Con base no artigo 29.1º da Lei 7/2005, do 29
de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Consello
da Xunta de Galicia, por Decreto 10/2006, do 26
de xaneiro, polo que se regula a débeda da Comunidade
Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio
2006, autorizou a realización das operacións
financeiras recollidas na indicada lei mediante a
emisión de débeda pública ou a concertación de
créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de
Economía e Facenda para que estableza as condicións
das ditas operacións e dite as disposicións
necesarias para tal efecto.
Mediante acordo do Consello de Ministros do 9 de xuño obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo único.
Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma
de Galicia por un importe de 350 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións
da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións
na conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes
da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de
valores, coas modificacións introducidas pola
Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de
reforma do sistema financeiro, e da Lei 41/1999,
do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamento
e liquidación de valores.
A emisión de débeda pública que autoriza esta
orde terá as características que se detallan a
continuación:
- Importe: 350 millóns de euros.
- Data de emisión: 2 de novembro de 2006.
- Data de desembolso: 2 de novembro de 2006.
- Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.
- Nominal das obrigacións: 1.000 euros.
- Subscrición: será realizada directamente polas
entidades financeiras aseguradoras da emisión,
actuando en nome propio ou por conta de terceiras
persoas, o día 31 de outubro de 2006.
- Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda
pública no mercado de débeda pública en anotacións, Iberclear, S.A., na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado
de valores, e nos demais preceptos legais aplicables
na materia.
- Cupón: o pagamento do cupón será anual e vencerá o día 2 de novembro de cada ano. Nos casos en
que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable
a devolución da retención practicada nos
cupóns desta emisión, será o Banco de España quen
xestione o correspondente procedemento, segundo
se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no
Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.
- Tipo de xuro: anual do 1,896%, axustado en función
do incremento do índice de prezos de consumo
harmonizado da euro área excluído o tabaco (HICP
ex tobacco), calculado por Eurostat.
Data de amortización: 2 de novembro de 2016.
- Importe de amortización: ao final da vida da operación,
nun só pagamento e ligada ao incremento
do índice de prezos de consumo harmonizado da
euro área excluído o tabaco (HICP ex tobacco), calculado
por Eurostat.
- Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo
14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro,
de financiamento das comunidades autónomas, esta
emisión goza dos mesmos beneficios e condicións
que a débeda pública do Estado.
- Liquidez: as entidades aseguradoras garanten
durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2006.
José Ramón Fernández Antonio
Conselleiro de Economía e Facenda