Un.- Apróbase a seguinte dedución da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda, que consiste en que os homes menores de trinta e cinco anos e as mulleres, calquera que sexa a súa idade, que causen alta no censo de empresarios profesionais e retedores por primeira vez durante o período impositivo e manteñan a devandita situación durante un ano natural poderán deducir 300 euros no período impositivo no que se produza a alta, sempre que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dous.- Modifícase o artigo 1 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, acerca do imposto sobre a renda das persoas físicas, que queda redactado nos seguintes termos:
Un. Apróbanse as seguintes deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda:
- Por nacemento ou adopción de fillos.
Por cada fillo nacido ou adoptado no período impositivo, que conviva co contribuínte na data de devengo do imposto, 300 euros.
No caso de parto múltiple esta dedución ascenderá a 360 euros por cada fillo.
A dedución estenderase aos dous períodos impositivos seguintes ao nacemento ou á adopción, sempre que o fillo nacido ou adoptado conviva co contribuínte na data de devengo do imposto que lles corresponda a cada un deles, segundo as seguintes contías e os límites de renda:
- 300 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para efectos do IRPF estivese comprendida entre 22.001 e 31.000 euros.
- 360 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para efectos do IRPF fose menor ou igual a 22.000 euros.
Cando, no período impositivo do nacemento ou da adopción, ou nos dous seguintes, os fillos convivan con ambos os dous proxenitores a dedución practicarase por partes iguais na declaración de cada un deles.
- Por familia numerosa.
O contribuínte que posúa o título de familia numerosa na data de devengo do imposto poderá deducir as seguintes cantidades:
- 250 euros, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral.
- 400 euros, cando se trate de familias numerosas de categoría especial.
Cando algún dos cónxuxes ou descendentes aos que lles sexa aplicable o mínimo persoal e familiar do imposto teña un grao de minusvalía igual ou superior ao 65%, a dedución anterior será de 500 e 800 euros respectivamente.
Esta dedución practicaraa o contribuínte co que convivan os restantes membros da familia numerosa. Cando convivan con máis dun, o importe ratearase por partes iguais.
- Por coidado de fillos menores.
Os contribuíntes que por motivos de traballo, por conta propia ou allea, teñan que deixar os seus fillos menores ao coidado dunha persoa empregada do fogar ou en gardarías poderán deducir o 30% das cantidades satisfeitas no período, co límite máximo de 200 euros, sempre que concorran os seguintes requisitos:
- Que na data de devengo do imposto os fillos teñan tres ou menos anos de idade.
- Que ambos os dous pais realicen unha actividade por conta propia ou allea, pola que estean dados de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade.
- Que, no suposto de que a dedución sexa aplicable por gastos dunha persoa empregada do fogar, esta estea dada de alta no réxime especial de empregadas do fogar da Seguridade Social.
- Que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para efectos do IRPF non exceda de 22.000 euros en tributación individual ou de 31.000 euros en tributación conxunta.
Cando máis dun contribuínte teña dereito á aplicación desa dedución respecto dos mesmos descendentes, o seu importe ratearase entre eles.
- Por suxeitos pasivos discapacitados, de idade igual ou superior a sesenta e cinco anos, que precisen axuda de terceiras persoas.
Os contribuíntes de idade igual ou superior a sesenta e cinco anos afectados por un grao de minusvalía igual ou superior ao 65% e que precisen axudas de terceiras persoas poderán aplicar unha dedución do 10% das cantidades satisfeitas aos terceiros, cun límite máximo de 600 euros, sempre que:
- A base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para efectos do IRPF non exceda de 22.000 euros en tributación individual ou de 31.000 euros en tributación conxunta.
- Se acredite a necesidade da axuda de terceiras persoas.
- O contribuínte non sexa usuario de residencias públicas ou concertadas da Comunidade Autónoma de Galicia ou beneficiario do cheque asistencial da Xunta de Galicia.
- Por gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos.
Os contribuíntes que durante o exercicio accedan a internet mediante a contratación de liñas de alta velocidade poderán deducir o 30% das cantidades satisfeitas no concepto de cota de alta e cotas mensuais, cun límite máximo de 100 euros e segundo os seguintes requisitos:
- Só poderá aplicarse no exercicio no que se subscribe o contrato de conexión a liñas de alta velocidade.
- A liña de alta velocidade contratada estará destinada ao uso exclusivo do fogar e non estará vinculada ao exercicio de calquera actividade empresarial ou profesional.
- Non resultará aplicable se o contrato de conexión supón simplemente un cambio de compañía prestadora do servizo e o contrato coa compañía anterior se realizou noutro exercicio. Non resultará tampouco aplicable cando se contrate a conexión a unha liña de alta velocidade e o contribuínte manteña, asemade, outras liñas contratadas en exercicios anteriores.
- O límite máximo da dedución aplícase respecto de todas as cantidades satisfeitas durante o exercicio, ben correspondan a un só contrato de conexión ou ben a varios que se manteñan simultaneamente.
Dous. A práctica das deducións ás que se refire o punto anterior quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do suposto de feito e dos requisitos que determinen a súa aplicabilidade. (1)
Artigo que entra en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2007.