Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Orde do 17 de xuño de 2005 sobre os libros-rexistros e o deber de información estatística-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros.

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 2, establece que corresponde á Comunidade Autónoma Galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros. En aplicación da citada lei orgánica, mediante o Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transferíronse á comunidade autónoma as funcións e os servizos da Administración do Estado en materia de mediadores de seguros.

En virtude das citadas normas correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución, dentro do seu territorio, das bases da ordenación dos seguros privados contidas na Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados, respecto aos mediadores de seguros cuxo domicilio social e ámbito de operacións se limitan ao territorio da comunidade.

O Decreto 321/1999, do 16 de decembro, asígnalle as funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia á Consellería de Economía e Facenda.

No exercicio das referidas competencias, publicouse en primeiro lugar a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de xullo de 2000 pola que se creou o Rexistro de corredores de seguros, de sociedades de corredoría de seguros e dos seus altos cargos e o Rexistro de diplomas de mediador de seguros titulado e, en segundo lugar, o Decreto 118/2001, do 10 de maio, polo que se regulan as competencias da comunidade autónoma en materia de mediación en seguros privados.

Pola súa parte e en desenvolvemento da Lei 9/1992 antes aludida, a Administración central veu de publicar o Real decreto 301/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os libros-rexistros e o deber de información estatístico-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros, recollendo na súa disposición derradeira primeira que teñen a consideración de bases da ordenación dos seguros os artigos 1º, 2º, o número 2 do artigo 3º e a disposición transitoria única.

Por todo o anterior, de acordo coa habilitación de desenvolvemento establecida na disposición derradeira primeira do mencionado Decreto 118/2001, e co obxecto de dar a coñecer os modelos de información estatístico-contable aplicables aos corredores e corredorías inscritos no rexistro autonómico así como facilitarlles a súa remisión á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Libros-rexistros.

Os corredores e corredorías de seguros inscritos no Rexistro de corredores de seguros, de sociedades de corredoría de seguros e dos seus altos cargos da Comunidade Autónoma de Galicia, están suxeitos, respecto á leva dos libros-rexistros, ao disposto no Real decreto 301/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os libros-rexistros e o deber de información estatístico-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros.

Artigo 2º.-Obrigas contables.

Os corredores e corredorías de seguros inscritos no rexistro mencionado no artigo anterior, estarán así mesmo sometidos ás obrigas contables establecidas no citado Real decreto 301/2004, debendo remitir a información á que se refire o seu artigo 2º mediante os modelos que se aproban e publican como anexo á presente orde.

Artigo 3º.-Órgano competente.

As referencias que no Real decreto 301/2004 se fan ao Ministerio de Economía e Facenda e á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, entenderanse feitas á Consellería de Economía e Facenda e á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, para os corredores e corredorías inscritos no rexistro autonómico ao que se refire o artigo 1º anterior.

Artigo 4º.-Presentación da documentación.

A presentación da documentación estatístico-contable, mediante os modelos que se inclúen como anexo, deberá efectuarse ante á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro en papel impreso ou por medios telemáticos.

A documentación estatístico-contable deberase remitir antes do 31 de xullo do ano seguinte a aquel ao que se refira. O primeiro exercicio que se formalice será o correspondente ao ano 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase o director xeral de Política Financeira e Tesouro para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde, en especial o procedemento que se debe seguir na presentación da referida documentación.

Segunda.-

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2005
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO
Documentación estatístico-contable anual dos corredores e sociedades de corredoría de seguros

Modelos dos corredores e das sociedades de corredoría de seguros.

Instrucións para cubrir os modelos de información estatístico-contable dos corredores e sociedades de corredoría de seguros.

Modelo 0/PF e modelo 0/PX.

  • Deberán cubrirse todos os datos, referidos ao momento en que se asine a declaración e asinar o modelo correspondente.
  • Non se cubrirá o recadro correspondente ao enderezo para os efectos de notificacións se coincide co enderezo da actividade indicado nos recadros anteriores.

Póliza do seguro de responsabilidade civil:

  • Se os modelos se envían en papel o recibo de pagamento da póliza enviarase tamén en papel no caso de remitirse por vía telemática deberase remitir escaneado xunto ao resto da documentación.
  • No caso de que o corredor ou sociedade de corredoría cambiara de entidade aseguradora coa que tiña o ano anterior subscrito o seguro de responsabilidade civil, deberase remitir un orixinal en papel da nova póliza coas cláusulas xerais e particulares e unha copia tamén en papel do recibo de pagamento.

Modelo 1.

Medios persoais:

  • Persoal de dirección: persoas que exercen a dirección técnica, así como as que desempeñan outros cargos de dirección.
  • Empregados: persoal con contrato laboral.
  • Colaboradores: persoas vinculadas mediante contrato de colaboración mercantil, de conformidade co disposto no artigo 21 da Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados.
  • Outro persoal: persoas que prestan funcións sen contrato laboral ou mercantil (familiares, socios, administradores).
  • Diplomas de mediador: indicar o número de persoas que estean en posesión do diploma de mediador de seguros titulado.

Formación:

Nivel: marcarase cun X a columna que corresponda en función de que a formación recibida fora elemental, de reciclaxe ou sobre produtos:

  1. Elemental.
  2. Reciclaxe.
  3. Xestión e administración de empresas de corredoría de seguros.
  4. Sobre ramos e/ou produtos específicos.

Horas: indicar o número de horas da formación recibida por cada colectivo.
Códigos medios de formación: marcarase cun X a columna que corresponda en función de que a formación fora impartida por medios propios ou alleos.

Oficinas: (datos referidos ao momento en que se asine a declaración)
Réxime de utilización: indicarase se o local se utiliza en réxime de propiedade, arrendamento ou cesión.

Diplomas de mediador: indicar o número de persoas da oficina que estean en posesión do diploma de mediador de seguros titulado.

Primas intermediadas: indicar o importe total das primas de seguro intermediadas a través da sede social ou profesional, ou, se é o caso, das sucursais.

Modelo 2.

Por prima enténdese a prima bruta, descontadas as anulacións e incluídos recargas e impostos Computarase a totalidade da prima anual de cada entidade independentemente de que estea fraccionada ou que o período de cobertura non coincida co ano natural.

  • Primas intermediadas: total: indicar o volume total de primas de seguros intermediadas polo corredor/sociedade de corredoría de seguros, en cada unha das entidades.
  • Primas intermediadas: nova produción: importe das primas de seguro intermediadas correspondentes a pólizas emitidas exclusivamente no exercicio ao que se refire a información estatístico contable, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro.
  • Entidades: cubrir as filas das entidades aseguradoras coas que media o corredor/sociedade de corredoría deixando en branco as restantes pero non eliminalas. Se unha o máis das entidades coas que media o corredor/sociedade de corredoría non figuran nas filas anteriores, engadilas nas filas en branco.
  • % Vida % Non vida: indicar a distribución porcentual das primas de seguro intermediadas segundo corresponda a ramos de vida ou de non vida.
  • Rede propia: importe das primas de seguros achegadas a través dos medios que configuran a rede de distribución propia do corredor ou sociedade de corredoría de seguros.
  • Rede de colaboradores: importe das primas de seguros achegadas a través da rede de colaboradores mercantís do corredor/sociedade de corredoría contratados de conformidade ao disposto no artigo 21 da Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados.
  • Comisións: por comisións enténdense as comisións devengadas respecto ás primas de seguro intermediadas.

As comisións computaranse polo seu importe bruto, descontadas as anulacións, percibidas polo corredor/sociedade de corredoría no exercicio da súa actividade e devengadas no exercicio aínda que se liquiden e cobren noutro exercicio.

Non se incluirán as comisións percibidas pola actividade de colaborador mercantil doutro corredor ou corredoría de seguros.

Modelo 3.

  1. Autos: inclúe os ramos 01, 03, 10 e 17 (este último só se vai unido á póliza de autos).
  2. Transportes: inclúe os ramos 04, 05, 06, 07, 11 e 12.
  3. Inclúe todo risco dano material.
  4. Inclúe avaría de maquinaria.
  5. Soamente as non incorporadas en autos.

Modelo 5.

  1. Investimento/Valor engadido.

    O valor engadido ao custo dos factores é a renda bruta das actividades de explotación tras axustar o efecto das subvencións de explotación e os impostos indirectos.

    Este importe obtense sumando e restando os importes que figuran na contabilidade da actividade de mediación clasificados nos seguintes grupos e contas do Plan Xeral de Contabilidade (PXC).

    Importes que figuran na contabilidade da actividade de mediación clasificados nos seguintes grupos e contas do Plan Xeral de Contabilidade
    Código/s do PXC Concepto Importe
    70 e/ou 75 (+) Comisións  
    740 (+) Subvencións oficiais á explotación recibidas das administracións públicas  
    752/759 (+) Outros ingresos  
    60 (-) Compras (bens consumibles, papelaría, material de oficina non inventariable,...)  
    62 (-) Servizos exteriores (publicidade, colaboradores, asesoría fiscal, laboral, contable, primas de seguro, arrendamentos, subministracións de auga, gas, electricidade, teléfono, transporte, servizos bancarios, mensaxaría) polo seu importe total, IVE incluído  
    631 (-) Outros tributos (IBI, IAE, ITP e AXD, taxas e outros impostos indirectos)  
      Total valor engadido ao custo dos factores  

    IVE: Imposto sobre o valor engadido.
    IBI: Imposto sobre bens inmobles.
    IAE: Imposto sobre actividades económicas.
    ITP e AXD: Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

    Investimento bruto en bens materiais corresponde ao investimento durante o período de referencia en bens materiais. Inclúense os bens materiais cunha vida útil de máis dun ano.

    O investimento bruto en bens materiais está referido soamente a actividade de mediación; no caso de haber varias actividades que utilizan os mesmos bens materiais, incluirase soamente a parte proporcional que lle corresponda á actividade de mediación en función dos ingresos xerados por cada actividade:

    Investimento bruto de todas as actividades x (Ingresos actividade de mediación / Ingresos de todas as actividades)
  2. Ingresos.

    Ingresos da actividade de mediación: nesta epígrafe incluiranse as comisións e outros ingresos que proveñan da actividade de mediación. Non se inclúen as comisións percibidas pola actividade de colaborador mercantil doutro corredor ou sociedade de corredoría. Tampouco se inclúen ingresos financeiros nin subvencións.

    Ingresos doutras actividades: nesta epígrafe incluiranse os ingresos doutras actividades distintas da mediación así como as comisións percibidas pola actividade de colaborador mercantil doutro corredor ou sociedade de corredoría.

    Ingresos financeiros: os correspondentes á actividade de mediación e a outras actividades, se as houber.

  3. Gastos.

    Custos de persoal en metálico ou en especie: nesta epígrafe incluiranse os soldos e salarios e a seguridade social a cargo do empregador e calquera outra remuneración pagada ao traballador, incluíndo gastos sociais referido ao persoal adicado á actividade de mediación.

    Outros gastos en bens e servizos: nesta epígrafe incluiranse os bens consumibles non inventariables polo seu importe total, IVE incluído. Non se incluirán as dotacións para amortizacións nin en gastos bancarios os gastos financeiros.

  4. Conta de perdas e ganancias: actividade de corredoría de seguros.

    Total ingresos: suma dos ingresos da actividade de mediación e dos ingresos financeiros relacionados coa actividade de mediación.

    Total gastos: incluirá o IAE, se é o caso, pero non se terá en conta o imposto de sociedades ni o imposto sobre a renda das persoas físicas.

  5. Conta de perdas e ganancias: resto de actividades.

    Total ingresos: suma dos ingresos doutras actividades do cadro 2 e dos ingresos financeiros relacionados con outras actividades.

    Total gastos: incluirá o IAE, se é o caso, pero non se terá en conta o imposto sobre sociedades nin o imposto sobre a renda das persoas físicas.

A CONSELLERÍA
Benvida do Conselleiro
Organigrama
Contratación (Lei Transp)
OFICINAS VIRTUAIS
ÁREAS
Secretaría Xeral e do Patrimonio
Tributos
Orzamentos
Intervención Xeral
Planificación Económica e Fondos Comunitarios
Política Financeira e Seguros
ARQUIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Novas
Imaxes
Multimedia
ORGANISMOS
Web do CIXTEC
Web do IGE
Web do IGAPE
Web do CES-GALICIA
Web do TGDC