Sumario
| Saltar
sumario |
CAPÍTULO I. ÁMBITO DE APLICACIÓN
DA NORMA
CAPÍTULO II. DOS MEDIADORES EN SEGUROS
PRIVADOS
CAPÍTULO III. DOS AXENTES DE SEGUROS
CAPÍTULO IV. DOS CORREDORES DE SEGUROS
CAPÍTULO V. CONTROL ADMINISTRATIVO,
INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR
CAPÍTULO VI. COLEXIOS DE MEDIADORES
DE SEGUROS TITULADOS
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
|
|
A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia
de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia,
no seu artigo 2, establece que corresponde á Comunidade Autónoma
galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución
en materia de ordenación do crédito, banca e seguros.
Polo Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transfírense
á Comunidade de Galicia as funcións e servicios da
Administración do Estado en materia de mediadores de seguros.
A Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados,
establece no punto un da súa disposición adicional
primeira o carácter básico dela, salvo determinadas
excepcións, reservándolle inicialmente ó Estado,
no inciso final do punto tres da dita disposición, a concesión
da autorización administrativa para o exercicio da actividade
de corredoría de seguros e a súa revogación.
A sentencia do Tribunal Constitucional 330/1994, do 15 de decembro,
resolutiva do recurso de inconstitucionalidade nº
2061/1992 en relación con determinados preceptos da Lei 9/1992,
do 30 de abril, de mediación en seguros privados, estimou
en parte o recurso interposto e declarou especificamente viciado
de incompetencia o punto tres, inciso final da disposición
adicional primeira da Lei 9/1992 impugnada.
Como consecuencia diso a Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación
e supervisión dos seguros privados, na súa disposición
adicional sétima, modificou a Lei de mediación en
seguros privados para dar cumprimento á sentencia pronunciada
polo Tribunal Constitucional, ampliándose a esta materia
a competencia autonómica.
No exercicio das referidas competencias, e logo da regulación,
por orde do conselleiro de Economía
e Facenda do 18 de xullo de 2000, do Rexistro de Corredores
de Seguros, de Sociedades de corredoría de Seguros e dos
seus Altos Cargos e do Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros
Titulado, o presente decreto regula as condicións nas que
debe desenvolverse a actividade mercantil de mediación en
seguros privados na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo
en conta que as ditas competencias foron asignadas á Consellería
de Economía e Facenda mediante o Decreto 321/1999, do 16
de decembro, e que son exercidas a través da Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro, como dispón
a Orde do 12 de xaneiro do 2000 da Consellería de Economía
e Facenda. Concretamente esta disposición estructúrase
en capítulos, referíndose o primeiro ó ámbito
de aplicación da norma; o segundo ós mediadores de
seguros en sentido amplo; o terceiro e o cuarto ós axentes
e corredores de seguros respectivamente; o quinto regula o control
administrativo, inspección e réxime sancionador e
finalmente o capítulo sexto refírese á figura
dos colexios de Mediadores de Seguros Titulados.
Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Economía
e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia
e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na
reunión do día 10 de maio de 2001,
DISPOÑO:
|
|
CAPÍTULO I
ÁMBITO DE APLICACIÓN DA NORMA
Artigo 1. Competencias da Comunidade
Autónoma de Galicia no ámbito da mediación
en seguros privados.
- A competencia que ten a Comunidade Autónoma de Galicia
en relación cos mediadores de seguros privados e cos colexios
de Mediadores de Seguros Titulados enténdese, de acordo
co que establece a Lei 9/1992, do 30 de abril, circunscrita a
aqueles dos que o domicilio e ámbito de operacións
se limiten ó territorio da Comunidade Autónoma de
Galicia.
- A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro
exercerá as competencias que en materia de mediación
de seguros privados lle foron asignadas á Consellería
de Economía e Facenda, mediante o Decreto 321/1999, do
16 de decembro.
|
|
CAPÍTULO II
DOS MEDIADORES EN SEGUROS PRIVADOS
Artigo 2. Clasificación y reserva
de denominación.
- Os mediadores de seguros privados clasifícanse en axentes
de seguros e corredores de seguros, xa sexan persoas físicas
ou xurídicas. As actividades de axencia e de corredoría
de seguros son incompatibles entre si.
- As denominacións de axente de seguros e corredor de seguros
quedan reservadas ós mediadores definidos neste decreto.
Artigo 3. Obrigas ante terceiros.
- En toda publicidade ou documentación propia do xiro
ou tráfico mercantil de mediación en seguros privados
que realicen os axentes ou corredores de seguros terá que
figurar, segundo se trate de persoas físicas ou xurídicas,
as expresións axente de seguros ou sociedade de axencia
de seguros se é o caso de axentes, e corredor de seguros
ou corredoría de seguros, no caso de corredores e polos
mesmos supostos.
- Os axentes de seguros e sociedades de axencia de seguros farán
constar, ademais, a denominación social da entidade aseguradora
para a que teñan contratada a mediación e o número
de rexistro que esta lles outorgara.
- Así mesmo, os corredores de seguros e corredorías
de seguros farán constar, ademais, as circunstancias de
estar inscrito no Rexistro da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro, e ter concertado un seguro de responsabilidade
civil de acordo todo iso co artigo 6 deste decreto.
|
|
CAPÍTULO III
DOS AXENTES DE SEGUROS
Artigo 4. Rexistro de axentes.
As entidades aseguradoras levarán un rexistro dos seus axentes
e sociedades de axencia, no que farán consta-los seus datos
identificativos, así como os datos de alta e baixa das autorizacións
concedidas para a utilización dos servicios de subaxentes
e para operar con outras entidades aseguradoras nos casos previstos
na lexislación vixente.
O dito rexistro quedará sometido ó control da Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro.
Artigo 5. Formación de axentes.
- As entidades aseguradoras adoptarán as medidas necesarias
para a formación dos seus axentes. Para tal fin establecerán
programas de formación nos que se indicarán os requisitos
que teñen que cumpri-los axentes de seguros ós que
se destinen e os medios que hai que empregar para a súa
execución.
- A documentación correspondente ós programas de
formación e á súa execución estará
á disposición da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro, que poderá requirir que se efectúen
as modificacións que resulten necesarias no contido do
programa e nos medios precisos para a súa organización
e execución para axeitalos ó deber de formación
á que se refire o número anterior deste artigo.
|
|
CAPÍTULO IV
DOS CORREDORES DE SEGUROS
Artigo 6. Requisitos para exerce-la
actividade de corredoría de seguros.
- Para exerce-la actividade de corredor de seguros na Comunidade
Autónoma de Galicia, sempre que o seu domicilio e ámbito
de operacións se limiten a ela, será preciso obte-la
autorización previa da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro, a cal se concederá sempre que se
acredite o cumprimento dos requisitos necesarios establecidos
pola normativa básica na materia.
- Serán requisitos para que unha persoa física
obteña e conserve a autorización:
- Estar en posesión do diploma de mediador de seguros
titulado, expedido polo conselleiro de Economía e Facenda
ou por outro órgano estatal ou autonómico competente.
- Contratar un seguro de responsabilidade civil que terá
unha garantía mínima de 200.000.000 de pesetas
(1.202.024,21 euros) por sinistro e ano, cunha franquía
máxima por sinistro do 20 por 100 da indemnización,
e terá que cubri-los sinistros ocorridos durante o
período en que o corredor de seguros estea en activo
aínda que se manifesten con posterioridade ó
cesamento da actividade.
- Presentar, para a súa aprobación por parte
da Dirección Xeral de Política Financeira e
Tesouro, un programa de actividades no cal se indiquen os
ramos de seguro e a clase de riscos en que se proxecte actuar,
así como a estructura da organización e os medios
persoais e materiais dos que se vaia dispoñer para
o cumprimento do dito programa. Deberá tamén
facer mención, se é o caso, do programa de formación
que se aplicará a aquelas persoas que, ben como empregados,
ben como colaboradores, teñan que asumir funcións
que supoñan unha relación máis directa
cos posibles provedores de seguros e asegurados en materia
de asesoramento e mediación.
- Serán requisitos necesarios para que unha sociedade de
corredoría obteña e conserve a mencionada autorización
os sinalados nas letras b) e c) do número 2 precedente,
así como os establecidos pola normativa básica na
materia.
- En consonancia co establecido nos puntos 2 e 3 deste artigo,
calquera modificación que afecte o cumprimento dos ditos
requisitos debe ser obxecto de obrigatoria notificación.
- A solicitude de autorización dirixirase á Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro e deberá
ir acompañada dos documentos acreditativos do cumprimento
dos requisitos a que se refiren os números 2 ou 3 precedentes,
segundo se trate de persoas físicas ou xurídicas.
Tal petición deberá ser resolta dentro dos seis
meses seguintes á data de entrada no rexistro da Consellería
de Economía e Facenda da solicitude de autorización.
A solicitude de autorización será denegada cando
non se acredite o cumprimento dos requisitos para a súa
concesión.
Artigo 7. Rexistro.
A concesión da autorización determinará a
inscrición no Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades
de corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos, adscrito
á Dirección Xeral de Política Financeira e
Tesouro e creado pola orde da Consellería
de Economía e Facenda do 18 de xullo de 2000.
Artigo 8. Diploma de mediador de seguros
titulado.
- O diploma de mediador de seguros titulado na Comunidade Autónoma
de Galicia expedirao o conselleiro de Economía e Facenda,
sendo necesario para a súa obtención:
- Ter capacidade legal para exerce-lo comercio.
- Non estar inhabilitado para o exercicio da actividade de
corredoría de seguros nin atoparse suspendido nas funcións
de dirección de entidades aseguradoras ou de sociedades
de mediación de seguros privados, tal e como tipifica
a normativa básica.
- Ter superada unha proba selectiva de aptitude ou un curso
de formación en materia financeira e de seguros privados
dos que fosen homologados por acordo da Dirección Xeral
de Política Financeira e Tesouro ou, alternativamente,
ser licenciado en dereito, licenciado en ciencias económicas
e empresariais, licenciado en administración e dirección
de empresas, licenciado en economía, actuario de seguros
ou estar en posesión dun título superior universitario
correspondente ó primeiro ciclo en materias específicas
de seguros privados.
- A formalización do expediente e expedición do
diploma de mediador de seguros titulado levará consigo
o pagamento da taxa establecida na lexislación autonómica
vixente en materia de taxas e prezos públicos.
- A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro
levará un Rexistro dos Diplomas de Mediador de Seguros
Titulado que expedise.
Artigo 9. Revogación da autorización
administrativa.
- A revogación da autorización administrativa para
exerce-la actividade de corredoría de seguros poderá
ser acordada pola Dirección Xeral de Política Financeira
e Tesouro, unha vez instruído o expediente con audiencia
do interesado, cando concorra algunha das seguintes causas:
- Por deixar de realizar durante un ano a actividade de mediación
en seguros privados nos termos establecidos legalmente.
Tratándose de corredores de seguros, persoas físicas,
o prazo de inactividade para estes efectos suspenderase sempre
que concorra unha causa xustificada, reiniciándose
cando tal causa desaparecera.
- Por deixar de cumprir algún dos requisitos esixidos
para a concesión e conservación da autorización.
- Por perda da independencia respecto das entidades aseguradoras.
- Pola comisión de infracción moi grave que
leve como sanción a revogación da autorización.
- Por renuncia expresa do corredor de seguros ou a sociedade
de corredoría de seguros.
- A revogación da autorización dará lugar
á exclusión do rexistro previsto no artigo 7 do
presente decreto, farase constar no Rexistro Mercantil se o corredor
estivese inscrito nel e publicarase no Diario Oficial de Galicia
e no boletín do Rexistro Mercantil. A Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá realiza-la
publicidade que considere necesaria para información do
público cando existise perigo de que continuara o exercicio
da actividade da corredoría de seguros, contravindo o acordo
de revogación.
|
|
CAPÍTULO V
CONTROL ADMINISTRATIVO, INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR
Artigo 10. Competencia administrativa
e inspección.
- As competencias administrativas concernentes ó control
do exercicio da actividade de axente ou corredor de seguros, así
como a tarefa inspectora sobre este colectivo, corresponderán
á Dirección Xeral de Política Financeira
e Tesouro, que gozará das facultades que a lei outorga.
Unha vez iniciada a actividade de corredoría de seguros,
as persoas físicas e xurídicas que a exerzan terán
á disposición da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro información detallada e referida ó
peche do exercicio anterior acerca da distribución entre
entidades aseguradoras, do número total de contratos de
seguro en vigor e do importe total e por ramos de seguro das primas
nas que interviñesen como mediadores.
- Será de aplicación á inspección
de mediadores de seguros privados o disposto sobre inspección
de entidades aseguradoras no artigo 72 da Lei 30/1995, do 8 de
novembro, de ordenación e supervisión de seguros
privados, entendéndose feitas ós mediadores as referencias
que no dito precepto se fan ás entidades aseguradoras e
ós funcionarios que presten servicio naquelas unidades
ou órganos da Dirección Xeral de Política
Financeira e Tesouro que teñan atribuídas as funcións
de inspección en materia de mediadores de seguros privados,
de conformidade co regulamento orgánico da Consellería
de Economía e Facenda, as referencias que se fan ós
inspectores de seguros do Estado.
Artigo 11. Procedemento e competencia
en materia de sancións.
- Para a imposición das sancións previstas na lei
seguirase o procedemento a que esta se remite e de acordo co que
se establece nos artigos 127 e seguintes da Lei 30/1992, do 26
de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común,
e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou
o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora,
coas especialidades que se recollen nos artigos 19 a 27, ambos
inclusive, da Lei 26/1988, do 29 de xullo, sobre disciplina e
intervención das entidades de crédito, entendéndose
referidas ós corredores de seguros e á Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro as mencións
contidas na citada lei ás entidades de crédito e
ó Banco de España.
- A competencia para a instrucción dos expedientes sancionadores
e para a imposición das correspondentes sancións
rexerase polas regras seguintes:
- Será competente para a instrucción dos expedientes
a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.
- A imposición de sancións por infraccións
graves e leves corresponderalle ó director xeral de
Política Financeira e Tesouro
- A imposición de sancións por infraccións
moi graves corresponderalle ó conselleiro de Economía
e Facenda.
Artigo 12. Prescrición de infraccións
e sancións.
Á hora de determina-la prescrición de infraccións
e sancións haberá que aterse, en todo momento, ao
disposto na normativa básica.
Artigo 13. Medidas de control especial.
Con independencia da sanción que, se é o caso, proceda
aplicar, a Dirección Xeral de Política Financeira
e Tesouro poderá adoptar sobre os corredores e corredorías
de seguros algunha das medidas de control especial de conformidade
co disposto no artigo 39 da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación
e supervisión dos seguros privados, sempre que se encontraren
nalgunha das situacións previstas nas letras d) a g), ambas
inclusive, do número 1 do citado artigo 39, no que lles sexa
de aplicación.
|
|
CAPÍTULO VI
COLEXIOS DE MEDIADORES DE SEGUROS TITULADOS
Artigo 14. Colexios de mediadores
de seguros titulados.
Os colexios de Mediadores de Seguros Titulados e o Consello de
Colexios de Mediadores de Seguros Titulados de Galicia relaciónanse
coa Administración autonómica, polo que respecta ó
contido de materias reguladas pola normativa vixente, a través
da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro,
sen prexuízo das funcións que sobre os aspectos institucionais
e corporativos sobre colexios profesionais ten atribuídas
a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local
da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
Corresponderán ó Consello de Colexios de Mediadores
de Seguros Titulados de Galicia, ademais das que teña atribuídas
pola lexislación vixente, as seguintes funcións:
- A organización das probas selectivas de aptitude para
a obtención do diploma de mediador de seguros titulado.
Neste suposto correspóndelle á Dirección
Xeral de Política Financeira e Tesouro a homologación
das ditas probas selectivas, así como a supervisión
da celebración destas mediante a designación de
representantes nos tribunais que as xulguen, se o estimase oportuno.
- A emisión do informe previo á homologación
pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro
dos cursos de formación en materias financeiras e de seguros
privados que organicen as institucións privadas para a
obtención do diploma de mediador de seguros titulado, así
como la supervisión dos ditos cursos.
- O Consello de Colexios de Mediadores de Seguros Titulados de
Galicia poderá, así mesmo, representa-los seus socios
en calquera trámite fronte á Administración.
|
|
DISPOSICIÓN ADICIONAL
O conselleiro de Economía e Facenda poderá, mediante
orde, modifica-los requisitos mínimos establecidos no artigo
6.2º b) deste decreto, co obxecto de harmonizar estas esixencias
co resto das administracións públicas, en función
de futuras modificacións normativas.
|
|
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira
Mentres non se constitúa o Consello de Colexios de Mediadores
de Seguros Titulados de Galicia, as referencias a el contidas no
artigo 14 deste decreto entenderanse feitas ós colexios de
Mediadores de Seguros Titulados da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Segunda
Para os efectos do establecido no artigo 8 c), admitiranse aqueles
cursos de formación homologados, con anterioridade á
entrada en vigor deste decreto, pola Dirección Xeral de Seguros
do Ministerio de Economía.
|
|
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogada a Orde do 12 de xaneiro do 2000, da Consellería
de Economía e Facenda, e en xeral cantas disposicións
de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste
decreto.
|
|
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira
Facúltase ó conselleiro de Economía e Facenda
para dictar cantas disposicións resulten necesarias para
o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.
Segunda
O presente decreto entrará en vigor aos vinte días
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.