Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

LEI 3/1985, DO 12 DE ABRIL, DO PATRIMONIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

|

Volver: Título I

|

TÍTULO SEGUNDO.
Utilización e aproveitamento do patrimonio

|

CAPÍTULO PRIMEIRO.
Formas de utilización dos bens demaniais

|

Artigo 48

  1. A utilización dos bens de dominio público pola propia Administración rexerase pola presente Lei e disposicións que a desenvolvan. Se estivesen afectos a un servicio público, axustaranse ademais ás súas regras específicas e ás instruccións dictadas polas autoridades responsables do seu funcionamento.
  2. Excepcionalmente, con fundamento no fomento e planificación da actividade económica de Galicia (72), e, en todo caso, con fins de estudio, investigación ou explotación, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá reservar, mediante Lei de Galicia, o uso exclusivo de bens demaniais de uso público, ou declarados de dominio público por normas con rango de lei, sempre que concorran os seguintes requisitos:
    1. Que a reserva non afecte a recursos previamente reservados polo Estado.
    2. A potestade da reserva axustarase ós términos da lexislación do Estado e ás bases de planificación económica xeral.
    3. Non poderá establecerse en prexuício de dereitos adquiridos polos particulares en orde ó uso dos bens. Se a súa motivación consistise nunha deficiente ou irracional explotación dun recurso determinado, a Lei que declare a reserva dispoñerá a previa exposición e indemnización dos afectados pola medida.
    4. Determinación do prazo da súa duración, que en ningún caso será superior ó máximo previsto para a concesión demanial do recurso de que se trate.
  3. O uso privativo exclusivo que retén a Administración, unha vez establecidas as reservas a que se refire o párrafo anterior, será obxecto de explotación con arregro ás normas que regulan a utilización dos bens patrimoniais da presente Lei (73).
  4. En ningún caso se poderán establecer reservas demaniais por motivos fiscais ou de orde ou seguridade pública (arts. 117 a 119 Rto.).

(72) Consúltense os arts. 28.4, 30.1.1 e 55 do EAG, así como os arts. 128.2, 131, 148.1.13ª e 149.1.13ª da CE.

(73) Arts. 60 e ss. desta lei.

Artigo 49

O uso común xeral dos bens de dominio público non está suxeito a licencia, correspondendo a tódolos cidadáns sen máis limitacións cás seguintes:

  1. O impedimento do mesmo dereito ós demais cidadáns.
  2. O respeto á natureza do ben.
  3. As que impoña o ordenamento xurídico por razón da súa conservación, adscrición ou orde pública (art. 120 Rto.).

Artigo 50

O uso común especial dos bens demaniais, realizado por persoas ou entidades determinadas de xeito que non impida o doutros, deberase suxeitar ó outorgamento de previa licencia co fin de garantiza-la continuidade do uso común xeral se concorresen nel as circunstancias singulares de perigosidade, intensidade de uso ou otras semellantes (art. 121 Rto.).

Artigo 51

O uso privativo por persoas ou entidades dos bens de dominio público mediante a ocupación dunha porción dos mesmos, de xeito que limite ou exclúa a utilización polos demais interesados, requirirá o previo outorgamento dun título axeitado á súa natureza, de conformidade coas seguintes regras:

  1. O uso normal, conforme coas disposicións ou afectación dos bens, que non implique a realización de obras permanentes ou instalación fixas, requirirá tan só permiso de ocupación temporal.
  2. Os usos consistentes en estacionamento de materiais ou instalacións de carácter accesorio e non permanente esixirán tamén permiso de ocupación temporal.
  3. Os usos anormais, non conformes co destino dos bens, e aqueles que requiran unha ocupación permanente mediante obras e instalacións de carácter fixo, outorgaranse mediante concesión administrativa ( arts. 122 e 123 Rto.).

Artigo 52

  1. As licencias habilitantes de usos comúns especiais outorgaranse directamente ós peticionarios salvo se, por calquera circunstancia, se limitase o número das mesmas. Neste caso outorgaranse por licitación e, se non fose posible por teren que reunir tódolos interesados as mesmas condicións, mediante sorteo.
  2. Non serán transmisibles as licencias que se refiran ás cualidades persoais do suxeito e aquelas nas que a súa normativa específica así o determine. A transmisión cando proceda requirirá acto expreso aprobatorio para a súa eficacia frente á Administración outorgante (arts. 124 e 126 Rto.).

Artigo 53

  1. Os permisos de ocupación temporal levan implícita a cláusula de precariedade e poderanse revocar libremente en calquera momento pola Administración sen que o interesado teña dereito a ningunha indemnización.
  2. Se houbese varios solicitantes, observaranse sempre as regras de publicidade e concorrencia, outorgándose os permisos previa licitación (arts. 125 e 126 Rto.).

Artigo 54

  1. As concesións de disfrute ou uso privativo de bens de dominio público, serán de outorgamento discrecional pola Administración, e terán o prazo de duración que determine a súa lexislación específica. De non existir prazo determinado nesta, a súa duración non poderá exceder de cincuenta anos, sen prexuício da súa prórroga por mutuo acordo.
  2. As concesións outorgaranse para unha finalidade concreta, con determinación do seu obxecto e límites, sendo esixible como contraprestación a contía da taxa que resulte vixente no momento do seu devengo.
  3. As concesións outorgaranse, a salvo o dereito de propiedade e sen prexuício de terceiro, levando implícita a facultade de rescate antes do seu vencemento, mediante indemnización, se o xustificasen circunstancias sobrevidas de interés público (arts. 127 a 131 Rto.).

Artigo 55

  1. As concesións outorgaranse polo procedemento de competencias, o seu exercicio será obrigatorio para o interesado e levarán anexas as facultades administrativas de inspección, vixilancia e resolución.
  2. O réxime de outorgamento das concesións axustarase á lexislación sobre contratación administrativa para a xestión de servicios públicos (74) (arts. 132 e 133 Rto.).

(74) Arts. 155 e ss. da LCAP.

Artigo 56

Son causas de extinción das concesións:

  1. O transcurso do prazo ou da súa prórroga.
  2. O rescate.
  3. A renuncia e o non exercicio do dereito nos casos en que proceda.
  4. A caducidade ou resolución da relación concesional.
  5. A desaparición ou esgotamento da cousa.
  6. A degradación do título concesional por desafectación do ben demanial.
  7. E calquera outra causa admitida en dereito (art. 134 Rto.).

Artigo 57

  1. Nos supostos de degradación do título concesional, por desafectación (75) do demanio que lle serve de fundamento, os titulares de autorizacións, licencias ou concesións outorgadas legalmente continuarán na posesión dos seus dereitos.

    Non obstante, será declarada a caducidade das concesións das que vencese o prazo ou a daquelas nas que a Administración se reservase a facultade de libre rescate, sen prexuício de que a Consellería de Economía e Facenda poida acorda-la expropiación de estimar que o mantemento da concesión habería de prexudica-lo ulterior destino dos bens ou que os faría desmerecer notoriamente en caso de alleamento.

  2. Os permisos de ocupación temporal estimaranse revocados «ipso iure», en virtude da resolución que acorda a desafectación dos bens sobre os que recaian (art. 135 Rto.).

(75) Art. 10 desta lei.

Artigo 58

  1. No alleamento de bens desafectados, os titulares de dereitos sobre eles, resultantes dunha concesión, terán a facultade de os adquirir con preferencia a calquera outra persoa que non teña ó seu favor un dereito de retracto legalmente establecido.
  2. Os dereitos de adquisición preferente regulados no párrafo anterior, non terán lugar nos supostos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da presente Lei.
  3. As entidades que, conforme ós artigos 30 e 31, recibisen bens sobre os que recaian os dereitos anteriormente establecidos en favor de beneficiarios de concesións e autorizacións, poderanos liberar, con cargo exclusivo ós seus fondos propios en igualdade de términos coa Comunidade Autónoma, podendo instar, no seu caso, o exercicio de potestade expropiatoria (art. 137 Rto.).

Artigo 59

  1. A competencia para o outorgamento das concesións que por disposición legal non veña especificamente determinada corresponderalle ó Consello da Xunta, a proposta da Consellería responsable da xestión, conservación e administración dos bens demaniais implicados.
  2. As licencias, autorizacións e permisos de ocupación temporal outorgaranse polos órganos competentes da Consellería titular das facultades de xestión, conservación e administración do sector demanial de que se trate.
  3. A Consellería competente por razón da materia determinará, previo informe do organismo xestor do Patrimonio da Comunidade Autónoma, as condicións xerais que teñan que rexer para toda clase de concesións, autorizacións ou permisos sobre o dominio público, representándose (76), en todo caso, as disposicións contidas na presente Lei. As condicións xerais, unha vez aprobadas polo Consello da Xunta, publicaranse no Diario Oficial de Galicia (art. 123 Rto.).

(76) Erro non corrixido. Debería dicir "respectándose".

|
arriba
|

CAPÍTULO SEGUNDO.
Explotación dos bens patrimoniais

|

Artigo 60

Correspóndelle ó Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Economía e Facenda, dispoñe-lo xeito de explotación de acordo co criterio de maior rentabilidade dos bens patrimoniais que non conveña allear nas condicións usuais da práctica civil ou mercantil.

O oportuno expediente, que incoará a Dirección Xeral competente en materia de xestión patrimonial (77), informarano previamente os Servicios Xurídicos e a Intervención Xeral da Xunta de Galicia (arts. 138 e 140 Rto.).

(77) Hoxe en día o centro directivo competente neste ámbito é a Secretaría Xeral e do Patrimonio, de acordo co art. 4º do D. 13/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Cª de Economía e Facenda (DOG nº 22, do 3 de febreiro).

Artigo 61

A explotación poderase levar a cabo directamente pola propia Administración da Comunidade Autónoma, por unha entidade autónoma dependente da mesma, ou conferirse a particulares mediante contrato (art. 139 Rto.).

Artigo 62

Se o Consello da Xunta acordase que a explotación se levase a cabo directamente ou por medio de entidade autónoma fixará as condicións da mesma, adoptándose pola Consellería competente en materia de xestión patrimonial (78) as medidas conducentes á entrega do ben ó órgano ou entidade a quen se confie a explotación, e as de vixilancia do exacto cumprimento das condicións impostas (art. 141 Rto.).

(78) Véxase nota ó parágrafo segundo do art. 60 desta lei.

Artigo 63

  1. Se o Consello da Xunta dispuxese que a explotación se encomende a particulares mediante contrato, aprobará as bases do concurso, que será convocado e resolto pola consellería titular da xestión patrimonial. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia.
  2. Malia o establecido no apartado anterior, o Consello da Xunta poderá acorda-la adxudicación directa da explotación de bens patrimoniais cando concorran circunstancias que así o aconsellen, logo de xustificación razoada no expediente (79) (arts. 142 e ss. Rto.).

(79) Artigo modificado polo artigo 19 da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión ( DOG nº 68, do 9 de abril ).

A súa redacción inicial era a seguinte:

Se o Consello da Xunta dispuxese que a explotación se encomende a particulares mediante contrato, aprobará as bases do concurso, que será convocado e resolto pola Consellería titular da xestión patrimonial. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 64

Están facultados para contrata-la explotación de bens patrimoniais da Comunidade Autónoma as persoas que, ostentando plena capacidade de obrar, a tivesen de conformidade coa lexislación xeral de contratos do Estado (80) (art. 143 Rto.).

(80) Arts. 15 e ss. da LCAP.

Artigo 65

A Xunta de Galicia, a través da Consellería competente en materia de xestión patrimonial (81), exercerá a vixilancia precisa sobre a empresa adxudicataria da explotación en orde a garantiza-la indemnidade do ben de que se trate e, no seu caso, a íntegra percepción das cantidades que teña que satisface-lo adxudicatario, así como, en xeral, o cumprimento do contrato (art. 145 Rto.).

(81) Consúltese nota ó parágrafo segundo do art. 60 desta lei.

Artigo 66

A petición do adxudicatario, poderase prorroga-lo contrato se o resultado satisfactorio da explotación fixese aconsellable esta medida.

A prórroga acordaraa, no seu caso, o Consello da Xunta, a proposta da Consellería titular da xestión patrimonial (82) previo informe preceptivo da Intervención Xeral (art. 146 Rto.).

(82) Véxase nota ó parágrafo segundo do art. 60 desta lei.

Artigo 67

A subrogación de calquera persoa natural ou xurídica nos dereitos ou obrigas do adxudicatario requirirá acordo do Consello da Xunta.

A persoa subrogada deberá reuni-los requisitos para contratar (83) (art. 147 Rto.).

(83) Véxase nota ó art. 64 desta lei.

Artigo 68

  1. Os froitos, rendas ou percepcións de calquera clase ou natureza producidos pola explotación, así como polo alleamento dos bens patrimoniais, previa liquidación, cando sexa preciso, ingresaranse na Tesourería, con aplicación ós pertinentes conceptos do presuposto de ingresos.
  2. Non se admitirán outras excepcións ó disposto no párrafo anterior cás consignadas nunha lei (84) (art. 148 Rto.).

(84) Art. 15 do TRLRFO.

|
arriba
|

TÍTULO TERCEIRO.
Protección e defensa

|

CAPÍTULO PRIMEIRO.
Recuperación da posesión

|

Artigo 69

  1. A Administración da Xunta de Galicia poderá recuperar por si mesma, en calquera momento, a posesión dos seus bens de dominio público.
  2. Igualmente poderá recupera-la posesión indebidamente perdida sobre os bens e dereitos patrimoniais no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte de se produci-la usurpación (85).Transcorrido este tempo, deberá acudir ante a xurisdicción ordinaria exercitando as accións correspondentes.

    Non se admitirán interdictos contra a Administración da Xunta nesta materia, sempre que aquela se axustase ó procedemento legalmente establecido (art. 182 Rto.).

(85) Art. 460.4º do CC.

Artigo 70

A Administración da Comunidade Autónoma ten a facultade de investigar e inspecciona-la situación dos bens e dereitos que se presuman do seu dominio privado, a fin de determinar e probar, cando non lle conste, a propiedade da Comunidade Autónoma sobre uns e outros (arts. 184 a 188 Rto.).

Artigo 71

  1. A recuperación da posesión incoarase de oficio ou en virtude de denuncia verbal ou escrita, que dará lugar á instrucción do correspondente expediente pola Dirección Xeral do Patrimonio.
  2. Comprobados os feitos que acrediten a usurpación, e sempre que non transcorrese un ano desde aquela, a Dirección Xeral do Patrimonio fará que o usurpador cese na súa actuación. No suposto de resistencia activa ou pasiva, actuarase de acordo co establecido na Lei de Procedemento Administrativo (86).
  3. Se transcorrese máis dun ano, a Dirección Xeral do Patrimonio instará o exercicio das accións que procedesen en conformidade co disposto no artigo 69.2 desta Lei.
  4. En todo caso, se do feito ou feitos que acrediten a usurpación se suscitasen indicios racionais de delito ou falta penal, darase conta dos mesmos á autoridade xudicial, sen prexuício de adopta-las medidas a que se refiren os apartados deste artigo (art. 183 Rto.).

(86) Véxanse os arts. 93 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

|
arriba
|

CAPÍTULO SEGUNDO.
Deslinde

|

Artigo 72

  1. A Xunta de Galicia poderá proceder ó deslinde dos bens do seu Patrimonio mediante procedemento administrativo no que se oia ós afectados por este. O deslinde acordarase de oficio ou a instancia dos propietarios das fincas colindantes ou titulares de dereitos reais sobre as mesmas.
  2. A resolución definitiva do deslinde non poderá efectuar declaracións de dominio ou decidir cuestións de carácter civil, limitándose a definir un estado posesorio de feito que se presume integrado con carácter «iuris tantum» nunha titularidade preexistente (arts. 170 e 177 Rto.).

Artigo 73

  1. Mentres estea en trámite o procedemento administrativo de deslinde, non se poderá instar procedemento xudicial con igual pretensión nin se admitirán interdictos sobre o estado posesorio das fincas da Comunidade Autónoma obxecto daquel.
  2. Do acto que inicie o procedemento darase traslado ó Rexistro da Propiedade a fin de que, se a finca estivese inscrita, se practique anotación marxinal ó asento de inscrición da mesma e, no seu caso, das fincas colindantes afectadas ou, en defecto de inmatriculación, se extenda anotación de suspensión (art. 171 Rto.).

Artigo 74

A Orde resolutoria do deslinde, que se notificará a tódolos interesados e se publicará no Diario Oficial de Galicia, será executiva. A devandita Orde poderá ser impugnada en vía contencioso-administrativa, sen prexuício das accións que correspondan ante a xurisdicción ordinaria (art. 178 Rto.).

Artigo 75

Firme a resolución do deslinde, procederase á demarcación con intervención dos interesados. A este efecto sinalarase día para a súa práctica, que será notificada ós mesmos e publicada no Diario Oficial de Galicia coa suficiente antelación (art. 179 Rto.).

Artigo 76

O deslinde administrativo será obxecto de inscrición no Rexistro da Propiedade. Para iso, en defecto de inmatriculación da finca, procederase á previa inscrición do título adquisitivo desta (art. 180 Rto.).

Artigo 77

Ningún Tribunal poderá dictar providencia de embargo nin despachar mandamento de execución contra os bens e dereitos do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia nin contra as rendas, froitos ou productos do mesmo, debendo aterse, a este respecto, ó disposto na Lei de Xestión Económica e Financeira Pública de Galicia (87) (art. 189 Rto.).

(87) Art. 25 do TRLRFO.

Artigo 78

  1. A Consellería competente en materia de xestión patrimonial (88) deberá leva-lo Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma, que comprenderá:
    1. Os bens inmobles da Comunidade Autónoma, calquera que sexa a súa natureza, demanial ou patrimonial, e a forma da súa adquisición.
    2. Os dereitos patrimoniais.
    3. Os bens mobles de carácter histórico-artístico ou de apreciable valor económico.
    4. Os títulos-valores.
    5. Os bens e dereitos atribuídos a Organismos Autónomos ou Entidades Públicas, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, coa única excepción dos que se adquiran para garantiza-la rentabilidade das reservas legais que teñan que constituír ou co propósito de devolvelos ó tráfico xurídico patrimonial de acordo cos seus fins patrimoniais.
    O Inventario dos bens e dereitos a que se contrae (89) o párrafo anterior poderá elaborarse en relacións separadas.
  2. O Servicio de Inventario estará asistido polo de Contabilidade Patrimonial, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Xunta (arts. 150 a 166 Rto.).

(88) Véxase nota ó art. 60, parágrafo segundo, desta lei.

(89) Erro non corrixido. Debería entenderse "a que se refire".

Artigo 79

  1. Será obrigatoria para a Comunidade Autónoma a inscrición ou anotación dos bens e dereitos da súa pertenza no Rexistro da Propiedade ou en calquera outro Rexistro de carácter público.
  2. Exceptúanse non obstante da inscrición ou anotación rexistral os bens demaniais de uso público e todos aqueles dos que se manifeste de forma ostensible ou aparente a súa condición demanial (90).
  3. A Dirección Xeral do Patrimonio será a encargada de promove-la inscrición ou anotacións dos bens no Rexistro competente (arts. 167 e 168 Rto.).

(90) Art. 5 do Regulamento hipotecario, aprobado polo D. do 14 de febreiro de 1947 (BOE nº 106, do 16 de abril).

Artigo 80

Toda persoa, natural ou xurídica, que teña ó seu cargo a xestión dos bens ou dereitos a que se refire esta Lei, estará obrigada a velar pola súa custodia, conservación e, no seu caso, explotación racional, debendo responder ante a Administración da Comunidade Autónoma dos danos e prexuícios sobrevidos pola súa perda ou deterioro cando concorrera fraude ou neglixencia (91) (arts. 190 e 192 Rto.).

(91) Arts. 122 e ss. do TRLRFO.

Artigo 81

Toda persoa que por dolo ou neglixencia cause dano en bens demaniais da Comunidade Autónoma ou realice sobre eles actos de usurpación, será sancionada en vía administrativa (92) con multas do tanto a duplo do prexuício ocasionado, con independencia da reparación do dano ou da restitución no seu caso (arts. 191 e 192 Rto.).

(92) Arts. 127 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

Artigo 82

Cando os feitos a que se refire o artigo anterior puidesen constituír delito ou falta (93), a Xunta de Galicia poñerao en coñecemento da xurisdicción penal, deixando en suspenso a tramitación do procedemento administrativo ata que se acorde a suspensión da causa ou se dicte sentencia firme (art. 193 Rto.).

(93) Arts. 234 e ss. e 623 e ss. do Código Penal, aprobado pola Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro (BOE nº 281, do 24 de novembro).

|
arriba
|

Disposición transitoria.

Queda exceptuado das limitacións establecidas no artigo 40 da presente Lei o alleamento pola Xunta de Galicia das accións, participacións, cuotas ou calquera clase de título representativo de participación de capital social nas empresas a que fai referencia o Decreto 123/83, do 27 de xullo, sobre fomento de emprego (94).

(94) DOG nº 124, do 10 de setembro de 1983. Modificado polo D. 220/1989, do 5 de outubro (DOG nº 209, do 31 de outubro).

Disposicións adicionais.

|

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

A Xunta de Galicia dictará no prazo de seis meses, computados a partir do día en que entre en vigor esta Lei, as disposicións regulamentarias precisas para o seu desenvolvemento e execución (95).

(95) Véxase o epígrafe §2 desta publicación.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

O Consello da Xunta de Galicia poderá, a través de Decreto, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, modifica-las contías establecidas nos artigos 25, 26, 34.1 e 2, 35.2 e 36 desta Lei do Patrimonio (96).

(96) Engadida pola disposición adicional 14ª da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de presupostos xerais da CA de Galicia para 1989 (DOG nº 251, do 31 de decembro). O goberno galego fixo uso desta habilitación para actualiza-las contías dos artigos 25 e 26 a través do D. 207/1994, do 30 de xuño (DOG nº 131, do 8 de xullo. C. de e. no DOG nº 143, do 27 de xullo).

|

Volver: Título I

|
A CONSELLERÍA
Bienvenida del Conselleiro
Organigrama
Contratación (Ley Transp)
OFICINAS VIRTUALES
ÁREAS
Secretaría General y del Patrimonio
Tributos
Presupuestos
Intervención General
Planificación Económica y Fondos Comunitarios
Política Financiera y Seguros
ARCHIVOS
Normativa
Documentos
HEMEROTECA
Noticias
Imágenes
Multimedia
ORGANISMOS
Web del CIXTEC
Web del IGE
Web del IGAPE
Web del CES-GALICIA
Web del TGDC