Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

DECRETO LEXISLATIVO 1/1999, DO 7 DE OUTUBRO, POLO QUE SE APROBA O TEXTO REFUNDIDO DA LEI DE RÉXIME FINANCEIRO E ORZAMENTARIO DE GALICIA

TÍTULO VI.
Das responsabilidades

Artigo 122º.- Suxeitos responsables.

  1. As autoridades, os funcionarios e os empregados (194) da Comunidade Autónoma en calquera dos seus servicios, organismos autónomos, entes públicos ou sociedades públicas que, por dolo, culpa ou neglixencia adopten resolucións, executen accións ou incorran en omisións con infracción das disposicións desta lei, estarán obrigados a indemnizar á Facenda da Comunidade polos danos e perdas que sexan consecuencia daqueles, con independencia da responsabilidade penal (195) ou disciplinaria (196) que lles poida corresponder.
  2. Estarán suxeitos á obriga de indemnizar á Facenda da Comunidade, ademais das autoridades, dos funcionarios e dos empregados ós que se fai referencia no número 1 anterior, os interventores, tesoureiros e ordenadores de pagamentos que, con dolo, culpa, neglixencia ou ignorancia inescusable, non salvasen a súa actuación no correspondente expediente mediante observación escrita acerca da improcedencia ou ilegalidade do acto ou resolución.
    Iso deixando a salvo o disposto no artigo 76º.3, da presente lei.
  3. A responsabilidade de quen participe na resolución ou no acto será mancomunada, excepto cando concorra dolo, no que será solidaria.

(194) Téñanse en conta os artigos 145 e 146 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común (B.O.E. nº 285, do 27 de novembro. Corrección de erros no B.O.E. nº 311, do 28 de decembro de 1992, e nº 23, do 27 de xaneiro de 1993), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (B.O.E. nº 12, do 14 de xaneiro).

(195) Artigos 404 a 445 do Código Penal, aprobado pola Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro (B.O.E. nº 281, do 24 de novembro). Téñanse en conta as modificacións introducidas nestes preceptos pola Lei orgánica 15/2003, do 25 de novembro (B.O.E. nº 283, do 26 de novembro).

(196) Téñase en conta o Decreto 94/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (D.O.G. nº 58, do 25 de marzo), modificado polo Decreto 157/2004, do 7 de xullo (D.O.G. nº 139, do 20 de xullo).

Artigo 123º.- Tipificación das infraccións.

Constitúen infraccións que dan orixe á obriga de indemnizar segundo determina o artigo anterior:

  1. Incorrer no alcance ou malversación na administración de fondos da Comunidade.
  2. Administra-los recursos e demais dereitos da Facenda da Comunidade incumprindo as normas reguladoras da súa xestión, liquidación, inspección, recadación ou ingreso nas caixas da Tesourería.
  3. Comprometer gastos e ordenar pagamentos sen crédito suficiente ou infrinxindo doutro modo as disposicións legais aplicables á execución e xestión dos orzamentos e das operacións de Tesourería.
  4. Dar lugar a pagamentos indebidos ó liquida-las obrigas ou ó expedir documentos en virtude das funcións que se teñan encomendadas.
  5. Non render contas regulamentarias esixidas ou presentadas con graves defectos.
  6. Non xustifica-la aplicación dos fondos a que se refire o artigo 77º desta lei.
  7. Calquera outro acto ou resolución dictada con infracción do disposto nesta lei ou da normativa aplicable á xestión e administración do patrimonio.

Artigo 124º.- Instrucción e resolución.

  1. Sen prexuízo das competencias e do coñecemento dos feitos por parte do Consello de Contas de Galicia e do Tribunal de Contas, a responsabilidade polos actos, omisións e resolucións tipificados no artigo anterior será determinada e esixida mediante expediente administrativo instruído ó interesado.
  2. O acordo de incoación, o nomeamento de xuíz instructor e a resolución do expediente corresponderanlle á Xunta cando se trate de persoas que, de conformidade co ordenamento vixente, teñan a condición de autoridade e ó conselleiro de Economía e Facenda nos demais casos.
  3. Na tramitación do expediente daráselles audiencia ós interesados e a súa resolución conterá o pronunciamento sobre os danos e perdas causados ós bens e dereitos da Facenda da Comunidade, impoñéndolles ós responsables a obriga de indemnizar na contía e no prazo que se determine.

Artigo 125º.- Execución.

  1. Os danos e perdas declarados na resolución do expediente a que se refire o artigo anterior terán a consideración de dereitos da Facenda da Comunidade, gozarán do réxime previsto no artigo 19º desta lei e poderá procederse ó seu cobro, se é o caso, pola vía de constrinximento.
  2. A Facenda da Comunidade terá dereito a esixi-lo xuro previsto no artigo 21º desta lei sobre o importe dos alcances, malversacións, danos e perdas ós seus bens e dereitos, desde o día no que estes se causasen.
  3. Cando, a consecuencia da insolvencia dos obrigados que deben indemnizar, haxa que proceder contra os responsables subsidiarios declarados como tales no expediente, os xuros a que fai referencia o punto anterior seranlles esixidos desde a data na que fosen requiridos para realiza-lo pagamento.

Artigo 126º.- Dilixencias previas.

Tan pronto como se teña noticia dun alcance, malversación, dano ou prexuízo á Facenda da Comunidade, ou transcorresen os prazos sinalados no artigo 77º desta lei sen que se xustificasen as ordes de pagamento ás que este se refire, os superiores xerárquicos dos presuntos responsables e os ordenadores de pagamentos, respectivamente, instruirán as dilixencias previas oportunas e adoptarán, con igual carácter, as medidas necesarias para asegura-los dereitos da Facenda da Comunidade, dándolles conta inmediata ó Consello de Contas de Galicia, ó conselleiro de Economía e Facenda e, se é o caso, ó Tribunal de Contas, para que procedan de acordo coas súas competencias e conforme os procedementos establecidos.

|
arriba
|

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira. Definición de empresa pública.

Para os efectos desta lei, a definición que na normativa autonómica se fai da empresa pública entenderase referida, no sucesivo, ás sociedades públicas establecidas nesta (197).

(197) Artigo 12 desta lei.

Segunda. Rendición de contas ó Parlamento.

A Consellería de Economía e Facenda, dentro dos primeiros quince días hábiles de cada mes, daralle conta á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos de tódalas modificacións que se realicen de acordo co previsto nesta lei.

Terceira. Vixencia do artigo 23º, número 2.

O número 2 do artigo 23º desta lei, na redacción dada polo artigo 8 da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión (D.O.G. do 31. Corrección de erros no D.O.G. do 12 de febreiro de 1999), terá a vixencia determinada na disposición derradeira primeira desa lei, sen prexuízo da que establezan leis futuras (198).

(198) O dito precepto ten vixencia permanente, segundo a disposición adicional segunda da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (D.O.G. nº 252, do 31 de decembro).

Cuarta. Fundacións do sector público. (199)

  1. As entregas dinerarias sen contraprestación que realicen as fundacións do sector público rexeranse polo dereito privado, se ben serán aplicables os principios de xestión contidos nesta lei e os de información aos que se fai referencia no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvenciones. En todo caso, as achegas gratuítas que realicen terán relación directa co obxecto da actividade descrita na norma de creación ou nos seus estatutos.
  2. Para os efectos da regra anterior, consideraranse fundacións do sector público aquelas fundacións nas que se dea algunha das seguintes circunstancias:
    1. Que se constitúan cunha achega maioritaria, directa ou indirecta, das administracións públicas, dos seus organismos públicos ou demais entidades do sector público.
    2. Que o seu patrimonio fundacional, cun carácter de permanencia, estea formado en máis dun 50% por bens ou dereitos achegados ou cedidos polas referidas entidades.

(199) Esta disposición foi introducida polo artigo 14 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo (D.O.G. nº 253, do 30 de decembro).
Ó peche desta edición estase a tramitar un proxecto de lei de fundacións de interese galego, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 2004. O Título IX deste proxecto de lei regula as fundacións do sector público de Galicia.

|
arriba
|

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Única.-

Quedan derrogadas as leis que se citan nas táboas adxuntas e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta lei.

  1. En virtude da súa incorporación ó texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia quedan derrogadas as seguintes normas:
    • Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia (200).
    • Disposición adicional terceira da Lei 14/1992, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1993 (201).
    • Artigos 8º, 23º, 38º, 39º e 40º da Lei 1/1994, do 30 de marzo, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1994 (202).
    • Disposicións adicionais novena, décima e décimo primeira da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 (203).
    • Artigos 4º e 5º da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión (204).
    • Artigos 3, 4, 5, 6 e 8 da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión (205).
  2. En virtude do establecido na disposición derrogatoria da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, está derrogada a Lei 30/1984 (206), do 3 de abril, de xestión económica e financeira pública de Galicia.

(200) D.O.G. nº 200, do 14 de outubro de 1992. Corrección de erros no D.O.G. nº 220, do 11 de novembro.

(201) D.O.G. nº 254, do 31 de decembro de 1992.

(202) D.O.G. nº 63, do 4 de abril de 1994.

(203) D.O.G. nº 249, do 30 de decembro de 1995.

(204) D.O.G. nº 68, do 9 de abril de 1998.

(205) D.O.G. nº 252, do 31 de decembro de 1998.

(206) Erro non corrixido. Debe entenderse "Lei 3/1984". Publicada no D.O.G. nº 113, do 13 de xuño de 1984.

|

Volver: Sumario - Título I
| Título II
| Título III
| Título IV
| Título V

|
A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC