Con base no artigo 27.1º da Lei 11/1996, do 30 de decembro,
de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para
1997, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 27/1997, do 6
de febreiro, autorizou a realización das operacións
financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión
de débeda pública ou a concertación de créditos,
facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e
Facenda para que estableza as condicións nas ditas operacións
e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Obtida a autorización, establecida no artigo 14, apartado
3, da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento
das comunidades autónomas, mediante acordo do consello de
ministros do 24 de outubro de 1997, disponse a emisión de
débeda pública interior por un importe de 15.173 millóns
de pesetas.
Artigo 2º
Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións
da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta,
ó abeiro do artigo 55 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do
mercado de valores.
A emisión de débeda pública que autoriza a
presente orde terá as características que se detallan
a continuación:
- Importe: 15.173 millóns de pesetas.
- Data da emisión: 15 de decembro de 1997.
- Data de desembolso: 15 de decembro de 1997.
- Prezo da emisión: ó par libre de gastos para o
subscritor.
- Nominal das obrigacións: 1.000.000 de pesetas.
- Subscrición: realizarana directamente as entidades aseguradoras,
actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día
12 de decembro de 1997.
- Cupón: os cupóns anuais vencerán o 15 de
decembro de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu
vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se
o posuidor é un investidor non residente que non opere
en España mediante establecemento permanente, procederase
á devolución de oficio das retencións practicadas,
segundo procedemento establecido na resolución da Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería,
con data do 22 de outubro de 1993 (DOG do 8 de novembro).
- Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda
pública á Central de Anotacións de Débeda
Pública do Banco de España na forma prevista nos
artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado
de valores, e haberá que aterse ó establecido no
Real decreto 505/1987, do 3 de abril e ós demais preceptos
legais aplicables na materia.
- Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 da Lei
orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das
comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos
beneficios e condicións cá débeda pública
do Estado.
- Amortización: dunha soa vez ó par, ós vinte
(20) anos desde a data da emisión.
- Tipo de xuro: 6,28 %.
- Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida
da emisión a liquidez das obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 1997.
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda