Sumario
| Saltar
sumario |
|
|
|
A disposición adicional primeira da Lei 13/1991, do 9 de
decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade
Autónoma de Galicia, creou o Tribunal Económico-Administrativo
e autorizou ó Consello da Xunta de Galicia para que dictase
as disposicións regulamentarias necesarias sobre a súa
organización, competencias, composición e funcionamento.
En cumprimento do citado mandato legal dictouse o Decreto 215/1993,
do 16 de setembro, que constituíu ata a data a norma reguladora
na materia.
O dito decreto remitíase en materia revisora ó procedemento
contido no Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro, e no Real decreto
1999/1981, do 20 de agosto. Derrogado recentemente este último
polo Real decreto 391/1996, do 1 de marzo, faise aconsellable adaptar
a esta norma a regulación autonómica nos seus aspectos
orgánicos e de funcionamento e prever en canto ó procedemento
revisor en materia económico-administrativa a oportuna remisión
ó novo texto estatal.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía
e Facenda, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo
de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa
reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos,
noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo 1. Carácter, adscrición
e sede do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade
Autónoma de Galicia.
- O Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma
de Galicia é o órgano competente para o coñecemento
e resolución das reclamacións económico-administrativas,
tanto se nelas se suscitan cuestións de feito como de dereito,
que se produzan en relación coas seguintes materias:
- A xestión, inspección e recadación
dos tributos propios da facenda da comunidade e, en xeral,
de tódolos ingresos de dereito público que correspondan
a esta, coa exclusión expresa dos tributos cedidos
polo Estado á Xunta de Galicia e dos recargos que se
establezan por esta sobre tributos estatais.
- O recoñecemento ou liquidación por autoridades
ou organismos da Consellería de Economía e Facenda
de obrigas do Tesouro e da Facenda galega e as cuestións
relacionadas coas operacións de pagamento polos ditos
órganos con cargo a el.
- Calquera outra respecto da que por precepto legal expreso
así se declare.
- O tribunal a que se refire o apartado anterior quedará
adscrito á Consellería de Economía e Facenda
da Xunta de Galicia, como órgano propio dela e terá
a súa sede na dos órganos centrais dela.
Artigo 2. Competencias.
- Corresponderalle ao Tribunal Económico-Administrativo
da Comunidade Autónoma de Galicia o coñecemento
e resolución:
- Das reclamacións económico-administrativas
que se interpoñan contra os actos dictados polos órganos
centrais da Consellería de Economía e Facenda
ou doutras consellerías e os seus organismos autónomos
ou entes relacionados coas materias a que se refire o artigo
1º do presente decreto.
- Das reclamacións económico-administrativas
que se interpoñan contra os actos dictados polos órganos
periféricos da Administración da Xunta de Galicia
ou dos seus organismos autónomos, relacionados coas
materias a que se refire o artigo 1 do presente decreto.
- Dos recursos extraordinarios de revisión promovidos
contra os actos firmes, dictados polos órganos a que
se refiren as letras a) e b) do presente apartado, e as resolucións
do propio tribunal.
- Os actos dictados polo conselleiro de Economía e Facenda
da Xunta de Galicia en ningún caso serán susceptibles
de reclamación económico-administrativa.
Corresponderalle ó dito conselleiro a competencia para
coñecer e resolve-los recursos extraordinarios de revisión
que se interpoñan contra os seus propios actos.
Artigo 3. Composición e funcionamento.
- O Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma
de Galicia terá a seguinte composición:
- O director xeral de Tributos, que ostentará a presidencia.
- Os subdirectores xerais de Impostos Cedidos, de Taxas,
Prezos e demais tributos propios e do Tesouro, como vocais
- O asesor xurídico da Consellería de Economía
e Facenda, como secretario.
- No caso de vacante do cargo ó que estea vinculada a
vocalía, o conselleiro de Economía e Facenda designará
o seu substituto entre os funcionarios das direccións xerais
correspondentes, logo de proposta dos directores xerais respectivos.
- Se algún dos membros do tribunal dictase o acto administrativo
obxecto da reclamación participará na deliberación
con voz pero sen voto.
- O tribunal funcionará en sala única composta
polo presidente, os vocais e o secretario, todos eles con voz
e voto.
- Nos casos de ausencia.ou enfermidade, e, en xeral, cando concorra
algunha causa xustificada, substituirá ó presidente
o máis antigo dos vocais.
- O presidente poderá convocar ás sesións
do tribunal a funcionarios que non sexan vocais, co fin de que
informen sobre os extremos que se estimen convenientes. Os ditos
funcionarios. non participarán nas deliberacións.
- Para a preparación dos relatorios poderán adscribirse
ó tribunal os funcionarios que se estimen necesarios.
Artigo 4. Funcións dos membros
do tribunal.
- Corresponden ó presidente a convocatoria do tribunal,
a fixación da orde do día, a dirección das
deliberacións e a xefatura superior do persoal adscrito
ó tribunal e aqueloutras previstas neste decreto.
- Corresponden ós vocais do tribunal as seguintes funcións::
- Posta de manifesto, cando proceda, dos expedientes ós
reclamantes para que formulen os escritos de alegacións
e achega e proposición de probas
- Acordar ou denega-la práctica de probas nos expedientes
de que sexan relatores.
- Redacta-los relatorios de resolución, pasando copia
deles, por conducto da secretaría, ós restantes
membros do tribunal.
- Redacta-la resolución definitiva e sometela á
conformidade e sinatura dos restantes membros do tribunal.
- Vixia-lo cumprimento das resolucións e adoptar ou
propor ó presidente, segundo proceda, as medidas pertinentes
para remove-los obstáculos que se opoñan á
execución.
- Corresponden ó secretario do tribunal as funcións
seguintes:
- Recibi-los escritos que inicien as reclamacións económico-administrativas
e reclamacións; expedientes a que elas se refiren dos
centros ou dependencias en que se encontren, pasándoos
para a súa tramitación ó vocal que deba
despachalos.
- Redactar, copiar e cursar tódalas comunicacións
e ordes que acorde o tribunal ou o seu presidente.
- Leva-los libros de rexistro e de ordes e comunicacións,
os de actas e de votos particulares e arquivar debidamente
encadernadas os testemuños das resolucións dictadas
polo tribunal en cada un dos distintos anos naturais.
- Practica-las citacións para as reunións do
tribunal e facer chegar ó presidente e ós vocais
o índice dos relatorios dos asuntos que teñan
que examinarse en cada sesión.
- Notifica-las resolucións ós interesados que
compareceran na reclamación e devolve-los expedientes,
despois de incorporarlles copia autorizada daquelas ás
dependencias de que procedan, para o cumprimento da dita decisión.
- Poñer en coñecemento do delegado do interventor
xeral as resolucións estimatorias que se dicten.
- Asesorar, verbalmente ou por escrito, ó presidente
nos asuntos que este someta á súa consideración.
- Participar nas deliberacións do tribunal e asesorar
en xeral a este en cantas cuestións de dereito se susciten.
- Dirixi-la tramitación dos expedientes.
- As demais previstas neste decreto. .
Artigo 5. Formación da vontade
do tribunal.
- Para a válida constitución do tribunal, para os
efectos da celebración de sesións, deliberacións
e adopción de acordos, será necesaria a asistencia
do presidente, secretario e dous vocais. Non obstante en materia
de suspensión bastará un.
- Os acordos serán adoptados pola maioría de asistentes,
e dirimirá os empates o voto do presidente.
- Ningún dos membros do tribunal poderá absterse
de votar, e o que disinta da maioría poderá formular
voto particular por escrito, no prazo de corenta e oito horas,
que se incorporará ó expediente sen que se faga
mención ningunha nas resolucións nin na notificación
dela.
- En calquera caso, quen formule voto reservado poderá
propoñe-la declaración de lesividade da decisión,
dirixíndose directamente ó director xeral do centro
ó que corresponda a xestión do ramo a que o acto
administrativo pertenza, enviándolle copia do acordo ou
resolución e do seu voto reservado cos razoamentos que
considere oportunos.
Artigo 6. Actas das sesións.
- De cada sesión que celebre o tribunal levantarase acta,
que conterá a indicación dos asistentes, lugar e
tempo da reunión, mención dos expedientes vistos,
resultado das votacións e sentido dos acordos.
- As actas aprobaranse na mesma ou posterior sesión, asinaranse
polo secretario co visto e prace do presidente e conservaranse
correlativamente numeradas na secretaría.
- Consideraranse sesións distintas, aínda que se
celebren o mesmo día, e delas levantaranse actas por separado,
cada reunión que celebre o tribunal con asistencia de distintos
compoñentes.
Artigo 7. Recurso contencioso-administrativo.
As resolucións do Tribunal Económico-Administrativo
da Comunidade Autónoma de Galicia esgotan a vía administrativa
e caberá recurso contra elas en vía contencioso-administrativa
perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen, prexuízo
dos supostos en que caiba o recurso extraordinario de revisión
conforme o previsto no artigo 118 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
de réxime xurídico, das administracións públicas
e do procedemento administrativo común..
|
|
DISPOSICIÓN ADICIONAL
A tramitación e resolución das reclamacións
interpostas contra os actos da Comunidade Autónoma de Galicia
que versen sobre as materias ás que se refire o artigo primeiro
rexeranse polo disposto no Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro,
polo que se regulamenta o recurso de reposición previo ó
económico administrativo (B.O.E.
nº 235, do 1.10.1979), e no Real decreto 391/1996; do 1 marzo,
polo que se aproba o Regulamento de procedemento nas reclamacións
económico administrativas (B.O.E.
nº 72, do 23.3.1996), coas oportunas adecuacións á
organización e estructura da Administración autonómica.
|
|
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Queda derrogado o Decreto 215/1993, do 16 de setembro, polo que
se regula a organización, as competencias, a composición
e o funcionamento do Tribunal Económico-Administrativo da
Comunidade Autónoma de Galicia (D.O.G.
nº 189, do 30.9.1993), así como cantas outras normas
de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido
na presente disposición.
|
|
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.
Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para
dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento
e aplicación do presente decreto.
Segunda.
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte
ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.