Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

REGULAMENTO PARA A EXECUCIÓN DA LEI DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

Volver Sumario - Título I |
Título II |
Continuar: Disposicións

|

TÍTULO TERCEIRO.
Protección e defensa

|

CAPÍTULO PRIMEIRO.
Ámbito e medios

|

Artigo 149

  1. A protección fronte a terceiros dos bens demaniais e patrimoniais da Comunidade Autónoma comprende o inventario, a inscrición nos rexistros e o deslindamento dos mesmos para a súa identificación (131).
  2. A Comunidade Autónoma, para a defensa e tutela do seu patrimonio, terá capacidade para exercita-las accións e recursos que procedan, así como para o seguro dos bens que o integran, de conformidade co disposto nas leis (132) e no presente Regulamento (133).

(131) Sobre o inventario e a inscrición, arts. 150 a 168 deste regulamento. Para o deslindamento, arts. 170 a 181 do mesmo.

(132) Véxase a Lei 50/1980, do 8 de outubro, de contrato de seguro (BOE nº 250, do 17 de outubro), modificada pola Lei 21/1990, do 19 de decembro, de adaptación do Dereito español á Directiva 88/357/CEE, sobre liberdade de servicios en seguros distintos ó de vida e actualización da lexislación de seguros (BOE nº 304, do 20 de decembro), pola Lei 9/1992, do 30 de abril, reguladora da actividade de mediación (BOE nº 106, do 2 de maio), pola Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados (BOE nº 268, 9 de novembro) e pola Lei 18/1997, do 13 de maio, de modificación do artigo 8 da Lei de contrato de seguro (BOE nº 115, do 14 de maio).

Pode terse en conta, así mesmo, o RD 2.486/1998, do 20 de novembro, polo que se aproba o Rto. de ordenación e supervisión dos seguros privados (BOE nº 282, do 25 de novembro).

(133) Art. 169 deste regulamento.

CAPÍTULO SEGUNDO.
Inventario, inscrición e seguro

Sección 1ª. Inventario

Artigo 150

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral do Patrimonio, deberá leva-lo Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma, que comprenderá:

  1. Os bens inmobles (134) da Comunidade Autónoma, calquera que sexa a súa natureza, demanial ou patrimonial, e a forma da súa adquisición.
  2. Os dereitos patrimoniais.
  3. Os bens mobles (135) de carácter histórico-artístico ou de apreciable valor económico.
  4. Os títulos-valores.
  5. Os bens e dereitos atribuídos a organismos autónomos ou entidades públicas, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia coa única excepción dos que se adquiran para garanti-la rendabilidade das reservas legais que teñan que se constituír co propósito (136) de devolvelos ó tráfico xurídico patrimonial de acordo cos seus fins patrimoniais.
  6. Os bens mobles non comprendidos nos apartados anteriores (art. 78 Lei).

(134) Art. 334 do CC .

(135) Arts. 335 a 337 do CC .

(136) Erro non corrixido. Debe entenderse "ou co propósito", de acordo co art. 78 da lei.

Artigo 151

O inventario dos bens e dereitos ó que se refire o artigo anterior elaborarase nas seguintes relacións separadas:

  1. Inmobles.
  2. Dereitos reais e arrendamentos.
  3. Mobles de carácter histórico-artístico ou de apreciable valor económico.
  4. Títulos-valores.
  5. Mobles non comprendidos noutros epígrafes.
  6. Semoventes.
  7. Vehículos.
  8. Concesións administrativas, tanto se a Administración autonómica é concedente como se é concesionaria.
  9. Bens e dereitos suxeitos a condicionamentos (137).

(137) Cada unha das relacións sinaladas neste precepto teñen a súa regulación específica nos arts. 154 a 162 deste regulamento.

Artigo 152

  1. A formación e actualización (138) do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma é competencia da Dirección Xeral do Patrimonio.
  2. Para estes efectos, as diferentes Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios remitirán á citada Dirección Xeral o inventario de bens mobles e semoventes que lles resulten adscritos, sen prexuício de que a dita Dirección Xeral poida establece-las normas de coordenación e normalización que considere oportunas para a realización do dito Inventario (139), así como realizalos por si ou demandando a colaboración necesaria das Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios.

Con carácter xeral, as Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios facilitarán á Dirección Xeral do Patrimonio tódolos datos e antecedentes que reclame este centro directivo para a formación e posta ó día do Inventario Xeral (140).

Co mesmo fin os citados órganos e entes deberán remitir á Dirección Xeral do Patrimonio unha copia da acta de recepción das obras públicas contratadas, así como facilitar cantos datos e características das mesmas sexan requeridas polo citado centro directivo.

(138) Véxase a disposición adicional 8ª deste regulamento.

(139) Véxase a Res. do 3 de xaneiro de 1990 da D.X. do Patrimonio pola que se establecen normas sobre o cerramento e conseguinte formación do inventario xeral, con data do 31 de decembro do pasado ano 1989, e se establece o procedemento para a súa actualización permanente (DOG nº 10, do 15 de xaneiro), e a Res. do 5 de febreiro de 1992 da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio sobre habilitación de facultativos para a asistencia ás recepcións provisionais de obras, para os efectos da actualización do inventario de bens inmobles da CA (DOG nº 35, do 20 de febreiro). Complementariamente, para a formación do inventario véxase tamén a Res. da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma do 6 de xuño de 1986, pola que se aproban os modelos normalizados para a solicitude de representante dese centro nos actos de recepción provisionais únicos e definitivos (DOG nº 118, do 19 de xuño).

(140) Como exemplo de colaboración na formación do inventario xeral, véxase o art. 16 do D. 70/1997, do 14 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG nº 68, do 10 de abril), modificado polo D. 258/1999, do 17 de setembro (DOG nº 190, do 30 de setembro).

Artigo 153

  1. O labor de inventario comprende o de valoración dos bens e dereitos inventariados.

    A valoración será realizada polos técnicos con titulación suficiente designados pola Dirección Xeral do Patrimonio, que, para iso, poderá solicita-la colaboración dos correspondentes servicios técnicos da Administración da Comunidade Autónoma (141).

    Cada valoración expresará os criterios ou técnicas de taxación seguidas e o valor resultante non poderá exceder en ningún caso do valor do mercado.

  2. Os valores fixados serán obxecto de actualización periódica e, en todo caso, cada tres anos ou antes, se mediasen circunstancias excepcionais que deixasen aqueles notablemente desfasados.

(141) Véxase a disposición adicional 7ª deste regulamento.

Artigo 154

  1. O inventario de bens inmobles comprenderá a máis completa descrición posible das circunstancias físicas e xurídicas dos mesmos, de modo que permita a súa perfecta identificación e a consideración das súas posibilidades de uso ou servicio.
  2. Particularmente, expresará polo menos as seguintes circunstancias:
    1. Nome ou denominación do inmoble, se o tivese.
    2. Situación, lindeiros, superficie e estado de conservación.
    3. Título de adquisición, precisando se se trata de inmobles adquiridos pola propia Comunidade Autónoma ou procedentes de transferencias do Estado.
    4. Natureza do ben patrimonial ou de dominio público, precisando neste caso a Consellería ou ente público ou órgano estatutario a que estea adscrito.
    5. Inscrición no Rexistro da Propiedade, se fose inscribible.
    6. Determinacións urbanísticas que lle afecten.
    7. Dereitos reais ou persoais que lle afecten.
    8. Valor actual e custo de mantemento.
    9. Froitos e rendas que produza.

Artigo 155

O inventario de dereitos reais e arrendamentos comprenderá as seguintes
circunstancias:

  1. Natureza do dereito.
  2. Inmoble sobre o cal recaia.
  3. Órgano ou ente que o utiliza.
  4. Contido do dereito.
  5. Título de adquisición.
  6. Inscrición no Rexistro da Propiedade.
  7. Custo da adquisición, se é o caso, ou precio do arrendamento.
  8. Valor actual.
  9. Froitos e rendas que produza.

Artigo 156

O inventario de bens mobles de carácter histórico-artístico (142) ou de apreciable valor económico expresará os seguintes aspectos:

  1. Descrición de forma que permita a súa identificación.
  2. Acreditación do seu valor histórico-artístico.
  3. Ubicación e órgano ou ente responsable da súa custodia.

(142) Téñase en conta a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG nº 214, do 8 de novembro).

Artigo 157

O inventario de títulos-valores conterá tódalas circunstancias xurídicomercantís, económicas e de rendabilidade que permitan a súa perfecta identificación e valoración.

Necesariamente precisará o número dos títulos, a súa clase, serie e numeración, o seu valor nominal e efectivo.

Artigo 158

O inventario de bens mobles non comprendidos nos artigos anteriores farase describíndoos da forma máis completa posible para efectos da súa identificación, individualización e valoración.

Artigo 159

O inventario de bens semoventes consignará, con referencia a cada unha das fincas nas que estean estabulados, os datos referentes a:

  1. Especie, marca ou raza.
  2. Número de cabezas.
  3. Valoración.

Artigo 160

No inventario de vehículos faranse consta-las características identificativas, data e custos de adquisición, quilometraxe, estado de conservación e valor actual de cada un dos vehículos que compoñen o parque móbil da Comunidade Autónoma (143).

(143) Véxanse o D. 327/1994, do 3 de novembro, polo que se regula o parque móbil da Xunta de Galicia (DOG nº 214, do 7 de novembro. C. de e. no DOG nº 217, do 10 de novembro), e a O. do 23 de novembro de 1994 pola que se desenvolve o decreto citado (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Artigo 161

O inventario das concesións administrativas comprenderá un resumen sucinto de tódolos extremos das concesións nas que sexa parte concedente ou concesionaria a Comunidade Autónoma.

Artigo 162

O inventario de bens ou dereitos suxeitos a condicionamentos ten por obxecto facilitar á Administración da Comunidade Autónoma o coñecemento destes e o oportuno exercicio, se é o caso, das facultades ou accións que lle correspondan, polo cal aqueles constarán con precisión das circunstancias identificativas necesarias para tal efecto.

Artigo 163

De acordo coas normas anteriores, poderán formarse inventarios separados dos bens e dereitos que correspondan ás Consellerías, órganos estatutarios, entes públicos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 164

  1. O inventario xeral será obxecto de actualización continuada, pero a súa comprobación para os efectos da súa aprobación farase cada ano.
  2. Para tal efecto, no primeiro trimestre de cada ano, a Dirección Xeral do Patrimonio elaborará unha memoria detallada das altas e baixas, reflexadas no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma durante o ano anterior, así como das actualizacións de valor que, se é o caso, se verificasen.
  3. Para facilita-la información desta memoria as Secretarías Xerais Técnicas (144) das distintas Consellerías e os presidentes e directores dos órganos estatutarios e entes públicos facilitarán á Dirección Xeral do Patrimonio dentro do mes de xaneiro de cada ano a relación actualizada dos bens mobles a que se refiren os artigos deste Regulamento, así como a dos semoventes e vehículos.

(144) A referencia ás Secretarías Xerais Técnicas debe entenderse referida ás actuais Secretarías Xerais, de acordo coa disposición adicional primeira do D. 291/1993, do 11 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Artigo 165

O Inventario Xeral, pechado o 31 de decembro do ano anterior en unión da memoria á que se refire o artigo anterior, será autorizado polo Director Xeral do Patrimonio e elevado á aprobación do Conselleiro de Economía e Facenda.

O acordo de aprobación será publicado no Diario Oficial de Galicia e anunciará a exposición ó público do inventario durante quince días.

Artigo 166

O Servicio de Inventario estará asistido polo de Contabilidade Patrimonial, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Xunta (art. 78.2 Lei).

|
arriba
|

Sección 2ª. Inscrición de bens e dereitos

Artigo 167

  1. Será obrigatoria para a Comunidade Autónoma a inscrición ou anotación dos bens e dereitos da súa pertenza no Rexistro da Propiedade ou en calquera outro Rexistro de carácter público.
  2. Están exceptuados da inscrición ou anotación rexistral os bens demaniais de uso público e todos aqueles dos que a condición demanial se manifesta de forma ostensible ou aparente (145).
  3. A Dirección Xeral do Patrimonio será a encargada de promove-la inscrición ou anotación dos bens no Rexistro competente (art. 79 Lei).

(145) Arts. 5 e 6 do Rto. hipotecario, aprobado polo D. do 14 de febreiro de 1947 (BOE nº 106, do 16 de abril).

