Contén esta lei unha serie de medidas de tipo normativo que por diferentes vías deberán facilita-lo desenvolvemento da política económica que a Xunta de Galicia proxecta levar a cabo a través da Lei de orzamentos xerais para o ano 2002, aínda que o carácter permanente da maior parte das disposicións que incorpora repercutirá sobre os fins perseguidos pola acción de goberno máis alá do ámbito temporal dun único exercicio económico, en concordancia coa natureza, en moitos casos recorrente, e coa orientación, que habitualmente supera o curto prazo, deses obxectivos.
A pesar dese común punto de coincidencia, as medidas previstas nesta lei corresponden a moi diferentes ámbitos sectoriais de actuación, que fan referencia tanto a aspectos de orde fiscal coma a outros que inciden sobre o ordenamento do persoal ó servicio da función pública de Galicia ou sobre o desenvolvemento da xestión e a propia organización dos distintos sectores que forman parte da Administración autonómica.
En materia fiscal, dentro do título I, establécense para o tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas as deduccións da cota íntegra que corresponden por nacemento ou adopción de fillos e pola existencia de familia numerosa, debendo destacarse que no primeiro deses supostos a deducción se manterá para os dous períodos impositivos seguintes.
Coa finalidade de diminuí-lo custo das transmisións familiares de carácter mortis causa, apróbanse reduccións no cálculo da base liquidable do imposto sobre sucesións e doazóns nos supostos de transmisións de explotacións agrarias ou de elementos illados desa explotación, así como nos casos de transmisión de empresas individuais ou de negocios profesionais situados en Galicia.
No que respecta ós actos xurídicos documentados, establécese o tipo de gravame que recae sobre os documentos notariais.
En materia de taxas modifícanse, no capítulo correspondente, as tarifas e as exencións da taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, así como a regulación da base impoñible e os tipos de gravame e cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.
No título II inclúense diversas medidas relacionadas co persoal ó servicio da Administración autonómica, entre as que figuran algunhas modificacións da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.
Polo que respecta a estas últimas, atribúeselle ó conselleiro competente en materia de Administración local o exercicio das competencias que respecto dos funcionarios deses corpos, con habilitación de carácter nacional, lle corresponden á Comunidade Autónoma.
Coa finalidade de permiti-lo acceso ós distintos corpos e escalas ó persoal en posesión de titulacións que poidan crearse no futuro ou que foron aprobadas con posterioridade á entrada en vigor das correspondentes leis de creación deses corpos e escalas, establécese a posibilidade de que o título requirido para o ingreso nelas sexa establecido mediante decreto aprobado no Consello da Xunta, en vez da remisión á lei de creación que facía a anterior redacción da Lei 4/1988.
Defínese, por outra parte, o momento no que os funcionarios de novo ingreso comezan a computa-lo prazo de consolidación de grao persoal e o nivel ó que se comeza a consolida-lo grao, regulándose tamén a integración dos funcionarios da Administración do Estado, das comunidades autónomas e das corporacións locais que pasen a ocupar postos con carácter definitivo na Administración da Comunidade Autónoma, nos correspondentes corpos ou escalas a que pertenzan os postos que ocupen.
Prevese a posibilidade da participación do persoal laboral fixo que ocupe, con carácter definitivo, postos de traballo reservados a persoal funcionario nas probas de acceso ós corpos ou escalas a que figuren adscritos, sempre que reúnan os requisitos esixidos.
Ademais das modificacións que afectan a Lei da función pública, incorpóranse neste título outra serie de novidades referentes á creación das escalas de inspección e subinspección de consumo, á modificación da escala de axentes forestais e á unificación das especialidades de inspección financeira e tributaria e de xestión tributaria, das escalas superior de finanzas e técnica de finanzas, nas especialidades superior e técnica de inspección e xestión financeira e tributaria.
No título III inclúense unha serie de normas, de xestión e organizativas, que atinxen os diferentes sectores que integran a administración pública de Galicia.
Algúns artigos da Lei 5/1994, de creación do ente público Portos de Galicia, modifícanse para facilitar unha maior coordinación da súa actividade coa consellería competente en materia de pesca.
Para reforza-la unidade de xestión da política de augas modifícase igualmente a Lei 8/1993, do 23 de xuño, adscribindo o organismo autónomo Augas de Galicia á Consellería de Medio Ambiente, deixando configurada a distribución competencial da Administración hidráulica de Galicia.
Coa finalidade de que poida ter efecto o disposto no Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da nova Consellería de Asuntos Sociais, que lle asigna a esa consellería as competencias establecidas na Lei 3/2000, do voluntariado de Galicia, adáptanse en tal sentido as referencias que se facían na dita lei á consellería posuidora desas competencias.
As variacións introducidas afectan tamén o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en forma de precisión técnica sobre a extensión da intervención limitada, así como para ampliar ós contratos de obras efectuados baixo a modalidade de aboamento total o procedemento de modificación das porcentaxes e do número de exercicios aplicables nos casos de gastos plurianuais.
Abórdase finalmente, dentro deste mesmo título, a creación da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, concibida como un ente de dereito público adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o desenvolvemento das actuacións descritas no seu propio enunciado.
Polo que respecta ás disposicións adicionais hai que destaca-la modificación que se realiza na Lei 9/1984, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, coa finalidade de definir con maior precisión as funcións de servicio público que a entidade ten encomendadas, así como as peculiaridades do control parlamentario establecido sobre o desenvolvemento efectivo desas funcións.
Para reforza-los mecanismos de control económico-financeiro, mediante a utilización de auditorías externas, modifícanse igualmente a Lei 7/1983, das fundacións de interese galego, e a Lei 9/1993, das confrarías de pescadores de Galicia.
E, por último, diversas novidades que afectan o articulado da Lei 14/1985, reguladora dos xogos e apostas, e, nun ámbito diferente, o establecemento de prestacións familiares para as persoas que tendo ó seu cargo fillos menores de tres anos estean exentas de presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, pechan o contido das disposicións adicionais desta Lei de medidas.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas de réxime fiscal e administrativo.
| |Por cada fillo nado ou adoptado no período impositivo que conviva co contribuínte na data do devengo do imposto poderanse deducir 240 euros. No caso de parto múltiple esta deducción ascenderá a 300 euros por cada fillo.
A deducción estenderase ós dous períodos impositivos seguintes ó do nacemento ou da adopción, sempre que o fillo nado ou adoptado conviva co contribuínte na data de devengo do imposto que corresponda a cada un deles, consonte as seguintes contías e límite de renda:
Cando, no período impositivo do nacemento ou adopción ou nos dous posteriores, os fillos convivan con ámbolos dous proxenitores, a deducción practicarase por partes iguais na declaración de cada un deles.
O contribuínte que posúa o título de familia numerosa na data do devengo do imposto poderá deduci-las seguintes cantidades:
As condicións necesarias para a consideración de familia numerosa e a súa clasificación por categorías determinaranse consonte o establecido na Lei 25/1971, do 19 de xuño, de protección ás familias numerosas, segundo as modificacións introducidas pola disposición derradeira cuarta da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e pola Lei 8/1998, do 14 de abril, de ampliación do concepto de familia numerosa.
Esta deducción practicaraa o contribuínte con quen convivan os restantes membros da familia numerosa. Cando estes convivan con máis dun contribuínte, o importe da deducción ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.
agricultor profesionale sexan titulares dunha explotación agraria á que estean afectos os elementos que se transmiten.
explotación agraria,
agricultor profesionale
elementos dunha explotaciónson os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.
No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado 5 do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, e o establecido no artigo 31.2 do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable será:
Para estes efectos, haberá que aterse ó concepto de vivenda habitual previsto na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.
| |No uso das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado Seis do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, modifícanse as tarifas e as exencións da taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, no sentido que a continuación se indica:
No uso das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado Seis do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, modifícanse a regulación da base impoñible e mailos tipos de gravame e cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, no sentido que a continuación se indica:
A base impoñible da taxa virá constituída polos ingresos brutos que sexan obtidos polos suxeitos pasivos, no caso do xogo en casinos ou do xogo da lotería instantánea electrónica. Entenderase por ingresos brutos a diferencia entre o importe total dos ingresos obtidos procedentes do xogo e as cantidades satisfeitas ós xogadores polas súas ganancias.
No resto de supostos a base impoñible virá constituída polas cantidades que os xogadores dediquen á súa participación nos xogos que teñan lugar nos distintos locais, instalacións ou recintos onde se realicen xogos de sorte, envite ou azar.
| Porción de base impoñible comprendida entre .. euros | Tipo aplicable porcentaxe |
|---|---|
| Entre 0 e 1.350.000,00 | 22 |
| Entre 1.350.000,01 e 2.235.000,00 | 38 |
| Entre 2.235.000,01 e 4.455.000,00 | 49 |
| Máis de 4.455.000,00 | 60 |
Cota anual: 1.000 euros.
Cota anual: 4.562,28 euros.
No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo B ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 65,45 euros por cada 0,04 euros no que se incremente o novo prezo máximo autorizado.
Se a modificación se producise con posterioridade ó devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela na que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresa-la diferencia de cota que corresponda na forma e nos prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda.
Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e ingreso será só do 50% da diferencia, se a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se produce despois do 30 de xuño.
Engádeselle un artigo 13 bis á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:
Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de Administración local exerce-las competencias que, respecto dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.
Modifícase o punto 2 do artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia, que terá a redacción seguinte:
2. A lei de creación deberá conte-los seguintes elementos:
- Denominación do corpo e escalas de que, se é o caso, se compoña.
- Grupo no que se clasifica e o sistema de selección aplicable.
- Funcións que deban desempeña-los seus compoñentes, que non se poderán corresponder coas atribuídas ós órganos da administración.
- Nivel de titulación ou titulacións concretas esixidas para o ingreso nos corpos e escalas. Malia o anterior, cando o Goberno aprobe novas titulacións ou se produzan modificacións na normativa educativa vixente, o Consello da Xunta, mediante decreto, poderá establece-las titulacións equivalentes ás legalmente esixidas.
Modifícase o punto 1 do artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:
1. Concurso. Constitúe o sistema normal de provisión. Nel teranse en conta unicamente os méritos esixidos na correspondente convocatoria, entre os que figurarán os adecuados ás características de cada posto de traballo, así como a posesión dun determinado grao persoal, a valoración do traballo desenvolvido en anteriores postos, os cursos de formación e perfeccionamento superados que teñan relación cos postos de traballo que se van cubrir e a antigüidade.
Para tal efecto crearanse comisións de valoración, das que se determinará regulamentariamente a súa composición e o seu funcionamento.
Os funcionarios deberán permanecer en cada posto de traballo de destino definitivo obtido por concurso un mínimo de dous anos para poderen participar nos concursos de provisión, a non ser por supresión do posto de traballo. No cómputo do dito período incluirase o tempo de destino provisional que, de se-lo caso, con carácter excepcional, desempeñasen nun posto os funcionarios de novo ingreso.
Modifícase o punto 2 do artigo 42 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:
2. Ós funcionarios da Administración do Estado, das comunidades autónomas e das corporacións locais que, mediante os procedementos legalmente establecidos, pasen a ocupar postos de traballo na administración pública desta Comunidade Autónoma seralles aplicable a lexislación da función pública desta.
Os anteditos funcionarios que, mediante transferencia ou por calquera outro sistema previsto na normativa aplicable, pasen a ocupar postos de traballo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con carácter definitivo integraranse no correspondente corpo ou escala.
Modifícase o punto 2 do artigo 62 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia, que pasará a te-lo seguinte contido:
2. O grao persoal adquírese polo desempeño dun ou máis postos de nivel correspondente durante dous anos continuados ou durante tres con interrupción.
Se durante o tempo en que o funcionario desempeña un posto se modificase o nivel destes, o tempo do desempeño computarase no nivel máis alto co que tal posto estivese clasificado.
Malia o disposto no parágrafo anterior, os funcionarios que obteñan un posto de traballo superior en máis de dous niveis ó correspondente ó seu grao persoal consolidarán cada dous anos de servicios continuados o grao superior en dous niveis ó que posuísen sen que en ningún caso poidan supera-lo correspondente ó do posto desempeñado.
Os funcionarios de novo ingreso comezarán a consolida-lo grao correspondente ó nivel de complemento de destino do primeiro posto ó que se lles adscriba, de forma provisional ou definitiva, trala superación do proceso selectivo.
Engádeselle unha disposición adicional décimo segunda á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, co seguinte contido:
De conformidade co apartado d) do punto 2 do artigo 20 desta lei, o Consello da Xunta, mediante decreto, poderá establece-las titulacións equivalentes ás requiridas para o acceso ás distintas escalas creadas polo artigo 16 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1992, e pola Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia.
Engádeselle unha disposición adicional décimo terceira á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, coa redacción seguinte:
O persoal laboral fixo que preste os seu servicios en postos de traballo reservados a persoal funcionario poderá participar nas probas de acceso ós corpos e escalas ós que figuren adscritos os postos correspondentes, sempre que posúan a titulación necesaria e reúnan os restantes requisitos esixidos.
As ditas probas de acceso convocaranse pola quenda de afectados polo artigo 15 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública (B.O.E. do 3 de agosto), e polo artigo 25 desta lei.
Só poderá participar nestas probas o persoal laboral fixo que estea con carácter definitivo en postos de persoal funcionario, así como o persoal laboral que, atopándose na situación anterior, figure en situación de excedencia con dereito a reserva de posto de traballo conforme a normativa laboral aplicable.
Non poderá participa-lo persoal afectado polas disposicións transitorias décima e décimo primeira desta lei.
O persoal laboral que supere as probas de acceso quedará destinado nos mesmos postos de traballo que viña ocupando e poderá participar en concursos de traslados sen necesidade de permanecer dous anos no posto no que está destinado.
Créase, dentro do corpo de xestión da Xunta de Galicia, grupo B, a escala técnica de inspección de consumo, e dentro do corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, a escala de subinspección de consumo.
A súa estructura, dependencia, funcións concretas e funcionamento orgánico serán establecidos regulamentariamente.
Modifícase o punto 1 do artigo 6 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:
1. Escala de axentes forestais, que desenvolverá as funcións obxecto da súa profesión en relación coa tutela e xestión dos recursos naturais renovables e coa conservación da natureza.
As especialidades de inspección financeira e tributaria e mais de xestión tributaria da escala superior de finanzas creada polo artigo 16.3 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992, unifícanse nunha única especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria, que asumirá as funcións asignadas nos apartados a) e b) do mencionado artigo ás especialidades que son obxecto de refundición.
As especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria e mais de xestión tributaria da escala técnica de finanzas creada polo artigo 17.2 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992, unifícanse nunha única especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria, á que lle corresponde a asistencia e colaboración no exercicio das funcións que ten encomendadas a especialidade do mesmo nome na escala superior de finanzas, así como as funcións que se especifiquen nas relacións de postos de traballo.
O persoal funcionario de carreira que á entrada en vigor desta lei pertenza ás especialidades de inspección financeira e tributaria ou xestión tributaria da escala superior de finanzas quedará integrado, coa mesma data de efectos, na nova especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria da dita escala, conservando tódolos dereitos derivados do seu acceso ou integración na especialidade de procedencia.
Igualmente, o persoal funcionario de carreira que á entrada en vigor desta lei pertenza ás especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria ou técnica de xestión tributaria da escala técnica de finanzas quedará integrado, con efectos desde a mesma data, na nova especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria da dita escala, conservando tódolos dereitos derivados do seu acceso ou integración na especialidade de procedencia.
A integración establecida neste artigo acreditarase mediante a expedición da correspondente dilixencia pola unidade de persoal da consellería ou organismo no que preste servicio o persoal afectado.
| |Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.
En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.
En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.
Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 68, punto 5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e en atención ás peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1, punto 2, da referida lei, e con carácter de transitoriedade durante o período de implantación da reforma educativa prevista pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os profesores dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o desfrute de licencias por estudios durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable das consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.
Modifícase o apartado a) do punto 1 do artigo 97 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado da seguinte forma:
a) Os gastos de obras, de xestión administrativa, de subministración, de consultoría e asistencia e dos servicios, por importe inferior ó que se é o caso se estableza na Lei de orzamentos de cada ano.
Modifícase o punto 6 do artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:
6. O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da correspondente consellería e logo dos informes que se xulguen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos.
Este procedemento será igualmente de aplicación no caso dos contratos de obras que se efectúen baixo a modalidade de aboamento total deles, segundo o previsto no artigo 99.2 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, ben se pacte o aboamento total do prezo dunha soa vez ou se fraccione en distintas anualidades, que non poderán ser superiores a dez desde a data fixada para a conclusión das obras.
Engádenselle trece novos apartados, 28) a 40), ó artigo 6 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedarán redactados nos seguintes termos:
- 28) A comercialización de productos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura incumprindo as normas de etiquetaxe, presentación e publicidade esixidos para os ditos productos.
- 29) A realización de operacións de construcción ou modernización de buques pesqueiros á marxe ou con incumprimento das preceptivas autorizacións dos órganos competentes da Comunidade Autónoma no ámbito das súas competencias.
- 30) O cambio de base do buque pesqueiro sen obter previamente a correspondente autorización administrativa ou a súa utilización incorrecta, salvo en supostos de forza maior.
- 31) A non-expedición da nota de venda ou a inclusión de datos falsos nela.
- 32) O transporte de productos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura sen a correspondente documentación esixida pola normativa vixente.
- 33) O exercicio de actividades profesionais pesqueiras sen estar en posesión da titulación que acredita a capacitación e formación profesional marítimo-pesqueira.
- 34) A alteración dos datos e circunstancias que figuren no correspondente permiso de explotación.
- 35) Non ter regulamentariamente balizados as artes, aparellos ou útiles de pesca, así como a utilización de boias ou balizas que non cumpran a normativa vixente.
- 36) O incumprimento da obriga de respectar distancias mínimas para buques e artes establecidas na normativa vixente, co fin de entorpece-las actividades pesqueiras.
- 37) O uso ou tenza a bordo de artes, aparellos ou útiles de pesca ou marisqueo distintos ós autorizados no permiso de explotación.
- 38) Non cubri-lo diario de pesca ou a declaración de desembarque, ou facelo alterando os datos relativos ás capturas ou ó esforzo de pesca ou infrinxindo a normativa en vigor, así como non levar a bordo o citado diario.
- 39) O incumprimento da obriga de levar visible o folio e a matrícula da embarcación ou calquera outro distintivo, impedi-la súa visualización ou manipula-la dita matrícula, cando dificulte o exercicio da actividade inspectora.
- 40) O incumprimento da normativa vixente relativa á potencia dos motores e outros parámetros establecidos para as embarcacións.
Engádenselle dous novos apartados, 14) e 15), ó artigo 7 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedarán redactados como segue:
- 14. A obtención dos títulos administrativos habilitantes precisos con base en documentos ou informacións falsas.
- 15. A extracción, posesión, transporte e comercialización de especies mariñas procedentes de zonas de producción cerradas por motivos hixiénico-sanitarios.
Modifícase o apartado c) do punto 2 do artigo 11 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedará redactado da seguinte forma:
c) Incauta-las artes, os aparellos, os utensilios de pesca e marisqueo, os vehículos, as embarcacións ou os equipamentos de todo xénero que fosen utilizados na comisión de infraccións tipificadas nesta lei.
Engádeselle un novo artigo 12 bis á Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedará redactado como segue:
- 1. Os títulos administrativos habilitantes requiridos para o exercicio da pesca, do marisqueo e dos cultivos mariños non poderán ser outorgados, renovados, prorrogados nin transmitidos a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que teñan sanción firme en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros pendente de pagamento.
- 2. O establecido no apartado anterior será igualmente de aplicación a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que pretendan transmiti-los ditos títulos administrativos.
6. As resolucións condenatorias, sen prexuízo das responsabilidades establecidas nos artigos anteriores, poderán declara-lo comiso de tódolos aparellos, artes, útiles, instrumentos, vehículos, embarcacións ou equipos de todo xénero empregados para a comisión dalgúns dos feitos tipificados como infracción nesta lei.
De acordo coa resolución do expediente sancionador, cando o uso dos obxectos mencionados no parágrafo anterior non sexa susceptible dun uso lícito serán destruídos, levantándose a correspondente acta, e se o seu uso fose lícito depositaranse nas dependencias da consellería competente en materia de pesca para a súa devolución ou rescate ou para o seu alleamento en pública poxa.
8. Se non recaese resolución transcorridos doce meses desde a iniciación do procedemento sancionador, tendo en conta as posibles interrupcións por causas imputables ós interesados, declararase a caducidade das actuacións.
Modifícase o apartado e) do artigo 7 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que quedará redactado como segue:
e) Propoñerlles ós órganos competentes da Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de portos, a aprobación dos plans de obras, de instalacións dos portos e das súas ampliacións, así como dos plans especiais de ordenación portuaria.
Cando se trate de plans de obras ou instalacións portuarias e as súas ampliacións ou plans especiais de ordenación portuaria cun contido de natureza pesqueira, previamente á súa elevación ó órgano competente para a súa aprobación, pediráselle informe á consellería competente en materia de pesca.
Engádeselle un novo apartado i) ó artigo 10 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, redactado nos seguintes termos:
i) Adscribi-las zonas de interese de cultivos mariños en dominio público portuario á consellería competente en materia de pesca para os efectos do exercicio das súas competencias en materia de acuicultura.
Enténdese, para os efectos desta lei, como zonas de interese de cultivos mariños aquelas zonas das augas do dominio público portuario que polas súas óptimas condicións para tal actividade aconsellen unha especial protección e así sexan declaradas polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería competente en materia de pesca.
Engádeselle un novo artigo 11 bis, Atribucións da consellería competente en materia de pesca, á Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que terá a redacción seguinte:
- a) A construcción de lonxas, fábricas de xeo e outras edificacións do recinto portuario destinadas a actividades pesqueiras, acuícolas ou marisqueiras, debéndolle solicitar, previamente, a Portos de Galicia informe preceptivo e vinculante sobre a súa localización.
- b) Autoriza-la realización de actividades de acuicultura, pesca e marisqueo que teñan lugar nos portos ou no dominio público portuario, con carácter previo ó outorgamento das concesións e autorizacións para a ocupación do dito dominio que corresponde ó seu titular.
- c) Emitir, con carácter preceptivo, informe sobre a relación de actuacións previstas no programa de infraestructura pesqueira do orzamento xeral de Portos de Galicia.
Modifícanse os puntos 1 e 5 do artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que quedan redactados da seguinte maneira:
- 1. Para o desempeño das súas funcións adscríbenselle a Portos de Galicia os bens e dereitos que integran o dominio público portuario autonómico á entrada en vigor desta lei, así como os posteriores incorporados a este por calquera título, sen prexuízo dos bens de dominio público portuario adscritos á consellería competente en materia de pesca para o exercicio das súas facultades en acuicultura e ordenación do sector pesqueiro.
- 5. O Consello da Xunta dictará, logo da proposta da Consellería de Economía e Facenda e informe da consellería competente en materia de portos e da consellería competente en materia de pesca, as normas para a formación e permanente actualización do Inventario de bens e dereitos de Portos de Galicia, que se axustarán ás prescricións da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma e do seu regulamento.
1. Augas de Galicia é un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, e dotado de plena autonomía para o cumprimento das funcións que esta lei lle asigna, coa participación nos seus órganos colexiados dos usuarios.
Modifícase o punto 2 do artigo 16 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que quedará redactado da seguinte maneira:
2. As competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia nesta lei serán exercidas pola consellería competente en materia de asuntos sociais, a través do Servicio Galego de Voluntariado, sen prexuízo das actuacións que lles correspondan a cada unha das demais consellerías por razón da materia.
Modifícase o punto 1 do artigo 24 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do Voluntariado de Galicia, que quedará redactado da forma seguinte:
1. Créase o Servicio Galego de Voluntariado como organismo especializado en materia de voluntariado adscrito á consellería con competencias en materia de asuntos sociais.
Modifícase o punto 1 do artigo 25 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do Voluntariado de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:
1. Créase o Consello Galego de Voluntariado da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano consultivo e asesor en materia de voluntariado, adscrito á Consellería con competencias en materia de asuntos sociais.
Modifícase o apartado b) do punto 1 do artigo 26 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do Voluntariado de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:
b) O titular da Consellería con competencias en materia de asuntos sociais.
Modifícase o punto 1 do artigo 28 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do Voluntariado de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:
1. Créase o Rexistro público de entidades de acción voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á Consellería competente en materia de asuntos sociais e xestionado polo Servicio Galego de Voluntariado.
Para cumpri-los seus fins e desempeña-las funcións que lle son propias, a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional contará cos seguintes recursos:
Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial ou de parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas maioritariamente participadas polo dito organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de intereses.
Modifícase o artigo 1 da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:
- 1. Créase no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co carácter de entidade de dereito público, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, á que lle corresponde a xestión directa dos servicios públicos de radiodifusión e televisión competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, encargo que levará a cabo consonte o seguinte:
- Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servicio público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso ós distintos xéneros de programacións e ós eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas pola dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro.
- Para o desenvolvemento das misións de servicio público encomendadas, actuando baixo o obxectivo de rendibilidade social e eficiencia económica, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberá promover activamente os principios de programación sinalados nesta lei, fomenta-la producción audiovisual propia de Galicia, ofrecer programacións e emisións que coadxuven á proxección cara ó exterior de Galicia e de información ás comunidades galegas do exterior.
- A Compañía de Radio-Televisión de Galicia promoverá activamente o desenvolvemento da sociedade da información, participando no progreso tecnolóxico, utilizando tódalas formas e medios de distribución, expresión e linguaxe, así como as novas técnicas de producción e de difusión de programas de comunicación audiovisual, e desenvolvendo novos servicios, incluídos os dixitais e en liña, susceptibles de enriquecer ou completa-la súa oferta de programación, dentro do marco estatutario de Galicia.
- 2. As misións ás que se refire o apartado anterior enténdense sen prexuízo das competencias que lle corresponden ó Parlamento e ó Goberno de Galicia e das que, en período electoral, lles corresponden ás xuntas electorais.
Modifícase o artigo 20 da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que quedará redactado como segue:
Correspóndelle ó Parlamento de Galicia o control da actuación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.
A Comisión Permanente de Control da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades, constituída de conformidade co que dispoña o Regulamento da Cámara, exercerá o control da actuación da CRTVG e as súas sociedades, de tal xeito que non impida o funcionamento dos medios, velando polo cumprimento efectivo da función de servicio público, definida e encomendada á CRTVG no artigo 1, apartado 1, desta lei.
Para estes efectos, a CRTVG remitiralle, con carácter anual, á devandita Comisión parlamentaria un informe sobre a execución da función de servicio público encomendada, referido ó conxunto das súas actividades, programacións, servicios e emisións.
Engádeselle un novo punto 3 ó artigo 21 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, que quedará redactado da seguinte forma:
3. Someteranse a auditoría externa as contas das fundacións que, na data de peche de exercicio, non cumpran as circunstancias previstas no Real decreto 776/1998, do 30 de abril, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e as normas de información orzamentaria delas, que permiten a formulación de contas anuais abreviadas.
Tamén se someterán a auditoría externa aquelas contas que, a xuízo do padroado da fundación ou do protectorado, presenten especiais circunstancias que así o aconsellen.
O informe ó que se refiren os apartados anteriores presentarase no protectorado xunto coas contas anuais da fundación.
Engádeselle un novo punto 2 bis ó artigo 11 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de regulación das confrarías de pescadores de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:
2 bis. As confrarías de pescadores e as súas federacións, por requirimento da consellería competente en materia de pesca, deberán someterse a unha auditoría externa de contas. A dita obriga entenderase sen prexuízo das obrigas que poidan, se é o caso, corresponderlles cando sexan beneficiarias de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou de fondos comunitarios.
- c. As máquinas de xogo.
- e. As rifas, tómbolas e combinacións aleatorias.
- g. As loterías.
Modifícanse os puntos 1 e 2 do artigo 7 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedarán redactados da forma seguinte:
- 1. As autorizacións outorgaranse sempre que se cumpran os requisitos esixidos legalmente. Nos casos nos que exista un plan de carácter territorial para a súa distribución, a autorización poderase outorgar mediante a resolución dun concurso de carácter público entre as solicitudes que cumpran as condicións legalmente establecidas.
No caso do xogo da lotería