Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos Órganos rectores das Caixas de Aforro Galegas. (1)

(1) Modificado polos Decretos 236/1996 do 14 de xuño, 180/2002 do 23 de maio e 276/2004 do 18 de novembro.

Sumario:

| |

TÍTULO I.

CAPÍTULO I. DA ASEMBLEA XERAL

Sección I. Dos conselleiros xerais en representación das Corporacións Locais

Sección II. Dos conselleiros xerais en representación da persoa ou entidade fundadora e das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio.

Sección III. Dos conselleiros xerais en representación dos impositores

Sección IV. Dos conselleiros xerais en representación do persoal.

Sección V. Do funcionamento da Asemblea Xeral

CAPÍTULO II. DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN.

Sección I. Da composición do consello de Administración

Sección II. Do funcionamento do consello de Administración

Sección III. Da delegación de funcións

CAPÍTULO III. DA COMISIÓN DE CONTROL

Sección I. Da composición da Comisión de Control.

Sección II. Do funcionamento da Comisión de Control

CAPÍTULO IV. DO DIRECTOR XERAL

TÍTULO II. A FEDERACIÓN GALEGA DE CAIXAS DE AFORRO

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS.

|
arriba
|

A Lei 6/1989, do 10 de maio, procede á adaptación da Lei de Caixas de Aforro Galegas (Lei 7/1985), do 17 de xullo, ás sentencias do Tribunal Constitucional números 48 e 49/1988, do 22 de marzo. Con esta disposición legal suprímense aspectos inconstitucionais e modifícase a redacción daqueles artigos nos que o texto orixinario resultaba impreciso tecnicamente ou incompatible coa normativa declarada básica.

Algunhas alteracións, nembargantes, resultaron ser substancialmente significativas, como as que afectan á representatividade dos grupos (corporacións locais, asociacións, entidades fundadoras, impositores e empregados) na Asemblea Xeral e, por conseguinte, nos demais órganos de goberno das Caixas de Aforro. O novo texto do artigo vintesete, se ben mantén as bandas de porcentaxes de participación da Lei de 1985, esixe que a representación dos mencionados sectores se determine regulamentariamente. Deste modo, elimínase explicitamente a vía estatutaria como mecanismo definitivo da determinación puntual das porcentaxes prescritas na norma legal anterior.

Por outra parte, a mencionada disposición modificadora da Lei de Caixas de Aforros Galegas, nunha das súas disposicións transitorias establece que as Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia e a Federación de Caixas de Aforro deberán adapta-los seus estatutos ás disposicións desta Lei no prazo de tres meses, contados desde a súa entrada en vigor. Tamén procederán dentro do mesmo prazo á redacción do regulamento ordenador do sistema de eleccións.

Co obxecto de pór en marcha este proceso a adecualo ás novas orientacións legais, é necesario dicta-las normas precisas e modifica-lo Decreto 127/1986, do 17 de abril, ata agora vixente e polo que se desenvolvía parcialmente a regulación sobre os órganos rectores das Caixas de Aforro Galegas.

O presente Decreto pretende establecer un modelo único de representación para as Caixas de Aforro Galegas. E iso constitúe, sen dúbida ningunha, un aspecto importante do principio de igualdade de trato ou de non discriminación que debe existir entre entidades financeiras que operan competitivamente no mesmo mercado, baixo circunstancias semellantes a cunha estructura de órganos de decisión basicamente idéntica. Ó mesmo tempo, este principio informador é o máis coherente cos intereses dos grupos representados. Baixo este principio, as porcentaxes defínense do seguinte modo: un 25 por cento para as corporacións locais, un 25 por cento para as entidades fundadoras (se existen) e asociacións, un 40 por cento para impositores e un 10 por cento para o persoal das Caixas.

Refórzase, por outra banda, a representatividade dos municipios, non só outorgándolle-la máxima porcentaxe que permite a Lei, senón tamén establecendo unha nova ordenación do procedemento de designación de representantes con circunscrición única para este grupo.

Outras modificacións non menos importantes apuntan ó control do proceso electoral por parte da Consellería de Economía e Facenda e a outros aspectos que contribúen á mellora do funcionamento dos órganos do goberno das Caixas.

Na súa virtude, por proposta do Conselleiro de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 27 de xullo de 1989,

DISPOÑO

Artigo 1. Adaptación dos Estatutos e Regulamentos.

As Caixas de Aforro que teñan o seu domicilio social en Galicia adaptarán os seus Estatutos e os seus Regulamentos de procedemento para a designación dos membros dos órganos de goberno, no marco da normativa básica do Estado, á Lei de Galicia 7/1985, do 17 de xullo, á Lei 6/1989, do 10 de maio, que modifica a anterior e ó presente Decreto.

Artigo 2. Número de membros dos órganos de goberno.

Os Estatutos fixarán o número de membros dos órganos de goberno, axustándose ás porcentaxes de representación e ós límites máximo e mínimo legalmente establecidos e en función, da dimensión económica de cada Caixa de Aforros, circunstancia esta última que será apreciada pola Consellería e Economía e Facenda de acordo cos recursos totais de cada entidade.

As porcentaxes establecidas para determina-lo número de membros de cada grupo nos diferentes órganos de goberno xirarán sobre o número total dos seus compoñentes. Se da aplicación das mesmas se obtén un número decimal, tomarase o número enteiro que resulte de arredondar por defecto. Os axustes debidos ó arredondamento realizaranse en beneficio da representación das fundacións, asociacións ou corporacións de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio no ámbito territorial de actuación da Caixa.

Artigo 3. Carácter honorífico e gratuíto do cargo de membro dos órganos de goberno.

O cargo de membro da Asemblea Xeral, do Consello de Administración, da Comisión de Control e de Presidente da Entidade, non poderá orixinar percepcións diferentes das axudas de custo por asistencia e desprazamentos autorizadas con carácter xeral polo goberno da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Os presidentes dos órganos de goberno.

Os presidentes dos órganos de goberno convocarán, se é o caso, e clausurarán as sesións, dirixirán as deliberación, visarán as actas e certificacións e vixiarán a execución dos acordos, sen prexuízo das facultades que en relación con cada asunto se lles poida atribuír.

Os presidentes dos órganos de goberno, ou quen os substitúan, terán voto de calidade na adopción dos acordos.

Artigo 5. Deber de gardar segredo.

Os membros dos órganos de goberno quedarán suxeitos ó deber de gardar estricto segredo sobre os asuntos que estes coñezan, e considerarase infracción grave e quebrantamento dos mesmo para os efectos previstos na letra a) do artigo 29 da Lei 7/1985, do 17 de xullo. O órgano poderá acordar que se facilite información sobre o resultado das deliberacións, sen que proceda estenderse ás mesmas, agás mandamento da autoridade competente.

Artigo 6. Duración dos cargos. (2)

  1. A duración do cargo de conselleiro xeral, vogal do consello de administración e membro da comisión de control será de catro anos.
    Os estatutos poderán recoller a reelección, se continuasen cumprindo os requisitos establecidos para o seu nomeamento.
    O cómputo do período de reelección será aplicado calquera que sexa o tempo transcorrido entre o cesamento e o novo nomeamento, e o grupo ou os grupos polos que puidese ter levado a representación.
  2. A duración total do mandato non poderá superar os 12 anos, calquera que sexa a representación que teña. Cumprido o mandato de 12 anos, de forma continuada ou interrompida, e transcorridos oito anos desde a data mencionada, poderá volver ser elixido nas condicións establecidas na Lei 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas.
  3. As caixas de aforros realizarán cada dous anos a renovación dos membros que compoñen os órganos reitores, podendo optar entre renovar a metade dos membros representantes de cada un dos grupos sinalados no artigo 27 da Lei 7/1985, do 17 de xullo, ou renovar a totalidade dos representantes de cada dous dos grupos citados que abrangan o 50 por cento da composición total do órgano, de xeito que neste caso os grupos, alternativamente de dous en dous, renoven a totalidade dos seus representantes cada catro anos.
  4. Mentres non se cumpra o prazo para o que foron designados, excepto nos casos de renuncia, defunción ou declaración de falecemento ou ausencia legal, o nomeamento dos conselleiros xerais e dos membros do consello de administración será irrevogable salvo, exclusivamente, nos supostos de incompatibilidade sobrevida, perda de calquera dos requisitos exixidos para a designación e o acordo de separación adoptado polo asemblea xeral se se apreciase unha causa xusta.
    Entenderase que existe unha causa xusta cando o conselleiro xeral ou o membro do consello de administración incumpra os deberes inherentes ao seu cargo ou prexudique notoriamente coa súa actuación, pública ou privada, o creto, o bo nome ou a actividade da caixa.

(2) Modificado polo Decreto 276/2004 do 18 de novembro.

Artigo 7. Función electoral de Comisión de Control.

Con independencia das funcións que se lles poidan encomendar nos estatutos ou regulamentos de cada Caixa ás comisións e mesas electorais, corresponderalle á Comisión de Control vixia-lo proceso de elección e designación dos membros dos órganos de goberno e resolve-las impugnacións que se deduzan con ocasión do mesmo.

O Presidente da Comisión de Control deberá informar por escrito á Consellería de Economía e Facenda sobre as materias relacionadas co proceso electoral, en especial sobre o cumprimento das formalidades establecidas no presente Decreto, resolucións sobre impugnacións e demais incidencias que poidan afectar ó normal desenvolvemento do mencionado proceso.

|
arriba
|

TÍTULO I

|
arriba
|

CAPÍTULO I.
DA ASEMBLEA XERAL

|
arriba
|

Sección I. Dos conselleiros xerais en representación das Corporacións Locais

Artigo 8. Designación de representantes de Corporacións Locais. (3)

  1. Os conselleiros xerais representantes das corporacións locais serán designados directamente polas propias corporacións.
  2. Cando a unha corporación local lle corresponda máis dun conselleiro xeral, a súa designación farase en proporción directa á importancia numérica das formacións políticas integrantes da corporación, debendo garantirse a designación de, alomenos, un conselleiro xeral polas formacións políticas minoritarias. De producírense decimais, redondearase por defecto a asignación á cifra enteira, favorecendo os decimais, agrupados, á formación política que obtivera maior número de votos nas eleccións que deran lugar á composición da corporación; non obstante, no caso de que a suma dos decimais impliquen a asignación de máis dun conselleiro, o segundo corresponderalles ás restantes formacións políticas.
    No suposto de que a unha corporación local lle correspondese un único conselleiro xeral, resultará elixido o que obteña a maioría dos votos dos membros do pleno.
  3. As corporacións locais terán unha participación do 25% dos conselleiros xerais.

(3) Modificado polo Decreto 180/2002 do 23 de maio.

Artigo 9. Distribución dos conselleiros xerais entre Corporacións Locais. (4)

  1. Para os efectos da determinación dos conselleiros xerais representantes das corporacións locais, establecerase unha circunscrición única para todo o territorio en que opera cada unha das caixas de aforros galegas.
  2. Dous terzos deste grupo de representantes distribuirase entre as corporacións municipais nas cales a caixa teña oficinas, en proporción ao volume de depósitos que supoñan as oficinas da entidade situadas no termo municipal sobre o volume de depósitos total da entidade financeira, segundo o procedemento establecido no número 4 deste artigo.
    Para estes efectos, tomaranse os depósitos que teñan a consideración de conta corrente, conta de aforro ou imposición a prazo fixo, correspondentes a persoas físicas. O seu saldo será o correspondente á media do semestre anterior á data en que se realice esta distribución entre as corporacións locais.
  3. O terzo restante distribuirase por sorteo público perante notario entre as corporacións municipais en que tamén teñan presenza e que non obtivesen algún representante de acordo co devandito criterio de proporcionalidade.
    Os axustes debidos ao redondeo beneficiarán esta quenda de sorteo.
    En calquera caso, os estatutos poderán reservar, dentro deste terzo, un representante por deputación provincial, ata un máximo de tres en total.
  4. Para establecer a representación correspondente a cada corporación municipal no tramo proporcional indicado de dous terzos, fixarase un cociente resultante de dividir o importe total dos depósitos de cada caixa, segundo o previsto no número 2, entre o número de conselleiros que corresponde a este grupo, unha vez deducidos os que se distribúen por sorteo. A corporación municipal que teña no seu territorio un importe de depósitos igual ou superior ao dito cociente designará os conselleiros xerais que resulten de aplicar a correspondente proporción.
    Se o número de conselleiros xerais designados polo procedemento anterior non cubrise a totalidade dos atribuíbles a este tramo, a diferenza ata alcanzalo distribuirase a razón dun conselleiro xeral por municipio, seguindo a orde dos máis próximos ao cociente regulador. No caso de empate, corresponderalle á corporación de maior poboación

(4) Modificado polo Decreto 276/2004 do 18 de novembro.

Artigo 10. Incompatibilidade para as Corporacións locais fundadoras.

As Corporación Locais que sexan fundadoras de Caixas de Aforros que operen total ou parcialmente no ámbito de actuación doutra Caixa non poderán nomear representantes nesta última.

|
arriba
|

Sección II. Dos conselleiros xerais en representación da persoa ou entidade fundadora e das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio.

Artigo 11. Porcentaxe de entidades fundadoras e outras entidades.

O 25 por cento do total dos conselleiros xerais serán elixidos en representación das corporacións, entidades ou persoas fundadoras, e das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio no ámbito territorial de actuación da Caixa.

A entidade fundadora terá unha representación do setenta por cento dos conselleiros xerais deste apartado.

Artigo 12. Designación dos conselleiros xerais das entidades fundadoras. (5)

  1. Os conselleiros xerais representantes da persoa ou entidade fundadora e das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico ou profesional de recoñecido prestixio serán designados directamente por elas segundo as súas normas de funcionamento.
  2. Cando algunha das entidades fundadoras sexa deputación provincial ou o concello, elixirá os seus correspondentes representantes nos órganos de goberno conforme o procedemento establecido no artigo 8º deste decreto.

(5) Modificado polo Decreto 180/2002 do 23 de maio.

Artigo 13. Determinación das entidades con representación na Asemblea xeral.

Nos Estatutos ou regulamentos da Caixa deberán consignarse as entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio, así como o número de conselleiros xerais que lle corresponde a cada unha. En ningún caso poderán nomearse máis de dous conselleiros xerais por entidade.

Para os efectos do apartado 3 do artigo 26 da Lei de Caixas de Aforro galegas autorízase ó Conselleiro de Economía e Facenda para que aprobe a relación de entidades que estarán representadas en cada Caixa de Aforros.

|
arriba
|

Sección III. Dos conselleiros xerais en representación dos impositores

Artigo 14. Porcentaxe de representación de impositores.

A representación dos impositores será do 40 por cento do total dos conselleiros xerais.
Os conselleiros xerais en representación dos impositores serán elixidos por compromisarios e de entre estes.

Artigo 15. Circunscricións electorais. (6)

Para efectos electorais, o ámbito territorial no que actúa cada entidade poderá dividirse en circunscricións. O número de circunscricións electorais e as súas respectivas demarcacións determinarase nos regulamentos de cada Caixa, logo de consulta e informe favorable da Consellería de Economía e Facenda.

Por cada circunscrición electoral será designado un número de conselleiros xerais proporcional aos seus depósitos, entendendo por estes o indicado no artigo 9.2º, parágrafo segundo, deste decreto.

(6) Modificado polo Decreto 276/2004 do 18 de novembro.

Artigo 16. Procedemento para a elaboración da lista de impositores.

Por cada circunscrición electoral confeccionarase cada catro anos unha lista de impositores, que reúnan os requisitos de idoneidade legalmente establecidos, ordenada por municipios e oficinas na que se farán constar o número de orde a a clave identificadora da conta. En ningún caso poderá figura-la contía dos saldos.

O saldo medio en conta que o impositor debe manter no semestre anterior á data do sorteo para ser incluído na lista non poderá ser inferior a cincuenta mil pesetas. Este mínimo poderá ser obxecto de revisión periódica en función do índice de prezos ó consumo establecido polo Instituto Nacional de Estatística e na forma que establezan os estatutos de cada entidade. A cifra de cincuenta mil pesetas enténdese referida á data de publicación do presente Decreto.

O impositor figurará relacionado unha soa vez nas listas, sen prexuízo de que sexan consideradas as súas diversas contas para a verificación dos requisitos esixidos para a súa inclusión naquelas.

Nos casos de impositores con diversas contas e supostos de titularidade múltiple ou dividida terase en consideración o que dispoñan os regulamentos de cada entidade.

Artigo 17. Publicación das listas.

En cada sucursal da entidade exporase por un prazo non inferior a 10 días a sección da lista de impositores que corresponda á mesma.

Durante o prazo de exposición poderanse presentar reclamacións que deberá resolve-la Comisión de Control no prazo máximo de 10 días desde o derradeiro de publicidade das listas.

Resoltas as posibles impugnacións, a Comisión Electoral elaborará no prazo de 5 días as listas definitivas de impositores, que se exporán durante 10 días.

Artigo 18. Eleccións de compromisarios.

A elección de compromisarios efectuarase mediante sorteo público ante notario entre os impositores que figuran na lista de cada circunscrición, en número de dez por cada conselleiro xeral elixible. Polo mesmo procedemento elixiranse, como mínimo, igual número de suplentes.

A lista de compromisarios e suplentes deberá remitirse á Dirección Xeral de Tributos e Política Financeira; así mesmo exporase en cada sucursal da Caixa por un prazo de dez días.

A elección de Conselleiros Xerais efectuarase en votación persoal e secreta, exclusivamente polos compromisarios representantes dos impositores da circunscrición, debendo recaer necesariamente nalgún daqueles compromisarios.

Artigo 19. Nomeamento de conselleiros xerais.

Para efectos do establecido no artigo 31 da Lei 7/1985, de 17 de xullo, unha vez que a Comisión Electoral efectuou a proclamación dos conselleiros xerais e estes aceptaron o cargo, non se cubrirán as vacantes que se produzan ata que se proceda a unha nova elección de compromisarios. Non obstante, se algún dos candidatos non chegase a acepta-lo cargo recaerá o nomeamento no seguinte candidato más votado da correspondente circunscrición.

Artigo 20. Duración do cargo de compromisario. (7)

A elección de compromisarios poderase realizar cada dous ou cada catro anos, segundo se estableza nos estatutos de cada caixa de aforros, procedendo aqueles, de entre eles, á elección dos conselleiros xerais en representación dos impositores.

(7) Modificado polo Decreto 236/1996 do 14 de xuño.

Artigo 21. Comisión electoral.

A dirección do proceso electoral corresponderá á Comisión Electoral, podendo establecerse unha para cada circunscrición.

Os regulamentos de cada Caixa deberán regula-la composición e funcións das Comisións Electorais así como o procedemento para efectua-las posibles impugnacións.

A Dirección Xeral de Tributos e Política Financeira poderá nomear un representante da Comunidade Autónoma en cada Comisión electoral.

|
arriba
|

Sección IV. Dos conselleiros xerais en representación do persoal.

Artigo 22. Porcentaxe de representación do persoal.

O persoal fixo do cadro de persoal da Caixa terán unha representación do dez por cento dos conselleiros xerais.

Artigo 23. Procedemento de elección.

Os conselleiros xerais representantes dos empregados serán elixidos por votación persoal e secreta de todo o persoal fixo da Caixa, procurando que as categorías profesionais que se contemplan no regulamento laboral aplicable queden representadas.

Os empregados poderán acceder excepcionalmente á Asemblea Xeral polo grupo de representantes en Corporacións Locais, en proporción no superior ó 25 por cento da representación que teñan como empregados. Para tal nomeamento será requisito indispensable un informe da Corporación Local correspondente no que se xustifique este nomeamento que se elevará a través da Caixa de Aforros á Consellería de Economía e Facenda, para que preste a súa conformidade.

|
arriba
|

Sección V. Do funcionamento da Asemblea Xeral.

Artigo 24. Asemblea Xeral ordinaria e extraordinaria.

  1. A Asemblea Xeral celebrará unha sesión anual ordinaria, dentro dos seis primeiros meses, contados desde a data do peche do exercicio, para avalia-la xestión dos órganos de goberno da Caixa e aprobar, se é o caso, a memoria, o balance, a conta de resultados, a aplicación deste e a dotación da obra benéfico-social, os presupostos da mesma, a xestión e liquidación dos correspondentes ó exercicio anterior e a renovación, se é o caso, dos cargos do Consello de Administración e da Comisión de Control. Tamén se poderá incluír na orde do día calquera outro asunto da súa competencia que lle sometan ó Consello de Administración ou á Comisión de Control, ou que, levando a sinatura dun tercio dos membros da propia Asemblea, fose comunicado á Presidencia coa antelación necesaria para ser recollido naquela.
  2. Nas sesións extraordinarias só poderá ser tratado o asunto para o cal fosen expresamente convocadas.

Artigo 25. Convocatoria da Asemblea Xeral.

  1. A convocatoria da Asemblea Xeral correspóndelle ó Consello de Administración. A sesión ordinaria será convocada coa antelación necesaria para asegura-la súa celebración, en primeira ou segunda convocatoria, na forma prevista no número un do artigo 34 da Lei de Galicia 7/1985, do 17 de xullo, de Caixas de Aforro Galegas. Quince días antes, como mínimo, quedará depositada na sede central, ó dispor dos conselleiros xerais, a memoria, o balance, a conta de resultados e a proposta da súa aplicación, os informes da Comisión de control e das auditorías realizadas.
    O consello de Administración convocará sesión extraordinaria da Asemblea Xeral sempre que o considere conveniente para os intereses sociais, podendo facelo tamén por petición dun tercio dos membros da propia Asemblea ou por acordo da comisión de control, cando se trate de materias da competencia desta. En ámbolos casos, a convocatoria farase dentro do prazo de quince días a partir da presentación da petición, non podendo mediar máis de vinte días entre a data da convocatoria e a sinalada para a celebración da sesión. A petición deberá expresa-la orde do día da sesión.
  2. As convocatorias publicaranse, con quince días, cando menos, de antelación, no Boletín Oficial do Estado, no Diario Oficial de Galicia e nos xornais de maior circulación de Galicia.
  3. A convocatoria expresará data, lugar, hora e orde do día, así como o lugar, data e hora de reunión en segunda convocatoria.

Artigo 26. Adopción de acordos.

  1. A Asemblea Xeral precisará para a súa válida constitución a asistencia da maioría dos seus membros. A constitución en segunda convocatoria será válida calquera que sexa o número de asistentes.
    Para acorda-la aprobación ou modificación dos estatutos ou dos regulamentos, a liquidación e disolución da entidade ou a súa fusión con outras, e a apreciación das causas de separación e renovación dos membros dos órganos de goberno antes do cumprimento do seu mandato, requirirase a asistencia de dúas terceiras partes dos membros da Asemblea Xeral.
  2. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos dos concorrentes, a no ser que os estatutos fixen outros requisitos superiores.
    Cada conselleiro xeral terá dereito a un voto e non o poderá delegar; outorgaráselle a quen presida a reunión voto de calidade.
    Os acordos validamente adoptados obrigan a tódolos conselleiros xerais, incluídos os disidentes e ausentes, sen prexuízos do dereito a salva-lo voto ou á impugnación, se é o caso, dos acordos.
  3. Os acordos adoptados faranse constar en acta, que poderá ser aprobada pola propia Asemblea Xeral ó final da sesión ou, nun prazo máximo de quince días, polo presidente e dous interventores designados por aquela. A acta terá forza executiva a partir da data da súa aprobación.
  4. Os membros do consello de administración asistirán á asemblea xeral con voz e voto. (8)
  5. Os Estatutos das Caixas de Aforros poderán autorizar a asistencia ás Asembleas Xerais, con voz pero sen voto, de técnicos da entidade ou de fóra dela.

(8) Modificado polo Decreto 276/2004 do 18 de novembro.

|
arriba
|

CAPÍTULO II.
DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN

|
arriba
|

Sección I. Da composición do consello de Administración

Artigo 27. Número de vocais.

O número de vocais do consello de Administración non poderá ser inferior a dez nin superior a vinteún. dopción de acordos.

Artigo 28. Proposta de nomeamento. (9)

Os vogais do consello de administración serán nomeados pola asemblea xeral de entre os membros de cada sector de representación e por proposta da maioría do respectivo sector, do consello de administración ou dun 25 por cento dos membros da asemblea xeral. Non obstante, o nomeamento de vogais representantes das corporacións locais que non teñan a condición de entidade fundadora da caixa poderá recaer, como máximo, en dúas persoas que reúnan os requisitos adecuados de profesionalidade e non sexan conselleiros xerais. Igualmente, o nomeamento dos membros do consello de administración representantes dos impositores poderá recaer nun máximo de tres persoas que reúnan os anteriores requisitos, sempre que esta cifra non supoña acadar o 50 por cento da representación total do sector.

(9) Modificado polo Decreto 276/2004 do 18 de novembro.

Artigo 29. Nomeamento de vocais.

De existiren varias propostas en calquera dos sectores, estas serán votadas pola Asemblea Xeral. Serán nomeados vocais do consello de Administración por cada sector aqueles candidatos que obteñan o maior número de votos; como suplentes quedarán designados os sinalados nas candidaturas para cada un dos titulares elixidos.

No suposto de que non se eleven á Asemblea Xeral candidaturas, aquela efectuará directamente por maioría simple de votos os nomeamentos correspondentes dentro de cada un dos sectores integrantes da mesma. Así mesmo a Asemblea Xeral elixirá polo mesmo procedemento igual número de suplentes.

Artigo 30. Cesamento e revogación.

No caso de cesamento ou revogación dun vocal antes do remate do seu mandato, será substituído no prazo dun mes polo correspondente suplente polo período de tempo ata completa-lo dito mandato.
O tempo de exercicio do cargo como suplente computarase pola súa duración efectiva.

Artigo 31. Renovación.

A renovación do consello de Administración efectuarase por metades, cada dous anos.

Artigo 32. Causa de inelixibilidade.

Os vocais do consello de Administración nomeados entre persoas que non pertenzan á Asemblea Xeral, deberán ser menores de setenta anos ou da idade que, como máximo e sempre inferior a esta última, establezan os estatutos.

Artigo 33. Deber de comunicación á Administración autonómica.

O nomeamento, reelección e cesamento dos vocais do consello de Administración deberá comunicarse, no prazo de quince días, á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 34. Causas de incompatibilidade.

A entidade fundadora, as corporacións locais e as outras entidades representadas na Asemblea non poderán ter representación no consello de Administración de máis dunha Caixa. Esta incompatibilidade afectará ás persoas que, como conselleiros xerais, fosen designados en representación da respectiva corporación ou entidade, sen prexuízo do disposto no artigo 10 do presente Decreto.

|
arriba
|

Sección II. Do funcionamento do consello de Administración.

Artigo 35. Nomeamento de presidente.

O consello de Administración nomeará de entre os seus membros ó presidente que, á vez, o será da entidade, e un ou máis vicepresidente, que o substituirán pola súa orde. Nomeará un secretario. O presidente, vicepresidente e secretario do consello de Administración, serano así mesmo da Asemblea Xeral.

En caso de falta de acordo sobre o nomeamento de presidente ou en ausencia deste e dos vicepresidentes, convocará e presidirá as reunións e exercerá as funcións correspondentes o vocal de maior idade.

Artigo 36. Funcionamento do consello.

  1. O consello reunirase tódalas veces que sexa necesario para a boa marcha da entidade e unha vez ó mes, como mínimo.
    A convocatoria corresponderalle ó presidente, quen determinará os asuntos que deben figurar na orde do día, presidirá a sesión e dirixirá os debates e discusións.
    O presidente convocará o consello, por iniciativa propia ou por petición dun tercio, como mínimo, dos seus membros. Neste caso a orde do día estará motivada polo obxecto da petición.
    Ás reunións do consello asistirá, con voz e voto, o director xeral da entidade, excepto para a toma de decisión que o afecten.
  2. O consello de Administración entenderase validamente constituído sempre que cando se abra a sesión estean presentes a metade máis un dos seus membros.
  3. Os acordos adoptaranse por maioría dos conselleiros asistentes se os Estatutos non esixen outra maioría.
    As deliberacións e os acordos do consello de Administración levaranse a un libro de actas onde serán asinadas polo presidente e polo secretario.
    Unha copia dos acordos, debidamente dilixenciados, trasladarase ó presidente da comisión de control no prazo máximo de sete días naturais desde a reunión do consello.
|
arriba
|

Sección III. Da delegación de funcións.

Artigo 37. Supostos e procedemento da delegación.

  1. Non obstante o disposto no artigo 43 la Lei de Galicia 7/1985, do 17 de xullo, o consello de Administración non poderá delegar funcións relativas á elevación de propostas á Asemblea Xeral ou cando se trate de facultades especialmente delegadas no consello, salvo que fose expresamente autorizado para iso pola Asemblea.
  2. As facultades delegadas polo consello de Administración recaerán nunha ou varias comisións compostas, polo menos polos seguintes membros:
    • Presidente da Caixa de Aforros.
    • Un representante de cada un dos sectores que compoñen o consello de Administración.
  3. De existiren varias comisións, será obrigatoria a creación dunha comisión de obra benéfico-social.
  4. Ás reunións das comisións asistirá o director xeral da entidade con voz e voto, excepto para a toma de decisión que o afecten.
  5. Será de aplicación, se é o caso, para a comisión o establecido nos números 2 e 3 do artigo 36 do presente Decreto.
|
arriba
|

CAPÍTULO III.
DA COMISIÓN DE CONTROL

|
arriba
|

Sección I. Da composición da Comisión de Control.

Artigo 38. Número de membros.

O número de membros da Comisión de Control fixarase como máximo en oito, elixidos pola Asemblea Xeral de entre aqueles dos seus membros que non ostenten a condición de vocais do Consello de Administración.

A Comisión de Control deberá estar composta, cando menos, por un representante de cada un dos sectores que integran a Asemblea Xeral, aplicando criterios de proporcionalidade en orde ós grupos que a integren.

O director xeral da entidade asistirá ás reunións con voz e sen voto, sempre que a comisión así o requira.

Artigo 39. Procedemento de elección.

Os conselleiros xerais de cada sector de representación poderán propoñer candidatos do seu respectivo sector. O número de conselleiros xerais necesarios para face-la proposta deberá ser superior á décima parte do indicado sector. Así mesmo poderán propoñer candidatos o vintecinco por cento dos membros da Asemblea Xeral.

Serán nomeados membros da Comisión de Control por cada sector aqueles candidatos que obteñan o maior número de votos e baixo o mesmo principio e orde serán designados os suplentes en igual número.

No suposto de que non se eleven candidaturas á Asemblea Xeral esta efectuará directamente por maioría simple de votos os nomeamentos correspondentes dentro de cada un dos sectores integrantes do mesmo. Así mesmo a Asemblea Xeral elixirá polo mesmo procedemento igual número de suplentes.

Artigo 40. Representante da Comisión Autónoma.

Formará parte da Comisión de Control un representante da Comunidade Autónoma elixido pola Consellería de Economía e Facenda de entre persoas con capacidade e preparación técnica adecuada. Asistirá ás reunións da Comisión con voz e sen voto.

Artigo 41. Cesamento ou revogación.

No caso de cesamento ou revogación dun membro da Comisión antes do remate do seu mandato, será substituído, no prazo dun mes polo correspondente suplente polo período de tempo ata completa-lo dito mandato.

O tempo do exercicio do cargo como suplente computarase pola súa duración efectiva.

Artigo 42. Renovación.

A renovación dos membros da Comisión de Control efectuarase na mesma forma establecida no presente Decreto para os vocais do Consello de Administración.

|
arriba
|

Sección II. Do funcionamento da Comisión de Control.

Artigo 43. Funcionamento da Comisión de Control.

  1. Para o cumprimento das súas funcións, a Comisión de Control reunirase tódalas veces que sexa convocada polo seu presidente por iniciativa propia ou por petición dun tercio dos seus membros e, como mínimo, unha vez ó trimestre. No exercicio das súas funcións poderá obter do Consello de Administración e do director xeral os antecedentes e a información que considere necesarios.
  2. De entre os seus membros a Comisión elixirá un presidente e máis un secretario.
  3. A Comisión de Control entenderase validamente constituída sempre que cando se abra a sesión estean presentes a metade máis un dos seus membros.
  4. Os acordos adoptaranse por maioría dos seus membros. Cando se trate de requiri-la convocatoria da Asemblea Xeral será necesario o voto favorable dos dous tercios dos seus membros.
  5. A Comisión de Control terá que informar no prazo de sete días á Consellería de Economía e Facenda das posibles irregularidades que observase no exercicio das súas funcións.
|
arriba
|

CAPÍTULO IV.
DO DIRECTOR XERAL

Artigo 44.Director Xeral.

O director xeral designado polo Consello de Administración da Caixa deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e o seu nomeamento deberá serlle comunicado á Consellería de Economía e Facenda nun prazo non superior a quince días.

O director xeral executará os acordos do Consello de Administración, será canle de relación entre os órganos de goberno regulados nos artigos anteriores e os servicios e o persoal da Caixa, terá o seu cargo a xefatura superior do persoal e exercerá as demais funcións que lle encomenden os estatutos e regulamentos.

|
arriba
|

TÍTULO II.
A FEDERACIÓN GALEGA DE CAIXAS DE AFORRO

Artigo 45. Funcionamento e funcións.

A Federación Galega de Caixas de Aforro, formada polas Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia, ten como finalidades principais:

  1. Te-la representación das Caixas perante os poderes públicos.
  2. Procura-la captación, a defensa e maila difusión do aforro e orienta-los investimentos das Caixas de Aforro conforme ás normas xerais sobre investimento territorial.
  3. Fomentar e promove-los investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. Promover e coordina-la prestación de servicios técnicos e financeiros.
  5. Planifica-la creación de obras benéfico-sociais e propoñerlle á Xunta de Galicia os investimentos básicos ós que se refire o artigo 4 da Lei de Galicia 7/1985, do 17 de xullo.

A Federación estará rexida pola Xunta de Goberno e pola Secretaría Xeral.

A Xunta de Goberno é o máximo órgano de goberno e decisión da Federación e estará constituída por dous representantes de cada unha das Caixas federadas, que serán os seus respectivos presidente e director xeral.

O Goberno da Comunidade Autónoma, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, poderá ademais nomear un representante na devandita Xunta.

A Secretaría Xeral é o órgano administrativo de xestión e coordinación e ten ó seu cargo a execución das función que ten encomendadas a Federación baixo as directrices da Xunta de Goberno.

Os acordos serán vinculantes e tomaranse por maioría de votos presentes, na maneira que determinen os estatutos, que poderán prever tamén a necesidade de voto unánime para determinadas materias. Os estatutos poderán preve-la emisión de votos ponderados.

Os actuais estatutos fundacionais da Federación Galega de Caixas de Aforro serán adaptados, se é o caso, á lei 6/1989, de 10 de maio, e ó presente Decreto. Deberán ser propostos polas Caixas, logo do acordo que represente como mínimo a maioría de dous tercios dos seus depósitos de clientes referidos ó último balance anual pechado.

|
arriba
|

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

En caso de fusión ou absorción de algunha das Caixas de Aforro a Consellería de Economía e Facenda dictará as normas pertinentes que eviten a duplicación de órganos de goberno, garantindo suficientemente a representación dos grupos da entidade obxecto de absorción ou de menor dimensión económica.

|
arriba
|

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS.

Primeira.

Con obxecto de poder levar a cabo a renovación por metades da Asemblea Xeral, do Consello de Administración e da Comisión de Control, os estatutos determinarán o procedemento para efectua-la primeira renovación, ou no seu defecto esta realizarase por sorteo entre os membros de cada un dos sectores que os compoñen. A duración do exercicio do cargo dos afectados por esta primeira renovación será de dous anos.

Segunda.

Durante un ano desde a constitución da nova Asemblea Xeral formarán parte do Consello de Administración, conxuntamente cos novos vocais, a metade dos vocais do último Consello de Administración e de entre eles o presidente e o secretario, os cales continuarán no exercicio dos seus respectivos cargos. O resto dos vocais do antigo Consello de Administración que vaian continuar no cargo serán elixidos por sorteo dentro de cada grupo.

|
arriba
|

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

Queda derrogado o Decreto 127/1986, de 17 de abril, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó presente Decreto.

|
arriba
|

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS.

Primeira.

Autorizase á Consellería de Economía e Facenda para dictar as disposicións e adoptar as medidas que sexan necesarias para o desenvolvemento do presente Decreto.

Segunda.

O presente Decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC