Con base no artigo 25.1º da Lei 1/1998, do 7 de abril, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para
1998, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 124/1998, do 23
de abril, autorizou a realización das operacións financeiras
previstas na indicada lei mediante a emisión de débeda
pública ou a concertación de créditos, facultando,
así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para
que estableza as condicións nas ditas operacións e
dicte as disposicións necesarias para tal efecto.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Obtida a autorización, establecida no artigo 14 apartado
3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento
das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de
Ministros do 19 de xuño de 1998, disponse a emisión
de débeda pública interior por un importe de 13.000
millóns de pesetas.
Artigo 2º
Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións
da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en conta,
ó abeiro do artigo 55 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do
mercado de valores.
A emisión de débeda pública que autoriza a
presente orde terá as características que se detallan
a continuación:
- Importe: 13.000 millóns de pesetas.
- Data da emisión: 20 de xullo de 1998.
- Data de desembolso: 20 de xullo de 1998.
- Prezo da emisión: ó par libre de gastos para o
subscritor.
- Nominal das obrigacións: 1.000.000 de pesetas.
- Subscrición: realizarana directamente as entidades aseguradoras,
actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día
17 de xullo de 1998.
- Cupón: os cupóns anuais vencerán o 20 de
xullo de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento
os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor
é un investidor non residente que non opere en España
mediante establecemento permanente, procederase á devolución
de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento
establecido na resolución da Dirección Xeral de
Política Financeira e Tesouro desta consellería,
do 22-10-1993 (DOG do 8 de novembro).
- Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda
pública á Central de Anotacións de Débeda
Pública do Banco de España na forma prevista nos
artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado
de valores e os demais preceptos legais aplicables na materia.
- Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º
da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento
das comunidades autónomas, esta emisión goza dos
mesmos beneficios e condicións cá débeda
pública do Estado.
- Amortización: dunha soa vez ó par, ós vinte(20)
anos desde a data da emisión.
- Tipo de xuro: 5,40 %.
- Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida
da emisión a liquidez das obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1998.
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda