TÍTULO V.
Do control interno e da contabilidade
CAPÍTULO I.
Do control interno
Sección primeira.- Aspectos xerais
Artigo 93º.- Control interno
da actividade económico-financeira.
- O control interno da actividade económico-financeira
da Comunidade, dos seus organismos autónomos e entes
públicos e das sociedades públicas exercerao a
Intervención Xeral (160),
sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de
Galicia (161) e, se é
o caso, do Tribunal de Contass (162).
- A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma
exercerá as súas funcións de control interno
con plena autonomía respecto dos órganos responsables
da xestión controlada.
(160) Sobre a súa estructura e
funcións, véxase o artigo 5 do Decreto 115/2004,
do 3 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica
da Consellería de Economía e Facenda (D.O.G.
nº 113, do 14 de xuño), modificado polo Decreto 247/2004,
do 21 de outubro (D.O.G.
nº 211, do 29 de outubro).
(161) Véxase o artigo 53.2 do Estatuto
de Autonomía para Galicia. Así mesmo, a Lei 6/1985,
do 24 de maio, do Consello de Contas (D.O.G.
nº 130, do 9 de xullo), modificada pola Lei 4/1986, do 26
de decembro (D.O.G.
nº 4, do 8 de xaneiro de 1987), a resolución do Parlamento
de Galicia do 25 de xuño de 1992 pola que se dispón
a publicación do Regulamento de réxime interior
do Consello de Contas de Galicia (D.O.G.
nº 138, do 17 de xullo), así como a Orde da Consellería
de Economía e Facenda do 3 de maio de 1999 pola que se
regula o procedemento para lle librar ó Consello de Contas
as dotacións ás que se refire a disposición
adicional 8ª da Lei 11/1996, do 30 de decembro, e o procedemento
de remisión á Facenda autonómica de determinados
ingresos (D.O.G.
nº 90, do 12 de maio).
(162) Téñanse en conta os
artigos 136 e 153.d) da Constitución. Así mesmo,
a Lei Orgánica 2/1982, do 12 de maio, do Tribunal de Contas
(B.O.E.
nº 121, do 21 de maio) e a Lei 7/1988, do 5 de abril, de
funcionamento do Tribunal de Contas (B.O.E.
nº 84, do 7 de abril), modificada pola Lei 31/1991, do 30
de decembro (B.O.E.
nº 313, do 31 de decembro) e pola Lei 22/1993, do 29 de decembro
(B.O.E.
nº 313, do 31 de decembro).
Artigo 94º.- O seu exercicio.
- O exercicio do control interno realizarase a través
da función interventora e do control financeiro (163).
- A función interventora ten por obxecto controlar tódolos
actos, documentos e expedientes da Comunidade e dos seus organismos
autónomos dos que puidesen derivarse dereitos e obrigas
de contido económico, así como os ingresos e pagamentos
que deles se deriven e, en xeral, a recadación, o investimento
ou a aplicación dos fondos públicos, co fin de
asegurar que a xestión dos órganos controlados
se axuste ás disposicións aplicables a cada caso.
- O control financeiro exercerao a Intervención Xeral
de conformidade co prevido en cada caso e na forma que regulamentariamente
se estableza respecto dos servicios da Comunidade, dos organismos
autónomos, dos entes públicos e das sociedades
públicas para comproba-lo seu adecuado funcionamento
tanto no aspecto organizativo coma no económico-financeiro
(164).
Así mesmo exercerase o control financeiro respecto das
sociedades mercantís, empresas, entidades e particulares
por razón das subvencións, créditos, avais
e demais axudas da Comunidade ou dos seus organismos autónomos,
concedidos con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade.
Neste caso o control financeiro terá por obxecto comproba-la
adecuada e correcta obtención e utilización das
indicadas subvencións e axudas e mailo cumprimento dos
obxectivos que con elas se pretenden alcanzar (165).
- Malia o disposto na alínea 3 deste artigo, por acordo
da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía
e Facenda, poderá establecerse o control interno realizado
a través da función interventora (166)
en organismos autónomos, sociedades e entes públicos.
(163) Sobre a función interventora,
véxanse os artigos 95 e seguintes desta lei. Sobre o control
financeiro, os artigos 103 e seguintes.
(164) Este apartado está complementado,
en relación ás fundacións, co artigo 11 da
Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e
empresas nas que tén participación maioritaria a
Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación
(D.O.G. nº
227, do 2 de novembro).
(165) En relación ás subvencións
e ós avais deben terse en conta, respectivamente, os artigos
78 e 79 da presente lei, por unha banda, e 40 a 45 por outra.
(166) O Consello da Xunta de Galicia adoptou
o 29 de marzo de 1996 un acordo polo que se establece o control
interno a través da función interventora no IGAPE
e no ente público Portos de Galicia.
|
|
Sección segunda.- Da función interventora
Artigo 95º.- Fases.
- A función interventora exercerase (167)
a través das seguintes fases:
- A fiscalización ou intervención previa de
todo acto, documento ou expediente susceptible de producir
dereitos e obrigas de contido económico ou movemento
de fondos e valores.
- A intervención formal do ordenamento do pagamento.
- A intervención material do pagamento.
- A intervención da aplicación das cantidades
destinadas a obras, subministracións, adquisicións
e servicios, que comprenderá o exame documental e,
se é o caso, a comprobación material.
- Son inherentes á función interventora as seguintes
competencias:
- Interpoñer recursos e reclamacións nos supostos
recollidos nas disposicións vixentes.
- Solicitar dos órganos competentes o asesoramento
xurídico ou os informes técnicos que se precisen
en función da natureza do acto, documento ou expediente
intervido, así como os antecedentes e documentos
necesarios para o exercicio da dita función.
(167) Téñase en conta a
Circular 6/1986, do 28 de novembro, da Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre tramitación
de documentos contables e exercicio da función interventora
(D.O.G. nº
10, do 16 de xaneiro de 1987).
Artigo 96º.- Principios.
- A función interventora exercerase conforme os principios
de autonomía funcional, exercicio desconcentrado, xerarquía
interna e actuación contradictoria.
- O exercicio da función interventora organizarase de
forma desconcentrada a través das intervencións
delegadas situadas ou próximas ós órganos
sometidos a control. O interventor xeral da Comunidade poderá
avoca-lo exercicio da función respecto de calquera acto
ou expediente que estime oportuno.
Regulamentariamente establecerase a competencia dos interventores
delegados do interventor xeral da Comunidade (168).
(168) En relación ás funcións
das intervencións delegadas, téñanse en conta
o artigo 5º.4.6 do Decreto 115/2004, do 3 de xuño,
polo que se establece a estructura orgánica da Consellería
de Economía e Facenda (D.O.G.
nº 113, do 14 de xuño).
Artigo 97º.- Intervención
limitada.
- Non estarán sometidos a intervención previa:
- Os gastos de obras, de xestión de servicios públicos,
de subministración, de consultoría e asistencia
e dos servicios, por importe inferior ó que de se-lo
caso se estableza na Lei de orzamentos de cada ano (169).
- Os gastos de carácter períodico e demais
de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente
ó periodo inicial do acto ou contrato do que deriven,
ou as súas modificacións, así como
aqueloutros gastos que de acordo coa normativa vixente se
fagan efectivos a través do sistema de anticipos
de caixa fixa.
- A autorización e disposición das subvencións
que figuren nos orzamentos con asignación nominativa
(170).
- A Xunta de Galicia poderá acordar, logo de informe
da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma,
que a intervención previa en cada unha das consellerías
ou nos seus distintos servicios, organismos autónomos
ou sociedades e entes públicos se limite (171)
a comproba-los extremos seguintes:
- A existencia de crédito orzamentario e que este
é o adecuado á natureza do gasto ou da obriga
que se propón contraer.
Nos casos en que se trate de contraer compromisos de gastos
de carácter plurianual comprobarase, ademais, se
se cumpre o preceptuado no artigo 58º desta lei.
- Que as obrigas ou gastos as xeran órganos competentes.
- Aqueloutros extremos que, pola súa transcendencia
no proceso de xestión, determine o Consello da Xunta,
por proposta do conselleiro de Economía e Facenda,
logo de informe da Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma.
Os interventores delegados poderán formula-las observacións
complementarias que consideren convenientes, sen que estas
teñan, en ningún caso, efectos suspensivos
na tramitación dos expedientes correspondentes.
- O disposto no número anterior non será de aplicación
respecto das obrigas ou dos gastos de contía indeterminada
e daqueloutros que deban ser aprobados polo Consello da Xunta
(172).
- As obrigas ou os gastos sometidos á fiscalización
limitada a que se refire o número 2 deste artigo serán
obxecto doutra plena con posterioridade, exercida sobre unha
mostra representativa dos actos, documentos ou expedientes que
deron orixe á referida fiscalización, mediante
a aplicación de técnicas de mostraxe ou auditoría,
co fin de verificar que se axustan ás disposicións
aplicables en cada caso e determina-lo grao de cumprimento da
legalidade na xestión dos créditos.
Os interventores delegados que realicen as fiscalizacións
con posterioridade deberán emitir informe escrito no
que fagan constar cantas observacións e conclusións
se deduzan delas. Estes informes remitiránselle ó
titular da consellería para que formule, se é
o caso, e no prazo de quince días, as alegacións
que considere oportunas, e posteriormente elevaránselle
á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma daralles
conta ó Consello da Xunta e ós centros directivos
que resulten afectados dos resultados máis importantes
da fiscalización realizada con posterioridade, e, se
é o caso, propoñerá as actuacións
que resulten aconsellables para asegurar que a administración
dos recursos públicos se axuste ás disposicións
aplicables en cada caso.
- Con independencia do disposto no número anterior, o
conselleiro de Economía e Facenda, por proposta do interventor
xeral da Comunidade Autónoma, poderá acordar en
qué casos a función interventora será exercida
sobre unha mostra e non sobre o total de actos, documentos ou
expedientes suxeitos á intervención previa (173).
A Intervención Xeral determinará nestes casos
os procedementos que se deban aplicar para a selección,
a identificación e o tratamento da mostra de procedemento.
- A fiscalización previa dos dereitos será substituída
pola inherente á toma de razón en contabilidade,
e estableceranse as actuacións comprobatorias posteriores
que determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
(169) Apartado modificado polo artigo
14 da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e
administrativas (D.O.G.
nº 251, do 29 de decembro). A súa redación
anterior era:
- Os gastos de obras, de xestión administrativa, de
subministración, de consultoría e asistencia
e dos servicios, por importe inferior ó que se é
o caso se estableza na Lei de orzamentos de cada ano.
Véxase para o ano 2005 o artigo 33 da Lei
13/2004, do 29 de decembro, que fixa este importe en 6.600 euros.
(170) Apartado modificado polo artigo
7 da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime
orzamentario e administrativo (D.O.G.
nº 251, do 29 de decembro). A súa redacción
anterior era:
Non estarán sometidos a intervención
previa os gastos en material non inventariable, subministracións
menores, así como os de carácter periódico
e demais de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente
ó período inicial do acto ou contrato do que se
deriven ou as súas modificacións, así como
aqueloutros gastos que de acordo coa normativa vixente se fagan
efectivos a través do sistema de anticipos de caixa fixa.
Así mesmo, tampouco estarán suxeitas a intervención
previa as subvencións que figuren nos orzamentos con asignación
nominativa.
(171) Véxase a Resolución
da Consellería de Economía e Facenda pola que se
ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de
Galicia do 18 de marzo de 1999, no que se lle dá aplicación
á previsión do artigo 97 da Lei 11/1992, do 7 de
outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia,
respecto do exercicio da intervención limitada previa (D.O.G.
nº 82, do 30 de abril. Corrección de erros no D.O.G.
nº 103, do 1 de xuño).
(172) Véxase o artigo 36 da Lei
13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2005 (D.O.G.
nº 253, do 30 de decembro).
(173) Véxase a Orde da Consellería
de Economía e Facenda do 23 de novembro de 1999 sobre o
exercicio da función interventora polo procedemento de
mostraxe (D.O.G.
nº 235, do 7 de decembro. Corrección de erros no D.O.G.
nº 245, do 22 de decembro).
Artigo 98º.- Documentación
e prazo.
- A Intervención exercerá a función interventora
á vista do expediente orixinal completo unha vez reunidos
tódolos xustificantes e emitidos os informes preceptivos
e que estea, polo tanto, en disposición de que se dicte
acordo por quen corresponda.
- O expediente será fiscalizado no prazo de dez días
contados a partir do seguinte ó da data de recepción,
que se reducirá a cinco días computados de igual
forma cando se declarase urxente a tramitación do expediente
ou se aplicase o réxime especial de fiscalización
previsto no número 2 do artigo 97º.
- Cando a Intervención faga uso da facultade a que se
refire a alínea b) do número 2 do artigo 95º,
suspenderase o prazo mencionado no número 2 anterior,
debendo darlle conta da dita circunstancia ó órgano
xestor propoñente do gasto.
Artigo 99º.- Reparos e reclamacións.
- Se a Intervención se manifestase en desacordo co fondo
ou coa forma dos actos, expedientes ou documentos examinados,
deberá formula-los seus reparos por escrito. Os ditos
reparos deberán ser motivados con razoamentos fundados
en normas que apoien o criterio sustentado e deberán
conter tódalas obxeccións realizadas ó
expediente.
- Cando a desconformidade se refira ó recoñecemento
ou á liquidación de dereitos a favor da Facenda
da Comunidade Autónoma, as observacións formularanse
en notas de reparos e, en caso de subsisti-la discrepancia,
mediante a interposición dos recursos ou das reclamacións
que procedan.
Artigo 100º.- Suspensión
do expediente.
- Se os reparos afectan a autorización e disposición
de gastos, o recoñecemento de obrigas ou o ordenamento
de pagamentos, orixinarase a suspensión da tramitación
do expediente, ata que aqueles non sexan emendados nos seguintes
casos:
- Cando se baseen na insuficiencia ou inadecuación
do crédito ó que se lle propoña imputa-lo
gasto, a obriga ou o pagamento.
- Cando se aprecien graves irregularidades na documentación
xustificativa das ordes de pagamento ou non se acredite
suficientemente o dereito do perceptor.
- Cando o gasto se lle propoña a un órgano
que careza de competencia para a súa aprobación.
- Cando se omitan no expediente requisitos ou trámites
que se consideren esenciais a xuízo da Intervención
ou cando esta estime que a continuación do procedemento
lles puidese causar crebas económicas á Comunidade
Autónoma ou a un terceiro.
- Cando o reparo sexa consecuencia de comprobacións
de materiais de obras, subministracións, adquisicións
e servicios.
- A Intervención poderá fiscalizar favorablemente,
malia os defectos que se observen no expediente, sempre que
os requisitos ou os trámites incumpridos non sexan esenciais.
Nestes supostos a eficacia da fiscalización quedará
condicionada á reparación daqueles defectos con
anterioridade á aprobación do expediente. O órgano
xestor remitiralle á Intervención a documentación
xustificativa de que se repararon os ditos defectos.
De non repara-lo órgano xestor os defectos indicados,
para a continuación do expediente considerarase formulado
o correspondente reparo.
O previsto neste número non será aplicable naqueles
supostos nos que a fiscalización previa se realice de
forma limitada, de conformidade co disposto no número
2 do artigo 97º da presente lei.
Artigo 101º. Discrepancia.
- Cando o órgano ó que se dirixa o reparo o acepte,
deberá repara-las deficiencias observadas e remitirlle
de novo as actuacións á Intervención.
- Cando o órgano xestor non acepte o reparo deducido,
formulará discrepancia, que deberá ser motivada
con citas dos preceptos legais nos que sustente o seu criterio.
A discrepancia resolverase da seguinte forma:
- Se o reparo fose formulado por unha intervención
delegada, corresponderalle á Intervención
Xeral da Comunidade coñecer da discrepancia, e a
súa resolución será obrigada para aquela.
- Se o reparo fose formulado pola Intervención Xeral
da Comunidade ou esta confirmase en todo ou en parte o dunha
intervención delegada e subsista a discrepancia,
corresponderalle á Xunta de Galicia adoptar unha
resolución definitiva.
Artigo 102º.- Omisións.
- Nos supostos nos que, de acordo co disposto neste capítulo,
a fiscalización previa da aprobación do gasto
ou do recoñecemento da obriga fosen preceptivas e se
omitisen, non se poderá recoñece-la obriga, nin
tramita-lo pagamento nin intervir favorablemente estas actuacións
ata que se coñeza ou resolva a dita omisión nos
termos previstos neste artigo (174).
- Se o interventor xeral da Comunidade ou os seus delegados
ó coñecer un expediente observasen algunha das
omisións indicadas no número anterior manifestaranllo
á autoridade que iniciase aquel e emitirán ó
mesmo tempo a súa opinión respecto da proposta,
co fin de que, unindo este informe ás actuacións,
poida o titular da consellería de que aquela proceda
somete-lo actuado á decisión da Xunta de Galicia
para que adopte a resolución a que houbese lugar.
Este informe, que non terá natureza de fiscalización,
poñerá de manifesto, como mínimo, os seguintes
extremos:
- As infraccións do ordenamento xurídico que,
a xuízo do interventor, se producisen no momento
no que se adoptou o acto de aprobación do gasto sen
fiscalización ou intervención previa.
- As prestacións que se realizasen como consecuencia
do dito acto.
- A posibilidade e conveniencia de revisión dos actos
dictados con infracción do ordenamento.
Os interventores delegados daranlle conta do seu informe á
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma no momento
da súa emisión.
- Se o titular da consellería acordase somete-lo expediente
á decisión da Xunta de Galicia, comunicarallo
ó conselleiro de Economía e Facenda, por conducto
da Intervención Xeral da Comunidade, con dez días
de antelación á reunión do Consello no
que se coñeza o asunto.
Ó expediente unirase unha memoria que inclúa unha
explicación da omisión da preceptiva fiscalización
ou intervención previa e, se é o caso, as observacións
que estime convenientes respecto do informe da Intervención.
A Secretaría do Consello comunicaralle á Consellería
correspondente, á de Economía e Facenda e á
Intervención Xeral da Comunidade o acordo adoptado sobre
o expediente para a súa toma de razón e cumprimento
nos seus propios termos.
(174) Véxase o artigo 2º do
Decreto 63/1987, do 17 de marzo, sobre obrigas de exercicios pechados
e sobre imputación a exercicio corrente de obrigas recoñecidas
ou xeradas en anos anteriores (D.O.G.
nº 61, do 31 de marzo).
|
|
Sección terceira.- Do control financeiro
Artigo 103º.- Finalidade e
principios.
- O control financeiro ó que se refire o artigo 94 desta
lei ten por finalidade procurar que a xestión económico-financeira
do sector público galego se adecue ós principios
de legalidade, economía, eficacia e eficiencia.
- O control financeiro exercerase con plena autonomía
e independencia respecto das autoridades e entidades das que
se controle a súa xestión, e poderá realizarse
en réxime ordinario ou en réxime permanente.
- O control financeiro exercerase mediante a realización
de auditorías ou outros tipos de control de conformidade
co que se estableza regulamentariamente (175).
(175) Véxase o acordo do Consello
da Xunta de Galicia do 18 de marzo de 1999, feito público
pola Resolución da Consellería de Economía
e Facenda do 31 de marzo de 1999, no que se lle dá aplicación
á previsión do artigo 103 da Lei 11/1992, de réxime
financeiro e presupostario de Galicia, respecto do control financeiro
(D.O.G. nº
82, do 30 de abril. Corrección de erros no D.O.G.
nº 103, do 1 de xuño).
Artigo 104º.- Auditorías
e clases.
- As auditorías a que se refire o artigo anterior consistirán
na comprobación posterior da actividade económico-financeira
do ente controlado, realizada de forma sistemática e
mediante a aplicación de determinados procedementos de
revisión a operacións ou actos singulares seleccionados
para o efecto.
- As ditas auditorías, en función dos obxectivos
e do alcance que para cada control se establezan, poderán
ser das seguintes clases:
- Auditoría financeira, que terá por obxecto
a emisión dun dictame sobre se a información
contable do órgano controlado se presenta de acordo
cos principios, cos criterios e coas normas contables que
sexan aplicables.
- Auditoría de cumprimento, que ten por obxecto determinar
se na xestión das operacións que dean lugar
a dereitos e obrigas de contido económico, na xestión
dos ingresos e pagamentos e mais na recadación, custodia,
investimento ou aplicación en xeral dos recursos
se cumpriu coa legalidade e coas normas e directrices, internas
ou externas, que resulten aplicables.
- Auditoría operativa, o obxecto da cal é
a avaliación da eficacia e a eficiencia alcanzadas
na xestión dos recursos públicos adscritos
a unha entidade para o cumprimento dos seus obxectivos.
Este sistema de auditoría será o utilizado
para a avaliación do grao de cumprimento dos obxectivos
físicos e financeiros previstos nos programas de
gasto.
- Auditorías de sistemas e procedementos, a finalidade
das cales é recomendar e propoñer melloras
e modificacións parciais ou xerais, nos procedementos
de xestión económico-financeira, sobre a base
das posibles debilidades ou disfuncionalidades detectadas
na súa revisión.
Artigo 105. Iniciación e
desenvolvemento.
- O control financeiro ordinario iniciarase por acordo do interventor
xeral da Comunidade, quen delimitará a clase e o alcance
do control que se vai efectuar, e desenvolverase directamente
por medio de funcionarios ou equipos de control destacados temporalmente
para o efecto e dirixido por interventores dependentes do interventor
xeral.
- O control financeiro permanente realizarase de acordo coas
seguintes características:
- Exercerao a Intervención Xeral da Comunidade a
través das intervencións delegadas nos servicios,
organismos, sociedades e entes públicos nos que se
encontre establecido este réxime de control, sen
prexuízo das actuacións de control ordinario
que, con carácter excepcional e alcance limitado,
poida realizar directamente o citado centro directivo.
- As actuacións e os traballos necesarios para o
seu desenvolvemento efectuaranse de forma permanente e continuada
ó longo dos diferentes exercicios, e non se requirirá
acordo expreso da Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma para a súa iniciación.
- As ditas actuacións realizaranse, como regra xeral,
sobre a base do principio de proximidade temporal respecto
da actividade ou dos actos obxecto de control.
- A Intervención Delegada encargada do control financeiro
permanente deberá recibir información permanente,
actualizada e detallada da actividade obxecto de control,
dos seus obxectivos e do avance no seu cumprimento, na forma
e coa periodicidade que a dita oficina determina, co fin
de ter un coñecemento completo dela.
Artigo 106º.- Ámbito
de aplicación.
- O control financeiro permanente será aplicable nos
seguintes entes do sector público de Galicia, sempre
que, de conformidade co disposto no número 4 do artigo
94º desta lei, non estea establecida a función interventora:
- Os organismos autónomos da Comunidade de carácter
industrial, comercial, financeiro ou análogo.
- O ente público Radiotelevisión de Galicia
(176).
- As consellerías, servicios, organismos autónomos
de carácter administrativo, sociedades e entes públicos
(177), calquera que
sexa a súa denominación e forma xurídica,
en que así se determine, de conformidade co previsto
no punto seguinte.
- A aplicación do réxime de control financeiro
permanente ás consellerías, servicios, organismos,
sociedades e entes nos que actualmente non se encontre establecido
efectuarase:
- Mediante orde do conselleiro de Economía e Facenda
por proposta da Intervención Xeral da Comunidade,
nos supostos de consellerías, servicios ou organismos
autónomos nos que xa exista Intervención Delegada.
- Mediante acordo da Xunta por proposta do conselleiro de
Economía e Facenda, nos supostos de servicios, sociedades
ou entes públicos nos que non exista Intervención
Delegada da Intervención Xeral da Comunidade.
- A relación de dependencia e as condicións de
funcionamento dos interventores delegados no exercicio do control
financeiro permanente serán as mesmas cás vixentes
para a función interventora.
- Para a aplicación do disposto neste artigo as intervencións
delegadas encargadas do control financeiro permanente poderán
requirir información referida a:
- Dereitos e obrigas, compras e vendas.
- Investimentos e outros contratos
- Cobros e pagamentos.
- Composición e detalle de saldos en contabilidade.
- Operacións que se vaian realizar ou en curso de
especial significación ou importancia.
- Existencias de fondos, de materiais e de bens de calquera
natureza.
- Calquera outro aspecto financiero ou organizativo que
se considere de interese en atención ás características
do ente controlado.
As intervencións delegadas deberán recibir
un exemplar das contas e doutros estados anuais, así
como dos que se elaboren con outra periodicidade, e terán
acceso directo ós sistemas de información
dos que se deriven as ditas contas e estados.
- Se no exercicio do control financeiro permanente se puxesen
de manifesto graves irregularidades, daráselle conta
á Intervención Xeral, propoñendo, se é
o caso, a substitución dese procedemento de control polo
exercicio da función interventora.
- Os interventores delegados deberán elaborar para cada
ente un plan anual de actuación, que se someterá
á aprobación da Intervención Xeral da Comunidade.
O dito plan conterá o detalle das actuacións que
se van realizar e o seu calendario de execución, así
como a periodicidade dos informes e das datas previstas de emisión.
Os plans de actuación incluirán, en todo caso,
a realización de:
- Auditoría permanente de cumprimento.
- Revisións de rexistros e procedementos contables
e das existencias e dos movementos de fondos.
- Auditoría financeira das contas anuais.
- Auditoría de programas sobre o nivel de realización
de obxectivos e análises das causas das desviacións.
Os citados plans incluirán ademais, se procede, a
realización doutras auditorías operativas,
de sistemas e procedementos ou outros tipos de control dos
previstos no artigo 104 desta lei, nos casos e co alcance
nos que así se determine.
(176) Téñase presente o
Decreto 480/1990, do 10 de outubro, sobre control financeiro,
réxime presupostario e contable do ente público
C.R.TV.G.
e as súas sociedades (D.O.G.
nº 210, do 25 de outubro).
(177) Véxase a Resolución
da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xaneiro
de 1993 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello
da Xunta de Galicia do 28 de xaneiro de 1993, no que se establece
o control financeiro permanente do IGAPE
(D.O.G. n
º 22, do 3 de febreiro).
Artigo 107º.- Plan anual de
auditorías.
- O control financeiro ordinario enmarcará a súa
actuación nun plan anual de auditorías que se
debe realizar en cada exercicio, a elaboración do cal
lle corresponde á Intervención Xeral da Comunidade.
- O plan comprenderá as entidades sobre as que se realizarán
controis financeiros de carácter ordinario no exercicio
económico a que se refira, con indicación, en
cada caso, do tipo de control que se debe realizar e do seu
alcance.
- O plan terá carácter aberto e poderá
ser modificado para a realización de controis específicos,
en atención ós medios dispoñibles e por
outras razóns debidamente ponderadas.
- Para o desenvolvemento do control financeiro ordinario, a
Intervención Xeral da Comunidade poderá solicita-la
colaboración de empresas privadas de auditorías,
que deberán axustarse ás normas e instruccións
que determine o dito centro directivo.
Para solicita-la dita colaboración será necesaria
unha orde do conselleiro de Economía e Facenda, na que
se especificará a insuficiencia dos servicios da Intervención
Xeral da Comunidade que xustifique a dita colaboración.
Artigo 108º.- Resultado e
informes.
- Do resultado das actuacións de control financeiro ordinario
ou permanente emitirase informe coa estructura, co procedemento
e co contido que regulamentariamente se determine.
- Os informes derivados das actuacións de control financeiro
ordinario elevaránselle á Intervención
Xeral da Comunidade para a súa remisión ó
conselleiro de Economía e Facenda e ós órganos
responsables e de tutela dos servicios ou organismos controlados.
- Os informes que teñan a súa orixe en actuacións
de control financeiro permanente remitiránselle ó
titular da xestión e ademais á Intervención
Xeral da Comunidade cando estes teñan un carácter
xeral ou fosen realizados por algunha circunstancia especial.
|
|
CAPÍTULO II.
Da contabilidade (178)
(178) Téñase en conta a
Orde da Consellería de Economía e Facenda do 28
de novembro de 2001 pola que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade
Pública de Galicia (D.O.G.
nº 239, do 12 de decembro).
Artigo 109º.- Réxime.
- A administración da Comunidade Autónoma (179),
dos seus organismos autónomos (180)
e das sociedades públicas (181)
de Galicia queda sometida ó réxime de contabilidade
pública nos termos previstos nesta lei.
- A suxeición ó réxime de contabilidade
pública comporta a obriga de renderlles contas das respectivas
operacións e transaccións económicas, calquera
que sexa a súa natureza, ó Tribunal de Contas
e ó Consello de Contas de Galicia (182).
- O disposto no parágrafo anterior élles aplicable
ó emprego dos fondos para xustificar (183)
e ó das transferencias correntes e de capital con cargo
ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, calquera
que sexa o seu perceptor.
- As obrigas que se determinen no presente artigo entenderanse
sen prexuízo das facultades que a Constitución
lle confire ó Tribunal de Contas.
(179) Ademáis da Orde do 28 de
novembro de 2001 pola que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade
Pública de Galicia, véxase a Orde da Consellería
de Economía e Facenda do 1 de decembro de 1989 pola que
se implanta un novo sistema de información contable na
Administración da Xunta de Galicia (D.O.G.
nº 238, do 14 de decembro), vixente en canto non se opoña
á anterior, modificada polas Ordes do 31 de maio de 1994
(D.O.G. nº
115, do 16 de xuño), do 1 de febreiro de 1999 (D.O.G.
nº 28, do 11 de febreiro) e do 23 de novembro de 1999 (D.O.G.
nº 234, do 3 de decembro).
Véxase tamén a Orde da Consellería de Economía
e Facenda do 26 de decembro de 1986 pola que se aproba a instrucción
provisoria de contabilidade do gasto público da Comunidade
Autónoma de Galicia (D.O.G.
nº 8, do 14 de xaneiro de 1987), vixente en canto non se
opoña á citada orde do 28 de novembro de 2001 pola
que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade Pública de
Galicia.
Téñase en conta, así mesmo, a Orde conxunta
das Consellerías da Presidencia e Administración
Pública e de Economía e Facenda do 20 de maio de
1991 pola que se aproban instruccións provisionais sobre
a contabilización e xestión de créditos desconcentrados
(D.O.G. nº
96, do 22 de maio. Corrección de erros no D.O.G.
nº 136, do 17 de xullo).
Finalmente, a Orde da Consellería de Economía e
Facenda do 21 de decembro de 2001 pola que se regula o traspaso
dunha contabilidade en pesetas a unha contabilidade en euros na
Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais
entidades suxeitas ó réxime de contabilidade pública
(D.O.G. nº
250, do 28 de decembro).
(180) A Orde da Consellería de
Economía e Facenda do 28 de novembro de 2001 pola que se
aproba o Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia
(D.O.G. nº
239, do 12 de decembro) aplícase tamén ós
organismos autónomos ós que se refire o artigo 11
desta Lei.
(181) A Orde da Consellería de
Economía e Facenda do 28 de novembro de 2001 pola que se
aproba o Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia
(D.O.G. nº
239, do 12 de decembro) aplícase ás sociedades públicas
autonómicas a que se refire o artigo 12 desta Lei, sometidas
ó réxime de contabilidade pública, de acordo
coa súa normativa específica.
Téñase presente o Decreto 480/1990, do 10 de outubro,
sobre control financeiro, réxime presupostario e contable
do ente público C.R.TV.G.
e as súas sociedades (D.O.G.
nº 210, do 25 de outubro).
(182) Sobre a regulación do Tribunal
de Contas e do Consello de Contas de Galicia, véxanse as
notas do artigo 93.1 desta lei.
(183) Artigo 77 desta lei.
Artigo 110º.- Competencias
da Consellería de Economía e Facenda.
É competencia da Consellería de Economía
e Facenda a organización da contabilidade pública
ó servicio dos seguintes fins:
- Rexistra-la execución dos orzamentos xerais da Comunidade
nas súas distintas fases.
- Coñece-lo movemento e a situación da Tesourería.
- Reflecti-las variacións, a composición e a situación
do patrimonio da Comunidade e do inventario de bens afectados
ós fins dos organismos autónomos e das sociedades
públicas.
- Proporcionárlle-los datos necesarios para a formación
e o rendemento da Conta Xeral da Comunidade, así como
das demais contas, estados e documentos que deban elaborarse
ou remitirse ó Consello de Contas de Galicia e ó
Tribunal de Contas.
- Facilita-los datos e outros antecedentes necesarios para a
confección das contas económicas do sector público
estatal.
- Rende-la información económica e financeira
que sexa necesaria para a toma de decisións tanto na
orde política coma na de xestión.
Artigo 111º.- Funcións
da Intervención Xeral como centro directivo.
A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma é
o centro directivo da contabilidade pública de Galicia
e correspóndenlle as seguintes funcións (184):
- Someter á decisión do conselleiro de Economía
e Facenda o Plan de contabilidade pública de Galicia,
ó que se adaptarán os organismos, as corporacións
(185) e as demais entidades
comprendidas no sector público de Galicia, mantendo a
debida coordinación co Plan xeral de contabilidade pública.
- Promove-lo exercicio da potestade regulamentaria (186)
no tocante á determinación da estructura, xustificación,
tramitación e rendemento de contas, informes e demais
documentos relativos á contabilidade pública,
podendo dictar para o efecto circulares e instruccións
polos procedementos que se determinen nas leis e nos regulamentos.
- Aproba-los plans parciais ou especiais de contabilidade pública
que se elaboren conforme o Plan de contabilidade pública
de Galicia, ou o Plan xeral de contabilidade do sector privado,
respecto das sociedades públicas.
- Inspecciona-la contabilidade de toda clase de organismos públicos
da Comunidade Autónoma.
(184) Véxase o artigo 5 do Decreto
115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estructura
orgánica da Consellería de Economía e Facenda
(D.O.G. nº
113, do 14 de xuño).
(185) Véxase a Orde da Consellería
de Economía e Facenda do 28 de novembro de 2001 pola que
se aproba o Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia
(D.O.G. nº
239, do 12 de decembro), aplicable tamén ás corporacións
e outras entidades comprendidas no sector público de Galicia.
(186) Téñase en conta a
orde anual da Consellería de Economía e Facenda
na que se regulan as operacións de peche de cada exercicio
económico en relación coa contabilidade dos gastos
públicos.
Artigo 112º.- Funcións
como centro xestor.
- Como centro xestor da contabilidade pública, correspóndelle
á Intervención Xeral:
- Forma-la Conta Xeral da Comunidade Autónoma e elabora-la
memoria que a acompaña.
- Preparar e examina-las contas que se lles deban render
ó Consello de Contas de Galicia e ó Tribunal
de Contas, e formula-las observacións que, se é
o caso, se estimen necesarias.
- Solicita-la presentación de contas, estados e outros
documentos suxeitos a exame crítico.
- Centraliza-la información deducida da contabilidade
das corporacións, organismos, entidades e demais
axentes que integran o sector público de Galicia.
- Elabora-las contas económicas do sector público
de Galicia, de acordo co sistema de contas en vigor para
todo o Estado.
- Vixiar e impulsa-las actividades das oficinas de contabilidade
de tódolos organismos e servicios da Comunidade.
- Tódolos informes e dictames económico-contables
que deban emiti-las entidades sometidas ó réxime
de contabilidade pública deberán ser solicitados
a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
- Para os efectos previstos neste artigo, o rendemento de toda
clase de contas polos procedementos ordinarios deberase realizar
a través da Intervención Xeral.
Artigo 113º.- Soporte documental.
A contabilidade pública levarase en libros, rexistros
e contas, segundo os procedementos técnicos establecidos
que sexan máis convenientes pola índole das operacións
e das situacións que neles deban anotarse, sen prexuízo
de que as sociedades públicas se axusten ás disposicións
do Código de comercio, ás que se dicten no seu desenvolvemento
e ó Plan xeral de contabilidade vixente para as empresas
españolas (187).
(187) Téñase presente o
Real Decreto 1643/1990, do 20 de decembro, polo que se aproba
o Plan Xeral de Contabilidade (B.O.E.
nº 310, do 27 de decembro. Corrección de erros no
B.O.E.
nº 63, do 14 de marzo de 1991). Derrogado parcialmente, na
súa disposición final sétima, pola disposición
derrogatoria 1.24 da Lei 43/1995, do 27 de decembro, do imposto
sobre sociedades (B.O.E.
nº 310, do 28 de decembro) e na norma de valoración
14º , pola Orde do Ministerio de Economía do 18 de
decembro de 2001 (B.O.E.
nº 306, do 22 de decembro).
Téñase en conta tamén a Orde do Ministerio
de Hacienda do 19 de outubro de 2001 pola que se regula a transición
dunha contabilidade en pesetas a unha contabilidade en euros na
Administración Xeral do Estado e naqueles organismos públicos
sometidos ó Plan Xeral de Contabilidade Pública
(B.O.E.
nº 260, do 30 de outubro).
Artigo 114º.- Contadantes.
Serán contadantes das contas que teñan que renderse
ó Consello de Contas de Galicia e, se é o caso,
ó Tribunal de Contas:
- Os funcionarios que teñan ó seu cargo a xestión
dos ingresos e a realización dos gastos, así como
as demais operacións da Administración da Comunidade.
- Os presidentes ou directores dos organismos autónomos,
sociedades públicas e demais entes que conforman o sector
público de Galicia.
- Os particulares que, excepcionalmente, administren, recaden
ou custodien fondos ou valores da Comunidade, sen prexuízo
de que sexan intervidas as respectivas operacións.
- Os perceptores das transferencias a que se refiren os artigos
78º e 109º.3 desta lei.
Artigo 115º.- Forma e prazos.
As contas e a documentación que se lles deban render ó
Consello de Contas de Galicia (188)
e ó Tribunal de Contas formaranse e cerraranse por períodos
trimestrais, excepto as correspondentes ós organismos autónomos,
sociedades públicas e demais entes que conforman o sector
público de Galicia, que o serán anualmente.
(188) Véxase a Circular da Intervención
Xeral da Comunidade Autónoma do 9 de decembro de 1999 pola
que se dictan normas relativas á documentación que
se lle debe render ó Consello de Contas (D.O.G.
nº 248, do 27 de decembro), dictada como consecuencia da
aprobación da Orde da Consellería de Economía
e Facenda do 23 de novembro de 1999 pola que se modifica a do
1 de decembro de 1989, sobre a implantación dun novo sistema
de información contable na Xunta de Galicia (D.O.G.
nº 234, do 3 de decembro de 1999).
Artigo 116º.- Sociedades públicas,
entes e organismos.
A contabilidade pública das sociedades públicas,
entes e organismos (189)
queda sometida á verificación ordinaria e extraordinaria
a cargo dos funcionarios dependentes do interventor xeral da Comunidade
e dos que, se é o caso, designe o Tribunal de Contas ou
o Consello de Contas.
(189) Artigos 11 e 12 desta lei.
Artigo 117º.- Publicidade
e información.
- A Consellería de Economía e Facenda publicará
no Diario Oficial de Galicia os seguintes datos trimestrais:
- Do movemento do tesouro por operacións orzamentarias
e extraorzamentarias, e da súa situación.
- Das operacións de execución do orzamento
da Comunidade Autónoma e das súas modificacións.
- Das demais que se consideren de interese.
- Os organismos autónomos, as entidades públicas
e as sociedades mercantís con participación maioritaria
da Xunta remitiranlle trimestralmente á Consellería
de Economía e Facenda un estado da súa situación
financeira, de acordo coa estructura que esta determine (190).
- Trimestralmente, o conselleiro de Economía e Facenda
daralle conta á Comisión 3ª, de Economía,
Facenda e Orzamentos, do estado de execución orzamentaria.
(190) Véxase a Orde da Consellería
de Economía e Facenda do 15 de setembro de 1988 pola que
se establece a documentación que os organismos autónomos
de carácter industrial, comercial, financeiro e análogos,
entes públicos e empresas públicas deben remitir
á Consellería de Economía e Facenda (D.O.G.
nº 189, do 30 de setembro).
Véxase tamén a Resolución da Consellería
de Economía e Facenda do 31 de marzo de 1999 pola que se
ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de
Galicia do 18 de marzo de 1999, no que se lle da aplicación
á previsión do artigo 103 da Lei 11/1992, do 7 de
outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia,
respecto do control financeiro (D.O.G.
nº 82, do 30 de abril. Corrección de erros no D.O.G.
nº 103 do 1 de xuño). Esta disposición foi
desenvolta pola Resolución da Consellería de Economía
e Facenda do 24 de maio de 1999, pola que se aproban os modelos
de información trimestral e comunicación previa
do gasto previstos no citado acordo do Consello da Xunta de Galicia
do 18 de marzo de 1999, polo que se implanta o sistema integrado
de información e control permanente de sociedades e fundacións
públicas de Comunidade Autónoma de Galicia. (D.O.G.
nº 107, do 7 de xuño).
|
|
CAPÍTULO III.
Da Conta Xeral da Comunidade
Artigo 118º.- Documentación.
- A Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comprenderá
tódalas operacións orzamentarias, patrimoniais
e de Tesourería levadas a cabo durante o exercicio e
constará dos seguintes documentos:
- Conta da Administración da Comunidade.
- Conta dos organismos autónomos de carácter
administrativo.
- Conta dos organismos autónomos de carácter
industrial, comercial, financeiro ou análogo.
- Conta das sociedades públicas e demais entes públicos.
- Conta do patrimonio da Comunidade e dos seus organismos
autónomos.
- Achegaráselle á Conta Xeral un estado no que
se reflicta o movemento e a situación dos avais concedidos
pola Comunidade Autónoma e polas súas sociedades
públicas (191).
(191) Artigos 40 a 45 desta lei.
Artigo 119º.- Formación.
A Conta da Administración da Comunidade formarase con
base nos estados e documentos que determine a Consellería
de Economía e Facenda e, en particular, polos seguintes:
- A liquidación do orzamento, especificando os créditos
iniciais e as súas modificacións, así como
a liquidación dos estados de ingresos e gastos nas súas
distintas fases de xestión orzamentaria.
- Un estado demostrativo dos compromisos de gastos adquiridos
con cargo a exercicios futuros, facendo uso do disposto no artigo
58º desta lei.
- Un estado demostrativo da evolución e situación
dos valores que se deben cobrar e das obrigas que se deben pagar
procedentes de exercicios anteriores.
- A Conta Xeral de Tesourería que poña de manifesto
a súa situación e as operacións realizadas
durante o exercicio.
- A Conta Xeral do endebedamento público.
- O resultado do exercicio económico, que recollerá
a determinación do superávit, o déficit
ou nivelación da liquidación do orzamento, o remanente
de Tesourería resultante e a variación dos activos
e pasivos financeiros.
Artigo 120º.- Organismos autónomos.
- Coas contas rendidas polos organismos autónomos (192)
e demais documentos que se lle deban render ó Consello
de Contas de Galicia e ó Tribunal de Contas, a Intervención
Xeral da Comunidade elaborará estados anuais agregados
que permitan ofrecer unha visión global da xestión
realizada no exercicio pola totalidade daqueles.
- Á Conta Xeral da Comunidade Autónoma unirase
unha memoria na que se demostre o grao de cumprimento dos obxectivos
previstos para cada un dos programas de gasto.
- A Consellería de Economía e Facenda establecerá
a estructura e o contido das contas e estados a que fai referencia
o número 1 anterior, así como das contas que deban
rende-los demais entes do sector público de Galicia.
(192) Artigo 11 desta lei.
Artigo 121º.- Revisión
e aprobación. (193)
- A Conta Xeral da Comunidade de cada ano formarase antes do
31 de agosto do ano seguinte ó que se refire e remitirase
logo de acordo da Xunta ó Consello de Contas de Galicia
e ó Tribunal de Contas dentro dos dous meses seguintes
á súa formación.
- A Conta Xeral da Comunidade Autónoma deberá
ser aprobada polo Parlamento de Galicia para efectos de dar
cumprimento ó disposto na alínea b) do artigo
10 do Estatuto de autonomía.
(193) Debe entenderse "remisión".
|
Volver: Sumario - Título
I
| Título
II
| Título
III
| Título
IV
| Continuar: Título
VI - Disposicións
|