Que son os orzamentos?
Índice
- O orzamento: concepto
- Os principios orzamentarios
- O ciclo orzamentario
1. O orzamento: concepto
Dunha maneira ampla, o orzamento pódese definir como un documento en que se reflicte o conxunto de gastos que se queren realizar durante un período de tempo determinado e o detalle dos ingresos que se prevé obter para o seu financiamento. O orzamento é a plasmación dos obxectivos políticos dun goberno e dos seus compromisos cos cidadáns.
O orzamento é unha técnica utilizada tanto na esfera privada como na pública. Porén, se na primeira o orzamento ten unha natureza meramente orientativa, na segunda é plenamente vinculante e limitativa para o xestor público. Por este motivo, o orzamento é posiblemente o documento de maior transcendencia para as administracións públicas.
Por unha parte, é un documento xurídico que autoriza e vincula as administracións para a realización dos gastos e os ingresos cos que cumprir coas funcións decididas pola sociedade e atribuídas ao sector público: intervención na vida económica; prestación de bens públicos; asignación e redistribución da riqueza.
Por outra, o orzamento constitúe a técnica de xestión máis potente da que dispoñen as administracións, xa que proporciona unha información moi valiosa para a maior eficiencia e eficacia no cumprimento desas funcións. Finalmente, constitúe unha garantía para os administrados, posto que a actividade e os compromisos da Administración se dirixen cara a finalidades concretas e coñecidas, e están sometidos a control.
Arriba
2. Os principios orzamentarios
A elaboración do orzamento está supeditada ao cumprimento dunha serie de principios. Estes principios foron evolucionando ao longo do tempo, conforme o facía a situación económica e política dos países.
Os principios tratan de lles dar resposta a tres preguntas básicas:
- Quen debe deseñar o orzamento?
- Como debe ser o dito orzamento?
- En función de que criterios económicos se elabora o orzamento?
A resposta encóntrase nos principios políticos, contables e económicos, respectivamente.
Arriba
2.1. Principios políticos
Están encamiñados a posibilitar o control do Poder Executivo, o Goberno. Para controlar a autorización orzamentaria do Lexislativo ao Executivo, as normas legais de cada Comunidade adoitan establecer unha serie de principios que deben informar o proceso orzamentario.
- Competencia: Garante o equilibrio de poderes, de acordo co seguinte repartimento de competencias: o Lexislativo aproba o orzamento e as contas xerais; o Executivo prepara e executa o orzamento; o Xudicial fiscaliza. O Parlamento, como representante da soberanía popular en exercicio da competencia lexislativa, autoriza os orzamentos do Executivo. O Goberno ten a competencia para a elaboración e execución dos orzamentos autorizados.
- Universalidade: Os orzamentos deberán incluír a totalidade dos ingresos e gastos públicos. En consecuencia, o Executivo unicamente poderá gastar os importes contidos no orzamento.
- Unidade: Todos os ingresos e gastos públicos se incluirán nun só orzamento, prohibindo a existencia de orzamentos extraordinarios e especiais. É unha consecuencia do principio de universalidade e ten por obxecto facilitarlle ao Lexislativo o exercicio do control orzamentario.
- Especialidade: Significa que os créditos deben ter un destino determinado e deben afectar a un obxectivo específico a fin de evitar toda confusión entre eles.
- Anualidade: A autorización parlamentaria do orzamento debe ter unha vixencia determinada, o denominado exercicio orzamentario, que na maioría dos países coincide co ano natural, e, transcorrido o cal, perderá o seu valor, salvo que se prorroguen.
- Publicidade: Os cidadáns deben ter coñecemento sobre o destino dos gastos, dado que se financian cos tributos que pagan. A publicidade non só debe producirse durante o debate de aprobación e coa publicación do orzamento aprobado, senón tamén ao longo da súa xestión mediante informes, comparecencias e interpelacións ao Goberno polo Parlamento.
Arriba
2.2. Principios contables
Os principios contables son unha tradución á técnica contable dos principios políticos. Son os seguintes:
- Orzamento bruto: Correspóndese co de universalidade. A contabilidade debe ser levada por un sistema administrativo e non especulativo, e, como consecuencia do principio de universalidade, esíxese que todas as partidas se consignen no orzamento, polo seu importe bruto, sen aumentos.
- Unidade de caixa: Derivado do principio político de unidade, establece que todos os ingresos e gastos da Facenda Pública deben realizarse a través da mesma caixa.
- Especificación: Ten a súa orixe no principio de especialidade e reduce a discrecionalidade do Executivo na xestión orzamentaria, que ha de acomodarse ao autorizado polo Parlamento, ao aprobar o orzamento co límite cualitativo e cuantitativo, os cales deben ser comprobados.
- Exercicio pechado: Correspóndese co de anualidade. A través do principio de exercicio pechado establécese unha limitación a calquera prórroga contable dunha actuación orzamentaria vencida. Cando haxa que realizar un pago ou percibir un ingreso por conta doutro exercicio, ábrese unha conta especial.
Arriba
2.3. Principios económicos
- Equilibrio orzamentario: Consiste en que os ingresos sexan suficientes para cubrir a totalidade dos gastos.
- A regra de ouro do orzamento: O endebedamento excepcional do sector público só se debe utilizar para financiar gastos públicos de investimento, capaces de xerar recursos suficientes como para facer fronte á amortización e ao pagamento de xuros.
Arriba
3. O ciclo orzamentario
O ciclo orzamentario consta de catro grandes fases:
- Preparación e elaboración
- Aprobación
- Execución
- Control
A súa duración é de aproximadamente tres anos.
O Goberno prepara o orzamento e somete ao Parlamento o proxecto de lei. O Parlamento examina este proxecto e apróbao coas emendas que considere necesarias. Aprobada a Lei de orzamentos, a Administración é responsable da súa execución. Por último, o Parlamento controla esa execución comprobando a correspondencia entre autorización e as operacións desenvolvidas de acordo con esta.
Estas fases son sucesivas e altérnanse nelas a competencia do Executivo e o Lexislativo. Agora ben, deben facerse ao respecto algunhas observacións:
- Durante o curso do exercicio orzamentario pode presentarse a necesidade de aprobar novos gastos, que deben ser autorizados mediante lei, aínda que con iniciativa reservada ao Goberno, de maneira análoga á da Lei de orzamentos.
- Ademais, en relación co control, este é múltiple e existe, ademais do parlamentario, un control desenvolvido pola propia Administración, que, ademais, se leva a cabo coas operacións de execución.
O ciclo orzamentario ten unha duración variable segundo a normativa vixente en cada país. Adoita comprender nos países occidentais un período aproximado de tres anos: un previo, outro corrente e outro ulterior.
Arriba
3.1. Fases do ciclo orzamentario
- A elaboración iníciase coa aprobación dos obxectivos de gastos correntes e de capital pola Consellería de Economía e Facenda. Posteriormente, interveñen as distintas consellerías, que elevan as súas propostas a Economía e Facenda.
- A aprobación. Unha vez aprobado o proxecto de lei polo Consello da Xunta de Galicia, a ratificación compételle ao órgano lexislativo e poden presentarse emendas, á totalidade ou ao articulado. O texto definitivo debe ser aprobado antes do 1 de xaneiro, quedando automaticamente prorrogados os do ano anterior en caso contrario.
- A execución -realizar os gastos e operacións autorizados- recae nos órganos de xestión das administracións públicas. Consta de catro fases: autorización, compromiso, obrigación e orde de pagamento.
- O control realízase en dous niveis. Por un lado, un control interno durante a execución a través da Intervención Xeral, que debe fiscalizar, e, por outro lado, ao finalizar o ano, un control externo a través do Consello de Contas, que debe aprobar as Contas Xerais e sometelas ao Parlamento.
Arriba