Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

DECRETO LEXISLATIVO 1/1999, DO 7 DE OUTUBRO, POLO QUE SE APROBA O TEXTO REFUNDIDO DA LEI DE RÉXIME FINANCEIRO E ORZAMENTARIO DE GALICIA

TÍTULO IV.
Da Tesourería

Artigo 87º.- Concepto.

  1. Constitúen a Tesourería da Comunidade Autónoma de Galicia tódolos recursos financeiros, sexan diñeiro, valores, créditos e os demais productos das operacións de endebedamento da Comunidade e dos seus organismos autónomos que se xeren tanto por operacións orzamentarias coma extraorzamentarias.
  2. As dispoñibilidades da Tesourería e as variacións que poidan sufrir están suxeitas ó réxime de intervención e deben ser rexistradas de conformidade coas normas de contabilidade pública. Poderán establecerse procedementos especiais de anotación en conta para aqueles movementos internos de efectivo entre as distintas contas operativas da Tesourería que determine o conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 88º.- Funcións.

Son funcións propias da Tesourería:

  1. A xestión recadatoria dos recursos e o pagamento das obrigas da Comunidade e dos seus organismos autónomos.
  2. Instrumentar e servir ó principio de unidade de caixa, mediante a centralización de tódolos fondos e valores xerados por operacións orzamentarias e extraorzamentarias.
  3. Distribuír no tempo e no territorio as dispoñibilidades diñeirarias para a satisfacción puntual das obrigas da Comunidade.
  4. Velar pola obtención da axeitada rendibilidade dos recursos dispoñibles da Comunidade sen menoscabo dos fins propios da Tesourería.
  5. Responder dos avais contraídos pola Comunidade conforme as disposicións desta lei (157).
  6. As demais funcións que se deriven ou relacionen coas anteriores enumeradas.

(157) Artigos 40 a 45 da presente lei.

Artigo 89º.- Situación dos fondos da Comunidade Autónoma.

  1. Con carácter xeral a Tesourería da Comunidade situará os fondos públicos no Banco de España ou nas entidades de crédito e aforro galegas ou que operen en Galicia, en contas das que, en todo caso, posuirá a titularidade.
  2. A Tesourería da Comunidade poderá instrumentar todas aquelas operacións activas que considere convenientes para mante-la adecuada rendibilidade dos fondos ó seu cargo, guiada en todo caso polo principio de seguridade na súa colocación.
  3. O réxime xeral de autorizacións para a situación e colocación de fondos, a natureza das contas, o control e a disposición dos fondos e dos servicios de colaboración que se vaian concertar coas entidades financeiras indicadas no parágrafo anterior establecerao a Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 90º.- Situación dos fondos dos organismos autónomos.

  1. Os fondos dos organismos autónomos situaranse en contas diferenciadas coa autorización expresa da Consellería de Economía e Facenda e baixo o control da Tesourería, utilizando rúbricas que conteñan a denominación xeral de "Organismos autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia", tendo a consideración, para tódolos efectos, de fondos da propia Tesourería.
  2. Os ditos fondos poderán estar situados no Banco de España ou noutras entidades de crédito e aforro galegas ou que operen en Galicia, necesitando autorización expresa da Consellería de Economía e Facenda para a apertura de cada conta e para a determinación das súas condicións de funcionamento, logo de solicitude motivada, que poderá ordena-la súa cancelación ou suspende-la súa utilización se se comprobase que non subsisten as condicións que motivaron a autorización de apertura.
  3. As entidades financeiras indicadas no punto anterior teñen para coa Tesourería da Comunidade Autónoma, á súa solicitude, as mesmas obrigas de información que para coas consellerías e cos organismos autónomos titulares das contas abertas nelas.
  4. A Consellería de Economía e Facenda poderá propoñerlle ó Consello da Xunta que as operacións de ingreso e de ordenación e realización material do pagamento dos organismos autónomos (158) e dos entes públicos a que fai referencia a alínea b) do punto 1 do artigo 12º desta lei se realicen pola Tesourería da Xunta, para o cal se establecerá o correspondente procedemento.

(158) Téñase presente o Decreto 302/1992, do 22 de outubro, polo que se establece o procedemento para a realización das operacións de tesourería do Servicio Galego de Saúde (D.O.G. nº 212, do 30 de outubro. Corrección de erros no D.O.G. nº 218, do 9 de novembro).

Artigo 91º.- Ingresos e medios de pagamento.

  1. Os ingresos a favor da Tesourería poderán realizarse no Banco de España, nas caixas da propia Tesourería ou nas que se habiliten nos organismos autónomos e nas entidades colaboradoras daquela (159).
  2. Os medios de pagamento admisibles polas caixas da Tesourería poderán consistir en diñeiro de curso legal, cheques nominativos, xiros, transferencias ou calquera outro medio de pagamento legalmente establecido. A Consellería de Economía e Facenda establecerá as condicións que terán que cumprir e o momento no que en cada caso se producirá a liberación da débeda.
  3. A Tesourería poderá darlles cumprimento ás súas obrigas por calquera dos medios de pagamento a que se fai referencia no parágrafo anterior.

(159) Véxase o Decreto 243/1992, do 30 de xullo, polo que se establece o servicio de caixa nas delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda a través de entidades financeiras (D.O.G. nº 157, do 13 de agosto). Véxase tamén a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 25 de xuño de 1993 pola que se dictan normas de actuación das entidades de depósito que prestan servicio de caixa nas delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda (D.O.G. nº 122, do 29 de xuño).

Artigo 92º.- Fluxos financeiros.

Para unha mellor xestión da Tesourería e unha adecuada análise do seu funcionamento, deberase elaborar trimestralmente un cadro de seguimento dos fluxos financeiros derivados da actividade da Comunidade e dos seus organismos autónomos, no marco das previsións dun orzamento monetario.

|

Volver: Sumario - Título I
| Título II
| Título III
| Continuar: Título V
| Título VI - Disposicións

|
A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC