Como vén sendo habitual durante os últimos anos, a Lei de orzamentos compleméntase cunha norma de igual rango e de tramitación paralela que recolle un conxunto de disposicións destinadas con diferentes graos de implicación a facilita-la consecución de obxectivos que forman parte da política económica da Xunta de Galicia, dotándoas dun carácter marcadamente instrumental en relación coa execución dos programas orzamentarios e noutros casos coa dirección desa política desenvolta a través da acción de goberno.
Aínda que se orientan cara a unha mesma finalidade, as medidas previstas nesta lei están situadas en diferentes ámbitos sectoriais de actuación. Utilizando as competencias normativas existentes en materia de tributos cedidos, inclúense disposicións de carácter fiscal. Diversas modificacións que afectan o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario recóllense no apartado dedicado ás normas orzamentarias. E distintas referencias que inciden nas áreas administrativa e de xestión ocupan o espacio reservado ás disposicións adicionais.
No título I da lei, referente ás normas tributarias, e coa finalidade de mellora-lo tratamento fiscal da natalidade, actualízanse en porcentaxes que representan desde o 20 ata o 50% os importes das deduccións que nos casos de nacemento ou adopción de fillos -equiparados plenamente para estes efectospoden efectuarse sobre o tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas, mentres que as deduccións derivadas da posesión do título de familia numerosa se incrementan uniformemente en contía equivalente ó 50% sobre o ano anterior.
Noutro sentido, son igualmente actualizadas as tarifas correspondentes á taxa fiscal que recae sobre o xogo de máquinas recreativas e de azar.
Dentro do ámbito que corresponde ó título II, a necesidade de perfecciona-lo tratamento normativo de diferentes aspectos que afectan o desenvolvemento da xestión orzamentaria fai aconsellable introducir diversas modificacións no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.
Entre os cambios efectuados figura a variación das anualidades que poden comprometerse nos expedientes de gasto plurianual derivados de contratos de servicios e a supresión da referencia ós contratos de traballos específicos e non habituais, determinándose igualmente o número de anos ós que poden estenderse os contratos de consultoría e servicios que os substitúen. Todo iso para adaptarse ás modificacións introducidas na Lei de contratos das administracións públicas, que establece en dous anos, con carácter de normativa básica, a duración máxima dese tipo de contratos.
A posibilidade de xerar crédito no exercicio seguinte, cando o ingreso corresponda a fondos da Unión Europea ou da Administración xeral do Estado aínda que non se destinen ó cofinanciamento de gastos, e por outra parte a extensión ás obrigas derivadas de sentencias xudiciais da posibilidade de que sexan aplicadas a créditos do orzamento vixente en cada momento, son tamén consideradas neste título.
Por último, e polo que respecta ás disposicións adicionais, merece destacarse a creación, dentro do ámbito da administración institucional, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que se ocupará do fomento e da coordinación do desenvolvemento das áreas rurais galegas e da xestión dos recursos destinados anualmente pola Comunidade Autónoma, a través da Lei de orzamentos, a esa finalidade. As súas actuacións irán orientadas á procura da mellora de vida no medio rural, paliando desa forma o crecente proceso de despoboación que afecta sobre todo a Galicia interior.
Igualmente nesta parte da lei recóllese a creación da escala de profesores do INEF de Galicia, como paso previo para regulariza-lo réxime de impartición deses estudios nas condicións previstas para as ensinanzas universitarias; declárase a utilidade pública das obras de mellora do abastecemento e saneamento de augas, de acondicionamento de leitos fluviais e de aproveitamentos hidráulicos destinados á producción de enerxía eléctrica, realizadas polo organismo autónomo Augas de Galicia; establécese ó réxime xurídico que lles corresponde ás fundacións públicas sanitarias, e amplíase durante un ano máis a vixencia dalgunha das disposicións que xa figuraban recollidas no ano anterior.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.
| |Por cada fillo nado ou adoptado no período impositivo que conviva co contribuínte na data do devengo do imposto:
Cando os fillos nados ou adoptados no período impositivo convivan con ámbolos dous proxenitores, a deducción que corresponda practicarase por partes iguais na declaración de cada un.
No caso de nacementos múltiples a deducción que corresponde a cada fillo incrementarase en 10.000 pesetas.
O contribuínte que posúa o título de familia numerosa na data do devengo do imposto poderá deduci-las seguintes cantidades:
As condicións necesarias para a consideración de familia numerosa e a súa clasificación por categorías determinaranse conforme o establecido na Lei 25/1971, do 19 de xuño, de protección ás familias numerosas, segundo as modificacións introducidas pola disposición derradeira cuarta da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e pola Lei 8/1998, do 14 abril, de ampliación do concepto de familia numerosa.
Esta deducción practicaraa o contribuínte con quen convivan os restantes membros da familia numerosa. Cando estes convivan con máis dun contribuínte, o importe da deducción prorratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.
Aqueles contribuíntes que por motivos de traballo, xa sexa este por conta propia ou allea, teñan que deixa-los seus fillos menores ó coidado dunha persoa que teña a condición de empregada do fogar poderán deducir 30.000 pesetas, sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:
Cando, cumprindo estes requisitos, dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta deducción, o seu importe prorratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.
Modifícanse as tarifas recollidas no número 2 do apartado dous do artigo 3 da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, que quedan como segue:
| |2. Máquinas recreativas e de azar.
Máquinas tipo B ou recreativas con premio.
Cota anual: 520.000 pesetas.
Cando se trata de máquinas ou aparatos automáticos tipo B nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:
- Máquinas ou aparatos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na letra a) anterior.
- Máquinas ou aparatos de tres ou máis xogadores: 1.061.200 pesetas, máis o resultado de multiplicar por 2.580 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.
B) Máquinas tipo C ou de azar.
Cota anual: 759.100 pesetas.
As cotas establecidas para as máquinas recreativas e de azar serán aplicables para os supostos de modificación do prezo máximo previstos no parágrafo catro do artigo 3 do Real decreto lei 16/1997, do 25 de febreiro.
Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Modifícase o punto 3 do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado da seguinte forma:
3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), f) e g) e os gastos en bens da letra c) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos contratos de consultoría e asistencia e nos de servicios.
O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de lle aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ó 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos ós que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.
O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que define un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos.
Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Modifícase o punto 2 do artigo 60 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado da seguinte maneira:
2. Sen embargo, aplicaránselles ós créditos do orzamento vixente no momento da expedición de ordes de pagamento as seguintes obrigas:
- As que resulten do recoñecemento e da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba as súas retribucións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- As derivadas de compromisos de gastos debidamente adquiridos en exercicios anteriores.
- As que teñan a súa orixe en sentencias xudiciais.
Naqueles casos nos que non exista crédito adecuado no exercicio corrente, por iniciativa da consellería correspondente, o conselleiro de Economía e Facenda poderá determina-los créditos ós que se lles deberá imputa-lo pagamento destas obrigas.
Modificación do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Modifícase o punto 3 do artigo 68 do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado como sigue:
3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea.
Modificación do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Modifícase o punto 3 do artigo 69 do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado da seguinte forma:
3. As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ó que se refire o punto anterior entenderase referido ó orzamento de orixe.
Modificación do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Modifícase o punto 1 do artigo 97 do texto refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado nos seguintes termos:
| |Non estarán sometidos a intervención previa:
- Os gastos de obras e de adquisición de bens e servicios por importe inferior ó que se é o caso se estableza na Lei de orzamentos de cada exercicio.
- Os gastos de carácter periódico e demais de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente ó período inicial do acto ou contrato do que deriven, ou as súas modificacións, así como aqueloutros gastos que de acordo coa normativa vixente se fagan efectivos a través do sistema de anticipos de caixa fixa.
- A autorización e disposición das subvencións que figuren nos orzamentos con asignación nominativa.
Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.
En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.
En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.
Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 68, punto 5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e atendendo as peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1, punto 2, da referida lei, e con carácter de transitoriedade durante o período de implantación da reforma educativa prevista pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os profesores dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o desfrute de licencias por estudios durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable das consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia e Administración Pública.
Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial ou de parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas maioritariamente participadas polo dito organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de intereses.
As sociedades públicas referidas ofreceranlles como mínimo esas mesmas condicións ós adquirentes finais das parcelas, sen prexuízo do réxime de garantías que deberá constituírse en favor daquelas.
Así mesmo, convocarase proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición libre, para o acceso á dita escala no que se ofertarán aqueles postos de profesores do INEF desempeñados por persoal laboral temporal e os vacantes. Neste proceso valorarase como mérito o tempo de servicios prestados.
As convocatorias adaptaranse á normativa vixente sobre acceso do profesorado universitario.
A axencia será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellora-las condicións de vida e evita-lo despoboamento dese territorio.
A axencia adscríbese á Consellería de Economía e Facenda.
Para a execución desas funcións xestionará os recursos que a Xunta de Galicia lle destine ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, que contará, como mínimo, con 30.000 millóns de pesetas para o período 2001-2006. Esta contía será obxecto de periodificación anual nas leis de orzamentos e destinarase preferentemente a:
Nas súas actividades de contratación aplicaráselle o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.
Así mesmo, aplicaráselle a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.
O consello de dirección estará composto por un número impar de membros, cun máximo de trece.
Deste han de formar parte, entre outros, representantes da Administración autonómica con responsabilidades nas áreas de economía, política territorial, comarcas, agricultura, industria, medio ambiente, turismo, pesca e emprego. O nomeamento e o cesamento dos seus membros corresponderanlle ó Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Economía e Facenda. Estará presidido polo presidente ou, no seu defecto, polo vicepresidente da axencia.
O presidente da axencia será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.
O vicepresidente será nomeado polo consello de dirección, de entre os seus membros, por proposta do presidente.
O director xeral será nomeado e separado polo consello de dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada nos termos previstos na lexislación.
Pertencer ó consello de dirección non xerará dereitos laborais.
Unha vez coñecida a liquidación dos orzamentos de ingresos da Administración xeral, efectuaráselles ós concellos a pertinente liquidación definitiva, transferindo ou retendo o importe que corresponda, na primeira entrega a conta trimestral que proceda.
O importe restante será obxecto de distribución segundo os acordos que adopte a mesma comisión, nos que se poderá prever igualmente, se é o caso, unha partida específica con destino ós gastos de mantemento propios da Fegamp.
Excepcionalmente, para o exercicio 2001, establécese un período transitorio coa finalidade de ultima-las programacións en curso de anualidades anteriores, que se suxeitarán ó réxime de xustificación ata agora esixido. As cantidades non afectadas pola referida programación distribuiranse e xustificaranse conforme os criterios anteriormente sinalados .
| |As disposicións adicionais primeira, segunda e cuarta terán vixencia exclusiva para o ano 2001.
Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta lei, que entrará en vigor o día 1 de xaneiro do ano 2001.
Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de
dous mil.
Manuel Fraga Iribarne,
Presidente.