Con base no artigo 28 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003,
o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 145/2003, do 31 de xaneiro,
autorizou a realización das operacións financeiras
recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda
pública ou a concertación de créditos, facultando,
así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para
que estableza as condicións das ditas operacións e
dicte as disposicións necesarias para tal efecto.
Mediante acordo do Consello de Ministros do 13 de xuño de
2003, obtívose a autorización establecida no artigo
14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de
financiamento das comunidades autónomas.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma
de Galicia por un importe de 200 millóns de euros. Esta emisión
realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de
Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó
abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo,
do mercado de valores, coas modificacións introducidas pola
Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema
financeiro, e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas
de pagamento e liquidación de valores.
A emisión de débeda pública que autoriza esta
orde terá as características que se detallan a continuación:
- Importe: 200 millóns de euros.
- Data de emisión: 1º de xullo de 2003.
- Data de desembolso: 1º de xullo de 2003.
- Prezo da emisión: á par, libre de gastos para
o subscritor.
- Nominal das obrigacións: 1.000 euros.
- Subscrición: será realizada directamente polas
entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando
en nome propio ou por conta de terceiras persoas, desde o día
20 de xuño ata o 30 de xuño de 2003.
- Cupón: o pagamento do cupón será anual
e vencerá o día 1 de xullo de cada ano. A Xunta
de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo
seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor
non residente que non opere en España mediante establecemento
permanente, procederase á devolución de oficio das
retencións practicadas, segundo o procedemento establecido
na Resolución da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG
do 8 de novembro). Así mesmo, procederase á devolución
de oficio das retencións practicadas ós investidores
suxeitos pasivos do imposto de sociedades, así como ós
investidores non residentes que operen en España a través
de establecemento permanente, segundo o procedemento establecido
na Resolución da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro do 3-7-2001 (DOG do 9 de xullo).
- Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda
pública no mercado de débeda pública de anotacións
Iberclear, na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei
24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos
legais aplicables na materia.
- Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º
da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento
das comunidades autónomas, esta emisión goza dos
mesmos beneficios e condicións que a débeda pública
do Estado.
- Amortización: dunha soa vez á par, ós dez
anos da data de emisión.
- Tipo de xuro: 3,80%.
- Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida
da emisión a liquidez das obrigacións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2003.
Jose Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda