Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

REGULAMENTO PARA A EXECUCIÓN DA LEI DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

Documento en un solo archivo
Este documento se ha dividido en cuatro partes debido a su extensión. Se puede acceder a la parte siguiente pulsando el enlace al final del texto y del sumario.  Si quiere tener una copia completa del reglamento puede descargar aquí el documento en formato PDF documento PDF, REGULAMENTO PARA A EXECUCIÓN DA LEI DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

Sumario

| |

DECRETO 50/1989

REGULAMENTO PARA A EXECUCIÓN DA LEI DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

Exposición de motivos.

TÍTULO PRELIMINAR. Disposicións xerais.

TÍTULO PRIMEIRO.Tráfico xurídico do patrimonio.

CAPÍTULO PRIMEIRO. Formas de tráfico administrativo dos bens demaniais.

Sección 1ª. Normas xerais

Sección 2ª. Afectación

Sección 3ª. Adscrición.

Sección 4ª. Desafectación

Sección 5ª. Desadscrición

Sección 6ª. Mutacións demaniais

CAPÍTULO SEGUNDO. Requisitos especiais do tráfico dos bens patrimoniais.

Sección 1ª. Adquisición

Apartado A. Regras xerais

Apartado B. Adquisición de bens inmobles a título oneroso

Apartado C. Adquisición de bens mobles

Apartado D. Outras adquisicións

Sección 2ª. Alleamento e cesión

Apartado A. Bens inmobles

Apartado B. Bens mobles

Apartado C. Propiedades incorporais

Apartado D. Títulos representativos do capital ou débeda emitida por sociedades e empresas

Sección 3ª. Actividade empresarial do sector público de Galicia

TÍTULO SEGUNDO. Utilización e aproveitamento do patrimonio.

CAPÍTULO PRIMEIRO. Formas de utilización dos bens demaniais.

CAPÍTULO SEGUNDO. Explotación dos bens patrimoniais.

TÍTULO TERCEIRO. Protección e defensa.

CAPÍTULO PRIMEIRO. Ámbito e medios.

CAPÍTULO SEGUNDO. Inventario, inscrición e seguro.

Sección 1ª. Inventario

Sección 2ª. Inscrición de bens e dereitos

Sección 3ª. Seguro de determinados bens

CAPÍTULO TERCEIRO. Deslindamento.

CAPÍTULO CUARTO. Protección posesoria e investigación.

Sección 1ª. Recuperación da posesión

Sección 2ª. Investigación e inspección

Sección 3ª. Embargos e execucións contra bens e dereitos da Comunidade Autónoma

CAPÍTULO QUINTO. Responsabilidades e sancións.

Disposicións adicionais.

Disposicións transitorias.

Disposición derradeira.

Disposición derrogatoria.

| |

Continuar: Título II |
Título III |
Disposicións

|
arriba
|

DECRETO 50/1989, DO 9 DE MARZO, POLO QUE SE APROBA O REGULAMENTO PARA A EXECUCIÓN DA LEI 3/1985, DO 12 DE ABRIL, DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA. (1)

En cumprimento da disposición adicional primeira da Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma Galega (D.O.G. n.º 78, do 24 de abril) (2), a proposta do Conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de marzo de mil novecentos oitenta e nove,

(1) O dito regulamento, publicado no DOG nº 71, do 13 de abril de 1989, (C. de e. no DOG nº 134, do 13 de xullo de 1989), aprobouse polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, e modificouse polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo ( DOG nº 156, do 13 de agosto).

Coa finalidade de facilita-la consulta conxunta da Lei e do Regulamento do patrimonio da CA galega, a continuación dos preceptos deste último sinálanse os da citada lei (epígrafe §1 desta publicación) reproducidos ou desenvoltos polo regulamento.

As referencias á Dirección Xeral do Patrimonio e ó director xeral do Patrimonio deben entenderse referidas, respectivamente, á Secretaría Xeral e do Patrimonio e ó secretario xeral e do Patrimonio, de acordo co previsto no D. 13/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Cª de Economía e Facenda (DOG nº 22, do 3 de febreiro. C. de e. no DOG nº 33, do 18 de febreiro).

(2) A dita lei foi modificada polas leis de presupostos da CA galega para os anos 1986, 1988, 1989 e 1997. En concreto, pola disposición adicional 5ª da Lei 1/1986, do 29 de outubro (DOG nº 214, do 3 de novembro), pola disposición adicional 5ª da Lei 2/1988, do 5 de marzo (DOG nº 50, do 14 de marzo), pola disposición adicional 14ª da Lei 13/1988, do 30 de decembro (DOG nº 251, do 31 de decembro) e pola disposición adicional 11ª da Lei 11/1996, do 30 de decembro (DOG nº 254, do 31 de decembro).

Así mesmo foi modificada, en virtude da habilitación conferida na súa disposición adicional 2ª ó Consello da Xunta, polo D. 207/1994, do 30 de xuño (DOG nº 131, do 8 de xullo. C.de e. no DOG nº 143, do 27 de xullo).

Por último, tamén se modificou polos arts. 16º a 19º da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión (DOG nº 68, do 9 de abril).

DISPOÑO:

Artigo único

Apróbase o Regulamento para a execución da Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o texto do cal se insire a seguir:

REGULAMENTO PARA A EXECUCIÓN DA LEI DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

O presente Regulamento vén estructurado en 193 artigos, oito disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derradeira e outra derrogatoria, que desenvolven os 82 artigos da Lei, modificados nalgúns casos e ampliados noutros en virtude das Leis 1/1986, do 29 de outubro, 2/1988, do 5 de marzo, e 13/1988, do 30 de decembro (3).

Co obxectivo de que esta norma teña a máxima utilidade incorporáronse ó seu texto os preceptos da Lei en todos aqueles casos en que non requirían un desenvolvemento, de maneira que co manexo de só o Regulamento poidan resolverse os problemas que se presenten na práctica.

Mantívose fundamentalmente a sistemática da Lei, aínda que con modificacións que se consideran máis adecuadas para a ordenación das materias, sobre todo polo que se refire ó desenvolvemento do título III da Lei «Protección e Defensa», tal como se expón no artigo 149 deste Regulamento para a execución da Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma Galega ( en adiante R.P.G.), no que se distingue a protección, especificamente considerada, a través do inventario, inscrición nos rexistros e deslindamento, cunha marcada finalidade de identificación dos bens e a defensa e tutela do patrimonio.

Partindo de termos que figuran na Lei sistematizouse e unificouse a denominación dos distintos entes que se relacionan co patrimonio, co fin de obter unha regulación global da materia. Así, en diferentes artigos do Regulamento (p. ex. art. 7) fálase de Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios que noutros preceptos aparecen sincopadamente expresados por razóns de estilo.

Por órganos estatutarios, expresión que procede do artigo 3º da Lei, enténdense as institucións previstas no Estatuto de Autonomía para Galicia (en diante E.A.G.), como o Parlamento, Valedor do Pobo, Consello da Cultura Galega, Consello de Contas, en claro paralelismo cos «órganos constitucionais» respecto da Constitución española.

Baixo a expresión «Entes públicos autonómicos» compréndese todos aqueles que forman parte da Administración pública galega, dependendo da Xunta de Galicia (artigo 41 E.A.G.) calquera que sexa a forma xurídica que adopten, trátese de organismos autónomos ou doutros entes (artigo 93 do Regulamento), terminoloxía procedente da Lei. En ocasións, para referirse ós entes públicos autonómicos como ós órganos estatutarios utilízase o termo entidades. Loxicamente, tanto este regulamento como a propia Lei por el desenvolta só se aplicará directamente a aqueles entes públicos autonómicos ós cales a súa propia Lei de creación non lles atribúe patrimonio independente; en caso contrario a aplicación será supletoria.

Perfílanse ademais os conceptos de afectación e adscrición aproveitando unha certa indeterminación da lei, a pesar de que o seu artigo 13 podería dar pé para interpreta-la adscrición como acción relativa a poñer ó dispor só de entidades públicas e organismos autónomos bens e dereitos que sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins. De acordo co que se entende correcto doutrinalmente e co que se deduce tamén dunha correcta interpretación da lexislación estatal, a afectación ten un carácter obxectivo ou material pola que o ben se destina ó uso xeral ou ó servicio público. Consecuencia da afectación é a adscrición de carácter orgánico do ben a quen competa.

Por iso, ten senso a pluralidade de afectacións (art. 12 L.P.G. e 30 R.P.G.) que require determina-lo órgano ó que se adscribe o ben por razón da afectación principal e ó que corresponden as facultades e deberes inherentes á adscrición.

Pola mesma razón a adscrición pode realizarse a unha Consellería, ente público ou órgano estatutario, xa que non se define pola natureza do que recibe o ben.

Igualmente, sendo a afectación título xurídico para a adscrición, pode cambiar esta permanecendo aquela e o cambio de afectación pode implicar -a Lei o di taxativamente («implica», art. 12.1)- alteración da adscrición orgánica, que ocorrerá ordinariamente.

Por último, cabe suliñar que este Regulamento intenta asegurar na práctica administrativa a natureza unitaria do patrimonio da Comunidade Autónoma configurada na Lei; de aí que se faga unha atribución nun único centro directivo -Dirección Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma- de tódalas funcións que son necesarias para a plena virtualidade da idea mesma de patrimonio en tódolos seus aspectos, posto que a fecundidade da regulación xurídica do patrimonio virá da súa consideración unitaria, de réxime e de xestión, cunha división de tarefas claramente asignadas polas normas, sen duplicidade de xestión e sen compartimentos estancos en razón á natureza dos bens.

(3) Véxase a nota nº 2.

|
arriba
|

TÍTULO PRELIMINAR.
Disposicións xerais

|

Artigo 1

O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia ou patrimonio de Galicia está constituído por tódolos bens e dereitos que lle pertenzan por calquera título (4) (art. 1 Lei).

(4) Art. 43 do EAG .

Artigo 2

Os bens e dereitos integrantes do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia clasifícanse en demaniais e patrimoniais (5) (art. 2 Lei).

(5) O réxime xurídico dos bens demaniais está contido fundamentalmente entre os artigos 8 a 32 e 117 a 137 deste regulamento. E o dos bens patrimoniais nos artigos 33 a 116 e 138 a 148. Os demais artigos refírense a aspectos xerais ou a normas aplicables a cada clase de bens.

Artigo 3

  1. Son bens de dominio público da Comunidade Autónoma os afectados ó uso xeral ou á prestación directa de servicios públicos, propios da Comunidade e os así declarados por normas con categoría de lei (6).
  2. Tamén o son os inmobles propiedade da Comunidade Autónoma que aloxen as súas institucións e órganos estatutarios.
  3. Aplicarase o réxime xurídico demanial ós dereitos reais da Comunidade Autónoma sempre que concorra algunha das circunstancias definidas no apartado primeiro (art. 3 Lei).

(6) Véxanse os arts.132 da CE , así como 339 e 344 do CC .

Artigo 4

Son bens patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non concorra algunha das circunstancias expresadas no artigo anterior:

  1. Os que lle corresponden en propiedade.
  2. Os bens e dereitos derivados da súa titularidade patrimonial.
  3. Os dereitos reais e calquera outro que lle corresponda sobre cousa allea.
  4. Os dereitos de propiedade inmaterial que lle pertenzan.
  5. Os dereitos de arrendamento e outros de carácter persoal.
  6. As cotas, partes alícuotas e títulos representativos do capital que lle pertenzan en concepto de participación, por calquera título, en empresas constituídas de acordo co dereito privado.
  7. As empresas mercantís que sexan de titularidade da Comunidade Autónoma.
  8. Calquera outro ben ou dereito que pertenza á Comunidade Autónoma e non sexa demanial en virtude do disposto no artigo anterior (art. 4 Lei).

Artigo 5

  1. O Patrimonio de Galicia réxese pola Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma Galega (7), por este Regulamento e polas demais normas que o complementen ou desenvolvan (8), que, coas normas estatutarias (9), integran o dereito propio de Galicia na materia. Supletoriamente aplicarase o Dereito propio de Galicia e, no seu defecto, sucesivamente, a lexislación sobre patrimonio do Estado (10) e as normas de dereito privado, civil e mercantil (11).
  2. As propiedades administrativas especiais regularanse pola súa lexislación específica (12) e complementaria e supletoriamente pola Lei do Patrimonio e por este Regulamento, no que lle corresponda.
  3. Terán a consideración de propiedades administrativas especiais, para estes efectos, as augas terrestres, minas, montes e dereitos de propiedade incorporal, cando a súa titularidade en concepto de demanio ou patrimonio poida ser outorgada ou lle corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia (art. 5 Lei).

(7) Véxase a nota nº 2.

(8) Téñanse en conta a O. da Cª de Economía e Facenda do 17 de xullo de 1989 pola que se nomea o órgano para a emisión do informe ó que se refire a disposición adicional décimoquinta da Lei 13/1988 (DOG nº 151, do 8 de agosto), a Res. da D.X. do Patrimonio da CA do 3 de xaneiro de 1990 pola que se establecen as normas sobre o cerramento e conseguinte formación do inventario xeral, con data do 31 de decembro do ano 1989, e se establece o procedemento para a súa actualización permanente (DOG nº 10, do 15 de xaneiro), e a Res. da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio do 5 de febreiro de 1992 sobre habilitación de facultativos para a asistencia ás recepcións provisionais de obras para os efectos de actualización do inventario de bens inmobles da CA de Galicia (DOG nº 35, do 20 de febreiro).

(9) Arts. 43 e 55 do EAG .

(10) Esencialmente, o D. 1.022/1964, do 15 de abril, polo que se aproba o texto articulado da Lei do patrimonio do Estado (BOE nº 98, do 23 de abril) e o D. 3.588/1964, do 5 de novembro , polo que se aproba o Rto. para a aplicación da Lei do patrimonio do Estado (BOE nº 276, do 17 de novembro).

(11) Sobre todo o CC , o Código de Comercio, a Lei de sociedades anónimas, aprobada polo R.D.L. 1.564/1989, do 22 de decembro (BOE nº 310, do 27 de decembro), e a Lei 2/1995, do 23 de marzo, de sociedades de responsabilidade limitada (BOE nº 71, do 24 de marzo).

(12) Para estes efectos véxanse a Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas (BOE nº 189, do 8 de agosto); a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas (BOE nº 176, do 24 de xullo); a Lei de montes do 8 de xuño de 1957 (BOE nº 151 , do 10 de xuño); o R.D.L. 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual (BOE nº 97, do 22 de abril), modificado pola Lei 5/1998, do 6 de marzo (BOE nº 57, do 7 de marzo); a Lei 11/1986, do 20 de marzo, de patentes de invención e modelos de utilidade (BOE nº 73, do 26 de marzo), modificada pola Lei 21/1992, do 16 de xullo (BOE nº 176, do 23 de xullo), e pola Lei 66/1997, do 30 de decembro (BOE nº 313, do 31 de decembro), polo Real Decreto-Lei 8/1998, do 31 de xullo (BOE nº 194, do 14 de agosto) e pola Lei 50/1998, do 30 de decembro (BOE nº 313, do 31 de decembro); e tamén o Estatuto da propiedade industrial, texto refundido pola Real Orde do 30 de abril de 1930 (Gaceta do 7 de maio). No ámbito da C. A. téñase en conta a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da C. A. de Galicia (DOG nº 118 bis, do 21 de xuño).

Artigo 6

  1. Os bens e dereitos demaniais da Comunidade Autónoma de Galicia son indisponibles e non poderán ser obxecto de tráfico xurídico privado mentres ostenten tal condición, aplicándoselles exclusivamente as peculiares modalidades de tráfico administrativo reguladas na Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma e no presente Regulamento (13).
  2. O tráfico privado dos bens e dereitos patrimoniais esixe a previa observancia das disposicións da Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma e deste Regulamento (14) (art. 6 Lei).

(13) Arts. 8 a 32 deste regulamento.

(14) Arts. 33 a 116 deste regulamento.

Artigo 7

  1. O exercicio das funcións dominicais sobre o patrimonio da Comunidade Autónoma, así como a súa representación extraxudicial, correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda, que o exercerá a través da Dirección Xeral do Patrimonio, salvo cando estea atribuído aquel ó Parlamento ou á Xunta. A representación en xuício é competencia da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia (15).
  2. O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuício das funcións e responsabilidades doutras Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios, para a administración, xestión e conservación dos bens e dereitos demaniais que lles foran adscritos (16) para o cumprimento dos seus fins.
  3. No exercicio das funcións de administración, xestión e conservación dos bens e dereitos demaniais que tivesen adscritos, as Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios manterán coa Dirección Xeral do Patrimonio a coordenación precisa para a boa orde daqueles (art. 7 Lei).

(15) Art. 5º c) do Rto. orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, aprobado polo D. 370/1992, do 3 de decembro (DOG nº 252, do 29 de decembro).

(16) Arts. 18 e ss. deste regulamento.

|
arriba
|

TÍTULO PRIMEIRO.
Tráfico xurídico do patrimonio

|

CAPÍTULO PRIMEIRO.
Formas de tráfico administrativo dos bens demaniais

Sección 1ª. Normas xerais

Artigo 8

Os bens e dereitos demaniais da Comunidade Autónoma de Galicia son inalienables, imprescritibles e inembargables (17), e, en consecuencia, non poden ser obxecto de gravame, carga, afección, transacción ou arbitraxe (art. 8 Lei).

(17) Art. 132.1 da CE .

Artigo 9

  1. As Consellerías, entes públicos autonómicos e órganos estatutarios que precisen bens patrimoniais determinados para o cumprimento dos seus fins dirixiranse por conducto do titular da Consellería ou dos respectivos presidentes daqueles á Consellería de Economía e Facenda, expresando cales sexan e a finalidade que teñan prevista.
  2. Igualmente poderán dirixirse á Consellería de Economía e Facenda reclamando a información que precisen sobre bens existentes no Patrimonio da Comunidade Autónoma que poidan ser utilizados para a satisfacción dos seus fins.

Se, a xuício da Dirección Xeral do Patrimonio existen bens adecuados para a satisfacción das necesidades indicadas, poñerase en coñecemento da Consellería, ente público ou órgano estatutario interesado, que, se lles convén, poderán pedi-la adscrición do ben, ou se é o caso, a correspondente afectación.

|
arriba
|

Sección 2ª. Afectación

Artigo 10

A integración dos bens e dereitos no dominio público orixínase pola súa afectación expresa ou tácita ó uso xeral ou á prestación dos servicios públicos propios da Comunidade Autónoma de Galicia (art. 9.1 Lei).

Artigo 11

A afectación expresa dos bens patrimoniais ó uso xeral ou ós servicios públicos da Comunidade Autónoma realizarase por medio de resolución do Consello da Xunta a proposta da Consellería de Economía e Facenda. A dita resolución adoptará a forma de Decreto (art. 9.2 Lei).

Artigo 12

A Consellería de Economía e Facenda, logo de instrucción do correspondente expediente de afectación pola Dirección Xeral do Patrimonio, á vista das razóns invocadas para a afectación e das que poidan facer conveniente a conservación dos bens no Patrimonio, elevará ó Consello da Xunta a proposta de resolución de afectación.

Artigo 13

A resolución de afectación expresará o ben ou bens que comprenda, o fin ou fins a que se destine, a circunstancia de quedar integrados no dominio público da Comunidade Autónoma e, se é o caso, a Consellería, ente público ou órgano estatutario ó que, ó quedarlle adscrito o ben, lle corresponderá o exercicio das competencias demaniais.

Artigo 14

  1. Autorizada a afectación, extenderase a pertinente acta, que subscribirán o Director Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma en representación do Conselleiro de Economía e Facenda e o titular da Consellería, presidente ou ente público ou órgano estatutario ó que se adscriba o ben afectado.
  2. A acta conservarase na Dirección Xeral do Patrimonio e farase constar no Inventario Xeral de Bens e Dereitos e, cando proceda, no Rexistro da Propiedade correspondente (18).

(18) Arts. 150 a 168 deste regulamento.

Artigo 15

Leva implícita a afectación de bens e dereitos patrimoniais ó uso xeral e ó servicio público de que se trate:

  1. A utilización de feito de tales bens ou dereitos para o cumprimento de fins de uso xeral ou de servicio público durante o prazo dun ano.

    Os órganos da Comunidade Autónoma que tivesen coñecemento de que se produciu esta afectación presunta deberano poner en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio para que, se procede, se extenda a correspondente acta de afectación e se incorporen os bens e dereitos de que se trate ó inventario e rexistros públicos pertinentes.

  2. A aprobación, polo Consello da Xunta, de plans, programas, proxectos ou resolucións que conleven, expresa ou implicitamente, o destino específico de determinados bens ou dereitos ó cumprimento directo daquelas finalidades de uso xeral ou de servicio público, a cal será comunicada á Dirección Xeral do Patrimonio.
  3. A resolución do Parlamento de Galicia, que se executará nos termos que a mesma estableza.
  4. A adquisición dun ben a título oneroso para o cumprimento dunha finalidade de uso xeral ou servicio público.
  5. A adquisición dun ben a título lucrativo ou mortis causa, sempre que o transmitente faga consta-la finalidade de uso xeral ou de servicio público (art. 9.2 Lei).

Artigo 16

A adquisición de bens ou dereitos por usucapión, de conformidade coas regras de dereito privado (19), equivale á afectación, sen necesidade de ningún acto formal, cando os actos posesorios se vinculasen ó cumprimento dos fins determinantes da integración demanial (art. 9.3 Lei).

(19) Véxanse especialmente os arts. 1.930 a 1.960 do CC .

Artigo 17

A adquisición de bens ou dereitos mediante expropiación forzosa (20) significa a súa afectación ós fins que foron determinantes da declaración de utilidade pública ou de interese social sen necesidade de ningún outro acto expreso, quedando adscritos á Consellería competente ou ó ente público beneficiario da expropiación (art. 9.4 Lei).

(20) Véxanse os arts. 33 da CE e 349 do CC , así como a Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro), e o seu regulamento, aprobado polo D. do 26 de abril de 1957 (BOE nº 160, do 20 de xuño).

|
arriba
|

Sección 3ª. Adscrición

Artigo 18

A adscrición conferirá ás Consellerías, entes públicos autonómicos ou órganos estatutarios as facultades de administración, xestión e conservación dos bens e dereitos demaniais que se lles adscriban, tendo o seu uso e disfrute que ser conforme co fin previsto na resolución de afectación (art. 13 Lei).

Artigo 19

  1. A adscrición de bens e dereitos demaniais ás Consellerías ou órganos estatutarios realizarase por medio de Orde do Conselleiro de Economía e Facenda, a proposta da Dirección Xeral do Patrimonio, logo de solicitude da Consellería ou órgano estatutario interesado.
  2. A adscrición considerarase implícita na afectación ó dominio público.

Artigo 20

  1. Os entes públicos autonómicos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, xa se trate de organismos autónomos ou doutras entidades públicas dependentes administrativamente das distintas Consellerías, poderán ser cesionarios de bens ou dereitos demaniais pertencentes ó patrimonio da Comunidade Autónoma, cando estes sexan necesarios para o cumprimento directo dos fins atribuídos á súa competencia.
  2. En virtude do acordo de cesión producirase a correspondente adscrición dos bens ou dereitos ó organismo autónomo ou entidade pública, sen que iso supoña cambio na titularidade ou calificación xurídica dos bens ou dereitos cedidos.
  3. A Consellería da que depende a entidade pública ou organismo autónomo adoptará as medidas que considere oportunas para a adecuada conservación dos bens e a súa efectiva aplicación ós fins expresadas no acordo de adscrición.

Artigo 21

  1. Cando os bens e dereitos adscritos deixen de ser necesarios para o cumprimento directo dos fins determinantes da cesión, reverterá o seu uso á Consellería da que dependan administrativamente.
  2. O acordo aprobatorio da reversión do uso dos bens e dereitos demaniais adscritos a entidades públicas ou organismos autónomos orixina a desafectación, sen necesidade de ningún outro acto formal, cando a Consellería cedente ou outro organismo da Administración da Comunidade Autónoma, central ou institucional, non asuman, simultaneamente, a xestión e exercicio das competencias expresadas no acordo de adscrición.
  3. Os acordos de reversión surten efectos de mutación demanial dos bens e dereitos, nos termos dos parágrafos 1 e 2 do artigo 30, cando, con ocasión dos mesmos, se impuxese unha nova afectación.
  4. Os acordos de adscrición e reversión de uso regulados nos artigos 20 e 21 observarán as formalidades que establece o artigo 31 deste Regulamento nos seus respectivos casos.

Artigo 22

A sucesión entre organismos públicos nos supostos de creación, supresión ou reforma de departamentos da Administración da Comunidade Autónoma e organismos e entidades públicas dependentes da mesma en virtude da norma legal ou regulamentaria non supón novación das causas determinantes da afectación dos bens e dereitos no dominio público da Comunidade Autónoma, que continuarán afectos ó exercicio das competencias e funcións obxecto de traspaso ou subrogación, sen necesidade de declaración expresa.

Non obstante a adscrición dos bens e dereitos que lle correspondan realizarase consonte co establecido nesta sección (art. 14 Lei).

|
arriba
|

Sección 4ª. Desafectación

Artigo 23

Cando os bens e dereitos de dominio público da Comunidade Autónoma non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais sen prexuício, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa (21), respecto daqueles bens adquiridos por este título (art. 10 Lei).

(21) Arts. 63 a 70 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo D. do 26 de abril de 1957 (BOE nº 160, do 20 de xuño).

Artigo 24

  1. A desafectación deberase facer mediante resolución do Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Economía e Facenda. A dita resolución adoptará forma de Decreto.
  2. Para tal efecto, as distintas Consellerías, entes públicos ou órganos estatutarios que teñan adscritos bens demaniais de titularidade da Comunidade Autónoma deberán poñer en coñecemento da Consellería de Economía e Facenda os datos e circunstancias que permitan a identificación do ben e as causas que determinen a desafectación.
  3. A Dirección Xeral do Patrimonio instruirá o correspondente expediente e unha vez acreditada a desaparición das causas xustificativas da afectación reclamará da Consellería, ente público ou órgano estatutario interesado a designación dun representante que, xunto co nomeado polo mencionado centro directivo, formalicen a correspondente acta de entrega do ben ó patrimonio da Comunidade Autónoma.
  4. O acordo de desafectación farase constar no Inventario Xeral de Bens e Dereitos e, cando proceda, no Rexistro da Propiedade (22) (art. 10.2 Lei).

(22) Arts. 150 a 168 deste regulamento.

Artigo 25

A desafectación esixe norma con categoría de Lei ou Resolución do Parlamento, cando os actos de afectación revestisen tales formalidades, correspóndenlle (23) á Consellería de Economía e Facenda propoñer ó Consello da Xunta a iniciativa que, dado o caso, esta teña que adoptar no exercicio das súas competencias (art. 10.3 Lei).

