Delegacións territoriais e ámbito
de actuación.
- As delegacións da Consellería de Economía
e Facenda sitúanse na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra
e Vigo; o ámbito territorial será delimitado pola
respectiva provincia, agás as delegacións de Pontevedra
e Vigo, correspondéndolle á Delegación Territorial
de Pontevedra todos os concellos da provincia coa excepción
de Vigo, Baiona, Gondomar e Nigrán os cales conforman o
ámbito territorial da Delegación de Vigo.
- Á fronte de cada delegación territorial existirá
un delegado do que dependerán todos os servizos, unidades
ou centros da consellería que se sitúen no ámbito
territorial da súa competencia.
- Os delegados territoriais dependen orgánica e funcionalmente
do conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde
funcional, poidan emanar do secretario xeral e do Patrimonio e
dos directores xerais da consellería.
No seu ámbito de actuación, cada delegación
territorial terá, ademais das competencias previstas no Decreto
5/1987, do 14 de xaneiro, e as derivadas da desconcentración
de competencias, efectuada en virtude dos decretos 87/1990 e 88/1990,
ambo os dous do 15 de febreiro, as seguintes:
- Velar polo cumprimento das disposicións legais relativas
ás competencias da Consellería de Economía
e Facenda.
- O control, seguimento e a inspección das oficinas liquidadoras
do seu ámbito territorial.
- A concesión de adiamentos e fraccionamentos dentro dos
límites fixados polas disposicións vixentes.
- O exercicio das funcións propias da Tesouraría
así como as que correspondan á Caixa Xeral de Depósitos.
- A proposta, posta en práctica e o control de execución
de plans e programas de actuación da Consellería
de Economía e Facenda, e elaboración de estudos
e informes de carácter xeral ou sectorial necesarios para
eles.
- O asesoramento sobre todas as cuestións da súa
competencia que lle sometan os órganos centrais da consellería.
- Elaborar o anteproxecto de orzamentos da delegación,
así como emitir informe sobre as actuacións da consellería
no seu ámbito territorial.
- O exercicio das competencias que, mediante os decretos 5/1987,
do 14 de xaneiro, e 87/1990 e 88/1990, ambos os dous do 15 de
febreiro, resulten desconcentradas, así como calquera outra
competencia ou atribución que as leis e demais disposicións
xerais lle confiran ou lle sexan delegadas polo conselleiro.
Para o cumprimento das súas funcións, as delegacións
territoriais contarán coas seguintes unidades, con
nivel orgánico de servizo:
- Secretaría da delegación.
A secretaría da delegación exercerá as seguintes
funcións:
- A xestión de todos os asuntos relativos a persoal,
habilitación, material e réxime interior.
- O rexistro xeral, a información ao público
e o arquivo de documentos.
- A realización das tarefas que, relacionadas coa
xestión do patrimonio da Comunidade Autónoma
no ámbito territorial da delegación, lle sexan
encomendadas pola Secretaría Xeral e do Patrimonio.
- A realización das tarefas materiais relacionadas
coas funcións encomendadas ás oficinas liquidadoras
do seu ámbito territorial.
O titular da secretaría da delegación substituirá
ao delegado no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
- Servizo de Xestión Tributaria.
O Servizo de Xestión Tributaria exercerá as seguintes
funcións:
- A recepción de toda clase de declaracións,
recursos, consultas e demais documentos con transcendencia
tributaria, así como o seu exame e tramitación,
e a realización dos requerimentos que procedan en cada
caso.
- A comprobación formal dos datos consignados nos documentos
tributarios e a realización das tarefas preparatorias
para o tratamento mecanizado da información.
- A función de liquidación dos tributos cedidos
e propios que corresponden á Consellería de
Economía e Facenda.
- A resolución dos recursos de reposición contra
actos ditados polo propio servizo.
- As demais funcións que poidan corresponderlle segundo
a lexislación vixente.
- Servizo de Inspección
Tributaria.
O Servizo de Inspección Tributaria exercerá as seguintes
funcións:
- As previstas no artigo 140 da Lei xeral tributaria e no
Regulamento da inspección dos tributos aprobado polo
Real decreto 939/1986, do 25 de abril.
- As facultativas e de valoracións de bens, dereitos
ou actividades así como as de confección, conservación
e actualización de censos e rexistros fiscais non incluídas
no punto 4.a) deste artigo.
- A emisión de ditames, propostas e outras actuacións
facultativas.
- A preparación, confección e seguimento de
plans de inspección .
- Servizo de Valoracións.
O Servizo de Valoracións exercerá as seguintes funcións:
- As facultativas de valoración e recoñecemento
de bens, dereitos e actividades de natureza inmobiliaria,
así como as de confección, conservación
e actualización dos censos e rexistros fiscais correspondentes.
- A emisión de ditames e outras actuacións relacionadas
co seu servizo.
- A coordinación e o control das valoracións
que se realicen nas distintas oficinas liquidadoras.
- Intervención Territorial-Delegada.
- Integrada organicamente na delegación territorial
da Consellería de Economía e Facenda, a Intervención
Territorial, como órgano delegado da Intervención
Xeral, da que dependerá funcionalmente, exercerá
no ámbito das competencias das delegacións provinciais
ou territoriais das respectivas consellerías ou das
xefaturas ou delegacións provinciais ou territoriais
dos organismos autónomos, as seguintes funcións:
- A función interventora respecto de todos os actos,
documentos e expedientes dos que puidesen derivarse dereitos
e obrigas de contido económico.
- A interposición de recursos e reclamacións
e a emisión dos informes previstos nas disposicións
vixentes.
- Solicitar dos órganos competentes o asesoramento
xurídico ou os informes técnicos que se
precisen en función da natureza do acto.
- Levar e desenvolver a contabilidade do seguimento do
orzamento de gastos e ingresos.
- Levar a contabilidade dos ingresos e pagamentos non
orzamentarios.
- Formar os estados e contas que lles teñan que
render os delegados territoriais ou provinciais ao Consello
de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas do Estado
a través da Intervención Xeral.
- Subministrar información para os delegados e
directores provinciais.
- Á fronte da Intervención Territorial existirá,
con nivel orgánico de xefe de servizo A, un interventor
territorial delegado perante a Administración territorial
ou provincial.
- O interventor territorial delegado poderá estar
asistido polos seguintes interventores habilitados, con nivel
orgánico de xefe de servizo B:
- Un interventor habilitado de organismos autónomos.
- Un interventor habilitado de Administración
xeral.
- Serán funcións dos interventores habilitados
as seguintes:
- Asistir no ámbito das súas funcións
ao interventor territorial delegado.
- Preparar e propoñerlle ao interventor territorial
delegado os informes fiscais que proceda emitir en relación
cos expedientes recibidos.
- O estudo e a proposta ao interventor territorial delegado
de cantos actos competan en razón do exercicio
da función interventora.
- Organizar e dirixir, de acordo coas instrucións
ditadas polo interventor territorial delegado, as tarefas
que correspondan en cada área e calquera outra
función que, no ámbito da súa competencia,
lle sexa encomendada polo interventor territorial delegado.
- Servizo de Recadación.
O Servizo de Recadación exercerá as seguintes funcións:
- A xestión recadatoria nos seus dous períodos.
- Ditar providencias de constrinximento.
- A relación coas entidades colaboradoras na recadación,
sen prexuízo daquelas que correspondan a outros órganos.
- A tramitación e proposta de resolución dos
expedientes de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento.