As diferentes medidas normativas que integran o contido desta lei fundaméntanse en razóns de oportunidade suscitadas en relación cos obxectivos de política económica e financeira dos orzamentos xerais de Galicia para o ano 2003.
Na súa vertente financeira, esa relación de complementariedade resulta particularmente explícita nas medidas de carácter tributario, estendéndose desde outra perspectiva ó conxunto de normas relacionadas con distintos aspectos da actuación administrativa, que comprenden desde a regulación de contidos xerais de natureza orzamentaria ou que afectan o réxime de persoal do sector público ata as dirixidas a producir efectos en relación con áreas sectoriais moi concretas, como no caso das que inciden sobre determinados aspectos da normativa existente en materia de estradas.
Dentro do título I, en exercicio das competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma e sometida ó cumprimento de determinados requisitos, establécese unha reducción na base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns nos casos de transmisión inter vivos de participacións ou de dereitos de usufructo sobre explotacións agrarias, así como nos casos de transmisións de igual carácter que afecten empresas individuais, negocios profesionais ou participación en entidades. Noutro sentido, autorízanse deduccións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas por alugueiro da vivenda habitual, e dentro dos impostos indirectos establécese unha bonificación do 75% da cota nas escrituras públicas outorgadas para formaliza-la declaración de obra nova ou a división horizontal de edificios destinados a vivenda de alugueiro. No que respecta á taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, determínanse os tipos de gravame nos casinos de xogo e mailas cotas fixas aplicables nas máquinas recreativas. E no ámbito da xestión tributaria, establécense normas específicas que afectan a xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como do imposto sobre sucesións e doazóns.
No título II inclúense unha serie de normas que inciden sobre diferentes áreas da actuación administrativa.
En materia de persoal, a modificación de varios artigos da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, persegue clarifica-lo marco de distribución de competencias actualmente existente, incorporando noutros casos as modificacións previamente recollidas na normativa estatal con carácter básico, suposto que afecta a regulación das situacións de excedencia por coidado de fillos que se prevé nesta lei. Tamén resulta salientable a posibilidade que se lles abre ós funcionarios dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional para desempeñaren funcións nos ámbitos da formación profesional ocupacional e continua, coa finalidade de consegui-lo mellor aproveitamento da experiencia e dos coñecementos deses docentes.
No referente á xestión financeira e orzamentaria, as modificacións que afectan o texto refundido da lei, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, perseguen unha maior precisión no enunciado dalgunha das causas de interrupción da prescrición dos dereitos da Facenda autonómica e a maior operatividade en relación coas limitacións existentes para a transferencia de créditos, que non deben afectar determinados supostos expresamente previstos na lei.
Dentro do capítulo de xestión de persoal, e coa finalidade de optimiza-lo aproveitamento dos seus recursos humanos, atribúeselle ó Servicio Galego de Saúde a competencia para autoriza-las modificacións necesarias para adaptar ás necesidades dos centros de xestión os cadros do persoal non incluído nas relacións de postos de traballo, sempre que non se orixine un incremento dos créditos asignados a cada centro.
Abórdase tamén a adaptación de diversos artigos da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia. Entre as novidades introducidas figura a referente á autorización de obras non previstas nos correspondentes plans pero que están revestidas dun carácter urxente ou excepcional, a relativa á posibilidade de acometer directamente a construcción e a explotación de estradas por medio de sociedades públicas autonómicas, a que trata da delimitación legal do contrato de concesión de obras públicas e maila inclusión das transferencias de fondos públicos entre os recursos que, baixo determinadas condicións que a propia lei especifica, poden contribuír ó financiamento dos concesionarios da construcción e explotación das estradas.
Polo que respecta ó patrimonio da Comunidade Autónoma, as modificacións introducidas na Lei 3/1985, do 12 de abril, posibilitan que os acordos de alleamento, aprobados en cada caso pola Consellería de Economía e Facenda, polo Consello da Xunta ou polo Parlamento de Galicia, poidan incluí-la autorización de contratos de alugueiro ou de alugueiro financeiro dos bens que se van allear, cando se considere procedente que sigan sendo utilizados temporalmente polos servicios administrativos.
Así mesmo, e no marco de relacións de colaboración, faise posible a cesión de bens mobles a favor de entidades sen ánimo de lucro, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social.
Finalmente, e dentro das disposicións adicionais, establécese unha prestación familiar por coidado de fillos menores, para os casos nos que as persoas que os tivesen ó seu cargo non estivesen obrigadas a presentaren a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas. Con finalidades de fomento empresarial autorízase un réxime especial de alleamento de solo industrial por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Como resposta á conveniencia de adaptar ó réxime dos consorcios previstos na Lei de Administración local de Galicia o do consorcio de xestión establecido na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos, introdúcense nesta última as modificacións necesarias. E por corresponder máis exactamente á finalidade e ás competencias do organismo, modifícase a denominación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, que pasa a chamarse Fondo Galego de Garantía Agraria.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e de réxime administrativo.
| |No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto no apartado 1 do artigo 40 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, e sen prexuízo da aplicación das reduccións previstas no artigo 20.6 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e daqueloutras que están reguladas en leis especiais, para o cálculo da base liquidable do imposto sobre sucesións e doazóns resultarán aplicables as seguintes reduccións por circunstancias propias da Comunidade Autónoma de Galicia:
No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, de réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e de acordo co disposto na letra b) do apartado 1 do artigo 38 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, establécese a seguinte deducción na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:
Cando, cumprindo estes requisitos, dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta deducción, o seu importe total, sen exceder do límite establecido por contrato de arrendamento, ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.
No caso de tributación conxunta o requisito da idade deberá cumprilo polo menos un dos cónxuxes ou, de se-lo caso, o pai ou a nai.
A práctica desta deducción quedará condicionada á xustificación documental do orzamento de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade.
No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto na letra b) do apartado 1 do artigo 41 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, establécese, en canto ó gravame gradual sobre actos xurídicos documentados, unha bonificación do 75% da cota nas escrituras públicas outorgadas para formaliza-la declaración de obra nova ou a división horizontal de edificios destinados a vivendas de alugueiro.
Para o recoñecemento desta bonificación deberá consignarse no documento que o promotor da edificación vai dedicarse directamente á súa explotación no réxime de arrendamento e destinar a esta actividade a totalidade das vivendas existentes nesta.
A bonificación entenderase concedida con carácter provisional e estará condicionada a que, dentro dos dez anos seguintes á finalización da construcción, non se produza calquera das seguintes circunstancias:
No caso de producirse, dentro do indicado prazo, calquera das circunstancias anteriores, deberá satisfacerse, nos trinta días hábiles seguintes á data na que ocorra, o imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da bonificación e os xuros de mora.
Non se entenderá producida a circunstancia sinalada na letra b) cando se transmita a totalidade da construcción a un ou varios adquirentes que continúen coa explotación das vivendas do edificio en réxime de arrendamento. Os adquirentes subrogaranse na posición do transmitente para a consolidación da bonificación e para as consecuencias derivadas do seu incumprimento.
Os servicios de inspección tributaria da Consellería de Economía e Facenda poderán, periodicamente, comprobar se se produciron as circunstancias que orixinan a perda da bonificación.
| |No uso das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto na letra c) do punto 1 do artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, modifícanse os tipos de gravame e as cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, no sentido que a continuación se indica:
| Porción de base impoñible comprendida | Tipo aplicable porcentaxe |
|---|---|
| Entre 0 e 1.471.493 euros | 22 |
| Entre 1.471.493,01 e 2.434.652 euros | 38 |
| Entre 2.434.652,01 e 4.855.926 euros | 49 |
| Máis de 4.855.926 euros | 60 |
No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo B ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 66,76 euros por cada 0,04 euros no que se aumente o novo prezo máximo autorizado.
Se a modificación se producise con posterioridade ó devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela na que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresa-la diferencia de cota que corresponda na forma e nos prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda.
Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e o ingreso serán só do 50% da diferencia se a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se producise despois do 30 de xuño.
No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto nos artigos 40.2 e 41.2 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, establécense as seguintes normas específicas de xestión:
Non obstante, o conselleiro de Economía e Facenda poderá autoriza-la presentación das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións por vía telemática, así como subscribir acordos con outras administracións públicas, así como coas entidades, institucións e organismos ós que se refire o artigo 96 da Lei 230/1963, do 23 de decembro, xeral tributaria, para facer efectiva a colaboración social na presentación e no ingreso das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións mediante a utilización das técnicas e dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos.
Co obxecto de facilita-lo cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes, a Consellería de Economía e Facenda, no ámbito das súas competencias, facilitará e impulsará a presentación telemática das escrituras públicas, desenvolvendo os instrumentos xurídicos, as técnicas e os medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para tal fin.
Modifícase o apartado 12 do punto 2 do artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:
2.12. Autoriza-las adscricións en comisión de servicios para postos de traballo, así como, sen prexuízo do previsto nos artigos 15.8.e) e 62.4, a adscrición con carácter provisional do persoal funcionario sen destino definitivo.
Modifícase o artigo 13 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:
Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de Administración local:
- Exerce-las competencias que respecto dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.
- A designación de representantes da Comunidade Autónoma nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as entidades locais.
Modifícase o punto 8 do artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:
8. En relación cos funcionarios pertencentes a corpos ou escalas adscritos ó seu departamento:
- A convocatoria e a resolución dos concursos de traslados.
- O nomeamento de persoal interino.
- O recoñecemento da adquisición do grao persoal e dos trienios.
- Resolve-las situacións administrativas dos funcionarios.
- Autoriza-la adscrición con carácter provisional do persoal funcionario sen destino definitivo.
Modifícase o artigo 54 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:
Servicios noutras administracións públicas:
Os funcionarios da Comunidade que, por medio dos sistemas de concurso, de libre designación, transferencia ou adscrición provisional, se é o caso, pasen a ocupar postos de traballo noutras administracións públicas someteranse ó réxime estatutario vixente na administración na que estean destinados e seralles aplicable a lexislación en materia de función pública desta, pero conservarán a súa condición de funcionarios da Comunidade en situación de servicio noutras administracións públicas.
No suposto de estar incurso en expediente disciplinario, a imposición da sanción de separación do servicio corresponderalles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma.
Modifícase o punto 4 do artigo 55 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:
4. Excedencia para o coidado de fillos e familiares:
Os funcionarios terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a tres anos, para atenderen o coidado de cada fillo, tanto cando sexa por natureza coma por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, que se contará desde a data de nacemento ou, de se-lo caso, da resolución xudicial ou administrativa.
Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, os funcionarios para atenderen o coidado dun familiar que se encontre ó seu cargo, ata o segundo grao inclusive de consanguinidade ou afinidade, que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.
O período de excedencia será único por cada suxeito causante. Cando un novo suxeito causante dese orixe a unha nova excedencia, o inicio do período dela poñeralle fin ó que se viñese gozando.
Esta excedencia constitúe un dereito individual dos funcionarios. No caso de que dous funcionarios xerasen o dereito a gozalo polo mesmo suxeito causante, a Administración poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas relacionadas co funcionamento dos servicios.
O período de permanencia nesta situación computarase para efectos de trienios, de consolidación do grao persoal e dos dereitos pasivos. Durante o primeiro ano, os funcionarios terán dereito á reserva do posto de traballo que desempeñaban. Transcorrido este período, a devandita reserva será para un posto na mesma localidade e de igual nivel e retribución.
Modifícase o punto 1 do artigo 65 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:
1. As contías das retribucións básicas das letras a) e b) do apartado 2 do artigo 64 desta lei serán iguais para cada un dos grupos nos que se clasifican os corpos ou as escalas. Así mesmo as contías das pagas extraordinarias serán iguais para cada un dos grupos de clasificación segundo o nivel do complemento de destino que perciban.
O soldo dos funcionarios do grupo A non poderá exceder en máis de tres veces o soldo dos funcionarios do grupo E.
Engádese unha disposición adicional décimo cuarta á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, coa redacción seguinte:
1. Os funcionarios de carreira ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes de corpos e escalas de asistentes sociais, integrados no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, poderán voluntariamente optar por se integraren no corpo de xestión de Administración xeral da Xunta de Galicia ou ben por pasaren a persoal laboral fixo ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, na categoría de asistente social (17), do grupo II, do IV Convenio Colectivo Único.
2. Os funcionarios de carreira do corpo de conductores e conductores-mecánicos, grupos E ou D, ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que se atopen desempeñando postos de traballo que aparecen reservados ó persoal laboral nas correspondentes relacións de postos de traballo poderán optar por se integraren como persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia nas categorías e nos grupos que correspondan.
3. Mediante orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, regularanse os termos e as condicións para os efectos das opcións de integración previstas nesta disposición .
Modifícase a disposición adicional sexta da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, que queda redactada como segue:
| |
- 1. Para o exercicio da actividade de vixilancia e inspección do patrimonio cultural créase, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, a escala de vixilancia e inspección do patrimonio cultural de Galicia, para a que se establecerá regulamentariamente a súa estructura, dependencia e funcionamento orgánico.
- 2. A titulación deberá ser de arquitecto superior, licenciado en xeografía e historia ou en historia (arqueólogo), licenciado en historia da arte ou licenciado en humanidades. O sistema de selección será por concurso-oposición e as súas funcións serán:
- Vixilancia do cumprimento da ordenación urbanística municipal a través dos plans de ordenación e plans operativos no que se refire ó patrimonio cultural de Galicia.
- Comprobación do cumprimento das normas, das resolucións e dos dictames emanados da autoridade competente en materia de protección do patrimonio cultural.
- Control dos obrigatorios libros de rexistro, onde deben consta-las transaccións realizadas polas persoas e entidades dedicadas ó comercio de bens integrantes do patrimonio cultural.
- Todas aqueloutras que por disposición legal ou regulamentaria poidan serlle atribuídas.
Modifícase o punto 3 do artigo 23 do Texto Refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:
3. A prescrición quedará interrompida:
- Pola interposición de reclamacións ou recursos de calquera clase.
- Por calquera actuación do obrigado conducente ó recoñecemento, á liquidación ou ó pagamento da débeda.
- Por calquera acción administrativa, realizada con coñecemento formal do obrigado, conducente ó recoñecemento, á liquidación ou ó cobramento da débeda.
Modifícase o punto 3 do artigo 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado da forma seguinte:
3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas ou realizadas ó amparo do artigo 60.2 desta lei, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea.| |
Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.
En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.
En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.
| |Modifícase o artigo 25 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que queda redactado como segue:
Cando o valor dos bens e dereitos, segundo a declaración de alienabilidade, non exceda de 3.005.000 euros, corresponderalle acorda-lo alleamento á Consellería de Economía e Facenda. A partir desa cantidade e ata 12.020.000 euros ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, e cando exceda de 12.020.000 euros ó Parlamento de Galicia, mediante lei.
A Consellería de Economía e Facenda, o Consello da Xunta e o Parlamento de Galicia poderán autorizar, nos respectivos acordos de alleamento, a subscrición de contratos de alugueiro ou de alugueiro financeiro dos bens que se van allear, cando se considere procedente que temporalmente sigan sendo utilizados polos servicios administrativos. En todo caso, os citados acordos deberán ser adoptados logo de informe da Dirección Xeral de Orzamentos.
Modifícase o artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que queda redactado da seguinte maneira:
| |A consellería que adquirise ou que tivese adscritos bens mobles da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, poderállelos ceder a entidades públicas ou sen ánimo de lucro no marco de relación de colaboración, cooperación e coordinación, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social. Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado considerarase resolta a cesión e reverterán á Administración da Comunidade Autónoma.
O acordo de cesión levará implícita, se é o caso, a desafectación dos bens de que se trate.
Modifícase o punto 2.3 do artigo 2 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:
2.3. Son corredores as estradas con limitación de accesos desde as propiedades contiguas, constituídas por unha soa calzada, que sexan proxectadas con previsión do seu futuro desdobramento. As obras de fábrica, se é o caso, realizaranse tendo en conta a devandita previsión. Os concellos recollerán nos seus instrumentos de planeamento os ditos usos futuros.
Modifícase o artigo 19 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:
Só se poderán construír novas estradas cando estean previstas no seu correspondente plan.
Non obstante, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá, excepcionalmente, realizar actuacións ou executar obras non previstas no Plan de estradas no caso de recoñecida urxencia ou excepcional interese público, debidamente apreciados polo Consello da Xunta, e deberá darlle conta á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia.
Modifícase o punto 3 do artigo 21 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:
3. As estradas que se vaian construír e explotar en virtude dun contrato de concesión de obras públicas ou a través dunha sociedade pública autonómica, así como as que se vaian explotar en réxime de xestión indirecta, financiaranse mediante recursos propios das entidades adxudicatarias, os alleos que estas mobilicen e as transferencias que puidesen outorgarse.
Engádeselle un novo artigo 21 bis á Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:
- 1. Para os efectos desta lei, terá a consideración de contrato de concesión de obras públicas aquel no que, ó se-lo seu obxecto a construcción de estradas, a contraprestación a favor do concesionario consista no dereito a explota-la obra e, se é o caso, a recibir un prezo, sendo o seu réxime xurídico o establecido na lexislación básica estatal.
- 2. A utilización das estradas construídas e explotadas polos titulares da concesión dará dereito a percibir dos usuarios as correspondentes tarifas.
Para estes fins a consellería competente en materia de estradas determinará os prezos máximos delas.
- 3. A administración titular da vía poderá establecer no prego de cláusulas administrativas particulares a transferencia de fondos públicos, de carácter orzamentario, calculados en función dos usuarios da infraestructura e da rendibilidade social producida, tanto pola construcción coma pola utilización dela.
- 4. Coa finalidade de determina-las transferencias de fondos públicos, realizarase un estudio de viabilidade no que se deberán expresa-las hipóteses económicas e no que se concretará o marco financeiro da concesión.
Modifícase o artigo 23 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:
- 1. A Administración autonómica poderá construír e explotar estradas mediante sociedades públicas nas que a Administración xeral participe, ben directamente ou a través de calquera entidade ou sociedade pública autonómica, logo de autorización da correspondente Lei de orzamentos.
- 2. A utilización das estradas construídas e explotadas pola sociedade pública dará dereito a percibir dos usuarios as correspondentes tarifas.
- 3. A administración titular da vía poderá realizar transferencias de fondos públicos, de carácter orzamentario, calculados en función dos usuarios da infraestructura e da rendibilidade social producida, tanto pola construcción coma pola utilización dela.
Modifícase o artigo 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:
| |
- 1. As estradas poderán ser explotadas mediante contrato de concesión de obra pública, en réxime de xestión indirecta ou a través dunha sociedade pública autonómica.
- 2. As estradas en réxime de concesión administrativa rexeranse polo disposto na lexislación específica.
- 3. No caso da rede de titularidade autonómica, se a explotación dunha estrada se efectúa por xestión interesada, por concerto con persoa natural ou xurídica, por sociedade de economía mixta ou por sociedade pública autonómica, correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia acordar, por decreto, os termos da xestión e a constitución da sociedade.
Modifícanse os apartados a) e g) do artigo 6 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedan redactados nos seguintes termos:
- a. Os exclusivos dos casinos de xogo. Teñen tal condición:
- Ruleta francesa.
- Ruleta americana.
- Vinteún ou black-jack.
- Bola o boule.
- Trinta e corenta.
- Punto e banca.
- Camiño de ferro, bacarrá ou chemin de fer.
- Bacarrá a dous panos.
- Dados ou craps.
- Póker nas variantes que regulamentariamente se establezan.
- g. As loterías, agás que o Consello da Xunta de Galicia lle reserve a xestión á propia Administración pública autonómica.
Engádeselle un apartado d) ao artigo 22 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, Reguladora dos Xogos e Apostas de Galicia, co seguinte texto:
d) Reserva-la xestión do xogo das loterías a un organismo ou a unha sociedade pública da Comunidade Autónoma.| |
Modifícase o punto 3 da disposición adicional da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado como segue:
3. O órgano colexiado superior da empresa é o seu Consello de Administración.
O presidente do consello de administración, que á súa vez exercerá a presidencia da empresa, será nomeado de entre os seus membros polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O presidente ten a representación legal da empresa e exerce as súas funcións directivas e executivas superiores.
Formarán parte do consello de administración:
- O director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
- Tres vocais designados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
- Un vocal designado pola Consellería de Economía e Facenda.
- Ata dous vocais máis en representación doutros departamentos da Administración autonómica.
Pertencer ó consello de administración non xerará dereitos laborais.
Engádeselle un punto 4 á disposición adicional da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, coa redacción seguinte:
4. O persoal da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos poderá ser contratado en réxime de dereito laboral ou ser funcionario, ou asimilado, ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á empresa.
Modifícase o punto 7 do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, Reguladora da Xunta e do seu presidente, que queda redactado como segue:
7. Resolve-los recursos administrativos promovidos contra as resolucións dos organismos e das entidades da consellería, agás cando por lei ou regulamentariamente se lle atribúa esa facultade a outro órgano.| |
Aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen a cargo fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 300 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2001, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estivesen obrigados a presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período.
A percepción desta prestación axustarase ó procedemento que estableza a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que esixirá xustificación documental dos requisitos necesarios para o seu gozo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.
Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial, así como de parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas con participación maioritaria polo devandito organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de xuros.
As sociedades públicas referidas ofreceranlles como mínimo esas mesmas condicións ós adquirentes finais das parcelas, sen prexuízo do réxime de garantías que deberá constituírse a favor daquelas.
Modifícase o apartado c) do artigo 24 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:
c) Mediante a constitución de consorcios locais, de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Modifícase o artigo 28 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, que queda redactado como segue:
Artigo 28. Función dos Consorcios.
Corresponderalles ós consorcios que se constitúan ó abeiro do previsto nesta lei a realización, en todo ou en parte, das operacións de xestión legalmente atribuídas ós concellos neles integrados.
O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (I.L.G.G.A.), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, e adscrito á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pasa a denominarse Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).
| |Os contribuíntes que tivesen dereito á deducción por nacemento ou adopción de fillos no ano 2001 poderán practicar, no ano 2003, a deducción establecida no artigo 1.Un.a) da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, sempre que neste último ano se cumpra o requisito de convivencia na data de devengo do imposto respecto dos fillos que orixinasen o dereito á deducción no 2001 e a súa base impoñible, antes da reducción por mínimo persoal e familiar, ascenda ás contías establecidas no referido artigo.
Sen prexuízo do establecido no punto 4 do artigo 32 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, os beneficiarios da renda de integración social afectados polo transcurso do prazo previsto na letra g) do punto 1 do mesmo artigo prorrogarán o dereito a esa prestación, ata o momento no que se aprobe a modificación da lei referida.
En calquera caso ese dereito estará condicionado ó mantemento das restantes condicións esixidas para a percepción da risga.
| |Terán vixencia exclusiva para o ano 2003 o artigo 17 e as disposicións adicionais primeira e segunda desta lei.
Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta lei, que entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.
Manuel Fraga Iribarne,
Presidente.