Artigo 168

  1. A inscrición ou anotación e, se é o caso, a inmatriculación dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma realizarase con relación ó disposto na Lei Hipotecaria e no seu Regulamento para os bens e dereitos do Estado (146).
  2. Para a inscrición no Rexistro da Propiedade do traspaso de bens inmobles do Estado á Comunidade Autónoma, terase en conta o establecido na disposición transitoria cuarta, 3 do Estatuto de Autonomía de Galicia.
  3. Os honorarios dos rexistradores pola inmatriculación, inscrición ou anotación de bens e dereitos da Comunidade Autónoma, observarán a reducción que corresponda de acordo co establecido no artigo 50 do Estatuto de Autonomía para Galicia.

(146) Véxanse os arts. 2 e 206 da Lei hipotecaria do 8 de febreiro de 1946 (BOE nº 58, do 27 de febreiro) e os arts. 4, 5, 17 a 30, 32 e 303 a 307 do seu regulamento, aprobado polo D. do 14 de febreiro de 1947 (BOE nº 106, do 16 de abril).

|
arriba
|

Sección 3ª. Seguro de determinados bens (147)

(147) Véxase a Lei 50/1980, de contrato de seguro (BOE nº 250, do 17 de outubro), modificada pola Lei 21/1990, do 19 de decembro, de adaptación do Dereito español á Directiva 88/357/CEE, sobre liberdade de servicios en seguros distintos ó de vida e actualización da lexislación de seguros (BOE nº 304, do 20 de decembro), pola Lei 9/1992, do 30 de abril, reguladora da actividade de mediación (BOE nº 106, do 2 de maio), pola Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados (BOE nº 268, 9 de novembro) e pola Lei 18/1997, do 13 de maio, de modificación do artigo 8 da Lei de contrato de seguro (BOE nº 115, do 14 de maio).

Así mesmo, pode terse en conta o RD 2.486/1998, do 20 de novembro, polo que se aproba o Rto. de ordenación e supervisión dos seguros privados (BOE nº 282, do 25 de novembro).

Artigo 169

  1. Os bens inmobles e os bens mobles de carácter histórico-artístico ou de considerable valor económico poderanse asegurar mediante a oportuna póliza.
  2. Correspóndelle acorda-la subscrición da póliza á Consellería de Economía e Facenda a proposta da Consellería interesada ou da Dirección Xeral do Patrimonio (148), logo de expediente tramitado polo centro directivo no que se acredite a conveniencia do seguro.
  3. A subscrición da póliza farase coa compañía de seguros que ofreza mellores condicións, polo cal se deberá promover concorrencia pública de ofertas (149).

(148) Véxase o art. 4.2.2.4 do D. 13/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Cª de Economía e Facenda ( DOG nº 22, do 3 de febreiro).

(149) Son aplicables as normas contidas para o contrato de servicios nos arts. 197 e ss. da LCAP .

|
arriba
|

CAPÍTULO TERCEIRO.
Deslindamento

|

Artigo 170

A Xunta de Galicia poderá proceder ó deslindamento dos bens do seu patrimonio, tanto demaniais como patrimoniais, mediante procedemento administrativo no que se oia ós afectados por este. O deslindamento acordarao de oficio a Dirección Xeral do Patrimonio ou a instancia dos propietarios das fincas estremiras (150) ou titulares de dereitos reais sobre as mesmas (art. 72.1 Lei).

(150) Debe entenderse "estremeiras".

Artigo 171

  1. Mentres estea en trámite o procedemento administrativo de deslindamento, non poderá instarse procedemento xudicial con igual pretensión nin se admitirán interdictos sobre o estado posesorio das fincas da Comunidade Autónoma obxecto daquel (151).
  2. Do acto que inicie o procedemento darase traslado ó Rexistro da Propiedade co fin de que, se a finca estivese inscrita, se practique anotación marxinal ó asentamento de inscrición da mesma e, se é o caso, das fincas estremeiras afectadas ou, en defecto de inmatriculación, se extenda anotación de suspensión (art. 73 Lei).

(151) Arts. 2.061 a 2.070 e 1.633 a 1.662 da Lei de axuizamento civil, promulgada polo R.D. do 3 de febreiro de 1881 (Gacetas nº 36 a 53, do 5 ó 22 de febreiro).Téñanse en conta tamén os arts. 249.2, 250.4 e 251.3ª.6º da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil (BOE nº 7, do 8 de xaneiro), que entrará en vigor ó ano da súa publicación.

Artigo 172

O expediente iniciarase por acordo do Director Xeral do Patrimonio, que ordenará a confección dunha memoria comprensiva de, polo menos, os seguintes extremos:

  1. Motivación do deslindamento que se propón.
  2. Descrición da finca ou fincas ás que afecta, precisando a súa superficie, lindeiros e demais circunstancias que os identifiquen.
  3. Títulos de propiedade e, se é o caso, certificación acreditativa da súa inscrición no Rexistro da Propiedade, e información de tódolos incidentes habidos sobre propiedade, posesión e disfrute.

Artigo 173

  1. Se da devandita memoria resulta a conveniencia do deslindamento, o Director Xeral do Patrimonio acordará a súa práctica, e notificarao ós propietarios das fincas estremeiras, así como ós titulares doutros dereitos reais constituídos sobre as mesmas, se uns e outros tivesen domicilio coñecido.
  2. Sen prexuício de tales notificacións o deslindamento anunciarase no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello no que radiquen as fincas afectadas, con polo menos dous meses de antelación á data na que teña que dar comenzo.
  3. A notificación e os anuncios ós que se refiren os apartados anteriores precisarán a finca ou fincas obxecto de deslindamento e o lugar, día e hora no que se dará comenzo á súa práctica. Igualmente advertirán que os interesados poderán presentar tódalas alegacións e documentos que consideren conducentes á proba e defensa dos seus dereitos ata vinte días antes do comenzo das operacións. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningún documento nin alegación.

Artigo 174

A documentación incorporada ó expediente será remitida á Asesoría Xurídica da Consellería para que califique a validez e eficacia xurídica dos títulos presentados co obxecto de acredita-lo dominio ou posesión das fincas ás que se refiran, e, á vista deste informe, a Dirección Xeral do Patrimonio resolverá o que considere pertinente antes do día no que deba iniciarse a práctica do deslindamento.

Artigo 175

  1. No día e hora sinalados dará comenzo a práctica do deslindamento, á que asistirán: un técnico con título facultativo adecuado e un representante da Dirección Xeral do Patrimonio, ámbolos dous designados polo Director Xeral, e os prácticos que sexan necesarios. Poderá tamén asistir un técnico nomeado polos interesados.
  2. O acto consistirá en fixar con precisión os límites da finca e expedi-la correspondente acta.
  3. Nesta acta faranse consta-las seguintes circunstancias:
    1. Día, lugar e hora do inicio da operación.
    2. Nome, apelidos e representación dos concurrentes.
    3. Descrición do terreo, traballos realizados e instrumentos utilizados.
    4. Dirección e distancias ou lonxitudes das liñas perimetrais.
    5. Situación, cabida aproximada da finca e denominacións especiais, se as tivese.
    6. Manifestacións ou observacións que se formulen, pero sen que caiba a aportación de documentos por parte dos interesados.
    7. Hora de finalización do deslindamento e sinatura dos asistentes.
  4. Se non se puidese remata-lo apeo nunha soa xornada proseguirán as operacións durante as sucesivas, e noutras que se conviñesen sen necesidade de nova citación, e por cada unha delas expedirase a correspondente acta. Se ó rematar unha xornada non se conviñese a data na que proseguirán as actuacións, practicarase nova citación en forma ós interesados.
  5. Concluída a práctica do deslindamento incorporarase ó expediente a acta ou actas levantadas e un plano topográfico a escala da finca obxecto daquel.

Artigo 176

Dentro dos dez días seguintes á conclusión do procedemento a Dirección Xeral do Patrimonio propoñerá ó Conselleiro de Economía e Facenda a Orde aprobatoria do deslindamento.

Artigo 177

A resolución definitiva do deslindamento non poderá efectuar declaracións de dominio ou decidir cuestións de carácter civil, limitándose a definir un estado posesorio de feito que se presume integrado nunha titularidade preexistente (art. 72.2 Lei).

Artigo 178

A Orde resolutoria do deslindamento, que se notificará a tódolos interesados e se publicará no Diario Oficial de Galicia, será executiva e poderá ser impugnada en vía contencioso-administrativa, sen prexuício das accións que correspondan perante a xurisdicción ordinaria (art. 74 Lei).

Artigo 179

Firme a resolución aprobatoria do deslindamento, procederase á demarcación, con intervención dos interesados. Para este efecto sinalarase día para a súa práctica, que será notificada ós mesmos e publicada no «Diario Oficial de Galicia» polo menos con dez días de antelación (art. 75 Lei).

Artigo 180

O deslindamento administrativo será obxecto de inscrición no Rexistro da Propiedade (152). Para iso, en defecto de inmatriculación da finca procederase á previa inscrición do título adquisitivo desta ou, a falta deste, da certificación librada consonte co disposto no artigo 206 da Lei Hipotecaria (art. 76 Lei).

(152) Art. 12.2 do Rto. hipotecario,aprobado polo D. do 14 de febreiro de 1947 (BOE nº 106, do 16 de abril).

Artigo 181

Se o deslindamento se acordase a instancia de parte, os interesados deberán responsabilizarse no expediente dos gastos que orixinase.

|
arriba
|

CAPÍTULO CUARTO.
Protección posesoria e investigación

Sección 1ª. Recuperación da posesión

Artigo 182

  1. A Administración da Xunta de Galicia poderá recuperar por si mesma, en calquera momento, a posesión dos seus bens de dominio público.
  2. Igualmente poderá recupera-la posesión indebidamente perdida sobre os bens e dereitos patrimoniais no prazo de un ano, contado a partir do día seguinte de producirse a usurpación (153). Transcorrido este tempo deberá acudir perante a xurisdicción ordinaria exercitando as accións correspondentes.

Non se admitirán interdictos contra a Administración da Xunta nesta materia, sempre que aquela se axustase ó procedemento legalmente establecido (154) (art. 69 Lei).

(153) Art. 460.4º do CC .

(154) Art. 101 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

Artigo 183

  1. A recuperación da posesión incoarase de oficio ou en virtude de denuncia verbal ou escrita, que dará lugar á instrucción do correspondente expediente por parte da Dirección Xeral do Patrimonio.
  2. Comprobados os feitos que acrediten a usurpación, e sempre que non transcorrese un ano desde aquela, a Dirección Xeral do Patrimonio fará que o usurpador cese na súa actuación. No suposto de resistencia activa ou pasiva, actuarase de acordo co establecido na Lei de Procedemento Administrativo (155).
  3. Se transcorrese máis de un ano, a Dirección Xeral do Patrimonio instará o exercicio das accións que procedesen en conformidade co disposto no artigo 135.2 (156) deste Regulamento.
  4. En todo caso, se do feito ou feitos que acrediten a usurpación se suscitasen indicios racionais de delito ou falta penal, darase conta dos mesmos á autoridade xudicial, sen prexuício de adopta-las medidas ás que se refiren os outros apartados deste artigo (art. 71 Lei).

(155) Esta referencia legal debe entenderse feita ós artigos 93 e ss. da vixente Lei 30/1992, sinalada en nota ó art. anterior.

(156) Esta remisión normativa debe entenderse feita ó artigo 182.2, de acordo co previsto no artigo 71 da lei.

|
arriba
|

Sección 2ª. Investigación e inspección

Artigo 184

A Administración da Comunidade ten a facultade de investigar e inspecciona-la situación dos bens e dereitos que se presuman do seu dominio privado, co fin de determinar e probar, cando non lle conste, a propiedade da Comunidade Autónoma sobre uns e outros (art. 70 Lei).

Artigo 185

O exercicio da acción investigadora poderá acordalo a Dirección Xeral do Patrimonio de oficio ou a instancia de particulares, podendo neste caso rexeitala se a considerase manifestamente infundada.

Artigo 186

  1. Acordada a iniciación do expediente de investigación, dispoñerase a publicación no Diario Oficial de Galicia dun extracto do expediente onde figuren as características que permitan identifica-lo ben ou dereito investigado.
  2. Un exemplar do mencionado Diario remitirase ó Concello correspondente para a súa exposición ó público no taboleiro de anuncios da devandita Corporación durante un prazo de 15 días.
  3. Durante o prazo de un mes, contado desde o día seguinte ó que expirase o de publicación de anuncios, poderán as persoas afectadas polo expediente de investigación alegar por escrito o que consideren conveniente ó seu dereito, podendo aporta-los datos, antecedentes ou documentos que consideren pertinentes.
  4. Transcorrido o termo sinalado no apartado anterior, a Dirección Xeral do Patrimonio determinará a proba que, se é o caso, deba practicarse atendendo ó obxecto da investigación e tendo en conta o xa alegado e dilixenciado.
  5. Completado o expediente, poñerase de manifesto por termo de 10 días ás persoas ás que afecte a investigación e comparecesen nel, para que dentro do devandito prazo aleguen o que consideren conveniente ó seu dereito.
  6. A resolución do expediente de investigación correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio e contra ela caberá recurso de alzada (157) perante o Conselleiro de Economía e Facenda, que coa súa resolución esgota a vía administrativa.

(157) Véxanse os arts. 114 e 115 da Lei 30/1992, citada en nota ó art. 182.2 deste regulamento, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro. C. de e. no BOE nº 16, do 19 de xaneiro).

Artigo 187

  1. Ás persoas que promovan a acción investigadora recoñeceráselle-lo dereito a percibir en concepto de premio o 10 por 100 da cantidade líquida que se obteña na venda dos bens investigados.
  2. Se por calquera causa a finca investigada non fose vendida pola Comunidade Autónoma no prazo de cinco anos contados desde a conclusión do expediente, o premio previsto no apartado anterior será substituído, a vontade de quen tivese dereito ó mesmo, polo importe do 10 por 100 do valor de taxación da finca que conste no expediente.

Artigo 188

O coñecemento das cuestións de natureza civil que se susciten con ocasión da investigación practicada corresponderá á xurisdicción ordinaria.

|
arriba
|

Sección 3ª. Embargos e execucións contra bens e dereitos da Comunidade Autónoma

Artigo 189

Ningún tribunal poderá dictar providencia de embargo nin despachar mandamento de execución contra os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia nin contra as rendas, froitos ou productos do mesmo, debéndose ter en conta, a este respecto, o disposto na Lei de xestión económica e financeira pública de Galicia (158) (art. 77 Lei).

(158) Esta referencia legal debe entenderse feita ó TRLRFO , en concreto, ó seu art. 25.

|
arriba
|

CAPÍTULO QUINTO.
Responsabilidades e sancións

|

Artigo 190

Toda persoa, natural ou xurídica, que teña ó seu cargo a xestión dos bens e dereitos ós que se refire esta Lei, estará obrigada a velar pola súa custodia, conservación e, se é o caso, explotación racional, debendo responder perante a Administración da Comunidade Autónoma dos danos e prexuícios sobrevidos pola súa perda ou deterioración cando concorrese fraude ou neglixencia (159) (art. 80 Lei).

(159) Véxanse os arts. 122 e ss. do TRLRFO .

Artigo 191

  1. Toda a persoa que por dolo ou neglixencia cause dano en bens demaniais da Comunidade Autónoma ou realice sobre eles actos de usurpación, será sancionada en vía administrativa con multa do tanto a duplo do prexuício ocasionado, con independencia da reparación do dano ou da restitución, se é o caso (art. 81 Lei).
  2. A contía da multa graduarase atendendo en cada caso concreto á gravidade do dano ou perxuício causado, ó grao de culpa concorrente e, se é o caso, á comisión repetida de feitos similares.

Artigo 192

A determinación do importe dos danos, a imposición das sancións e a esixencia de responsabilidades acordaranse e executaranse en vía administrativa logo da tramitación do correspondente expediente con audiencia do interesado (160).

(160) Véxanse os arts. 127 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro. C. de e. no BOE nº 16, do 19 de xaneiro), e o Rto. do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo R.D. 1.398/1993, do 4 de agosto (BOE nº 189, do 9 de agosto).

Artigo 193

  1. Cando os feitos ós que se refire o artigo 191 puidesen constituír delito ou falta (161), a Xunta de Galicia poñerao en coñecemento da xurisdicción penal, deixando en suspenso a tramitación do procedemento administrativo ata que se acorde o sobresemento da causa ou se dicte sentencia firme (art. 82 Lei).
  2. Se a autoridade xudicial considera que non existiu infracción penal, a Administración continuará a tramitación do expediente administrativo con base nos feitos que os tribunais considerasen probados.

(161) Véxanse os arts. 234 e ss. e 623 e ss. do Código Penal, aprobado pola Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro (BOE nº 281, do 24 de novembro).

Volver Sumario - Título I |
Título II |
Continuar: Disposicións

A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC