Sumario
| Saltar
sumario |
TÍTULO I. DISPOSICIÓNS COMÚNS.
TÍTULO II. ACTUACIÓNS E PROCEDEMENTOS DE XESTIÓN.
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
CAPÍTULO II. TAXAS
CAPÍTULO III. PREZOS
TÍTULO III. RECADACIÓN.
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
CAPÍTULO II. RECADACIÓN EN PERÍODO VOLUNTARIO
CAPÍTULO III. RECADACIÓN EN PERÍODO EXECUTIVO
TÍTULO IV. INSPECCIÓN.
TÍTULO V. PROCEDEMENTO SANCIONADOR.
TÍTULO VI. REVISIÓN EN VÍA ADMINISTRATIVA.
CAPÍTULO I. PROCEDEMENTOS ESPECIAIS DE REVISIÓN
- SECCIÓN 1ª.- REVISIÓN DE ACTOS NULOS DE PLENO DEREITO
- SECCIÓN 2ª.- DECLARACIÓN DE LESIVIDADE DE ACTOS ANULABLES
- SECCIÓN 3ª.- REVOGACIÓN
- SECCIÓN 4ª.- RECTIFICACIÓN DE ERROS
- SECCIÓN 5ª.- DEVOLUCIÓN DE INGRESOS INDEBIDOS
CAPÍTULO II. RECURSO DE REPOSICIÓN
CAPÍTULO III. RECLAMACIÓN ECONÓMICO-ADMINISTRATIVA
CAPÍTULO IV. SUSPENSIÓN
TÍTULO VII. CONTROL INTERNO.
TÍTULO VIII. USO DAS TECNOLOXÍAS.
|
|
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións
reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia configura
na sección 1ª do Capítulo I, no Capítulo
II e no Capítulo III o réxime xeral de aplicación
das taxas, prezos públicos e prezos privados respectivamente,
remitindo determinados aspectos a normas de carácter regulamentario.
Este decreto pretende desenvolver estes aspectos sinalados na
norma legal á luz da recente modificación do sistema
tributario levado a cabo pola lei 58/2003, do 17 de decembro,
xeral tributaria.
O decreto estrutúrase en oito títulos. O Título
I recolle unha serie de disposicións que son comúns
a tódolos instrumentos financeiros. O Título II
dedícase á regulamentación da xestión
de taxas e prezos, estruturándose en tres capítulos,
de forma que o primeiro establece unha serie de disposicións
comúns, o segundo regulamenta as especialidades da xestión
das taxas respecto da regulamentación xeral en materia
tributaria, establecendo con carácter xeral a obriga de
autoliquidación, e o terceiro regulamenta a xestión
do cobro dos prezos. O Título III regulamenta as especialidades
necesarias en materia de recadación de taxas e de prezos.
Os Títulos IV e V determinan os órganos competentes
para a inspección dos instrumentos e para o exercicio da
potestade sancionadora respectivamente e remítense á normativa
tributaria cadanseus procedementos. O Título VI dispón
as normas correspondentes ós procedementos de revisión.
O Título VII establece as competencias para a realización
do control interno. O Decreto dedica o seu último Título,
o VIII, á normativa aplicable para o uso das tecnoloxías
en materia de aplicación de taxas e prezos na Comunidade
Autónoma de Galicia.
Esta disposición foi sometida ó trámite
de audiencia ós cidadáns ó que se refire
o artigo 24.1 da Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno, mediante
a petición do ditame do Consello Económico e Social
de Galicia.
Na súa virtude, facendo uso do disposto na disposición
final terceira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos
e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de
Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda,
oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación
do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión
do día sete de abril de dous mil cinco,
|
|
DISPOÑO
TÍTULO I. DISPOSICIÓNS COMÚNS
Artigo 1º.-Obxecto.
- Este decreto ten por obxecto a regulación da aplicación das
taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.
- A aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de
Galicia comprende todas as actividades administrativas dirixidas á información
e asistencia aos obrigados ao pagamento dos instrumentos financeiros e á xestión,
inspección e recadación, así como as actuacións dos
obrigados no exercicio dos seus dereitos ou en cumprimento das súas obrigas.
- A aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de
Galicia desenvolverase mediante os procedementos administrativos de xestión,
inspección, recadación e os demais previstos neste decreto e na
normativa correspondente.
- A consellería competente en materia de facenda promoverá a axilidade,
a simplificación, a descentralización, así como a coordinación
administrativa nos procedementos de aplicación das taxas e dos prezos.
Artigo 2º.-Definicións.
Para os efectos deste decreto e a súa normativa de
desenvolvemento, entenderase por:
- Suxeito activo: os órganos da Administración xeral, os seus
organismos autónomos e as entidades de dereito público dependentes
ou que estean vinculadas a calquera destes, enmarcables todos eles dentro da
Administración pública da Xunta de Galicia, que concedan a utilización
privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público
da Comunidade Autónoma de Galicia, subministren o ben, presten o servizo
ou realicen a actividade gravada.
- Suposto de feito: calquera concesión de permisos
de ocupación
temporal, concesións administrativas ou calquera outras autorizacións,
cuxo obxecto sexa a utilización privativa, ocupación ou aproveitamento
especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia,
entrega de bens, realización de actividades ou prestación de servizos
realizada polos suxeitos activos aos que se refire o punto anterior e gravada
ou susceptible de ser gravada por un instrumento financeiro.
- Servizo xestor: o suxeito activo que teña a competencia para realizar
a xestión do instrumento financeiro correspondente, consonte co disposto
no título II deste decreto.
- Interesado: o suxeito pasivo dunha taxa ou o obrigado ao pagamento
dun prezo.
Artigo 3º.-Obrigas xestoras.
- As relacións que xurdan na aplicación das taxas e prezos entre
a consellería competente en materia de facenda e os suxeitos activos dos
instrumentos financeiros dependentes de cada consellería, realizaranse
a través dun interlocutor nomeado para tal efecto pola consellería
correspondente, sen prexuízo das actuacións que se poidan levar
de forma individualizada con cada un deles.
- Todos os servizos xestores de taxas e prezos deberán levar rexistros
separados de ingresos e gastos nos que incorran na realización dos supostos
de feito. A estrutura destes rexistros establecerase por orde do conselleiro
competente en materia de facenda.
- O órgano xestor quedará obrigado a:
- Remitir no mes de febreiro de cada ano información anual agregada respecto
do contido dos rexistros de ingresos e gastos incorridos na realización
dos supostos de feito gravados polos instrumentos financeiros no ano inmediato
anterior consonte co formato establecido por orde do conselleiro competente
en materia de facenda.
- Conservar os xustificantes de ingreso dos instrumentos
financeiros nos expedientes correspondentes, así como os xustificantes das bonificacións, exencións
ou non suxeicións aplicadas.
- Someterse aos plans ou controis que poida desenvolver
a consellería competente
en materia de facenda, prestando a debida colaboración. Para estes efectos
poderá contar coa axuda e colaboración da Inspección de
Servizos da Xunta de Galicia.
- Formular as propostas de establecemento de novos instrumentos
financeiros, así como
o incremento das tarifas dos xa establecidos, sempre que non se trate da actualización á que
se refire o artigo 15.6º da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos
e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, acompañados
dunha memoria económica que poderá axustarse ao modelo que aprobe
por orde o conselleiro competente en materia de facenda.
- A dirección xeral competente en materia de ingresos de dereito público
e a Intervención Xeral serán os encargados de comprobar no ámbito
das súas competencias, o cumprimento polos órganos xestores das
normas ditadas pola consellería competente en materia de facenda, en relación
coa aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma
de Galicia.
|
|
TÍTULO II
Actuacións e procedementos de xestión
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 4º.-Xestión.
A xestión das taxas e dos prezos públicos consiste no exercicio
de todas aquelas funcións administrativas conducentes á súa
liquidación, e máis todas aquelas establecidas pola normativa
tributaria, cando esta sexa aplicable.
Artigo 5º.-Competencia.
- Con carácter xeral, a xestión e a liquidación
de cada instrumento financeiro corresponderalles aos suxeitos activos
que realicen o suposto de feito.
- A competencia territorial virá determinada en función do lugar
no que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito.
Artigo 6º.-Inicio.
As actuacións e procedementos de xestión iniciaranse:
- De oficio polo órgano competente para a xestión.
- Por iniciativa do interesado, mediante solicitude, comunicación, autoliquidación
ou calquera outra declaración.
Artigo 7º.-Desenvolvemento.
A proposta de resolución será notificada con carácter previo á resolución
concedendo un prazo de 10 días para que o interesado presente cantas alegacións
estime oportunas. Transcorrido o prazo sinalado anteriormente sen que o interesado
presentase alegación ningunha, entenderase notificada a resolución
para todos os efectos o día seguinte ao do vencemento do devandito prazo.
Artigo 8º.-Terminación.
Os procedementos de xestión deberán finalizar nun prazo non superior
a 6 meses. Se transcorrido este prazo non se notificou a resolución correspondente
entenderase caducado o procedemento iniciado, sen que iso obste a exixencia do
dereito correspondente durante o prazo de prescrición.
Artigo 9º.-Depósito previo.
- Por orde do conselleiro competente en materia de facenda
estableceranse os supostos nos que se poderá exixir o
depósito previo total ou parcial
de cada un dos instrumentos financeiros que sexan de aplicación.
- O depósito previo incluirá, se é o caso,
os impostos correspondentes.
- O depósito previo será tido en conta á hora de practicar
a liquidación do instrumento financeiro correspondente, de forma que,
se o resultado final da liquidación fose negativo, a cantidade resultante
devolverase de oficio.
Artigo 10º.-Práctica da liquidación.
- A liquidación é o acto resolutorio mediante o cal o órgano
competente da administración realiza as operacións de cuantificación
necesarias e determina o importe da débeda debida á Facenda pública
galega ou, se é o caso, o importe que resulta para devolver ao interesado.
- As liquidacións practicaranse atendendo a verdadeira natureza do
suposto de feito e as normas reguladoras destes.
Artigo 11º.-Normativa aplicable.
Aos procedementos de xestión de prezos públicos seralles de aplicación
a normativa tributaria de forma supletoria.
Capítulo II
Taxas
Artigo 12º.-Autoliquidación.
- Agás os supostos previstos nos puntos 4 e 5 deste artigo, as taxas
serán obxecto de autoliquidación polo suxeito pasivo, debendo achegar
os xustificantes pertinentes nos casos nos que aplique bonificacións ou
alegue exencións.
- Os órganos xestores deberán comprobar as declaracións-liquidacións
presentadas, así como os xustificantes achegados polo interesado para
facer valer a aplicación de bonificacións ou exencións,
e practicar, se fose procedente, a correspondente liquidación.
- De igual xeito, poderán ditar liquidación provisional de oficio
cando os elementos de proba que consten no seu poder, poñan de manifesto
a realización dun suposto de feito ou a existencia de elementos deste
que non foran declarados, ou a existencia de elementos determinantes da contía
da débeda tributaria distintos aos declarados.
- Serán obxecto de liquidación por parte do órgano xestor:
- A taxa exixible pola prestación
do servizo de sinalamento e inspección
de toda clase de aproveitamentos en montes catalogados e non catalogados,
a que se refire o subpunto 13 do punto 05 do anexo 2 da
Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións
reguladoras da Comunidade Autónoma
de Galicia.
- As tarifas portuarias aplicables nos portos e instalacións competencia
da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas no punto 99 do anexo 3
da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras
da Comunidade Autónoma de Galicia.
- A taxa exixible pola utilización privativa, ocupación ou aproveitamento
especial do dominio público portuario, a que se refire o punto 02 do anexo
5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras
da Comunidade Autónoma de Galicia.
- A exacción das tarifas relacionadas a seguir, realizarase mediante retención directa no momento do pagamento de cada unha das certificacións:
- A tarifa 03 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no Anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, denominada "dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato".
- A tarifa 60 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no Anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia denominada "dirección e inspección da explotación de infraestruturas hidráulicas" (1).
(1) Apartado modificado polo Decreto 6/2006, do 26 de xaneiro de 2006, polo que se modifica o Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 20, do 30 de xaneiro de 2006).
Artigo 13º.-Notificación de liquidacións de taxas.
- A liquidación das taxas deberá ser notificada ao suxeito pasivo
nos termos previstos na Lei xeral tributaria, incluíndo ademais da expresión
dos elementos aos que se refire a normativa tributaria, os seguintes:
- Os impostos correspondentes debidamente desagregados
ou a expresión
IVE incluído, se é o caso.
- Carta de pagamento, se é o caso.
- Cando a notificación houbera de facerse mediante comparecencia, consonte
co disposto na Lei xeral tributaria, citarase ao suxeito pasivo ou ao seu representante
por medio de anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia os
días 5 e 20 de cada mes, ou no primeiro diario oficial seguinte cando
estes días cadren con sábado ou día inhábil. Así mesmo,
poderán expoñerse estes anuncios nas oficinas do órgano
xestor que ditou o acto, na delegación territorial da consellería
competente en materia de facenda que consonte co artigo 16º deste decreto
sexa competente para a recadación da débeda ou na páxina
web da citada consellería no seu taboleiro de anuncios.
Capítulo III
Prezos
Artigo 14º.-Notificación de liquidacións de prezos.
- Cando a Administración pública realice a liquidación
dos prezos públicos, a factura correspondente será notificada
contendo, en todo caso, os seguintes elementos:
- Identificación do debedor.
- Natureza do ingreso.
- Elementos básicos que configuran a débeda, con
indicación
das normas no que se sustente.
- Os impostos correspondentes debidamente desagregados ou expresión IVE
incluído, se é o caso.
- Os medios de impugnación que procedan, indicando os prazos e órganos
perante os cales se pode interpoñer.
- Lugar, prazo e medios de pagamento da débeda.
- Carta de pagamento correspondente.
- A xestión do cobramento do resto dos
prezos documentarase en facturas que se adecuarán ao establecido
ao respecto pola normativa do Estado, nas que figurarán,
se é o caso, os impostos correspondentes debidamente
detallados, ou a expresión IVE incluído. A entrega
das facturas terá efectos de notificación.
|
|
TÍTULO III
Recadación
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 15º.-A xestión recadadora.
- A recadación das taxas e dos prezos consiste no exercicio de todas
aquelas funcións administrativas conducentes ao seu cobramento.
- A recadación poderase realizar:
- Para as taxas e prezos, en período voluntario, mediante o pagamento
ou cumprimento voluntario do interesado nos prazos previstos no artigo 20º deste
decreto.
- En período executivo, a recadación das taxas e dos prezos públicos,
efectuarase coercitivamente, por vía de constrinximento sobre o patrimonio
do obrigado que non cumprise a obriga ao seu cargo en período voluntario.
Artigo 16º.-Competencia.
- A xestión recadatoria da Facenda pública de Galicia, tanto da
Administración xeral da Comunidade Autónoma como dos seus organismos
autónomos e entidades de dereito público dependentes ou que estean
vinculadas á Administración pública da Xunta de Galicia,
corresponde á consellería competente en materia de facenda e a
levarán:
- En período voluntario, os órganos da
consellería competente
en materia de facenda e dos organismos autónomos e das entidades que
teñan
atribuída a xestión dos correspondentes instrumentos financeiros.
- En período executivo, os órganos da consellería competente
en materia de facenda, cando se trate de taxas e prezos públicos da Facenda
pública de Galicia, dos organismos autónomos e das entidades de
dereito público dependentes ou que estean vinculadas á Administración
pública da Xunta de Galicia.
- No entanto, cando a natureza do ingreso,
a súa especial incidencia
ou circunstancias do caso concreto así o aconsellen, os órganos
de recadación da consellería competente en materia de facenda
poderán
asumir a xestión recadatoria en período voluntario dos
recursos dos organismos autónomos e entes públicos.
- A competencia territorial atribuirase á delegación territorial
da consellería competente en materia de facenda da capital de
provincia na que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito
gravado (2).
(2) Entenderase modificado polo disposto na letra b) do apartado 2.3.1.do artigo 6ª do Decreto 79/2007, do 19 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda: “Artigo 6º.2.3.1. O Servizo Central de Recadación, que exercerá as seguintes funcións:(….) b) A xestión recadatoria nos seus dous períodos respecto das débedas dos servizos centrais e órganos con sede no Concello de Santiago de Compostela.”
Artigo 17º.-Lugar do pagamento.
- O pagamento das débedas haberá de realizarse nas contas restrinxidas
de recadación abertas nas entidades financeiras autorizadas pola consellería
competente en materia de facenda para actuar como entidades colaboradoras na
recadación, e, excepcionalmente, nas caixas dos órganos que se
creen, logo de autorización da consellería competente en materia
de facenda, e cos requisitos e condicións que se determinen.
- Os pagamentos realizados a persoas ou órganos non competentes para
recibilos, non liberarán o debedor da súa obriga de pagamento perante
a facenda da comunidade autónoma, sen prexuízo da responsabilidade
na que, se é o caso, puidera incorrer o perceptor non autorizado.
Artigo 18º.-Medios de pagamento.
Enténdese modificado polo Decreto 79/2007, do 19 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda; no seu artigo 6º. 2.3.1.b), segundo o que o Servizo Central de Recaudación, depende da Subdirección Xeral de Recaudación da Dirección Xeral de Tributos, exercerá a xestión recadatoria nos seus dous períodos respecto das débedas dos servizos centrais e órganos con sede no concello de Santiago de Compostela. (DOG nº 86, do 4 de maio de 2007; corrección de erros DOG nº 93, do 15 de maio de 2007).
- O pagamento realizarase en efectivo ou, mediante o emprego
de efectos timbrados nos supostos previstos legalmente e consonte
co previsto neste artigo.
- Así mesmo, posibilitarase o pagamento a través dos diferentes
medios que a tecnoloxía pon á disposición das entidades
financeiras e calquera outros que sexan aprobados mediante a correspondente orde
da consellería competente en materia de facenda.
- A utilización de efectos timbrados para o pagamento de
taxas e prezos públicos requirirá expresa autorización
da consellería
competente en materia de facenda, que comprenderá a forma e características
daqueles.
- O pagamento dos prezos privados realizarase consonte se
dispoña nas
normas que os establezan; no seu defecto, realizarase consonte se dispoña
por orde da consellería competente en materia de facenda que desenvolva
o procedemento de recadación deles e, subsidiariamente, consonte coa
normativa xurídico privada.
Artigo 19º.-Xustificantes de pagamento.
- Terán a consideración de xustificantes do pagamento
en efectivo das taxas e dos prezos, segundo os casos:
- As cartas de pagamento subscritas ou
validadas por órganos
competentes ou por entidades autorizadas para recibir o pagamento.
- Os recibos que emitan as entidades financeiras naqueles
casos no que o obrigado ao pagamento optase por algunha das
formas de pagamento a distancia que faciliten as novas tecnoloxías.
- As certificacións acreditativas do ingreso efectuado.
- Calquera outro documento ao que
a consellería competente en materia
de facenda outorgue expresamente o carácter de xustificante de pagamento.
- O xustificante de pagamento entregarase á persoa
que realice o pagamento, e expresará polo menos as seguintes
circunstancias:
- Identificación e domicilio do debedor.
- Concepto e importe da débeda e período ao que se refire, se é o
caso.
- Data do pagamento.
- Órgano, persoa ou entidade que o expide.
- Os recibos que expidan as entidades financeiras, no suposto
previsto no punto 1.b) anterior, conterán as características que para o efecto estableza
a consellería competente en materia de facenda.
- Cando se empreguen efectos timbrados, os propios efectos,
debidamente inutilizados, constituirán o xustificante
de pagamento.
Capítulo II
Recadación en período voluntario
Artigo 20º.-Prazo de pagamento en período voluntario.
- O pagamento en período voluntario das taxas liquidadas polo propio
suxeito pasivo realizarase no prazo establecido para formular a correspondente
autoliquidación.
- No caso de débedas tributarias resultantes de liquidacións practicadas
pola Administración, o pagamento en período voluntario realizarase
nos prazos determinados na Lei xeral tributaria.
- Os prazos para o pagamento dos prezos públicos fixaranse, en cada caso,
nos decretos polos que se aprobe o establecemento destes. No caso de non determinación
dos devanditos prazos, aplicarase o disposto nos puntos anteriores.
- As débedas que deban satisfacerse mediante efectos timbrados pagaranse
no momento da realización do feito impoñible, se non se dispón
outro prazo na súa normativa reguladora.
- Os prazos para o pagamento dos prezos privados fixaranse,
en cada caso, nas ordes que os establezan; en defecto de fixación
do prazo nestas, o pagamento deberá realizarse no prazo
establecido na orde da consellería competente
en materia de facenda que desenvolva o procedemento de recadación
deles.
Capítulo III
Recadación en período executivo
Artigo 21º.-Iniciación.
- O período executivo iníciase:
- No caso de débedas liquidadas pola Administración, non ingresadas
ao seu vencemento, o día seguinte ao vencemento do prazo de ingreso en
período voluntario.
- No caso de débedas que se van ingresar mediante autoliquidación
presentada sen realizar o ingreso correspondente en todo ou en parte, o devandito
período iníciase para a débeda non ingresada o día
seguinte ao vencemento do prazo ou prazos de ingreso en período
voluntario.
- O inicio do período executivo determina o devengo das recargas do período
executivo previstos na Lei xeral tributaria. Así mesmo determina a exixencia
dos xuros de demora a que se refiren a Lei xeral tributaria e o texto refundido
da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo se trate
de débedas tributarias ou non tributarias respectivamente, e, se é o
caso, das costas do procedemento de constrinximento.
- Iniciado o período executivo, a Administración efectuará a
recadación das débedas polo procedemento de constrinximento
sobre o patrimonio do obrigado ao pagamento.
Artigo 22º.-Procedemento de constrinximento.
- Os elementos constitutivos e as diferentes fases do procedemento
de constrinximento serán rexidos polas normas previstas neste decreto e pola normativa de
carácter xeral aplicable á materia.
- O procedemento de constrinximento iniciarase mediante providencia
notificada ao debedor na que se identificará a débeda pendente, liquidaranse
as recargas do período executivo e requiriráselle para que efectúe
o pagamento.
- A providencia de constrinximento, expedida polo órgano de
recadación
que sexa competente consonte co disposto no artigo 16º deste decreto,
será o
título suficiente para iniciar o procedemento de constrinximento
e terá a
mesma forza executiva que a sentenza xudicial para proceder contra os bens
e dereitos do debedor.
Artigo 23º.-Prazos de ingreso.
Unha vez iniciado o período executivo e notificada a providencia
de constrinximento, o pagamento da débeda deberá efectuarse
nos prazos fixados na Lei xeral tributaria.
|
|
TÍTULO IV
Inspección
Artigo 24º.-Competencia.
- Con carácter xeral, a inspección de cada instrumento financeiro
corresponderalles aos órganos de inspección financeira e tributaria
da consellería competente en materia de facenda.
- A competencia territorial atribuirase á delegación territorial
con competencia en materia de facenda da capital da provincia na que
radique a oficina xestora que realice o suposto de feito gravado.
Artigo 25º.-Procedemento.
As actuacións e o procedemento de inspección das
taxas e dos prezos públicos axustaranse ao disposto na Lei xeral
tributaria e á súa
normativa de desenvolvemento.
|
|
TÍTULO V
Procedemento sancionador
Artigo 26º.-Competencia.
- O procedemento sancionador en materia de taxas iniciarase
sempre de oficio polos seguintes órganos:
- Polos órganos de xestión
tributaria da consellería competente
en materia de facenda, cando o procedemento se inicie a instancia
do órgano
xestor da taxa.
- Polos órganos de inspección financeira e tributaria da consellería
competente en materia de facenda, cando o procedemento se inicie como consecuencia
dun procedemento de inspección.
- A competencia territorial atribuirase á delegación
territorial con competencia en materia de facenda da capital da provincia
na que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito gravado.
Artigo 27º.-Exercicio da potestade sancionadora.
O exercicio da potestade sancionadora en materia de
taxas desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria
e a súa normativa
de desenvolvemento.
|
|
TÍTULO VI
Revisión en vía administrativa
Capítulo I
Procedementos especiais de revisión
Sección primeira
Revisión de actos nulos de pleno dereito
Artigo 28º.-Competencia.
- O procedemento para a revisión
de actos nulos de pleno dereito en materia de taxas e prezos públicos
poderá ser iniciado:
- Mediante solicitude do interesado.
- Polo órgano que ditou o acto ou o seu superior xerárquico.
- A competencia para tramitar o procedemento corresponderá á dirección
xeral competente en materia de ingresos de dereito público.
- A competencia para resolver corresponderá ao
conselleiro competente en materia de facenda.
Artigo 29º.-Procedemento.
- O procedemento de revisión de actos nulos en materia de taxas desenvolverase
consonte co establecido na Lei xeral tributaria e consonte coa súa normativa
de desenvolvemento, se é o caso.
- O procedemento de revisión de actos nulos en materia de prezos
públicos
desenvolverase consonte co establecido na Lei de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo
común
e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o
caso. Será de
aplicación supletoria a normativa á que se refire o punto
anterior.
Sección segunda
Declaración de lesividade de actos anulables
Artigo 30º.-Competencia.
- O procedemento para a declaración de lesividade en materia
de taxas e prezos públicos iniciarase de oficio mediante acordo
do órgano
que ditou o acto ou o seu superior xerárquico.
- A competencia para tramitar o procedemento corresponderá á dirección
xeral competente en materia de ingresos de dereito público.
- A declaración de lesividade corresponderá ao conselleiro
competente en materia de facenda.
Artigo 31º.-Procedemento.
- O procedemento para a declaración de lesividade en materia de taxas
desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria e consonte coa
súa normativa de desenvolvemento, se é o caso.
- O procedemento para a declaración de lesividade en materia
de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido na
Lei de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común e consonte coa súa normativa de
desenvolvemento, se é o caso. Será de aplicación
supletoria a normativa á que
se refire o punto anterior.
Sección terceira
Revogación
Artigo 32º.-Competencia.
- O procedemento de revogación de actos administrativos ditados en materia
de taxas e prezos públicos iniciarase sempre de oficio.
- A competencia para tramitar e resolver o procedemento corresponderá á dirección
xeral competente en materia de ingresos de dereito público.
Artigo 33º.-Procedemento.
- O procedemento de revogación de actos administrativos
ditados en materia de taxas desenvolverase consonte co establecido
na normativa en materia tributaria.
- O procedemento de revogación de actos administrativos ditados
en materia de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido
na Lei de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común e consonte coa súa normativa de
desenvolvemento, se é o caso. Será
de aplicación supletoria a normativa á que se refire
o punto anterior.
Sección cuarta
Rectificación de erros
Artigo 34º.-Competencia.
O órgano que ditase o acto administrativo en materia de taxas
e prezos públicos rectificará, en calquera momento, os
erros materiais, de feito ou aritméticos, sempre que non transcorrese
o período
de prescrición correspondente.
Artigo 35º.-Procedemento.
- A rectificación de erros de actos administrativos ditados en materia
de taxas desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria e consonte
coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso.
- A rectificación de erros de actos administrativos ditados
en materia de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido
na Lei de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común e consonte coa súa normativa de
desenvolvemento, se é o caso. Será de aplicación
supletoria a normativa á que
se refire o punto anterior.
Sección quinta
Devolución de ingresos indebidos
Artigo 36º.-Titulares do dereito á devolución.
Os interesados, así como os seus habente-causas, terán
dereito á devolución
dos ingresos que realizasen indebidamente en concepto de taxas ou de
prezos públicos
nos supostos sinalados na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras
da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei xeral tributaria.
Artigo 37º.-Competencia.
- Será competente para tramitar
e resolver o procedemento o suxeito activo titular da taxa ou do prezo
público cuxa devolución se
pretende.
- Ditada a correspondente resolución e notificada ao interesado,
deberá remitirse
esta ou copia certificada dela ao órgano de recadación
que sexa competente consonte co artigo 16º deste decreto, para
que este propoña
o pagamento mediante a expedición da correspondente orde ou
mandamento de pagamento.
Artigo 38º.-Procedemento de devolución.
O procedemento para o recoñecemento do dereito á devolución
poderá iniciarse de oficio ou a instancia de persoa interesada
e desenvolverase consonte co disposto na normativa tributaria, sen
prexuízo do
disposto no artigo anterior.
Capítulo II
Recurso de reposición
Artigo 39º.-Competencia.
Será competente para resolver os recursos de reposición
interpostos polos interesados contra os actos en materia de taxas e prezos
públicos
o órgano que ditou o acto recorrido.
Artigo 40º.-Normativa aplicable.
En todo o que se refira ao recurso de reposición será de
aplicación
o disposto na Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento,
se é o caso.
Capítulo III
Reclamación económico-administrativa
Artigo 41º.-Competencia.
Será competente para resolver as reclamacións económico-administrativas
a Xunta Superior de Facenda, consonte co establecido no Decreto 34/1997,
do 20 de febreiro, polo que se regula a súa organización,
competencias e composición, e o seu funcionamento.
Capítulo IV
Suspensión
Artigo 42º.-Suspensión de actos en materia
de taxas e prezos públicos.
- A execución dos actos en materia de taxas e prezos públicos
que, consonte á normativa vixente, foran impugnados, quedarán suspendidos
automaticamente a instancia do interesado se se garante o importe do dito acto,
dos xuros de demora que xere a suspensión e as recargas que
puideran proceder.
- As solicitudes de suspensión xunto cos documentos xustificativos da
garantía constituída e copia do recurso ou reclamación interpostos
e do acto recorrido dirixiranse ao órgano de recadación que sexa
competente consonte co artigo 16º deste decreto.
- Se a solicitude acredita a existencia do recurso ou reclamación e xunta
garantía bastante, entenderase acordada a suspensión
desde a data da dita solicitude.
Se a garantía achegada non reúne os requisitos necesarios, concederase
ao interesado un prazo de 10 días para emendar os defectos. Neste caso,
o órgano de recadación resolverá expresamente sobre a suspensión,
notificando a resolución ao interesado.
- A resolución anterior ou, no seu defecto, a solicitude do interesado,
comunicarase ben ao órgano xestor competente para resolver o recurso de
reposición, ben ao tribunal que estea a coñecer a reclamación
contra o acto impugnado, co obxecto de que se incorpore ao expediente.
- Cando como consecuencia da resolución do recurso de reposición,
deba facerse efectiva a débeda na súa totalidade ou de
forma parcial, o órgano de recadación levantará a
suspensión se
transcorrido o prazo para a interposición da reclamación
económico-administrativa,
o interesado non lle comunicase a interposición desta.
Do mesmo xeito, nos casos nos que como consecuencia da resolución
da reclamación
económico-administrativa, deba facerse efectiva a débeda
na súa totalidade ou de forma parcial, o órgano de recadación
levantará a suspensión se transcorrido o prazo para a
interposición
do recurso contencioso-administrativo, o interesado non lle comunicase
a interposición
tanto deste como da solicitude da suspensión na vía contencioso-administrativa.
En ambos os dous casos o acordo de levantamento da suspensión
notificarase ao interesado, concedéndolle un novo prazo de ingreso
en período
voluntario consonte co artigo 20 deste decreto.
|
|
TÍTULO VII
Control interno
Artigo 43º.-Competencia.
- Con carácter xeral, o control interno da actividade económico-financeira
exercerao a Intervención Xeral a través da función interventora
e do control financeiro, sen prexuízo do establecido no artigo 3º deste
decreto.
- Corresponderalle á Intervención Xeral a dirección
e a xestión da contabilidade pública. A contabilización
dos instrumentos aos que se refire este decreto quedará suxeita
ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro
e orzamentario de Galicia.
Artigo 44º.-Normativa.
As actuacións ás que se refire o artigo anterior axustaranse
ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.
|
|
TÍTULO VIII
Uso das tecnoloxías
Artigo 45º.-Principios xerais.
- A consellería competente en materia de facenda promoverá o emprego
do uso das técnicas e medios electrónicos, informáticos
e telemáticos necesarios para a aplicación das taxas e dos prezos
da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas técnicas e medios deberán
cumprir os criterios de seguridade, normalización e conservación
aos que se refira a normativa correspondente.
- Os programas e aplicacións electrónicos, informáticos
e telemáticos que se vaian empregar para a aplicación das taxas
e dos prezos deberán ser previamente autorizados por orde do
conselleiro competente en materia de facenda.
- A consellería competente en materia de facenda poderá facer
efectiva a colaboración social na aplicación das taxas e dos prezos
da Comunidade Autónoma de Galicia a través da celebración
de acordos con:
- As outras comunidades autónomas e cidades con Estatuto
de autonomía,
a Administración xeral do Estado e con outras administracións
públicas.
- Entidades ou institucións privadas, en especial coas que presenten
a condición de colaboradoras na xestión de taxas
e prezos.
- Institucións e organismos representativos de sectores ou intereses
sociais, laborais, empresariais ou profesionais, incluídas as organizacións
corporativas das profesións oficiais colexiadas.
Os acordos asinados coas persoas contidas na letra c) poderán estender
os seus efectos ás persoas ou entidades que sexan colexiados, asociados
ou membros daquelas. Para este efecto, as persoas ou entidades interesadas, deberán
asinar un documento individualizado de adhesión ao acordo, que recolla
expresamente a aceptación do contido íntegro deste. Non será precisa
esta sinatura, cando os estatutos ou as normas da profesión oficial colexiada
regulen que a subscrición de acordos de colaboración polas súas
organizacións corporativas vinculan a todos os profesionais
colexiados, sempre que o acordo subscrito recolla esta circunstancia.
- A consellería competente en materia de facenda admitirá sistemas
de sinatura electrónica recoñecida para garantir
nas súas
relacións cos interesados por medios electrónicos,
informáticos
e telemáticos, a autenticidade e, se é o caso,
a integridade dos documentos electrónicos. Así mesmo,
estes sistemas poderán
ser empregados para identificar os interesados nas actuacións
que teñan
lugar polos devanditos medios. En particular, admitiranse os
sistemas de sinatura dixital ou numérica, baseados en
criptografía asimétrica
de clave pública, ou calquera sinatura electrónica
avanzada, cando cumpra garantir a autenticidade e integridade
do documento electrónico.
A admisión pola consellería competente en materia
de facenda de calquera sistema de sinatura electrónica,
requirirá a súa
compatibilidade cos medios técnicos dos que dispoña,
así como
a previa aprobación dos programas e aplicacións
que vaian empregarse e a difusión pública das súas
características.
|
|
Disposición adicional
Autorízase a consellería competente en materia de facenda
para ditar as disposicións necesarias para a aplicación
deste decreto.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango
se opoñan
ao disposto neste decreto e en particular o Decreto 172/1992, do 26
de xuño,
polo que se ditan normas para a xestión, liquidación
e recadación
das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor aos
vinte días da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de abril de dous mil cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda