Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Orde do 14 de febreiro de 2007 pola que se modifica a orde do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C.

 

| | |
arriba
|

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de Autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as Comunidades Autónomas respecto aos tributos sobre o xogo, e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre  exencións, base impoñible, tipos de gravame e cuotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas Comunidades Autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa Comunidade en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa a Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás Comunidades Autónomas e de medidas fiscais complementarias, establecía no seu artigo 13.seis o alcance das competencias normativas que podían asumir as Comunidades Autónomas respecto dos tributos sobre o xogo e que abranguían, entre outras, os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. En virtude destas competencias, asumidas pola nosa Comunidade mediante a Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de Cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse a Orde do 26 de decembro de 1997, pola que se estableceu un procedemento de xestión diferente ao establecido pola orde ministerial do 18 de xaneiro de 1991, simplificándoo, de tal xeito que se estableceu a obriga do suxeito pasivo de presentar unha autoliquidación anual e, por outra banda, a obriga da oficina xestora, no seu ámbito territorial, de acumular os pagamentos fraccionados correspondentes ás máquinas dunha mesma empresa operadora en tres cartas de pagamento, mediante as que o suxeito pasivo ía ingresar os pagamentos fraccionados pendentes, aínda que se mantiña vixente o modelo 045 aprobado pola Orde anteriormente citada. Este modelo adaptouse ao novo procedemento de xestión, mediante a orde da consellería de economía e facenda do 13 de decembro de 1999, ao mesmo tempo que se introducía nel a posibilidade de ordenar a domiciliación das cartas de pagamento xeradas polas oficinas xestoras para facer efectivo o ingreso dos pagamentos fraccionados pendentes.

Posteriormente, mediante a orde da consellería de economía e facenda do 30 de decembro do 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C, arbitrouse un sistema de presentación por vía telemática, para facilitar aos contribuíntes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas da forma menos gravosa para aqueles, consonte cos principios de eficacia establecido no artigo 103 da Constitución Española, e os de eficiencia e servizo aos cidadáns, instituídos polo artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, e así mesmo, no ámbito tributario, a lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria o dispón nos seus artigos 34.1.k) e 96.

Deste xeito, a presentación telemática da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas, ofrécelles aos obrigados tributarios a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público, ao mesmo tempo que a utilización dos programas que a Administración Tributaria implementa para a presentación telemática de tributos facilita o enchido do modelo 045, guiando ao contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Posteriormente, e coa finalidade de dar un paso máis na facilitación da xestión da taxa,  modificáronse os períodos temporais nos que os suxeitos pasivos tiñan que presentar as autoliquidacións das súas máquinas correspondentes e facer efectivos os ingresos dos pagamentos fraccionados trimestrais, mediante a orde da consellería de economía e facenda, do 22 de decembro de 2004, pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración –liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

Novamente xorde a necesidade de modificar o procedemento de xestión, debido á recente homologación de máquinas multixogador na nosa Comunidade Autónoma. O troco de máquinas de un xogador por máquinas de máis dun xogador incide na cota anual a pagar polo contribuínte e cómpre establecer a forma de presentar e ingresar a autoliquidación complementaria á xa presentada con anterioridade no ano en curso no que se produce o troco. A modificación do procedemento obriga así mesmo á revisión do impreso de autoliquidación e ao distintivo acreditativo do pagamento da taxa fiscal correspondente.

En virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de Autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión.

|
arriba
|

DISPOÑO:

Artigo Único.Modificacións na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C.


1. Modelo de autoliquidación.

  1. Apróbase o modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo, que figura como anexo 1 da presente orde, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia para tódolos suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar devengada por máquinas de xogo suxeitas ao pagamento do devandito tributo.
  2. O modelo constará de tres exemplares: para a Administración, para o interesado e para a entidade financeira colaboradora na recadación.

2. Prazos de presentación da autoliquidación.

  1. No caso de máquinas autorizadas en anos anteriores ao do devengo, os suxeitos pasivos deberán presentar en calquera das entidades colaboradoras autorizadas, nos vinte primeiros días naturais do mes de marzo, unha declaración por cada máquina, practicando a liquidación pola cota anual legalmente establecida para o exercicio de que se trate e ingresando o primeiro dos pagamentos fraccionados, que consistirá na cuarta parte da cota anual. O prazo anterior entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado.
  2. No mesmo prazo o suxeito pasivo deberá presentar relación de máquinas, indicando o número de autorización destas, das que é titular a 1 de xaneiro e que se atopan nesa mesma data en situación de baixa temporal, ben aprobada administrativamente, ou solicitada e pendente de aprobación. Esta relación presentarase ante a Delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente territorialmente en relación coa situación da máquina na data do último devengo da taxa fiscal sobre o xogo.
  3. Cando se trate de máquinas de nova autorización, ou que a data 1 de xaneiro se atopasen en situación de baixa temporal e se pretenda dalas novamente de alta, os suxeitos pasivos presentarán en calquera das entidades colaboradoras autorizadas, a declaración correspondente, no primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estivese operativo e deberán practicar ao mesmo tempo liquidación da cota anual, e simultaneamente, realizarán o ingreso dos pagamentos fraccionados correspondentes ao trimestre corrente e ao/s  xa vencido/s, de ser o caso. Se a autorización ou alta se pretendera realizar a partir do 1 de xullo, o obrigado tributario autoliquidarase só o 50% da cota anual. Se os prazos de ingreso do ano natural estiveran expirados, deberá presentarse a declaración a que fai referencia este punto, con carácter previo á data da autorización ou alta.
  4. En tódolos casos, a cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores que amparara a autorización no período comprendido entre a data do devengo e á da presentación da autoliquidación. No suposto de que a 1 de xaneiro a máquina estivera en situación de baixa temporal, a data de alta sexa posterior ao 30 de xuño e o número de xogadores se incremente respecto ao número de xogadores da máquina en situación de baixa temporal, a cota anual que se autoliquidará será o 50% da que corresponda ao maior número de xogadores que amparara a autorización no período comprendido entre o 1 de xullo e a data da presentación da autoliquidación.

3. Troco de máquinas.

  1. O suposto de troco de máquinas autorizado non suporá novo devengo da taxa e a empresa operadora non deberá practicar autoliquidación, salvo o establecido no punto 2 seguinte. Nembargante, deberá comunicar a circunstancia á delegación da Consellería de Economía e Facenda onde se presentase a autoliquidación pola autorización da máquina destruída á que substitúe a nova, para efectos de obtención do correspondente distintivo acreditativo.
  2. Cando se autorice un troco dunha máquina instalada para a que xa se presentara autoliquidación no ano en curso, por outra para a que o número de xogadores sexa superior, a empresa operadora titular da autorización deberá presentar unha autoliquidación complementaria á/s que presentara no seu momento, cubrindo os espazos do modelo destinados para o efecto de acordo coas instrucións deste. A autoliquidación complementaria deberase presentar no primeiro prazo do ingreso dos pagamentos fraccionados que estivese operativo, salvo que os prazos de ingreso do ano natural estivesen expirados, o que provocará que a autoliquidación deba presentarse con carácter previo á data de autorización do troco.
    Para cumprir coa obriga anterior o obrigado tributario declarará a cota anual correspondente ao número de xogadores da nova máquina, e autoliquidarase pola diferenza entre esa cota anual e a/s autoliquidada/s con anterioridade para esa autorización ao longo do ano en curso. Ao mesmo tempo, procederá calcular o pagamento fraccionado correspondente á esa diferenza, que consistirá na súa cuarta parte, salvo no suposto sinalado no parágrafo seguinte, no que será a metade da cota autoliquidada. Simultaneamente, deberá realizar o ingreso do pagamento fraccionado correspondente ao trimestre corrente e o/s correspondente/s ao/s vencido/s, de ser o caso.
    No suposto de que a data de autorización do troco ao que se refire o primeiro parágrafo deste punto 2 sexa posterior ao 30 de xuño, a cota anual calcularase mediante a suma do 50% da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado durante o ano e o 50% da cota correspondente ao número de xogadores inmediato inferior ao anterior, durante o primeiro semestre.
4. Ingreso da taxa.

  1. No caso de máquinas autorizadas en anos anteriores ao do devengo, o ingreso dos pagamentos fraccionados pendentes deberase realizar nos seguintes prazos: o segundo, nos vinte primeiros días naturais do mes de xuño; o terceiro nos vinte primeiros días naturais do mes de setembro; e o cuarto, nos cinco primeiros días naturais do mes de decembro, prorrogándose cada un destes prazos ata o primeiro día hábil seguinte no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado. No resto dos casos o obrigado tributario deberá ingresar o/s pagamento/s fraccionado/s pendente/s no momento da presentación da autoliquidación, no/s prazo/s que correspondera dos anteriores sinalados.
  2. Para realizar cada un dos ingresos anteriores empregarase unha carta de pagamento expedida por  cada delegación territorial. A carta de pagamento será única por suxeito pasivo, e comprenderá o total da débeda á que corresponda o pagamento fraccionado por tódalas máquinas, a autorización das cales motivou a presentación das autoliquidacións no mesmo prazo de presentación. Este ingreso deberá realizarse en calquera das entidades financeiras colaboradoras agás que se exercese na autoliquidación a opción a que se refire o punto seguinte.
  3. Os suxeitos pasivos poderán utilizar como medio de pagamento dos pagamentos fraccionados a que se refire o punto 1 deste artigo, a domiciliación, exercendo a opción no propio modelo, de acordo co disposto no artigo seguinte.

5. Liquidación pola diferenza por modificación do prezo máximo autorizado para a partida.

  1. No caso de modificación do prezo máximo autorizado para a partida en máquinas de tipo B producida con posterioridade ao devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con autorizacións de data anterior a aquela na que se autorice a suba, deberán autoliquidar a diferenza da cota que corresponda no modelo a que se refire o artigo 1 da presente orde, durante o primeiro período para o ingreso dos pagamentos fraccionados que se abra a partir do día no que entre en vigor a modificación do prezo máximo autorizado, cubrindo os espazos do modelo destinados para o efecto, de acordo coas instrucións deste. O incremento de cota que por esta causa corresponda aos trimestres dos que o prazo de ingreso estivese vencido e en curso, de ser o caso, ingresarase simultaneamente á presentación da autoliquidación. O incremento de cota que por esta causa corresponda aos trimestres dos que o prazo de ingreso non se iniciase ingresarase conforme o disposto no primeiro parágrafo do artigo 4 desta orde. Os suxeitos pasivos tamén poderán exercer a opción da domiciliación de acordo co establecido nesta orde. |
arriba
|

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Os modelos de autoliquidación confeccionados consonte co Anexo 1 da orde modificada pola presente poderán seguir sendo empregados aínda que só cando a máquina estivera autorizada en anos anteriores e non estea en situación de baixa temporal no momento do devengo. Para o resto dos supostos será obrigatorio a utilización do modelo aprobado no Anexo 1 da orde presente.

arriba
|

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no DOG e terá efectos dende o 1 de xaneiro do ano 2007.


Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2007
José Ramón Fernández Antonio
Conselleiro de Economía e Facenda.

 

A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC