Sumario
| Saltar
sumario |
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
CAPÍTULO II. REQUISITOS
CAPÍTULO III. OBRIGAS E PRAZOS DE CUMPRIMENTO
CAPÍTULO IV. OUTORGAMENTO, PRÓRROGA
E REVOGACIÓN
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
|
|
A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, transferiu, de
acordo co artigo 150.2º da Constitución, á Comunidade
Autónoma galega, a competencia exclusiva sobre mutuas non
integradas no sistema de Seguridade Social. Por outra parte, a Lei
orgánica 6/1999, do 6 do abril, transferiu á Comunidade
Autónoma de Galicia a competencia en materia de ordenación
do crédito, banca e seguros.
Rexen nesta materia a Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación
e supervisión de seguros privados e o Real decreto 2615/1985,
do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de entidades
de previsión social, que establecen os mecanismos de control
das mutualidades de previsión social para lles garantir ós
mutualistas as prestacións que teñen concertadas.
Os seguros de vida na súa modalidade de plans de xubilación
incentivan un aforro a longo prazo e capitalízano; polo tanto,
faise conveniente velar para que a mutualidade poida facer efectivo
o capital aforrado no momento do seu vencemento. Por outro lado,
a capitalización deste aforro pode se-la base para a solución
de problemas da nosa sociedade no futuro, como as situacións
de dependencia.
É conveniente, pois, apoia-las entidades que desexen reforza-la
súa solvencia económica mediante o establecemento
duns mecanismos excepcionais de control que lles permitirán
dar unha maior garantía ós seus mutualistas, e así
fomenta-lo mutualismo, dada a falta de tradición na sociedade
galega, como manifestación do fenómeno asociativo,
perfectamente lexítimo e acorde cos principios e valores
constitucionais e estatutarios.
Tal medida de promoción concrétase nunha declaración
administrativa que cualifique un seguro de vida diferido como xubilación
mutual protexida, de tal modo que se acrediten certas condicións
de solvencia e fiabilidade en tales productos e se fomente a súa
utilización.
Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Economía
e Facenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de
deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa
reunión do día catorce de outubro de mil novecentos
noventa e nove,
DISPOÑO:
|
|
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto.
- O obxecto deste decreto é regula-las condicións
precisas para que as mutualidades de previsión social voluntaria
de Galicia que o soliciten e cumpran estas condicións obteñan
para a súa prestación de xubilación a cualificación
de xubilación mutual protexida. Esta cualificación
recoñecerase por resolución da Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro e poderá
constar na documentación contractual desta prestación.
- A cualificación de xubilación mutual protexida
constata que a Administración controlará que as
mutualidades que a obtivesen cumpren as esixencias reforzadas
no tocante ás obrigas previstas na lexislación aplicable
e neste decreto, no referente a acredita-la súa solvencia
e o compromiso das propias mutualidades de asumi-lo deber expreso
de cumprilas e mantelas.
|
|
CAPÍTULO II
REQUISITOS
Artigo 2. Destinatarios.
A cualificación de xubilación mutual protexida poderá
ser solicitada por calquera das mutualidades de previsión
social que reúnan os seguintes requisitos:
- Estar inscrita no Rexistro de Mutualidades de Previsión
Social Voluntaria de Galicia, adscrito á Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro, creado por orde
da Consellería de Economía e Facenda do 5 de maio
de 1999.
- Estar ó día das súas obrigas legais previstas
na normativa vixente aplicable.
- Non estar sometida a un procedemento de adopción de medidas
cautelares de acordo coa normativa aplicable.
- Dispoñer dun regulamento de prestación de xubilación
tal e como se define no artigo 3º, inscrito no rexistro antes
citado.
- Cumpri-los demais requisitos especificados neste decreto.
Artigo 3. Regulamento da prestación
de xubilación.
O regulamento da prestación de xubilación que outorguen
as mutualidades para os efectos de obte-la cualificación
debe regular unha prestación básica de seguro de vida
diferido, xa sexa en forma de capital ou de renda.
Artigo 4. Condicións para a
obtención da cualificación de xubilación mutual
protexida.
As mutualidades que reúnan os requisitos previstos no artigo
2º e queiran solicita-la cualificación de xubilación
mutual protexida para a súa prestación de xubilación,
deberán cumpri-las seguintes condicións:
- Para as mutualidades que operen unicamente co regulamento descrito
no artigo 3º, dispoñer dun fondo mutual mínimo
de 50.000.000 de pesetas; adicionalmente os recursos propios deberán
incrementarse nos termos que se establezan nas disposicións
de desenvolvemento deste decreto.
- Para as mutualidades que operen, xunto co regulamento descrito
no artigo 3º, con outros regulamentos de prestacións,
encarga-la xestión das provisións xeradas polas
achegas á prestación de xubilación obxecto
deste decreto a outra mutualidade de previsión social,
da que deben ser socias. Esta entidade deberá cumpri-los
requisitos establecidos no artigo 5º e deberá poñer
á disposición da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro toda a documentación contractual existente
entre ámbalas dúas entidades.
Artigo 5. Entidades que poden xestiona-las
provisións xeradas polas achegas á prestación
obxecto deste decreto.
- Poden xestiona-las provisións xeradas polas achegas
á prestación obxecto deste decreto as mutualidades
de previsión social que cumpran os requisitos establecidos
nas letras a), b) e c) do artigo 2º e tamén as seguintes
condicións:
- Dispoñer dun fondo mutual non inferior a 50.000.000
de pesetas; adicionalmente, os recursos propios deberanse
incrementar nos termos que se establezan nas disposicións
de desenvolvemento deste decreto.
- Estar constituída por un mínimo de 10 mutualidades,
que terán aprobado un regulamento de xubilación
homoxéneo, tal e como se define no artigo 3º e
no punto segundo deste precepto.
- Operar unicamente en prestacións de seguro de vida
e en operacións preparatorias ou complementarias deste
seguro, logo de autorización administrativa.
- Para os efectos da letra b) do parágrafo primeiro deste
artigo, entenderase que hai homoxeneidade entre regulamentos cando
se dean, polo menos, as seguintes circunstancias:
- Que os regulamentos regulen modalidades de prestacións
básicas idénticas.
- Que utilicen os mesmos métodos e as mesmas bases
técnicas de cálculo actuarial.
- Que os gastos de administración, comercialización
e xestión teñan a mesma porcentaxe.
- As provisións que xestione esta entidade deben provir
en todo caso de regulamentos que obteñan cualificación
de xubilación mutual protexida que regulen unha prestación
básica homoxénea.
Artigo 6. Criterios de investimento.
- As mutualidades que obtiveran a cualificación de xubilación
mutual protexida para a súa modalidade de prestación
de xubilación deberán efectua-los seus investimentos
observando criterios de seguridade, rendibilidade, liquidez e
diversificación, e someterse ós límites que,
en función da natureza do ben apto que integra a provisión,
estableza a normativa aplicable.
- No caso de que se produza déficit no cálculo ou
na cobertura das provisións técnicas xestionadas
superior ó 5%, a Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro iniciará o expediente oportuno destinado
a toma-las medidas correctoras necesarias.
|
|
CAPÍTULO III
OBRIGACIÓNS E PLANS DE CUMPRIMENTO
Artigo 7. Mutualidades do artigo 4
a).
As mutualidades ás que fai referencia o artigo 4º a)
que obtivesen para a súa prestación de xubilación
a cualificación de xubilación mutual protexida deben
presentar trimestralmente, e no prazo de 2 meses naturais desde
a finalización de cada trimestre, o balance, a conta de resultados
e unha certificación do cálculo e da cobertura das
provisións técnicas.
A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro
poderá requiri-las mutualidades para que presenten canta
documentación complementaria considere necesaria co fin de
acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos neste presente
decreto.
Anualmente, xunto coa documentación estatística-contable
do exercicio inmediatamente anterior, deben remitir, antes do día
16 de xullo, a seguinte documentación:
- Un informe anual que reflicta o resultado da xestión
dos recursos procedentes do regulamento regulado por este decreto.
Este informe debe conter, como mínimo, os seguintes datos:
- Tipo de investimentos efectuados con indicación dos
títulos-valor e outros activos nos que se materializaran.
- Rendibilidade obtida dos investimentos citados.
- Unha coauditoría. Para os efectos deste decreto, enténdese
por coauditoría o informe da auditoría que se emite
baixo a responsabilidade de dous auditores independentes que figuran
inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
- Cadro anual de provisións matemáticas e relacións
de bens aptos para a súa cobertura destinados a estas provisións,
confeccionado e certificado por un actuario de seguros.
- Certificado actuarial que determine a solvencia dinámica
da mutualidade.
Artigo 8. Mutualidades do artigo 5.
As mutualidades ás que fai referencia o artigo 5º deben
presentar trimestralmente, e nun prazo de 2 meses naturais desde
a finalización de cada trimestre, o balance, a conta de resultados,
o estado da carteira de valores con indicación dos valores
efectivos e a cobertura dos títulos-valor, así como
a súa variación trimestral para cada unha das mutualidades
que remitisen provisións por xestionar.
A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro
poderá requiri-las mutualidades para que presenten canta
documentación complementaria considere necesaria co fin de
acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto.
Anualmente, xunto coa documentación estatístico-contable
do exercicio inmediatamente anterior deben remitir, antes do día
16 de xullo, a documentación seguinte:
- Un informe anual que reflicta o resultado da xestión
dos recursos procedentes de cada unha das mutualidades que remitiran
as provisións técnicas. Este informe debe conter,
como mínimo, os seguintes datos:
- Tipo de investimentos efectuados con indicación dos
títulos-valor e outros activos nos que se materializaran.
- Rendibilidade obtida dos citados investimentos.
- Unha coauditoría sobre os fondos xestionados por esta
mutualidade. Para os efectos deste decreto, enténdese por
coauditoría o informe de auditoría que se emite
baixo a responsabilidade de dous auditores independentes que figuran
inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
Artigo 9. Mutualidades do artigo 4
b).
As mutualidades ás que fai referencia o artigo 4º b)
deben remitir anualmente, xunto coa documentación estatístico-contable,
un anexo que recolla de maneira independente os datos estatístico-contables
da prestación regulada neste decreto.
Estas mutualidades deberán facilitarlle, ademais, á
entidade xestora a documentación necesaria para que poida
coñecer en todo momento as provisións a que corresponden
estes recursos.
Artigo 10. Emenda da documentación.
Se a documentación presentada non reúne os requisitos
establecidos nos artigos anteriores, requirirase a mutualidade interesada
para que no prazo de 10 días emende as deficiencias ou xunte
os documentos preceptivos, con indicación de que, se non
o fixese, se terá por desestimada a súa petición.
|
|
CAPÍTULO IV
OUTORGAMENTO, PRÓRROGA E REVOGACIÓN
Artigo 11. Outorgamento.
- As mutualidades que cumpran os requisitos establecidos nos artigos
2º, 3º e 4º deste decreto, poderán solicitar,
para a súa prestación de xubilación, o outorgamento
da cualificación de xubilación mutual protexida.
O órgano competente para tramitar e resolver este procedemento
é a Dirección Xeral de Política Financeira
e Tesouro da Consellería de Economía e Facenda.
O prazo para dicta-la resolución será de 6 meses.
- A cualificación de xubilación mutual protexida
terá unha duración dun ano contado desde a data
do seu outorgamento, sen prexuízo da prórroga regulada
no artigo seguinte.
- A cualificación de xubilación mutual protexida
deberá anotarse no Rexistro de Mutualidades de Previsión
Social Voluntaria de Galicia e deberase, así mesmo, publica-lo
seu outorgamento no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 12. Prórroga da cualificación
de xubilación mutual protexida.
Tres meses antes de que remate o prazo para o que lles foi concedida
a cualificación de xubilación mutual protexida, as
mutualidades poderán solicita-la prórroga da cualificación
citada.
Neste caso, o órgano administrativo competente comprobará
que se manteñen as condicións establecidas nos artigos
2º e 4º deste decreto e valorará a documentación
que achegase a mutualidade periodicamente, tal e como queda establecido
no capítulo III deste decreto.
Artigo 13. Revogación da cualificación.
O órgano administrativo competente, mediante a tramitación
do correspondente expediente e audiencia á entidade interesada,
revogará a cualificación de xubilación mutual
protexida cando concorra algunha das circunstancias seguintes:
- Que a mutualidade incumpra calquera das obrigas establecidas
neste decreto.
- Que a mutualidade deixe de reunir algún dos requisitos
establecidos neste decreto para a concesión da cualificación
de xubilación mutual protexida para a súa modalidade
de prestación de xubilación.
A resolución pola que se ordene a revogación deberá
ser publicada nalgún dos xornais de maior difusión
na localidade onde a mutualidade teña o seu domicilio, así
como no Diario Oficial de Galicia.
|
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
|
Primeira
Facúltase ó conselleiro de Economía e Facenda
para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento
deste decreto.
Segunda
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.