(23) Erro non corrixido. Debería dicir "correspondéndolle".

Artigo 26

  1. As pertenzas ou porcións sobrantes en operacións de deslindamento (24) de bens de dominio público enténdense desafectadas, adquirindo a súa natureza patrimonial, sen necesidade de ulterior requisito formal, o que non exclúe a obriga de subscribi-la acta de entrega á que se refire o art. 24,3 deste Regulamento.
  2. Para os efectos expresados no apartado anterior, de tales deslindamentos deberá darse conta polo órgano competente á Dirección Xeral do Patrimonio, que designará un representante para subscribi-la acta de entrega.
  3. A Consellería de Economía e Facenda poderá reclamar das Consellerías competentes o deslindamento dos bens de dominio público dos posibles terreos sobrantes, para efectos da integración no patrimonio da Comunidade Autónoma como bens patrimoniais (art. 10.4 Lei).

(24) Arts. 170 a 181 deste regulamento.

Artigo 27

Salvo o disposto no artigo anterior, a incorporación ó dominio privado da Comunidade Autónoma dos bens desafectados non se entenderá efectuada ata a recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda dos bens de que se trate, e mentres a mesma non teña lugar seguirán tendo aqueles o carácter de dominio público.

Artigo 28

A desafectación e ulterior destino dos bens transferidos (25) polo Estado á Comunidade Autónoma realizarase conforme ó disposto nos artigos anteriores cando os bens estean afectos a un servicio público propio da Comunidade Autónoma. A dos destinados ó uso xeral farase de conformidade coas leis que os regulen, a iniciativa da Comunidade Autónoma (art. 11 Lei).

(25) Con carácter xeral, téñase en conta o R.D. 581/1982, do 26 de febreiro, sobre normas de traspaso de servicios do Estado á CA de Galicia e funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias (BOE nº 71, do 24 de marzo).

|
arriba
|

Sección 5ª. Desadscrición

Artigo 29

  1. A desadscrición de bens e dereitos demaniais das Consellerías ou dos órganos estatutarios realizarase conforme ó mesmo procedemento sinalado no artigo 19 para a adscrición.
  2. Os bens ou dereitos demaniais poderán ser obxecto dunha ou máis adscricións sempre que a utilización conxunta non resulte incompatible e se manteña a mesma afectación, correspondendo as facultades de administración, xestión e conservación do ben de forma conxunta e proporcional ós distintos órganos ós que veña adscrito. Se xurdisen discrepancias entre os distintos órganos que tivesen adscrito o ben, decidirá a Consellería de Economía e Facenda, logo de audiencia dos órganos interesados.
  3. Se a adscrición dun ben ou dereito demanial que xa estea adscrito a unha Consellería ou órgano estatutario fose solicitado por outro, a Consellería de Economía e Facenda, a proposta da Dirección Xeral do Patrimonio, decidirá se procede mante-la adscrición inicial, modificala ou realizar unha adscrición conxunta, logo de audiencia dos órganos interesados.
  4. A desafectación dos bens ou dereitos de dominio público significará, en todo caso, a súa desadscrición orgánica.
|
arriba
|

Sección 6ª. Mutacións demaniais

Artigo 30

  1. Os cambios de afectación por novación da causa determinante da integración como demaniais dos bens e dereitos no patrimonio da Comunidade Autónoma orixinan a mutación de destino dos mesmos.
  2. A mutación demanial implica alteración da adscrición orgánica dos bens ou dereitos e modificación de competencia funcional e fins específicos a que aqueles se vinculan, sen transferencia de titularidade nin cambio da súa calificación xurídica.
  3. Os bens e dereitos demaniais, sen mutación do destino determinado pola súa afectación principal, poderán ser obxecto de unha ou máis afectacións secundarias, sempre que os diversos fins e competencias concorrentes non resulten incompatibles. A concorrencia de diversas afectacións respecto dun mesmo ben ou dereito non altera a adscrición orgánica esixida pola afectación principal, que conferirá ó seu titular as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuício do exercicio das que correspondan ás Consellerías, entes públicos ou organismos estatutarios titulares dun interese específico por razón da afectación secundaria (art. 12 Lei).

Artigo 31

  1. A mutación de destino de bens e dereitos demaniais ou a imposición de afectacións secundarias sobre os mesmos require acordo do Consello da Xunta, logo de instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda a través da Dirección Xeral do Patrimonio a instancia das Consellerías, entes públicos ou órganos estatutarios interesados. O dito acordo adoptará a forma de Decreto.
  2. Para estes efectos, as Consellerías, os entes públicos ou os órganos estatutarios que precisen bens para dedicalos a fins distintos, e que xa estean adscritos a outros, dirixiranse á Dirección Xeral do Patrimonio a fin de que se incoe o oportuno expediente no que, con audiencia das Consellerías, entes públicos ou órganos estatutarios interesados se decida sobre a afectación do ben ou bens de que se trate.
  3. Se xorden discrepancias entre as Consellerías, entes públicos ou órganos estatutarios interesados ou entre algún destes e a Consellería de Economía e Facenda acerca da afectación ou cambio de destino dun ben ou bens determinados, a resolución correspondente será da competencia do Consello do Goberno a proposta da Consellería de Economía e Facenda, e adoptará forma de Decreto.
  4. En todo caso, a resolución que se dicte será motivada e expresará os fins a que se afecta o uso dos bens, a Consellería, entes públicos ou órganos estatutarios a que se adscriben, e, se é o caso, as facultades e deberes doutras Consellerías, entes públicos ou órganos estatutarios titulares de afectacións accesorias.
  5. As mutacións ou ampliacións do destino de bens e dereitos demaniais formalizaranse mediante acta de entrega ou ampliación asinada polos Conselleiros dos departamentos interesados e polo de Economía e Facenda.
  6. As mutacións ou ampliacións do destino dos bens e dereitos demaniais esixen norma con categoría de Lei ou Resolución do Parlamento se os actos de afectación revestiron tales formalidades (art. 12.5 Lei).

Artigo 32

As modificacións do destino dos bens e dereitos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia realizaranse conforme ó disposto neste Regulamento, sen prexuício do establecido nas leis que as regulen (art. 12.6 Lei).

|
arriba
|

CAPÍTULO SEGUNDO.
Requisitos especiais do tráfico dos bens patrimoniais

Sección 1ª. Adquisición

Apartado A. Regras xerais

Artigo 33

A Comunidade Autónoma ten plena capacidade para adquirir e posuír bens e dereitos polos medios establecidos polo ordenamento xurídico (26) (art. 16 Lei).

(26) Arts. 43 do EAG e 609 do CC .

Artigo 34

  1. A adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá Decreto do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Economía e Facenda (27).
  2. A aceptación de herdanzas entenderase sempre feita a beneficio de inventario (28) (art. 17 Lei).

(27) Véxanse os arts. 618 a 1.087 do CC . Sobre a sucesión intestada a favor da CA , téñanse en conta os arts. 153 e 154 da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia (DOG nº 107, do 6 de xuño), así como o D. 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da CA de Galicia (DOG nº 73 do 19 de abril).

(28) Arts. 1.010 e ss. do CC .

Artigo 35

Salvo no caso de expropiación forzosa e nos de adquisición directa previsto nos artigos 46 e 51, as adquisicións entre vivos a título oneroso suxeitaranse ós requisitos de publicidade e concorrencia establecidos neste Regulamento e subsidiariamente ós da lexislación sobre contratación administrativa (29) (art. 18 Lei).

(29) Nesta materia deben terse en conta principalmente a LCAP , modificada pola Lei 53/1999, do 28 de decembro (BOE nº 311, do 29 de decembro). De xeito complementario pode consultarse o Rto. xeral de contratación do Estado, aprobado polo D. 3.410/1975, do 25 de novembro (BOE nº 311 e 312, do 27 e do 29 de decembro) e o R.D. 390/1996, do 1 de marzo, de desenvolvemento parcial da LCAP (BOE nº 70, do 21 de marzo).

Artigo 36

  1. As adquisicións realizadas no marco do procedemento expropiatorio observarán as normas específicas do mesmo (30).
  2. Estas adquisicións levarán implícita a afectación dos bens ós fins que determinaron a súa declaración de utilidade pública (31) ou interese social, así como a súa adscrición (art. 19 Lei).

(30) Consúltense a Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro) e o seu regulamento, aprobado polo D. do 26 de abril de 1957 (BOE nº 160, do 20 de xuño).

(31) Como normas específicas véxanse as disposicións adicionais 2ª e 3ª da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión (DOG nº 252, do 31 de decembro).

Artigo 37

Á Dirección Xeral do Patrimonio corresponderalle a cuantificación, taxación pericial e formalización, se é o caso, das operacións de escrituración, rexistro e inventario dos bens e dereitos que, como consecuencia de procedementos xudiciais ou administrativos, resulten adxudicados á Comunidade Autónoma de Galicia (art. 20 Lei).

Artigo 38

  1. Non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre os mesmos sobrepase o seu valor intrínseco.
  2. Non se considerarán cargas, gravames ou afeccións os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.
  3. As adquisicións de bens e dereitos a título oneroso efectuaranse libres de toda carga, gravame ou afectación, se así o esixise o cumprimento directo dos fins determinantes da súa adquisición. Sen embargo, poderán subsistir aquelas limitacións a título de licencia, permiso ou concesión administrativa das que o exercicio resulte compatible co fin da afectación.
  4. A subsistencia de cargas, gravames, dereitos ou afeccións sobre bens obxecto de expropiación forzosa decidirase no marco do procedemento expropiatorio.
  5. Cando os bens ou dereitos se adquirisen baixo condición ou carga de vinculación permanente a determinados destinos, entenderanse cumpridos e consumados se durante trinta anos estivesen afectos ós mesmos e deixasen de estalo por circunstancias sobrevindas de interese público (art. 23 Lei).
|
arriba
|

Apartado B. Adquisición de bens inmobles a título oneroso

Artigo 39

  1. A adquisición a título oneroso de bens inmobles será realizada pola Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral do Patrimonio, calquera que sexa o valor dos mencionados bens e a Consellería a iniciativa da cal se realice ou á que se deban de adscribir (32).
  2. Exceptúase o suposto de adquisicións realizadas a través do procedemento expropiatorio, conforme co artigo 35, pero a Consellería ou ente público interesado deberá darlle conta á Dirección Xeral do Patrimonio do inmoble adquirido, con expresión das súas características e das circunstancias da expropiación (arts. 18 e 19 Lei).

(32) Sobre a adquisición a título oneroso debe terse en conta o acordo adoptado o 12 de novembro de 1992 polo Consello da Xunta, que di o seguinte:

Calquera iniciativa de adquisicións a título oneroso de bens e dereitos sobre inmobles que pretenda ser levada a cabo polas distintas consellerías deberá, dende a súa fase inicial, ser posta inexcusablemente en coñecemento da Consellería de Economía e Facenda, quen a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio determinará a iniciación do correspondente expediente de adquisición, logo da xustificación suficiente no programa de necesidades.
A estes efectos o trámite a seguir axeitarase ós seguintes requisitos:
  1. Tódalas adquisicións levaranse a cabo mediante o correspondente concurso público e, no caso de prescindir deste procedemento nos supostos do artigo 18.2 da Lei 3/85, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma cando se solicite e acorde a adquisición directa será sempre atendendo ós principios de igualdade, publicidade e concorrencia, reducindo a casos verdadeiramente excepcionais de peculiaridade do ben as adquisicións sen estes requisitos.
  2. A Consellería interesada dirixirase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio solicitando a adquisición ou aluguer cunha proposta que deberá conte-los seguintes datos:
    • Programa de necesidades no que se xustifique en base á ampliación dos servicios existentes, carencias dos mesmos ou instalacións de novos servicios a adquisición ou aluguer facendo constar no mesmo a situación, superficie, coste máximo e demais características que permitan convocar o concurso ou acordar a adquisición directa para a posterior recepción de ofertas e selección.
    • Documento de retención de crédito polo importe estimado da adquisición ou aluguer.
  3. A Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio será a que no seu caso inicie os contactos cos posibles vendedores ou arrendadores nos que, se o estima procedente, poderán participar os servicios da consellería interesada.

Artigo 40

A adquisición farase mediante concurso público, sen prexuício do disposto no artigo 46, e con subxección ós trámites que establecen os artigos seguintes (art. 18 Lei).

Artigo 41

  1. A Dirección Xeral do Patrimonio redactará o prego de condicións do concurso ou, no seu defecto, incorporará ó expediente o que redactase a Consellería que propuxese a adquisición.
  2. O prego de condicións conterá tódolos datos e circunstancias que sexan precisos para a completa determinación das características do inmoble que se pretende adquirir, así como, polo menos, as condicións de pagamento e o modelo de proposición con expresión dos documentos que se deban de xuntar. O dito prego deberá contar co informe da Asesoría Xurídica Xeral (33).
  3. O expediente así instruído, no que obrigatoriamente figurará o informe da Intervención Xeral (34), xunto coa proposta do Director Xeral do Patrimonio, será sometido á aprobación do Conselleiro de Economía e Facenda.

(33) Arts. 1º, apartados 2 e 3, 9º, apartado 1, e 12º, apartado 3, do Rto. orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, aprobado polo D. 370/1992, do 3 de decembro (DOG nº 252, do 29 de decembro).

(34) Art. 94.2 do TRLRFO .

Artigo 42

  1. Aprobado o expediente, publicarase a convocatoria no Diario Oficial de Galicia e potestativamente nun dos xornais de maior circulación de Galicia.
  2. A convocatoria deberá conter, como mínimo, os mesmos extremos sinalados no número 2 do artigo anterior, e sinalará prazo, que non será inferior a un mes excepto por razóns de urxencia apreciadas pola propia Dirección Xeral do Patrimonio que poderá establecerse en quince (15) días naturais, e lugar onde se deben de presenta-las proposicións, así como o día, hora e lugar no que se vaia proceder á apertura das proposicións.

Artigo 43

  1. Poderán tomar parte no concurso as persoas, naturais ou xurídicas, nacionais ou extranxeiras, que teñan plena capacidade xurídica e de obrar ou, no seu defecto, estean asistidas dos medios legais para suplicala (35) ou completala.
  2. Os concursantes poderán comparecer representados por persoa autorizada con poder bastante para o efecto, sen que para a mera presentación das proposicións a que se refire o apartado seguinte sexa necesario acreditar representación ningunha.
  3. As proposicións para o concurso presentaranse en sobre pechado no rexistro xeral da Dirección Xeral do Patrimonio, ou polos medios establecidos na Lei de Procedemento Administrativo (36), axustaranse ó modelo descrito no prego de condicións e irán acompañadas dos documentos sinalados no mencionado prego.
  4. Os concursantes estarán facultados, sen embargo, para suxerir nas súas propostas as modificacións que non supoñan menoscabo esencial das bases do concurso.

(35) Erro non corrixido. En vez de "suplicala" debe entenderse "suplila".

(36) Véxase o art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

Artigo 44

A apertura das proposicións será verificada por unha Mesa constituída da seguinte forma:

  1. O Director Xeral do Patrimonio ou funcionario da Dirección Xeral en quen delegue, que actuará como presidente.
  2. Un letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
  3. Un representante da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
  4. Un representante da Consellería interesada na adquisición, designado polo seu titular.
  5. Un funcionario da Dirección Xeral do Patrimonio, designado polo seu titular, que actuará como secretario con voz e voto.

Artigo 45

  1. Unha vez comprobados os bastanteos polo letrado afecto á Mesa, os poderes e demais documentos acreditativos da persoalidade dos concursantes, o secretario da mesma procederá á lectura das proposicións formuladas cos debidos requisitos, iniciándose, acto seguido, a deliberación.
  2. A adxudicación outorgarase, con carácter provisional, á proposición que obtivese maior número de votos, decidindo, en caso de empate, o do presidente. Os vocais da Mesa que disintan do acordo da maioría poderán formular por escrito voto reservado debidamente fundamentado.
  3. A acta da sesión, as proposicións presentadas, a proposta de adxudicación e, se é o caso, o voto ou votos reservados, serán sometidos pola Dirección Xeral do Patrimonio á resolución do Conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 46

  1. A petición da Consellería interesada, e a proposta da Dirección Xeral do Patrimonio, a Consellería de Economía e Facenda poderá prescindir do trámite de concurso e autoriza-la adquisición por adxudicación directa cando así o requiran as peculiaridades dos bens, as necesidades do servicio ou función que se vai satisfacer, a urxencia extrema da adquisición e afectación ou as limitacións do mercado inmobiliario na localidade onde estean situados os inmobles que se sometan a adquisición.

    Cando a contía da adquisición exceda de 1.803.100 euros, a Consellería de Economía e Facenda requirirá autorización do Consello da Xunta para realiza-la adquisición directa (37).

  2. Deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia mediante Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio as razóns que xustifiquen a adquisición directa.
  3. Para realiza-la adquisición directa, o órgano de contratación, sempre que sexa posible, deberá de solicitar polo menos tres ofertas, deixando constancia diso no expediente.
  4. O exercicio dos dereitos de tanteo e retracto (38) tendentes á adquisición de bens que se incorporen ó Patrimonio da Comunidade Autónoma correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda, por proposta da Dirección Xeral do Patrimonio e logo de informe da Intervención Xeral (art. 18.2 Lei).

(37) Parágrafo modificado polo D. 180/2003, do 27 de febreiro, polo que se modifican as contías establecidas nos artigos 26, 34.1º e 2º, 35.2º e 36 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como varios artigos do regulamento que a executa, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo (DOG nº 52, do 14 de marzo). A contía anterior era 300 millóns de pesetas.

(38) Arts. 1.507 a 1.525 do CC .

Artigo 47

  1. Para a efectividade das adquisicións de bens inmobles a título oneroso poderanse adquirir compromisos de gastos de carácter plurianual nos termos previstos na Lei de xestión económica e financeira pública para investimentos reais (39).
  2. A adquisición de inmobles poderase facer por medio de «leasing» e aprazamento de pagos cando as circunstancias así o aconsellen e por razóns de economía e oportunidade, logo de informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio.
  3. Nestes casos, a compra conceptuarase como un proxecto plurianual e o correspondente contrato deberase realizar de acordo cos trámites establecidos nos artigos precedentes (art. 18.3 Lei).

(39) Esta remisión normativa debe entenderse referida ó art. 58 do TRLRFO , modificado polo art. 5º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (DOG nº 252, do 31 de decembro).

Artigo 48

  1. En todo caso, a Dirección Xeral do Patrimonio será a competente para a formalización notarial dos correspondentes contratos.

    No outorgamento das escrituras ostentará a representación da Comunidade Autónoma o Director Xeral do Patrimonio ou funcionario en quen delegue (art. 18.3 Lei).

  2. Así mesmo, o citado centro directivo procederá a inscribi-lo inmoble no Rexistro da Propiedade e a incluílo no Inventario Xeral de Bens e Dereitos (40).

(40) Arts. 150 a 168 deste regulamento.

|
arriba
|

Apartado C. Adquisición de bens mobles

Artigo 49

  1. A adquisición a título oneroso de bens mobles corporais realizaraa a Consellería, ente público ou órgano estatutario que vaia utilizalos, e levará implícita, se é o caso, a afectación dos mesmos ó servicio público correspondente (art.18 bis Lei).
  2. En todo caso o Consello da Xunta poderá acorda-la adquisición centralizada de determinados bens mobles, por unha soa Consellería ou organismo (art. 18 bis Lei).

Artigo 50

  1. A adquisición rexerase polo procedemento sinalado pola contratación (41) administrativa vixente para os contratos de subministración (42).
  2. A Comunidade Autónoma poderá adquirir bens mobles por ocupación na forma establecida na normativa vixente (43).

(41) Erro non corrixido. En vez de "contratación" debería dicir "lexislación".

(42) Véxanse os arts. 172 a 196 da LCAP . Así mesmo, na medida en que non se opoñan ós preceptos anteriores, os arts. 237 e ss. do Rto. xeral de contratación do Estado, aprobado polo D. 3.410/1975, do 25 de novembro (BOE nº 311 e 312, do 27 e 29 de decembro).

(43) Arts. 610 a 617 do CC .

Artigo 51

  1. A adquisición de bens mobles poderase facer por medio de «leasing» e aprazamento de pagos nos termos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 47.
  2. Cando a adquisición dos mobles teña por obxecto substituír outros que resultasen obsoletos, poderase empregar como un medio de pago a entrega ó provedor dos xa utilizados, logo de taxa-los mesmos a Dirección Xeral do Patrimonio.
|
arriba
|

Apartado D. Outras adquisicións

Artigo 52

  1. A adquisición a título oneroso de cotas, partes alícuotas ou títulos representativos do capital de empresas constituídas consonte co dereito privado será realizada mediante compra ou subscrición polo Consello da Xunta a proposta da Consellería de Economía e Facenda, oída a Consellería competente por razón da materia, e logo de informe da Dirección Xeral do Patrimonio (44).
  2. Correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio a tramitación do oportuno expediente e a formalización dos mencionados actos, en nome da Comunidade Autónoma.
  3. Cando se trate de empresas mercantís, a participación da Comunidade Autónoma resultante da adquisición non poderá ser inferior ó 10 por 100 do importe do capital social.
  4. A compra ou subscrición de obrigacións, bonos, cotas ou outros títulos acreditativos de débeda emitida por empresas mercantís esixirá que a porcentaxe de participación no capital social non resulte inferior a un 10 por 100 do mesmo na eventual circunstancia da súa conversión en accións ou títulos con análogo carácter.
  5. Os títulos ou os resgardos de depósito correspondentes custodiaranse na Dirección Xeral do Patrimonio (art. 21 Lei).

(44) Art. 113 deste regulamento.

Artigo 53

  1. A adquisición de propiedades incorporais (45) correspóndelle ó Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Economía e Facenda (art. 21.4 Lei).
  2. É competencia da Dirección Xeral do Patrimonio a tramitación dos respectivos expedientes, logo de informe da Consellería competente por razón da materia.

(45) Consúltense a Lei 11/1986, do 20 de marzo, de patentes de invención e modelos de utilidade (BOE nº 73, do 26 de marzo), modificada pola Lei 21/1992, do 16 de xullo (BOE nº 176, do 23 de xullo) e pola Lei 66/1997, do 30 de decembro (BOE nº 313, do 31 de decembro), polo Real Decreto-Lei 8/1998, do 31 de xullo (BOE nº 194, do 14 de agosto) e pola Lei 50/1998, do 30 de decembro (BOE nº 313, do 31 de decembro), o Estatuto da propiedade industrial, texto refundido pola Real Orde do 30 de abril de 1930 (Gaceta do 7 de maio) e o R.D.L. 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual (BOE nº 97, do 22 de abril), modificado pola Lei 5/1998, do 6 de marzo (BOE nº 57, do 7 de marzo).

Artigo 54

  1. Compételle á Consellería de Economía e Facenda (46) concerta-los arrendamentos de bens inmobles (47) necesarios para o desenvolvemento das funcións da Comunidade Autónoma.
  2. Estes arrendamentos concertaranse mediante concurso público, que se suxeitará ó procedemento establecido nos artigos 43 a 47 para a adquisición de bens inmobles a título oneroso, mais coa peculiaridade de que o Director Xeral do Patrimonio substituirá ó Conselleiro de Economía e Facenda (art. 22 Lei).

(46) Consúltese a nota ó art. 39.1 deste regulamento.

(47) Téñanse en conta os arts. 35 a 56 da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia (DOG nº 107, do 6 de xuño), a Lei 83/1990, do 31 de decembro, de arrendamentos rústicos (BOE nº 26,do 30 de xaneiro de 1981) e a Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos (BOE nº 282, do 25 de novembro).

Artigo 55

  1. Non obstante o disposto no artigo anterior, a Consellería de Economía e Facenda poderá autoriza-la concertación directa do arrendamento cando o requiran as peculiaridades dos bens, as necesidades do servicio ou función que se vai satisfacer, a urxencia extrema da adquisición e afectación ou as limitacións do mercado inmobiliario na localidade onde aqueles estean situados.
  2. Deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia, mediante Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio, as razóns que xustifiquen a concertación directa.
  3. Para realiza-la adquisición directa, o órgano de contratación, sempre que sexa posible, deberá de solicitar polo menos tres ofertas, deixando constancia diso no expediente.

Artigo 56

Correspóndelle ó Director Xeral do Patrimonio formalizar por si ou polo funcionario adscrito á Dirección Xeral en quen delegue o correspondente contrato.

Artigo 57

Concertado o arrendamento e posto o inmoble ó dispor do órgano que o debe de utilizar, corresponderalle á Consellería respectiva, ente público ou órgano estatutario adoptar tódalas medidas que sexan necesarias que por lei incumban ó arrendatario para mante-lo inmoble en condición de servir en todo momento ó fin a que se destina, sen prexuício das funcións que competen á Asesoría Xurídica Xeral para a defensa en xuício (48) dos dereitos da Comunidade Autónoma como arrendataria.

(48) Art. 5º.1.c) do Rto. orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, aprobado polo D. 370/1992, do 3 de decembro (DOG nº 252, do 29 de decembro).

Artigo 58

  1. É competencia da Dirección Xeral do Patrimonio dispoñe-la resolución voluntaria dos contratos de arrendamento de inmobles en favor da Comunidade Autónoma e a adscrición dos mesmos ás Consellerías, entes públicos ou órganos estatutarios, se é o caso.
  2. Para estes efectos, cando a finca deixe de ser necesaria para o servicio do órgano estatutario ou da Consellería ou entidade pública, estes poñerano en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio antes de desaloxa-lo inmoble, e, unha vez acreditado que o mesmo non é necesario para o servicio doutro órgano da Comunidade Autónoma, o citado centro directivo dispoñerá a resolución do contrato.

Artigo 59

O arrendamento de bens mobles será concertado pola Consellería, ente público ou órgano estatutario interesado, de acordo co previsto nos artigos anteriores. Para estes efectos entenderase que, en principio, concorre algunha das circunstancias previstas no artigo 55.1.

|
arriba
|

Sección 2ª. Alleamento e cesión

Apartado A. Bens inmobles

Artigo 60

  1. O alleamento ou gravame por calquera título de bens inmobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia ou de dereitos impostos sobre os mesmos require a previa declaración da súa alienabilidade, que será acordada polo Conselleiro de Economía e Facenda, a proposta da Dirección Xeral do Patrimonio, logo de informe da Consellería interesada.
  2. Non poderán ser obxecto de declaración de alienabilidade:
    1. Os bens que estivesen en litixio.
    2. Os bens non deslindados ou non inscritos previamente no Rexistro da Propiedade (49).
    3. Os bens ou dereitos cando a súa titulación non subministre os datos relativos á súa identidade.
  3. A declaración de alienabilidade será publicada no Diario Oficial de Galicia, con expresión das súas circunstancias (art. 24 Lei).