Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Orde do 28 de novembro de 2006, pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a reparación dos danos persoais causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro en Galicia.

O Decreto 180/2006, do 19 de outubro, modificado polo Decreto 188/2006, do 26 de outubro, regula unha serie de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro en Galicia.

Segundo o disposto no artigo 5 da citada norma, serán obxecto de axuda os danos persoais causados por falecemento, incapacidade absoluta permanente e por lesións que motivasen a hospitalización da persoa ferida.

As axudas reguladas no devandito decreto ateranse, fundamentalmente, ao réxime establecido no artigo 78 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galiza, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, se ben poderán acollerse ao procedemento de concesión directa, previsto no apartado 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

No entanto, por razóns de urxencia e para a maior difusión, estímase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos persoais causados.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do decreto de referencia faculta aos titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento, especificando que se entenderá competente para a concesión das axudas por danos persoais a Consellería de Economía e Facenda.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galiza, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

|
arriba
|

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e natureza.

  1. A presente Orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión das axudas por danos persoais, establecidas polo Decreto 180/2006, do 19 de outubro, que foi modificado polo Decreto 188/2006, do 26 de outubro, de medidas urxentes para a reparación de danos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro en Galicia.
  2. Os termos municipais afectados aos que concretamente serán de aplicación as ditas axudas son os seguintes:
    • Da Provincia da Coruña:
      • Camariñas
      • Cee
      • Corcubión
      • Dumbría
      • Fisterra
      • Mazaricos
      • Muxía
      • Val do Dubra
      • Vimianzo
      • Zas
    • Da Provincia de Pontevedra:
      • Baiona
      • Campo Lameiro
      • Cerdedo
      • Cotobade
      • Marín
      • O Rosal
      • Oia
      • Poio
      • Pontevedra
      • Tomiño
      • Tui
      • Vilaboa
  3. Os danos persoais polos que se concederán as axudas son os seguintes:
    1. falecemento
    2. incapacidade absoluta permanente
    3. lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida
  4. As axudas outorgaranse en réxime de concesión directa e terán carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados. No entanto, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 2. Beneficiarios.

  1. 1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas pola incapacidade absoluta permanente ou lesións que causasen a hospitalización.
  2. Serán beneficiarios destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de morte e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:
    1. O cónxuxe do falecido, se non estivese separado legalmente, ou a persoa que viñese convivindo co falecido de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia; neste caso bastará a mera convivencia.
    2. Os fillos menores de idade dos falecidos ou das outras persoas a que se refire o parágrafo anterior.
    3. Os fillos maiores de idade se sufrisen un prexuízo económico-patrimonial relevante, debidamente acreditado, en relación coa súa situación económica anterior ao falecemento.
    4. En defecto das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarios os pais da persoa falecida.
    5. En defecto das persoas mencionadas nos parágrafos a), b), c) e d) serán beneficiarios os irmáns da persoa falecida, se acreditan dependencia económica daquela.
  3. De concorrer varios beneficiarios a título de vítimas indirectas, a distribución da cantidade a que ascenda a axuda efectuarase da seguinte forma:
    • A cantidade dividirase en dúas metades. Corresponderá unha ao cónxuxe ou á persoa que viñese convivindo co falecido nos termos do parágrafo a) do punto anterior. Corresponderá a outra metade aos fillos mencionados nos parágrafos b e c do punto anterior, e distribuirase entre todos eles por partes iguais.
    • De resultaren beneficiarios os pais do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre eles por partes iguais.
    • De resultaren beneficiarios os irmáns do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre eles por partes iguais.

Artigo 3. Solicitudes, prazos e documentación.

  1. As solicitudes axustaranse ao modelo que figura no Anexo da presente Orde e poderán presentarse nas oficinas desta Consellería de Economía e Facenda, así como nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, que regula e determina as oficinas de rexistro propias e concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regula a atención ao cidadán.
  2. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
    1. Copia do NIF ou CIF do solicitante.
    2. Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos lle corresponde ao solicitante.
    3. Declaración sobre calquera outra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde.
    4. Memoria relativa aos danos persoais causados.
    5. Xustificación adecuada dos danos persoais e a súa relación de causalidade coas inundacións, parentesco, gastos e calquera outros datos de feito invocados.
  3. O prazo para a presentación das solicitudes será de 1 mes, contado a partir da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia.
  4. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións oportunas. Así mesmo, conleva a autorización para que o órgano xestor das axudas poida solicitar dos organismos competentes os certificados de estaren os solicitantes ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non ter débedas pendentes de pagamento coa Xunta de Galicia, nos termos do artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2006.

Artigo 4. Tramitación e instrución.

  1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á Secretaría Xeral e do Patrimonio para a súa tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
  2. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase ao interesado na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.
  3. Os servizos técnicos da Consellería de Economía e Facenda realizarán as inspeccións e emitirán os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 5. Determinación da axuda.

  1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:
    1. 18.000 euros para os casos de falecemento e incapacidade permanente absoluta.
    2. Para os casos de lesións que causasen hospitalización, incluiranse en todo caso os gastos de asistencia médica e hospitalización, así como outros danos persoais que se acrediten e estean comprendidos entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.
  2. Os servizos técnicos da Consellería avaliarán os danos persoais por lesións obxecto de axuda e emitirán un informe coa valoración dos danos indemnizables.

Artigo 6. Resolución.

  1. A competencia para a resolución dos procedementos de concesión das axudas correspóndelle ao conselleiro de Economía e Facenda e notificaráselle aos interesados no prazo de dez días a partir da data na que se ditara a resolución.
  2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 3 meses a contar desde o día seguinte ao remate da presentación de solicitudes.
  3. Se transcorrer o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 7. Réxime de recursos.

  1. A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
  2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa; e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso administrativo nos prazos legalmente previstos.

Artigo 8. Deberes de colaboración e control.

  1. A Consellería de Economía e Facenda poderá realizar os controis administrativos que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar nos citados controis, proporcionando os datos requiridos.
  2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 9. Financiamento.

  1. As axudas económicas reguladas nesta Orde faranse efectivas con cargo á aplicación 23.01.531A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ata o importe de 22.000 euros.
  2. En todo caso, a concesión das axudas estará sometida á condición da existencia de crédito axeitado e dabondo no momento da resolución, polo que serán denegadas as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. No entanto, esta consellería poderá, se así o estimase, ampliar o crédito previsto tendo en conta as solicitudes presentadas.

Artigo 10. Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado no artigo 78 e 79 do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galiza, aprobado polo Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

|
arriba
|

Disposición adicional primeira.

Nos aspectos non regulados nesta Orde haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda.

De conformidade cos apartados 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Economía e Facenda publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

|
arriba
|

Disposición derradeira primeira.

Facúltase á Secretaría Xeral e do Patrimonio para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2006
José Ramón Fernández Antonio
Conselleiro de Economía e Facenda

|
arriba
|

ANEXO I

FORMULARIO DE AXUDAS PARA A REPARACIÓN DOS DANOS PERSOAIS CAUSADOS POLASINUNDACIÓNS ACAECIDAS NO MES DE OUTUBRO EN GALICIA (PDF)

A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC