Documento nun único arquivo
Sumario
| Saltar
sumario |
TITULO I .- DISPOSICIÓNS XERAIS
TÍTULO II. INSTRUMENTOS FINANCEIROS
CAPíTULO 1°.- TAXAS
SECCIÓN 1ª.- DISPOSICIÓNS
XERAIS
SECCIÓN 2ª .- TAXA POR SERVIZOS
ADMINISTRATIVOS
SECCIÓN 3ª .- TAXA POR SERVIZOS
PROFESIONAIS
SECCIÓN 4ª .- TAXA SOBRE A VENDA
DE BENS
SECCIÓN 5ª .- TAXA POR UTILIZACIÓN
PRIVATIVA, OCUPACIÓN OU APROVEITAMENTO ESPECIAL DO
DOMINIO PÚBLICO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA
CAPÍTULO 2º.- PREZOS PÚBLICOS
CAPÍTULO 3º.- PREZOS PRIVADOS
TÍTULO III. INSTRUMENTOS REGULADORES
|
|
|
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O obxectivo desta lei é a adaptación da lexislación
en materia de taxas e prezos da nosa Comunidade Autónoma á doutrina
exposta polo Tribunal Constitucional na Sentencia 185/1995, do
14 de decembro, onde establece uns criterios de definición
deses conceptos distintos dos que figuran na nosa lexislación
vixente; a sentencia do alto tribunal que fixa eses criterios
tiña como motivo un recurso de inconstitucionalidade dirixido
contra a Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos
do Estado, e nesta, entre outros artigos, decláranse inconstitucionais
os que definen aqueles ingresos. Obviamente, aínda que
a lexislación vixente na nosa Comunidade, Lei 13/1991,
do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras
da Comunidade Autónoma de Galicia, non se ve directamente
afectada pola sentencia citada, como os seus conceptos están
inspirados nos da lexislación estatal, si que se fai conveniente
realiza-la debida adecuación.
A sentencia referida declaraba a inconstitucionalidade de determinados
artigos desa lei no sentido de entender que certos ingresos,
que ata daquela constituían prezos públicos e quedaban
fóra da órbita do principio de reserva de lei,
en tanto e en canto participan das notas características
das prestacións patrimoniais públicas polo seu
grao de continuidade ou necesidade para un adecuado desenvolvemento
persoal ou social, necesitan norma con rango de lei para o seu
establecemento.
O obxectivo antes manifestado podíase conseguir por
dous procedementos posibles: modificando concretamente a lexislación
vixente no que fose necesario ou promulgando unha nova lei que
a derrogase; optouse pola segunda alternativa por entender que é a
mellor fórmula para preserva-lo principio de seguridade
xurídica mediante unha maior claridade na normativa.
A lei que se derroga, no que se refire ás taxas, ten
o carácter de lei de bases, que foi desenvolvida polo
Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril; o uso desa técnica
lexislativa estaba xustificado polo estado naquel momento existente
de confusión e proliferación de normas que facía
difícil un coñecemento práctico e unitario
de tódalas tarifas que correspondían ás
taxas de toda a actividade da Administración autonómica.
Non é a situación actual e polo tanto optouse por
establecer esas tarifas nos correspondentes anexos do texto.
A estructura desta lei consta de tres títulos, dúas
disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria,
catro derradeiras e cinco anexos.
O título I, Disposicións xerais, contén
un conxunto de disposicións comúns a totalidade
dos instrumentos financeiros e reguladores que se establecen
na lei: taxas, prezos e mais exaccións e subvencións
reguladoras.
O título II regula os instrumentos financeiros e dedícalle
un capítulo a cada un deles: o primeiro ás taxas,
o segundo ós prezos públicos e o terceiro ós
prezos privados.
As tarifas ou as contías que deben satisfacerse por taxas
veñen determinadas nos anexos correspondentes: no primeiro,
os supostos da taxa por servicios administrativos; no segundo,
os correspondentes á taxa por servicios profesionais,
modalidade de actuacións administrativo-facultativas;
no terceiro, os da taxa por servicios profesionais, modalidade
de actuacións profesionais; no cuarto, os da taxa sobre
a venda de bens, e, por último, o quinto anexo contén
a taxa pola utilización privativa, a ocupación
ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia.
O título III regula os instrumentos reguladores, as exaccións
e as subvencións, xa creadas na Lei 13/1991, e mantén
o réxime establecido por esta.
|
|
Título I
Disposicións xerais
Artigo 1. Contido da lei
Esta lei regula os aspectos financeiros da actividade da Administración
pública da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto
a devandita actividade pretenda determinar ou influír
no consumo ou consista na entrega de determinados bens ou na
prestación de determinados servicios, en ámbolos
casos individualizables. Para estes efectos, entenderase que
o consumo dun ben ou servicio é individualizable cando
exista unha demanda definida deste, tanto se esta é de
carácter voluntario coma se ten a súa orixe nunha
obriga legal.
Artigo 2. Tipo de instrumentos
Nesta lei desenvólvense dous tipos de instrumentos:
- Os instrumentos financeiros, que son as contraprestacións
percibidas como consecuencia da subministración ou utilización
de bens ou da prestación de servicios demandados polos
suxeitos. Son instrumentos de tipo financeiro os establecidos
no título II desta lei.
- Os instrumentos reguladores,
que son os medios utilizables para altera-las contraprestacións
esixidas por aqueles bens ou servicios ofrecidos polos suxeitos
activos ós
que se refire o artigo seguinte. Son instrumentos reguladores
os establecidos no título III desta lei.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
Os instrumentos ós que se refire o artigo anterior poderán
ser aplicados polos órganos da Administración xeral,
os seus organismos autónomos e as entidades de dereito
público dependentes ou que estean vinculadas a calquera
deles, encadrables todos eles dentro da Administración
pública da Xunta de Galicia.
Artigo 4. Réxime orzamentario e aplicación obrigatoria
- Os ingresos derivados da aplicación dos instrumentos
regulados nesta lei e percibidos polos suxeitos ós que
se refire o artigo 3 estarán destinados a satisface-lo
conxunto das súas obrigas respectivas, agás que
excepcionalmente e por medio de lei se estableza a súa
afectación para fins determinados.
- O rendemento proveniente
deles aplicarase integramente ó orzamento
de ingresos que corresponda, e o seu ingreso deberase realizar
nas caixas do tesouro da Facenda galega ou, a través das
entidades financeiras colaboradoras, nas contas autorizadas pola
consellería competente en materia de facenda.
- Cando
os suxeitos referidos no artigo 3 entreguen bens ou presten
servicios para os que exista demanda, deberanse aplica-los
instrumentos financeiros que sexan utilizables de acordo coas
normas desta lei.
- Para este fin, todo proxecto de creación dunha entidade
ou incluso de oferta dun novo ben ou servicio, independentemente
doutros requisitos, deberá ir acompañado dunha
memoria económica elaborada pola consellería correspondente,
na que, ademais de valora-la conveniencia do proxecto, se propoñerán
os instrumentos financeiros que, de se-lo caso, sexan aplicables.
Idéntico procedemento esixirase para os supostos de modificación
das contías dos instrumentos ós que se refire esta
lei. Sobre a devandita memoria emitirá informe a consellería
competente en materia de facenda.
Artigo 5. Responsabilidades
- As autoridades, os funcionarios públicos, os axentes
ou asimilados que de forma voluntaria e culpable esixan indebidamente
un instrumento financeiro dos establecidos nesta lei ou que o
fagan en contía superior á establecida incorrerán
en falta disciplinaria moi grave, sen prexuízo das responsabilidades
doutra orde que puidesen derivar da súa actuación.
- Cando adopten na mesma forma resolucións ou realicen
actos que infrinxan esta lei e as demais normas que regulamentan
esta materia, estarán obrigados ademais a indemnizaren
a Facenda pública polos prexuízos causados.
Artigo 6. Normativa aplicable
- Os instrumentos financeiros regulados nesta lei rexeranse
polas normas contidas nela e polas normas regulamentarias dictadas
no seu desenvolvemento.
- Serán aplicables o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia e maila Lei xeral tributaria
e as demais disposicións xerais en materia tributaria,
así como aquelas disposicións dictadas no seu desenvolvemento,
en canto resulten aplicables, de acordo co réxime xurídico
establecido nesta lei en concreto para cada instrumento financeiro.
- Os instrumentos financeiros transferidos no marco da transferencia
de competencias do Estado á Comunidade Autónoma
ou das corporacións locais galegas á Comunidade
Autónoma rexeranse polo disposto nas disposicións
transitorias dos decretos de traspaso. No caso de silencio das
normas de traspaso, serán aplicables as normas autonómicas
en tódolos seus termos, a excepción do disposto
no parágrafo seguinte, desde o momento no que teña
efectividade o traspaso das competencias, dos servicios ou dos
bens que dean lugar ó instrumento financeiro correspondente.
Nos
supostos de prestacións de servicios, realizacións
de actividades ou entrega de bens a consecuencia da transferencia
de competencias do Estado ou das corporacións locais galegas á Comunidade
Autónoma esixirase, de se-lo caso, a contía establecida
na correspondente normativa estatal ou local no momento da transferencia
ata o momento no que esta sexa establecida polo correspondente
acto normativo da Comunidade Autónoma de Galicia.
Título II
Instrumentos financeiros
Capítulo I
Taxas
Sección 1.ª
Disposicións xerais
Artigo 7. Concepto
Son taxas da Comunidade Autónoma de Galicia os tributos
creados por lei ou transferidos polas súas corporacións
locais ou polo Estado no marco da transferencia de servicios
e competencias a esta, das que o seu feito impoñible consiste
na utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento
especial do dominio público da Comunidade Autónoma
de Galicia ou na entrega de bens, a prestación de servicios
ou a realización de actividades en réxime de dereito
público por parte dos suxeitos activos ós que se
refire o artigo 3 desta lei, que se refiran, afecten ou beneficien
de modo particular o suxeito pasivo, sempre que se produza calquera
das circunstancias seguintes:
Primeira.- Que a entrega de bens, a prestación de servicios
ou a realización de actividades non sexan de solicitude
voluntaria para os administrados. Para estes efectos non se considerará voluntaria
a solicitude por parte dos administrados:
- cando veña imposta por disposicións legais ou
regulamentarias, ou
- cando os bens, os servicios ou as actividades requiridos sexan
imprescindibles para a vida privada ou social do solicitante.
Segunda.- Que non se entreguen, presten ou realicen polo sector
privado, estea ou non establecida a súa reserva a favor
do sector público consonte a normativa vixente.
Artigo 8. Normativa aplicable
- As taxas da Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse
polas normas desta lei, polas disposicións legais de cada
taxa, de se-lo caso, e mais polas normas regulamentarias dictadas
no seu desenvolvemento.
- Serán aplicables o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia e maila Lei xeral tributaria
e as demais disposicións xerais en materia tributaria,
así como aquelas disposicións dictadas no seu desenvolvemento.
Artigo 9. Reserva de lei
- O establecemento das taxas e a regulación dos seus
elementos esenciais faranse mediante norma con rango de lei do
Parlamento de Galicia.
- Para os efectos previstos no apartado anterior son elementos
esenciais das taxas: o feito impoñible, o suxeito pasivo,
a base impoñible, a cota tributaria e o devengo.
- Así mesmo, a lei regulará o establecemento,
a supresión e a prórroga de exencións e
bonificacións.
- A aplicación dunha taxa establecida a supostos concretos
de utilización privativa, ocupación ou aproveitamento
especial do dominio público da Comunidade Autónoma
de Galicia, venda de bens, realización de actividades
ou prestación de servicios poderase facer na Lei de orzamentos
de cada ano.
Así mesmo, na devandita lei, poderanse modificar
e actualiza-las cotas tributarias correspondentes ás taxas
vixentes.
- Non se poderán establecer taxas que non sexan consecuencia
da utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento
especial do dominio público da Comunidade Autónoma
de Galicia ou da subministración ou entrega, prestación
ou realización dalgún ben, servicio ou actividade,
respectivamente.
- Sen prexuízo do establecido no apartado 2, a cota
tributaria poderá ser fixada regulamentariamente cando
así estea previsto en norma de rango legal e sempre dentro
dos límites dispostos por ela.
Artigo 10. Principio de capacidade económica
En canto as características do tributo o permitan, terase
en conta, para a fixación da cota tributaria das taxas,
a capacidade económica do suxeito pasivo, en especial
cando se establezan consumos ou se impoñan actividades
susceptibles de afectaren a tódolos cidadáns.
Artigo 11. Principio de equivalencia
- O rendemento total previsible da taxa non poderá exceder,
no seu conxunto, do custo total de producción do ben,
do servicio ou da actividade.
- No caso da taxa pola utilización privativa, a ocupación
ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia tomarase como referencia o valor de
mercado correspondente ou o da utilidade derivada daquela.
Artigo 12. Supostos de non suxeición
Non se lles esixirán taxas ós suxeitos ós
que se refire o artigo 3 desta lei.
Artigo 13. Clases de taxas
- Por esta lei establécense as taxas seguintes:
- A taxa por servicios administrativos.
- A taxa por servicios profesionais.
- A taxa por venda de bens.
- A taxa por utilización privativa, ocupación
ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia.
- Cando as actuacións solicitadas ou que se realicen
acerca dun mesmo suxeito pasivo comporten o devengo de diferentes
taxas, deberanse aplicar tódalas taxas e modalidades que
correspondan.
- Así mesmo, a aplicación dunha taxa que lle
autorice ou permita unha actividade ó suxeito pasivo esixirase
sen prexuízo da do prezo público ou privado que,
de acordo coas normas desta lei, puidese implica-lo exercicio
efectivo da actividade autorizada.
Artigo 14. Devengo
- As taxas devengaranse segundo a natureza do feito impoñible:
- Cando se conceda a utilización privativa, a ocupación
ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia ou cando se inicie a prestación
do servicio, se realice a actividade ou se entregue o ben, sen
prexuízo da posibilidade de esixi-lo seu depósito
previo.
- Cando se presente a solicitude que inicie a actuación
ou o expediente, que non será realizada ou tramitado sen
que se efectúe o pagamento correspondente.
- Cando as taxas se devenguen periodicamente, tras notifica-la
liquidación correspondente á alta no respectivo
rexistro, padrón ou matrícula, poderanse notificar
colectivamente as sucesivas liquidacións mediante anuncios
no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 15. Cota tributaria
- A cota tributaria poderá:
- consistir nunha cantidade fixa sinalada para o efecto,
- determinarse por aplicación dun tipo de gravame sobre
unha base impoñible,
- establecerse por aplicación de ámbolos métodos
conxuntamente.
- As cotas tributarias das taxas establecidas por algún
dos métodos contidos no apartado anterior terán
en conta o custo medio real ou previsto para a entrega do ben,
a prestación do servicio ou a realización da actividade
da que se trate, ou, no seu defecto, o valor da prestación
recibida, agás na taxa por utilización privativa,
ocupación ou aproveitamento especial do dominio público
da Comunidade Autónoma de Galicia, que se fixará tomando
como referencia o valor de mercado correspondente ou o da utilidade
derivada daquela. Noutro caso, deberase sinala-la correspondente
subvención reguladora.
- Para a determinación das cotas tributarias das taxas
establecidas nas letras a), b) e c) do apartado 1 do artigo 13
tomaranse os custos directos e indirectos, incluso os de carácter
financeiro, amortización do inmobilizado, custos de investimento
e, de se-lo caso, os necesarios para garanti-lo mantemento, a
expansión e o desenvolvemento razoable do ben, o servicio
ou a actividade gravada pola taxa, máis unha normal rendibilidade
dos recursos investidos.
- Cando se estableza un novo suposto de aplicación dunha
taxa no exercicio do establecido no artigo 9.4 desta lei ou se
modifiquen as cotas tributarias vixentes, sempre que non se trate
da actualización anual á que se refire o apartado
6 seguinte, deberase elaborar unha memoria económico-financeira
que conterá como mínimo información relativa ós
custos directos e indirectos que contribúan á formación
do custo total do servicio ou da actividade, consonte o disposto
no punto anterior, así como unha previsión tocante ó custo
unitario que lle corresponde a aquel e mais unha proposta da
cota tributaria aplicable.
- Cando a utilización privativa, a ocupación
ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia leven aparellado unha destrucción
ou deterioración del non previstas na memoria económico-financeira,
o beneficiario, sen prexuízo do pagamento da cota tributaria
correspondente, estará obrigado ó reintegro do
custo total dos respectivos gastos de reconstrucción ou
reparación. De os danos resultaren irreparables, a indemnización
consistirá nunha contía igual ó valor dos
bens destruídos ou ó importe da deterioración
dos danados.
- As cotas tributarias revisaranse como mínimo cada
cinco anos, baseándose nos rexistros de gastos e ingresos
e na correspondente memoria económico-financeira sobre
o custo e a actividade realizada. Non obstante, estas cotas tributarias
poderán ser obxecto de actualización anual na Lei
de orzamentos en función das variacións do custo
económico motivadas pola fluctuación dos índices
dos prezos ó consumo e dos incrementos das retribucións
do persoal adscrito ós mencionados órganos, organismos
autónomos ou entidades de dereito público.
Artigo 16. Pagamento
- O pagamento das taxas poderase esixir ben en calquera momento
entre a solicitude e o devengo ou ben no momento da solicitude
cando esta coincida co devengo.
Tamén se poderá esixi-la
anticipación ou
o depósito previo do importe total ou parcial das taxas
na forma que, por proposta da consellería competente en
materia de facenda, se determine regulamentariamente.
- Os suxeitos activos ós que se refire o artigo 3 desta
lei denegarán a utilización privativa, a ocupación
ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia, a entrega do ben, a prestación
do servicio ou a realización da actividade cando o suxeito
pasivo incumpra o pagamento. Así mesmo devolverá as
cantidades que percibise cando, por causas non imputables ó suxeito
pasivo, non se levase a cabo o feito impoñible.
- O pagamento das taxas efectuarase mediante ingreso no tesouro
da Facenda galega, de acordo coas modalidades regulamentariamente
establecidas.
- Poderase autorizar igualmente o pagamento das taxas mediante
o emprego de efectos timbrados da Comunidade Autónoma
de Galicia nos termos que regulamentariamente se determinen.
- Poderase aprazar ou fraccionar o pagamento das taxas sendo de
aplicación o disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro,
Xeral Tributaria. (1).
- A administración esixirá pola vía de
constrinximento as débedas tributarias polas taxas devengadas
e non satisfeitas nos prazos establecidos regulamentariamente,
de acordo coa normativa que sexa aplicable.
(1) A partado modificado
polo artigo 6 da Lei 14/2004, do 29 de decembro
Artigo 17. Xestión
- Con carácter xeral, a xestión e a liquidación
de cada taxa corresponderanlles ós suxeitos ós
que se refire o artigo 3 desta lei que concedan a utilización
privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do
dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia,
subministren o ben, presten o servicio ou realicen a actividade
gravados.
- A fiscalización, o control contable e as funcións
de inspección financeira e tributaria, así como
a potestade sancionadora en materia tributaria, correspóndenlle á consellería
competente en materia de facenda. As funcións relativas ós
procedementos de recadación corresponderanlle á consellería
competente en materia de facenda e levarana os órganos
de recadación que regulamentariamente e por proposta desta
se determinen.
- Regulamentariamente, por proposta da consellería competente
en materia de facenda, determinaranse os supostos nos que de
forma obrigatoria os suxeitos pasivos deberán practica-la
operación de autoliquidación das taxas e o conseguinte
ingreso no tesouro da Facenda galega.
- Toda institución ou entidade pública que conceda
a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento
especial do dominio público da Comunidade Autónoma
de Galicia, subministre bens, preste servicios ou realice actividades,
polos que perciba taxas, virá obrigada a levar rexistros
separados tanto dos gastos en que incorra na realización
dos supostos anteriores coma dos ingresos obtidos polas taxas.
Artigo 18. Responsables
A normativa legal reguladora de cada taxa, de se-lo caso, poderá sinala-la
responsabilidade solidaria ou subsidiaria daquelas persoas físicas
ou xurídicas que, distintas do suxeito pasivo, estean
interesadas ou relacionadas cos supostos que dean lugar ó devengo
da taxa.
Artigo 19. Reclamacións e recursos
- Os actos de xestión das taxas da Comunidade Autónoma
serán obxecto de recurso en reposición con carácter
potestativo perante o órgano que dictou o acto.
- Contra a resolución do recurso de reposición
ou contra os actos de xestión, se non se interpuxo aquel,
poderase presentar recurso perante a Xunta Superior de Facenda,
da que as resolucións esgotan a vía económico-administrativa.
Artigo 20. Prescrición e réxime sancionador
Todo o relativo á prescrición e mais ás
infraccións e sancións rexerase pola Lei xeral
tributaria e as demais disposicións xerais en materia
tributaria, así como por aquelas disposicións dictadas
no seu desenvolvemento.
Sección 2.ª
Taxa por servicios administrativos
Artigo 21. Feito impoñible
- Constitúe feito impoñible da taxa por servicios
administrativos a prestación, por parte dos suxeitos relacionados
no artigo 3 desta lei, de calquera servicio administrativo que
se refira, afecte ou beneficie dun modo particular os suxeitos
pasivos, en cada unha das modalidades seguintes:
- Modalidade de autorizacións: pola concesión
de autorizacións, permisos, licencias, guías, expedición
de títulos, dilixenciamento de libros e, en xeral, documentos
que faculten o suxeito pasivo para realizar unha actividade sometida
legalmente á devandita condición previa.
- Modalidade de rexistro: pola inscrición en rexistros,
matrículas ou relacións mantidas pola administración
en tanto que resulte obrigado para o desenvolvemento dunha actividade
ou o exercicio dun dereito por parte do suxeito pasivo.
- Modalidade de certificacións: pola verificación
de documentos, expedición de certificacións, copia
de arquivos e elaboración de documentos acreditativos
de información que conste en arquivos ou rexistros públicos.
- Non se esixirá a taxa por servicios administrativos
cando se trate de compulsas ou cotexos de documentos que se deban
achegar a solicitudes, escritos ou comunicacións presentados
polo cidadán e realizados no ámbito de actuación
dos rexistros consonte o disposto no artigo 38.5 da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Suxeitos pasivos
- Son suxeitos pasivos contribuíntes da taxa as persoas
físicas ou xurídicas que soliciten ou provoquen
as actuacións administrativas que constitúen o
feito impoñible.
- Tamén terán a consideración de suxeitos
pasivos as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais
entidades carentes de personalidade xurídica que constitúan
unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible
de tributación.
Artigo 23. Exencións
Gozarán de exención desta taxa:
- A expedición de certificados de retribucións
satisfeitas pola Xunta de Galicia co obxecto de xustificación
en relación co imposto sobre a renda das persoas físicas.
- A expedición de certificados e compulsa que o persoal
da administración solicite respecto de necesidades propias
do posto de traballo ou da relación de servicios.
- Os alumnos por calquera actuación en materia de ensinanzas
non universitarias.
- As compulsas realizadas nas oficinas de emprego para os
desempregados na tramitación de expedientes que sexan
competencia das devanditas oficinas.
- (2) A
inscrición nas convocatorias para a selección de
persoal da Comunidade Autónoma, logo da xustificación
documental, solicitada por
- Persoas con minusvalía igual ou superior ó 33
%
- Persoas que sexan membros de familias numerosas
clasificadas na categoría especial. No caso de membros
de categoría xeral terán unha bonificación
do 50%.
- A expedición de certificados relativos á situación
fiscal.
- O Estado e os demais entes públicos territoriais
ou institucionais, sempre que os servicios ou as actividades
dos que sexan beneficiarios se presten ou realicen no marco do
principio de colaboración entre administracións.
- As víctimas de actos terroristas así como
os seus cónxuxes e os seus fillos por calquera actuación
en materia educativa realizada en centros oficiais de estudios
en tódolos niveis de ensino.
- Os membros dos organismos consultivos da Administración
pública galega respecto dos certificados emitidos polos
devanditos organismos.
(2) Apartado modificado polo artigo 32.Dous
da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de Presupostos Xerais da C.A.
de Galicia para o ano 2005
Artigo 24. Devengo
A taxa devengarase no momento no que se presente a solicitude
para a prestación dos devanditos servicios administrativos.
Artigo 25. Tarifas
A taxa esixirase de acordo coas tarifas relacionadas no anexo 1 da presente lei.
Sección 3.ª
Taxa por servizos profesionais
Artigo 26. Feito impoñible
- Constitúe feito impoñible da taxa por servicios
profesionais a prestación, por parte de profesionais facultativos ó servicio
dos suxeitos relacionados no artigo 3 desta lei, dos servicios
que se refiran, afecten ou beneficien dun modo particular os
suxeitos pasivos, logo de solicitude destes, en cada unha das
seguintes modalidades:
- Modalidade de actuacións administrativo-facultativas:
servicios administrativos, análogos ós sometidos á taxa
por servicios administrativos, cando a súa prestación
require que se leve a cabo baixo a dirección dun profesional
facultativo.
- Modalidade de actuacións profesionais: servicios
de asesoramento, consulta, dirección técnica
de obras, emisión de informes, análises, dictames
ou opinións
profesionais e, en xeral, actividades que esixen a cualificación
que ten o profesional que as presta.
- No suposto das tarifas 08 e 36 da modalidade de actuacións
administrativo-facultativas, relacionadas no anexo 2, constitúe
o feito impoñible a prestación das actividades
realizadas polos suxeitos ós que fai referencia o apartado
anterior para preserva-la saúde pública e a sanidade
animal, mediante a práctica de inspeccións e controis
sanitarios de animais e as súas carnes frescas destinadas ó consumo,
así como doutros productos de orixe animal, efectuados
polos facultativos dos servicios correspondentes, tanto nos locais
ou establecementos de sacrificio, despezamento e almacenamento
frigorífico, sitos en territorio da Comunidade Autónoma
de Galicia, coma os demais controis e análises realizadas
nos centros habilitados para o efecto.
Para os efectos da exacción
do tributo, as actividades de inspección e control sanitario
que se inclúen
dentro do feito impoñible da tarifa 08 da modalidade de
actuacións administrativo-facultativas catalóganse
da seguinte forma:
- Inspeccións e controis sanitarios ante mortem para
a obtención de carnes frescas de gando bovino, porcino
e xabarís, ovino, caprino e outros ruminantes, coellos
e caza menor de pluma e pelo, solípedos-équidos,
aves de curral e outras especies.
- Inspeccións e controis sanitarios post mortem dos
animais sacrificados para a obtención das mesmas carnes
frescas.
- Control documental das operacións realizadas
no establecemento.
- Control e selado das canais, vísceras e sobras destinadas ó consumo
humano, así como marcaxe das pezas obtidas nas salas de
despezamento.
- Control das operacións de almacenamento de carnes
frescas para o consumo humano, desde o momento no que así se
estableza, agás as relativas a pequenas cantidades realizadas
en locais destinados á venda ós consumidores finais.
Para os efectos da exacción do tributo, as actividades
de inspección e control sanitario que se inclúen
dentro do feito impoñible da tarifa 36 da modalidade de
actuacións administrativo-facultativas catalóganse
da seguinte forma:
- Control de determinadas substancias e residuos en animais
e os seus productos, na forma prevista pola normativa vixente.
- No suposto da tarifa 99 da modalidade de actuacións
profesionais, relacionada no anexo 3, o feito impoñible
estará constituído, segundo cada caso, polas seguintes
operacións:
- Na tarifa X-1, a utilización das augas do porto,
instalacións
de sinais marítimos e balizamento, canles de acceso, esclusas
(sen incluí-lo amarre, o remolque ou a sirgaxe nela) e
pontes móbiles, obras de abrigo e zonas de ancoraxe, e
seralles aplicable na contía e nas condicións que
se indican no anexo 3 a tódolos barcos que entren nas
augas do porto.
- Na tarifa X-2, o uso das obras de atracada e dos elementos
fixos de amarre e defensa, e seralles aplicable na contía
e nas condicións que se indican no anexo 3 a tódolos
barcos que utilicen as obras e os elementos antes sinalados que
fosen construídos total ou parcialmente pola Administración
portuaria ou que sexan propiedade dela.
- Na tarifa X-3, a utilización polas mercadorías
e polos pasaxeiros que embarquen, desembarquen, transborden ou
efectúen tránsito marítimo ou terrestre
das zonas de manobra, manipulación e tránsito,
dos accesos e vías de circulación terrestres viarias
e ferroviarias e doutras instalacións portuarias fixas.
Así mesmo, inclúese no feito impoñible a
súa utilización polas mercadorías ou polos
pasaxeiros que accedan ou saian da zona de servicio do porto
por vía terrestre sen utilizar en ningún momento
a vía marítima, agás que teñan como
orixe ou destino instalacións fabrís, de transformación,
loxísticas ou de almacenaxe situadas na zona de servicio
do porto.
- Na tarifa X-4, a utilización polos buques pesqueiros
en actividade e os productos da pesca marítima fresca
das augas do porto, das instalacións de balizamento, dos
peiraos, das bacías, das zonas de manipulación
e mais dos servicios xerais ou de policía.
- Na tarifa X-5, a utilización polas embarcacións
deportivas ou de lecer, e polos seus tripulantes e pasaxeiros,
das augas do porto e das súas instalacións de balizamento,
das axudas á navegación, das bacías, dos
accesos terrestres e viais de circulación dos portos,
dos servicios xerais de policía e, de se-lo caso, das
instalacións de ancoraxe e atracada en peiraos ou embarcadoiros,
así como dos servicios específicos dispoñibles.
- Na tarifa E-1, a utilización dos guindastres convencionais
ou non especializados.
- Na tarifa E-2, a utilización de explanadas, alpendres,
pendellos, almacéns, depósitos, locais e edificios,
cos seus servicios xerais correspondentes, non explotados en
réxime de concesión.
- Na tarifa E-3, a subministración de productos ou enerxía
e a utilización das instalacións para a súa
prestación.
- Na tarifa E-4, calquera outro servicio prestado por Portos
de Galicia, non enumerado nas restantes tarifas e que se estableza
especificamente en cada porto ou se preste logo de solicitude
polos peticionarios.
- Na tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais
e de servicios, a actividade que realice a Administración
portuaria, dirixida á aplicación do réxime
de autorizacións administrativas para o exercicio de actividades
comerciais, industriais e de servicios na zona de ámbito
portuario.
Artigo 27. Suxeito pasivo
- É suxeito contribuínte da taxa por servicios
profesionais a persoa natural ou xurídica que solicite
ou á que se lle preste calquera dos servicios que figuran
nos anexos 2 e 3.
- Así mesmo, terán a consideración de
suxeitos pasivos as herdanzas xacentes, as comunidades de bens
e as demais entidades que, carecendo de personalidade xurídica,
constitúen unha unidade económica ou un patrimonio
separado susceptible de tributación.
- Na tarifa 27 da modalidade de actuacións profesionais,
que se relaciona no anexo 3, será suxeito pasivo substituto
do contribuínte a empresa concesionaria do servicio de
inspección técnica de vehículo.
-
- Un.- Son suxeitos pasivos obrigados ó pagamento, segundo
a tarifa de que se trate, as seguintes persoas ou entidades:
- Na tarifa 08 da modalidade administrativo-facultativa,
relacionada no anexo 2:
- No caso da tarifa relativa ás inspeccións
e ós
controis sanitarios oficiais ante mortem e post
mortem dos animais sacrificados, selado de canais,
vísceras
e sobras destinadas ó consumo humano, os titulares da
explotación dos establecementos onde se leve a cabo o
sacrificio ou se practique a inspección.
- Na tarifa relativa ó control das operacións
de despezamento:
- As mesmas persoas ou entidades determinadas
na letra a) anterior, cando as operacións
de despezamento se realicen no mesmo matadoiro.
- Os titulares da explotación dos establecementos
dedicados á operación
de despezamento de forma independente, nos demais
casos.
- Na tarifa relativa ó control de almacenamento,
desde o momento no que se fixen, os titulares da explotación
dos citados establecementos.
- Na tarifa 36 da modalidade administrativo-facultativa,
relacionada no anexo 2:
- Na tarifa relativa ó control de substancias
e residuos en animais e os seus productos, os titulares
da explotación
dos establecementos onde se leven a cabo os citados controis
e análises.
- Dous.- Os suxeitos pasivos anteriores deberanlles trasladar,
cargando o seu importe en factura, a taxa correspondente ós
interesados que solicitasen a prestación do servicio ou
para os que se realicen as operacións de sacrificio, despezamento,
almacenamento ou control de determinadas substancias e residuos
animais e os seus productos descritos no artigo 26.2, e procederán
posteriormente ó seu ingreso a favor da Comunidade Autónoma,
na forma que regulamentariamente se estableza.
No caso de que
o interesado, á súa vez, lle adquirise
o gando en vivo a un terceiro, para sacrificio, poderá esixir
deste o importe da taxa correspondente ó concepto da tarifa
36 da modalidade administrativo-facultativa.
- Tres.- Entenderase que son interesados non só as persoas
físicas ou xurídicas que soliciten os mencionados
servicios, senón tamén as herdanzas xacentes, as
comunidades de bens e as demais entidades que, aínda que
non teñan personalidade xurídica de seu, constitúan
unha unidade económica ou un patrimonio separado.
- Na tarifa 99 da modalidade de actuacións profesionais,
relacionada no anexo 3, serán suxeitos pasivos as seguintes
persoas ou entidades:
- Das tarifas X-1 e X-2, os armadores ou os seus representantes
ou os consignatarios dos barcos que utilicen os servicios gravados.
- Da tarifa X-3, os armadores ou os consignatarios dos
barcos que utilicen o servicio e os propietarios do medio
de transporte cando a mercadoría entre e saia do porto
por medios exclusivamente terrestres.
- Da tarifa X-4, o armador do buque ou quen na súa
representación
realice a primeira venda.
O suxeito pasivo deberá facer repercuti-lo importe da
tarifa X-4 sobre o primeiro comprador da pesca, de o haber, polo
que este queda obrigado a soporta-la devandita repercusión,
que se fará constar de maneira expresa e separada na factura
ou no documento equivalente. As controversias que se susciten
entre o suxeito pasivo e o comprador repercutido serán
da competencia da Xunta Superior de Facenda.
- Da tarifa X-5, con carácter solidario, o titular da
embarcación ou o seu representante autorizado e, de se-lo
caso, o titular do dereito de uso preferente do amarre ou da
ancoraxe. Nas zonas de concesión nas que o titular desta
se subrogue na obriga dos suxeitos pasivos, nos termos establecidos
na regra décimo primeira, letra b), desta tarifa X-5,
o concesionario será o substituto do contribuínte
e terá que cumprir no lugar daquel as obrigas formais
e materiais derivadas da obriga tributaria.
- Da tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais
e de servicios:
- O titular da concesión ou autorización de ocupación
do dominio público.
- O titular da autorización de actividade, cando o exercicio
desta non leve consigo a ocupación do dominio público.
Artigo 28. Bonificacións
Establécese unha bonificación dun 25 % do importe
das tarifas desta taxa que se deben satisfacer cando estean comprendidas
na solicitude de autorización, ampliación, modificación
ou traslado de establecementos industriais e se realicen os trámites
a través das oficinas de tramitación única
de industrias (OTUI) da consellería competente en materia
de industria.
Artigo 29. Responsables
- Serán responsables subsidiarios, nos supostos e co
alcance previsto no artigo 40 da Lei xeral tributaria, os administradores
ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades
en xeral que se dediquen ás actividades para as que a
súa inspección e control xera o devengo das tarifas
08 e 36 da modalidade administrativo-facultativa.
- Na tarifa 99 da modalidade de actuacións profesionais,
serán responsables subsidiarios:
- Do pagamento da tarifa X-3, os propietarios da mercadoría
e, no seu defecto, os seus representantes autorizados, agás
que proben que lles fixeron provisión de fondos ós
responsables principais.
- Do pagamento da tarifa X-4, o primeiro comprador da pesca,
agás que demostre que soportou efectivamente a repercusión,
e o representante do armador, de se-lo caso.
- Do pagamento da tarifa X-5, o capitán da embarcación
e/ou seu patrón habitual.
- Do pagamento da tarifa E-1, os propietarios das mercadorías
e, no seu defecto, os seus representantes autorizados, agás
que proben que lles fixeron a estes provisión de fondos.
Artigo 30. Exencións
Quedarán exentos desta taxa os supostos seguintes:
- Polos servicios xerais establecidos na tarifa 99 da modalidade
de actuacións profesionais:
- Os barcos de guerra e as aeronaves militares nacionais.
Igualmente os estranxeiros que, en réxime de reciprocidade, non realicen
operacións comerciais e sempre que a súa visita
teña carácter oficial ou de arribada forzosa.
- As embarcacións dedicadas polas administracións
públicas a labores de vixilancia, investigación,
protección e rexeneración costeira, represión
do contrabando, salvamento, loita contra a contaminación
marítima, ensinanzas marítimas e, en xeral, a misións
oficiais da súa competencia.
- O material e as embarcacións da Cruz Vermella Española
dedicadas ós labores propios que ten encomendados esta
institución.
- O Estado e os demais entes públicos territoriais
ou institucionais, sempre que os servicios ou as actividades
dos que sexan beneficiarios se presten ou realicen no marco do
principio de colaboración entre administracións.
- Quedarán exentas da tarifa 22, "Actuacións
en materia de vivenda", a promoción, cesión
e rehabilitación
polo Estado de vivendas de protección oficial de interese
xeral, así como as actuacións da Comunidade Autónoma
e das corporacións locais en materia de promoción
ou rehabilitación.
Artigo 31. Devengo
- A taxa devengarase cando se inicie a prestación do
servicio.
- A taxa que corresponde satisfacer polas tarifas 08 e 36 da
modalidade administrativo-facultativa devengarase no momento
no que se leven a cabo as actividades de inspección e
control sanitario de animais e os seus productos, nos establecementos
ou nas instalacións nos que se desenvolven estas, sen
prexuízo de que se esixa o seu previo pagamento cando
a realización do control sanitario se inicie por solicitude
do suxeito pasivo ou do interesado.
Na tarifa 08 da modalidade
administrativo-facultativa, no caso de que nun mesmo establecemento
e por solicitude do interesado se realicen en forma sucesiva
as tres operacións de sacrificio,
despezamento e almacenamento, ou dúas delas en fases igualmente
sucesivas, o total da contía da taxa determinarase de
forma acumulada ó inicio do proceso, con independencia
do momento do devengo das cotas correspondentes, sen prexuízo
do previsto nas regras de acumulación.
- Na tarifa 99 da modalidade por actuacións profesionais,
a taxa devengarase, en cada caso:
- Na tarifa X-1, cando o barco entrase nas augas de calquera
das zonas do porto.
- Na tarifa X-2, cando o barco atracase ó peirao. A atracada
contarase desde a hora para a que se autorizase ata o momento
de larga-la última amarra do peirao.
- Na tarifa X-3, cando se inicien as operacións de paso
das mercadorías ou dos pasaxeiros polo porto.
- Na tarifa X-4, cando se inicien as operacións de embarque,
desembarque ou transbordo dos productos da pesca en calquera
punto das augas ou da zona terrestre baixo a xurisdicción
do organismo portuario.
- Na tarifa X-5, cando a embarcación entre nas augas
do porto ou no recinto portuario.
- Na tarifa E-1, desde o momento de posta á disposición
do correspondente guindastre.
- Na tarifa E-2, entenderase que o inicio da prestación
do servicio se produce na data de reserva do espacio solicitado.
- Na tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais
e de servicios, producirase no momento da notificación
do outorgamento da autorización de actividade ou da concesión
ou autorización de ocupación do dominio público
portuario respecto do ano en curso. Nembargantes, no suposto
de que por execución de obras e outras causas xustificadas
se producise unha demora no inicio da actividade, o devengo da
taxa non se producirá ata o momento no que esta se inicie.
Nos anos sucesivos o devengo producirase o 1 de xaneiro.
Artigo 32. Tarifas
A taxa esixirase de acordo coas tarifas contidas nos anexos 2 e anexo 3 desta lei, para as modalidades de actuacións administrativo-facultativas
e actuacións profesionais, respectivamente, e entenderanse
co imposto sobre o valor engadido, de se-lo caso, a excepción
da tarifa 99 prevista no anexo 3.
Sección 4.ª
Taxa sobre a venda de bens
Artigo 33. Feito impoñible
- Constitúe o feito impoñible da taxa sobre a
venda de bens a entrega por parte dos suxeitos relacionados no
artigo 3 desta lei dos bens solicitados.
- No caso de que a subministración do ben consista en
entregas parciais, o feito impoñible entenderase realizado
en cada unha delas.
Artigo 34. Suxeito pasivo
- É suxeito pasivo da taxa sobre a venda de bens a persoa
física ou xurídica solicitante do ben en cuestión.
- Así mesmo, terán a consideración de
suxeitos pasivos desta taxa as herdanzas xacentes, as comunidades
de bens e as demais entidades que, carecendo de personalidade
xurídica, constitúan unha unidade económica
ou un patrimonio separado susceptible de imposición.
Artigo 35. Exencións
Quedarán exentos desta taxa os organismos, as entidades
e as autoridades que conforman a distribución institucional
na venda das publicacións do Instituto Galego de Estatística.
Artigo 36. Devengo
- A taxa devengarase no momento da entrega do ben.
- No caso de que a entrega do ben se realice de xeito periódico
como consecuencia da realización dunha subscrición
polo suxeito pasivo, a taxa devengarase no momento no que se
realice a devandita subscrición.
Artigo 37. Tarifas
A taxa esixirase de acordo coas tarifas contidas no anexo 4 desta lei, e entenderase co imposto sobre o valor engadido, de
se-lo caso.
Sección 5.ª
Taxa por utilización privativa,
ocupación ou aproveitamento especial do dominio público
da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 38. Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización
privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do
dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 39. Suxeito pasivo
Son suxeitos pasivos desta taxa os titulares dos permisos de
ocupación temporal, concesións administrativas
ou calquera outra autorización, cando teñan por
obxecto a utilización privativa, a ocupación ou
o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade
Autónoma de Galicia.
Artigo 40. Bonificacións e exencións
Á tarifa 02 contida no anexo 5 seranlle aplicables as
bonificacións e exencións que se relacionan a seguir:
- Cando os suxeitos pasivos realicen investimentos
en obras de recheo, consolidación ou mellora de terreos. A contía
da bonificación determinarase en función do investimento
realizado, de conformidade coa escala que se estableza regulamentariamente,
atendendo ó tipo de obra e ó seu custo, e non poderá exceder
do 50 % da contía correspondente á ocupación
das augas do porto ou, de se-lo caso, dos terreos.
- Cando o obxecto da concesión consista na urbanización
e comercialización de zonas de almacenaxe e de actividades
loxísticas, a contía de bonificación determinarase
en función do investimento privado realizado, de conformidade
coa escala que se estableza regulamentariamente, atendendo ó tipo
de obra e ó seu custo, e non poderá exceder do
40 % da contía correspondente á ocupación
de terreos. Esta bonificación non se poderá aplicar
durante un período superior ó establecido para
a finalización de cada fase de urbanización no
título concesional.
- Cando o titular da concesión ou autorización
sexa algún órgano das administracións públicas
e o obxecto destas sexan actividades de interese social e cultural.
O importe desta bonificación será do 50 % da contía
correspondente á ocupación de terreos.
- Cando a ocupación do dominio público portuario
teña por destino a construcción e/ou explotación
de lonxas, fábricas de xeo e naves de redes, a contía
da taxa terá unha bonificación do 90 %.
- Nas concesións ou autorizacións de dominio
público portuario outorgadas a entidades náuticas
ou culturais sen ánimo de lucro para actividades de ensinanza
da náutica deportiva ou de conservación ou recuperación
de embarcacións tradicionais terá unha bonificación
do 90 % no que se refire exclusivamente a estas actividades,
sempre que non sexan obxecto de explotación económica.
- Estarán exentos do pagamento da taxa por utilización
privativa ou aproveitamento especial do dominio portuario:
- Os órganos e as entidades das administracións
públicas cando estean directamente relacionados con actividades
de vixilancia, de represión do contrabando, de protección
civil de salvamento e de loita contra a contaminación
mariña ou coa defensa nacional.
- As corporacións locais cando se trate de actividades
encadradas entre as súas finalidades públicas e
estas non sexan obxecto de explotación económica.
- A Cruz Vermella Española está exenta do pagamento
da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial
do dominio público portuario respecto das actividades
marítimas propias que esta institución ten encomendadas.
Por orde da consellería competente en materia de portos
e por proposta do ente público Portos de Galicia, concretaranse
as condicións, as escalas e os criterios necesarios para
a aplicación das bonificacións previstas nos anteriores
supostos, partindo dos elementos esenciais contidos nestes.
Artigo 41. Devengo
- A taxa devéngase no momento da notificación
do outorgamento do permiso de ocupación temporal, da concesión
administrativa ou de calquera outra autorización, respecto
do ano en curso e o 1 de xaneiro nos sucesivos anos.
- Na tarifa 02 contida no anexo 5, nos supostos de concesións
nos que o termo inicial se vincule á data de extinción
doutra concesión ou á data de remate de obras que
executa a autoridade portuaria, o devengo producirase nesas datas
o primeiro ano e o 1 de xaneiro nos sucesivos anos.
Artigo 42. Tarifas
- A taxa esixirase de acordo coas tarifas relacionadas no anexo
5 desta lei.
- As tarifas prorratéanse en función do tempo
de gozo da concesión ou autorización durante o
primeiro ano e o último de duración daquelas, computándose
o tempo en meses enteiros e arredondándose para estes
efectos o número de meses ó enteiro inmediatamente
superior.
- No caso da tarifa 02 contida no anexo 5 será aplicable
o seguinte:
- A base sobre a que se aplica o tipo de gravame establecido
actualizarase anualmente na mesma proporción que a variación
interanual experimentada polo índice xeral dos prezos ó consumo
para o conxunto nacional total (IPC) no mes de outubro. A devandita
actualización será efectiva a partir do día
1 de xaneiro seguinte.
- A tarifa 02 contida no referido anexo non abrangue o imposto
sobre o valor engadido correspondente.
- A tarifa será esixible por adiantado coas actualizacións
e, de se-lo caso, revisións que se efectúen, e
nos prazos que figuren nas cláusulas da concesión
ou autorización, que non poderán ser superiores
a un ano. Nembargantes, Portos de Galicia poderá autorizar
pagamentos a conta da taxa por prazos superiores para financia-la
execución de obras a cargo desta.
- No suposto de que Portos de Galicia convoque concursos para
o outorgamento das concesións ou autorizacións,
os pregos de bases poderán conter, entre os criterios
para a súa resolución, o que os licitadores oferten
importes adicionais ós establecidos para esta taxa. Neste
caso, o tipo da taxa virá determinado pola suma de dous
compoñentes:
- A porcentaxe vixente no momento do devengo.
- A mellora determinada polo adxudicatario na proposición
sobre a que se realiza a concesión, expresada en puntos
porcentuais.
Capítulo II
Prezos públicos
Artigo 43. Concepto
Son prezos públicos as contraprestacións pecuniarias
percibidas polos suxeitos ós que se refire o artigo 3
desta lei pola prestación de servicios ou a realización
de actividades efectuadas en réxime de dereito público
cando, prestándose tamén tales servicios ou actividades
polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte
dos administrados; para estes efectos enténdese que os
servicios sociais, sanitarios e educativos se prestan en réxime
de dereito público.
Artigo 44. Normativa aplicable
- En todo o non previsto nesta lei os prezos públicos
obxecto dela regularanse polo disposto no texto refundido da
Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas
súas normas de desenvolvemento.
- Aplicaranse de forma supletoria a Lei xeral tributaria e
as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como
as súas normas de desenvolvemento.
Artigo 45. Obrigados ó pagamento
Estarán obrigados ó pagamento dos prezos públicos
os que, en cada caso, determine a norma que os estableza.
Artigo 46. Contía dos prezos públicos
- Os prezos públicos fixaranse na contía que
cubra como mínimo os custos económicos derivados
do servicio ou das actividades prestadas.
- Cando existan razóns de interese público que
o xustifiquen, poderanse sinalar prezos públicos en contía
inferior á indicada no apartado anterior, logo de adopción
das previsións orzamentarias precisas para a cobertura
da parte de custo subvencionada.
Artigo 47. Fixación de prezos públicos
- Os prezos públicos serán fixados por decreto,
por proposta da consellería da que dependa o órgano
ou a entidade oferente. A devandita proposta incluirá necesariamente
unha memoria económica que deberá conter como mínimo
o seguinte:
- Información suficiente respecto do custo de prestación
dos bens ou servicios de que se trate.
- Xustificación da política de prezos proposta,
a cal deberá en todo caso resultar suficiente para cubri-los
custos totais, sen prexuízo da posible subvención
reguladora correspondente.
- Sobre a proposta á que se refire o apartado anterior
deberá emitir informe favorable a consellería competente
en materia de facenda.
Artigo 48. Xestión
- A xestión dos prezos públicos correspóndelles ós
suxeitos relacionados no artigo 3, perceptores destes, que deberán:
- Levar rexistros separados de ingresos e gastos, de xeito
que resulte posible a súa determinación tanto conxuntamente
coma polo tipo de ben ou servicio producido.
- Poñer en coñecemento do órgano da
Administración
da Comunidade do que dependan calquera situación económica
adversa que provoque un desequilibrio orzamentario da súa
xestión.
- En todo caso, someteranse regularmente ós controis
e ás inspeccións que correspondan pola consellería
competente en materia de facenda.
- Os ingresos derivados de prezos públicos estarán
sometidos ó réxime orzamentario da entidade perceptora.
- Os prezos públicos poderanse esixir desde que se efectúe
a entrega dos bens ou se inicie a prestación dos servicios
que xustifican a súa esixencia.
Tamén poderá esixirse
a anticipación ou
o depósito previo do importe total ou parcial dos prezos
públicos na forma que, por proposta da consellería
competente en materia de facenda, se determine regulamentariamente.
- O pagamento dos prezos públicos realizarase en efectivo
ou mediante emprego de efectos timbrados ou doutros instrumentos
de pagamento que autorice a consellería competente en
materia de facenda.
- As funcións relativas ós procedementos de recadación
corresponderanlle á consellería competente en materia
de facenda e levarana os órganos de recadación
que regulamentariamente e por proposta desta se determinen.
- As débedas por prezos públicos poderanse esixir
mediante o procedemento administrativo de constrinximento.
- Cando por causas non imputables ó obrigado ó pagamento
do prezo non se realice a actividade ou non se preste o servicio,
procederá a devolución do importe que corresponda.
Artigo 49. Reclamacións e recursos
Contra os actos de xestión poderase presentar recurso
na vía económico-administrativa perante a Xunta
Superior de Facenda, sen prexuízo do dereito a interpoñer
previamente, con carácter potestativo, recurso de reposición
perante o órgano que dictou o acto. A resolución
das reclamacións económico-administrativas esgotará a
vía administrativa.
Capítulo III
Prezos privados
Artigo 50. Concepto
Son prezos privados as contraprestacións que obteñan
os suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta lei pola
prestación de servicios ou a realización de actividades
efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose
tamén tales servicios ou actividades polo sector privado,
sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.
Artigo 51. Fixación
Os prezos privados serán fixados polas consellerías
correspondentes, logo de informe favorable da de Economía
e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias
do mercado no que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente
se poidan aplicar subvencións reguladoras. Para estes efectos,
a consellería correspondente remitiralle á de Economía
e Facenda o proxecto normativo xunto
coa memoria económica na que se xustifiquen os aspectos
anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada
no Diario Oficial de Galicia .
Artigo 52. Xestión
A xestión dos prezos privados correspóndelles ós
suxeitos relacionados no artigo 3 desta lei, quedando así mesmo
sometidos ás obrigas enumeradas no artigo 48.1.
Artigo 53. Réxime xurídico
Os actos, os negocios e, en xeral, as relacións xurídicas
que deriven das actuacións económicas das entidades
oferentes que teñan unha contraprestación que deba
cualificarse como prezo privado de acordo co artigo 49 rexeranse
polas normas de ordenación xurídica privada que
resulten aplicables.
Título III
Instrumentos reguladores
Artigo 54. Concepto
- Son instrumentos reguladores as exaccións ou, de se-lo
caso, as subvencións utilizadas co obxecto de influír
sobre o consumo de determinados bens ou servicios.
- A aplicación dunha exacción reguladora determinará unha
tarifa para o consumidor ou usuario superior ó importe
normalmente percibido pola institución ou entidade oferente
do ben ou servicio do que se trate. Pola contra, a utilización
dunha subvención reguladora permitirá aplicarlles ós
consumidores prezos ou tarifas inferiores ó custo de producción
dos bens ou servicios.
Artigo 55. Establecemento de instrumentos reguladores
- O establecemento de calquera exacción ou subvención
reguladoras deberase facer mediante norma con rango de lei. Na
lei de creación das exaccións reguladoras recolleranse
os seus elementos esenciais así como a finalidade da intervención
que se pretende.
- Na Lei de orzamentos de cada ano poderanse modifica-los elementos
determinantes da contía das exaccións reguladoras
sempre que non se altere o seu propósito ou natureza.
Nesta mesma lei ofrecerase información global respecto
das compensacións ou subvencións que puidesen comporta-la
venda de bens e a prestación de servicios cando o oferente
sexa un dos suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta
lei.
Artigo 56. Reclamacións e recursos
As exaccións reguladoras teñen natureza tributaria
e, en consecuencia, os actos administrativos derivados da súa
aplicación serán obxecto de recurso na vía
económico-administrativa como previa á interposición,
de se-lo caso, dos recursos contencioso-administrativos.
Disposición adicional primeira.-
Xunta Superior de Facenda
O Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma
creado na disposición adicional primeira da Lei 13/1991,
do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade
Autónoma de Galicia, pasará a denominarse Xunta
Superior de Facenda.
Disposición adicional segunda.-
Revisión
e reducción das tarifas das taxas
- Sen prexuízo do disposto no artigo 15.6 desta lei
e agás que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma
de Galicia dispoña outra cousa, no período quinquenal
2004-2008, as taxas de contía fixa elevaranse ata a cantidade
resultante da aplicación dos coeficientes que se relacionan
a seguir para cada ano ás contías esixibles o 31
de decembro do ano inmediatamente anterior:
Coeficientes
| Ano |
Coeficiente |
| 2004 |
1,02 |
| 2005 |
1,02 |
| 2006 |
1,01 |
| 2007 |
1,01 |
| 2008 |
1,01 |
Estes coeficientes seranlles aplicables ás contías
que, con carácter mínimo ou máximo, se establecen
en todo tipo de tarifas calquera que sexa a forma de establecemento
da súa cota tributaria.
Considéranse taxas de contía
fixa aquelas que non están determinadas por unha porcentaxe
sobre unha base ou cando esta non se valora en unidades monetarias.
Exceptúanse
deste incremento as tarifas das taxas que se recadan mediante
efectos timbrados.
- A tarifa portuaria X-5 contida no apartado 99 do anexo 3
e aplicable ás embarcacións deportivas e de lecer
terá unha reducción do 20 % nos portos situados
na comarca da Costa da Morte.
Esta reducción aplicarase
de oficio e será acumulable ás
demais reduccións e bonificacións xerais establecidas
nas regras xerais de aplicación desta taxa.
Disposición transitoria única.-
Títulos
vixentes á entrada en vigor desta lei
As autorizacións e concesións por utilización
privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio
público portuario da Comunidade Autónoma de Galicia
ou para o exercicio de actividades comerciais, industriais e
de servicios, vixentes á entrada en vigor desta lei, deberanse
adaptar ó disposto nesta lei co respecto ás correspondentes
taxas.
Portos de Galicia, considerando o tempo transcorrido desde a
entrada en vigor da concesión, a amortización das
obras efectuadas e mailos resultados económicos da explotación,
poderá efectuar unha aplicación lineal do incremento
durante un prazo de tres anos.
Disposición derrogatoria única.-
Derrogación
de determinadas normas legais
Quedan derrogadas cantas normas se opoñan ó establecido
por esta lei, e, en particular, a Lei 13/1991, do 9 de decembro,
de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade
Autónoma de Galicia, agás as súas disposicións
adicionais primeira e segunda, así como o Decreto lexislativo
1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado
das bases contidas no capítulo 3.º do título
II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións
reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira primeira.-
Modificación
da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade
Autónoma de Galicia
Modifícase o apartado 2 do artigo 54 da Lei 3/1985, do
12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia,
que queda redactado como segue:
2. As concesións outorgaranse para unha finalidade
concreta, con determinación do seu obxecto e límites,
sendo esixible como contraprestación a contía da
taxa que resulte vixente no momento do seu devengo.
Disposición derradeira segunda.-
Modificación
da Lei 6/2002, do 27 de decembro
Engádeselle unha nova letra d) ó artigo 28.Dous
da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2003, coa seguinte redacción:
d) Para financia-las variacións de activos financeiros
que sexan considerados como tales desde o punto de vista do SEC
95.
Disposición derradeira terceira.-
Desenvolvemento regulamentario
A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía
e Facenda, desenvolverá regulamentariamente as normas
desta lei dentro dos seis meses seguintes á súa
entrada en vigor.
Disposición derradeira cuarta.-
Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor ó día seguinte ó da
súa publicación.
Santiago de Compostela, 9 de diciembre de 2003
Manuel Fraga Iribarne
Presidente