradas polas oficinas xestoras para facer efectivo o ingreso dos pagamentos fraccionados correspondentes.

Posteriormente, en uso da facultade conferida pola Lei 32/1997 citada e tendo como obxectivo tanto a aprobación do modelo 045 de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia como a regulación do procedemento de domiciliación dos pagamentos fraccionados, así como a unificación das disposicións naquel momento previstas en dúas normas distintas nunha soa, ditouse a Orde do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas con premio tipo B, ou de azar tipo C.

Novamente xorde a necesidade de regular o procedemento de xestión e pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, pola implementación dun sistema de presentación por vía telemática para lles facilitar aos contribuíntes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, da forma menos gravosa para aqueles, consonte cos principios de eficacia establecidos no artigo 103 da Constitución española, e os de eficiencia e servizo ós cidadáns, instituídos polo artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A referida lei recoñece no seu artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.

Para o logro destes obxectivos, a Lei 30/1992, destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas.

No ámbito tributario, a Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, desenvolve no seu artigo 20 a obriga da Administración de lles facilitar a estes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Así o recoñece a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que entrará en vigor o 1 de xullo de 2004 nos seus artigos 34.1º.k) e 96.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas ós procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ó contribuínte, e nesta liña a presentación telemática de tributos ofrécelle a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias e caixas das delegacións para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ó mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática de tributos facilita a formalización, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

En virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, |
arriba
|

DISPOÑO:

Artigo 1º. Conceptos e definicións.

  1. Número de Referencia Completo (NRC). O NRC é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a carta de pagamento correspondente ás autoliquidacións presentadas simultaneamente por un mesmo suxeito pasivo ó pagamento dela derivado.

    O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: Alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante da carta de pagamento á que se refire o artigo 3.3º desta orde. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 14-22: carácteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo I a esta orde.

  2. (1) Usuarios. Terán a consideración de usuarios para os efectos previstos nesta norma calquera dos seguintes:
    1. Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións u organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, que suscriban coa Comunidade Autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.
    2. Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola Consellería de Economía e Facenda.

(1) Este segundo apartado foi modificado pola Disposición Adicional Sexta da Orde do 19 de maio de 2005, pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo (DOG nº 100, do 26 de maio de 2005).

Artigo 2º. Prazo para a realización da presentación telemática (2).

O prazo para a realización do pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, comprenderá dende o día 1 ata o 31 de marzo. Transcorrido o mes de marzo non se poderá empregar a páxina web para realizar ningunha presentación, debendo dirixirse á Delegación competente por razón do territorio consonte co disposto no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C.

(2) Apartado modificado polo artigo 2.1 da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

Artigo 3º. Procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes á taxa fiscal fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

  1. (3) O pagamento e a presentación das declaracións-liquidacións correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, correspondente a máquinas autorizadas en data anterior ao devengo do tributo ou a máquinas en situación de baixa temporal ou novas que pretendan darse de alta ou autorizarse no primeiro trimestre do ano e que, consonte cos puntos de conexión establecidos no artigo 26 da Lei 21/2001, deba efectuarse á Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizarse por medios telemáticos, a través das aplicacións que a devandita Administración poñerá a disposición dos usuarios, especialmente mediante os programas de axuda existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería.
  2. (4) Para realizar a presentación e o pagamento das autoliquidacións das máquinas autorizadas en anos anteriores ao devengo e/ou das máquinas que pretenda dar de alta no primeiro trimestre do ano procedentes da situación de baixa temporal ou que sexan de nova autorización, o suxeito pasivo poderá utilizar os datos facilitados pola propia administración a través da aplicación informática, que poderá modificar da forma que coide conveniente, ou ben poderá incorporar os datos procedentes dun arquivo que terá as especificacións técnicas que se detallan no anexo II desta orde. Para realizar a carga dos datos procedentes deste arquivo, os suxeitos pasivos deberán empregar a aplicación "Upload de ficheiros" que se lles habilitará na Oficina Virtual da páxina web da consellería. Unha vez transmitido o arquivo, aparecerá a mensaxe de "Transferencia completada con éxito". O arquivo poderá ser enviado as veces que sexan necesarias, prevalecendo sempre os datos contidos no último arquivo remitido. Unha vez realizada a transmisión poderá usar os seus datos na aplicación informática para a presentación e o pagamento telemático do tributo a que se refire esta orde.
  3. (5) A aplicación informática xerará unha única carta de pagamento por cada suxeito pasivo e Delegación de Economía e Facenda que sexa competente territorialmente consonte co disposto no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 1999 previamente citada sobre o lugar da presentación, segundo proceda. Esta carta de pagamento suporá a presentación dunha autoliquidación por cada unha das máquinas amparadas pola súa correspondente autorización que o suxeito pasivo determinara na aplicación informática, ben pola aceptación e/ou modificación dos datos facilitados pola propia aplicación ou ben pola incorporación dos datos procedentes do seu arquivo, consonte co establecido no punto anterior. Cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación da cota anual legalmente establecida para o exercicio corrente e a obriga de ingresar o primeiro dos pagamentos fraccionados ós que se refire o artigo 2 da Orde do 13 de decembro de 1999 previamente citada. Para estes efectos a carta de pagamento que xerará a aplicación acumulará tódolos primeiros pagamentos fraccionados das máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar nunha delegación.
  4. Para que se teña por realizada a presentación telemática do tributo é necesario que previamente se realice o pagamento da cantidade resultante na carta de pagamento a que se refire o punto anterior. No caso contrario terase por non realizada a presentación.
  5. O pagamento das autoliquidacións que presente de forma telemática o suxeito pasivo poderá efectuarse das seguintes formas:
    1. Mediante ingreso presencial da cantidade que figure na carta de pagamento xerada pola aplicación á que se refire o punto 3 deste artigo e que previamente deberá imprimir o usuario, en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobro de autoliquidacións presentadas telematicamente. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.
    2. Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Economía e Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións que ampara a carta de pagamento a que se refire o punto 3 deste artigo, a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada carta de pagamento.
  6. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:
    • Que o recibo no que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide .
    • Que o devandito recibo corresponde ás autoliquidacións incorporadas na carta de pagamento a que fai referencia e non a outra .
    • Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda .
  7. Dadas as expectativas de dereitos, que se poidan opor fronte a terceiros, a que pode dar lugar a carta de pagamento validada co correspondente NRC, unha vez xerado este non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Administración tributaria, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentadas .

Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

As entidades que desexen adherirse aos sistemas de pagamento de autoliquidacións presentadas de forma telemática deberán solicitalo expresamente á Dirección Xeral de Tributos de acordo co establecido na disposición adicional primeira desta orde.

(3) Apartado modificado polo artigo 2.2 da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos

(4) Apartado modificado polo artigo 2.3 da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos

(5) Apartado modificado polo artigo 2.4 da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos

Artigo 4º. Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

  1. Unha vez que o contribuínte opte polo pagamento de forma presencial na entidade colaboradora das autoliquidacións abranguidas na carta de pagamento xerada pola aplicación, a aplicación informática xerará dúas copias da carta de pagamento a que se refire o artigo 3º.3 desta orde debidamente cuberta cos datos que o suxeito pasivo facilitará na aplicación informática. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal se quedará co exemplar para entidade colaboradora e devolverá ó contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento das autoliquidacións correspondentes ás máquinas que se relacionan no anexo á carta de pagamento.

  2. Se se opta polo pagamento telemático a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da carta de pagamento impreso neste.

  3. A presentación da autoliquidación do tributo acreditarase mediante a impresión dos documentos (modelo 045) xerados pola aplicación informática, no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da autorización da máquina de xogo correspondente, da liquidación e do ingreso do primeiro pagamento fraccionado. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como a súa data.

  4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación.

Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

Artigo 5º. Distintivo que acredita a presentación da autoliquidación.

Os distintivos a que se refire o artigo 8 da Orde do 13 de decembro de 1999 previamente citada, poderán ser retirados da delegación de Economía e Facenda correspondente polos suxeitos pasivos, unha vez realizado o pagamento e presentación telemática, e deberán adherirse á máquina no prazo dos quince días seguintes á súa retirada e permanecer adherido ata a súa substitución por outro novo.

|
arriba
|

Disposicións adicionais.

Primeira. Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades de depósito, xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos impostos cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia e que desexen adherirse ás novas formas de pagamento das autoliquidacións presentadas telematicamente, deberán solicitalo á Dirección Xeral de Tributos, que as informará das configuracións técnicas necesarias para a incorporación efectiva á prestación do servizo. A efectiva intervención neste servizo requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Tributos.

As entidades que estiveran autorizadas para o pagamento telemático doutros tributos cedidos xestionados pola Consellería de Economía e Facenda, quedarán adheridas ó pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas sen necesidade de solicitalo á Dirección Xeral de Tributos.

Segunda. Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas á taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, a entidade de depósito autorizada colaboradora na xestión recadatoria que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Terceira. Presentación e pagamento en prazo.

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento telemático das autoliquidacións recollidas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade a materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o devandito pagamento poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán a este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa correspondente a este tributo.

Cuarta. Aplicación da Orde do 13 de decembro de 1999 (6).

A Orde do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C, será de aplicación sempre que non se opoña ao disposto na presente orde e, en concreto, será de aplicación no que respecta ao pagamento dos pagamentos fraccionados trimestrais subseguintes das autoliquidacións presentadas telematicamente no mes de marzo.

(6) Apartado modificado polo artigo 2.5 da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

Quinta. Confidencialidade e representación (7).

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das suas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

(7) Esta nova disposición foi engadida pola Disposición Adicional Sexta da Orde do 19 de maio de 2005, pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo (DOG nº 100, do 26 de maio de 2005).

|
arriba
|

Disposición derradeira.

Única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2004.

|
arriba
|

ANEXO I: NORMAS TÉCNICAS PARA A XERACIÓN DO NRC

|
arriba
|

ANEXO II: ESPECIFICACIÓNS TÉCNICAS DO ARQUIVO

A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC