Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

DECRETO LEXISLATIVO 1/1999, DO 7 DE OUTUBRO, POLO QUE SE APROBA O TEXTO REFUNDIDO DA LEI DE RÉXIME FINANCEIRO E ORZAMENTARIO DE GALICIA

TÍTULO III.
Dos orzamentos xerais da comunidade autónoma

CAPÍTULO I.
Contido e aprobación (103)

(103) Artigo 53 do Estatuto de Autonomía para Galicia, aprobado pola Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril (B.O.E. nº 101, do 28 de abril).

Artigo 46º.- Concepto.

  1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma constitúen a expresión cifrada, conxunta e sistemática:
    1. Das obrigas que, como máximo, se poderán recoñecer e os dereitos que se prevexan liquidar por parte da Comunidade e dos seus organismos autónomos durante o exercicio orzamentario.
    2. Dos obxectivos que se pretendan conseguir coa utilización dos recursos financeiros consignados neles.
    3. Das estimacións dos fluxos financeiros das sociedades públicas.
    4. Da totalidade dos gastos e ingresos dos demais entes públicos.
    5. Dos beneficios fiscais estimados.
  2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma enmarcaranse nun escenario plurianual que conteña as liñas básicas da actuación a medio prazo do sector público galego.
  3. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma presentaranse e aprobaranse de forma que os estados de gastos non superen os recursos totais previstos nos respectivos estados de ingresos.
  4. Logo de autorización do conselleiro de Economía e Facenda poderán xestionarse como operacións extra orzamentarias aquelas nas que a actividade da Comunidade, dos seus organismos autónomos e das sociedades públicas autonómicas de carácter non mercantil se limite á realización de funcións de intermediación na súa xestión (104).

(104) Artigo modificado polo artigo 13 da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas (D.O.G. nº 251, do 29 de decembro). A súa redacción anterior era:

Logo da autorización do conselleiro de Economía e Facenda poderán xestionarse e contabilizarse como operacións extraorzamentarias aquelas nas que a actividade da Comunidade e dos seus organismos autónomos se limite á realización de funcións de intermediación na súa xestión.

Artigo 47º.- O exercicio orzamentario.

O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural (105) e a el imputaránselle:

  1. Os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período ó que correspondan.
  2. As obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servicios ou outro tipo de gastos realizados con cargo ós créditos respectivos dentro do correspondente ano natural, sen prexuízo do disposto no punto 2 do artigo 60º.

(105) Véxase a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (D.O.G. nº 34, do 19 de febreiro. Corrección de erros no D.O.G. nº 43, do 4 de marzo), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (D.O.G. nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (D.O.G. nº 209, do 29 de outubro). Véxase tamén o Decreto 63/1987, do 17 de marzo, sobre obrigas de exercicios pechados e sobre imputación a exercicio corrente de obrigas recoñecidas ou xeradas en anos anteriores (D.O.G. nº 61, do 31 de marzo).

Artigo 48º.- Contido.

  1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma estarán integrados:
    1. Polo orzamento da Comunidade.
    2. Polos orzamentos dos organismos autónomos.
    3. Polos orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas.
    4. Polos orzamentos dos demais entes públicos a que fai referencia o artigo 12º desta lei.
  2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma conterán:
    1. Os estados de gastos, nos que se especificarán na forma establecida os créditos necesarios para darlles cumprimento ás obrigas.
    2. Os estados de ingresos, nos que se detallarán as estimacións dos dereitos económicos que se liquidarán durante o exercicio orzamentario.
    3. Os estados financeiros dos organismos autónomos comerciais, industriais ou financeiros a que fai referencia o artigo 11º desta lei.
    4. Os estados financeiros das sociedades públicas.

Artigo 49º.- Estructura.

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustaranse, en canto á súa estructura, ás seguintes regras:

  • Primeira
    1. Os estados de gastos confeccionaranse aplicando unha clasificación funcional por programas. Así mesmo, as clasificacións orgánica e económica informarán, respectivamente, sobre o axente que realiza o gasto e a súa natureza (106).
    2. Para cada programa de gasto estableceranse os obxectivos que se pretenden conseguir cos recursos que se lle asignen, así como sempre que sexa posible os indicadores de seguimento que se consideren adecuados para analiza-lo grao de consecución destes.
    3. Presentaranse con separación os gastos correntes e os gastos de capital, e a súa clasificación económica rexerase polos seguintes criterios:
      1. Nos créditos para gastos correntes distinguiranse os de funcionamento dos servicios, os gastos financeiros e as transferencias correntes.
      2. Nos créditos para gastos de capital distinguiranse os de investimentos reais, as transferencias de capital e as variacións de activos e pasivos financeiros.
  • Segunda

    Os estados de ingresos presentarán unha clasificación económica distinguindo os correspondentes a operacións correntes e a operacións de capital.

(106) Sobre as clasificacións orzamentarias véxase a orde anual da Consellería de Economía e Facenda pola que se establece a normativa a seguir para a confección dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 50º.- Competencias das consellerías.

  1. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda determinar con carácter xeral as estructuras básicas dos orzamentos e os demais estados financeiros correspondentes á Comunidade, ós seus organismos autónomos e ós demais entes e sociedades públicas (107).
  2. As distintas consellerías adoptarán as ditas estructuras básicas e desenvolveranas en función das súas propias necesidades de xestión e das dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas a elas adscritas.
  3. Os obxectivos e indicadores de seguimento ós que fai referencia o artigo 49. Primeira. b) estableceranos as consellerías, os organismos autónomos e demais entes públicos, de acordo coa Consellería de Economía e Facenda.

(107) Debe terse en conta a orde anual da Consellería de Economía e Facenda pola que se establece a normativa a seguir para a confección dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 51º.- Elaboración dos orzamentos xerais.

O procedemento para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustarase ás seguintes normas:

  1. Os órganos estatutarios da Comunidade Autónoma e as consellerías remitiranlle á de Economía e Facenda antes do 1 de xullo os seus respectivos estados de gastos debidamente documentados e axustados ás normas que lles sexan aplicables e ás directrices establecidas pola Xunta.
  2. Dentro do mesmo prazo e coas mesmas formalidades indicadas no punto anterior, cada unha das consellerías remitirá:
    1. Os anteproxectos de orzamentos de gastos e ingresos dos organismos autónomos que teñan adscritos, formando un só orzamento para cada organismo, incluíndo nos que teñan carácter comercial, industrial ou financeiro os estados financeiros a que fai referencia o artigo 82º da presente lei.
    2. Os anteproxectos de orzamentos de ingresos e gastos dos entes públicos ós que fai referencia o artigo 12º desta lei que lle estean adscritos.
    3. Os anteproxectos de orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas que teñan adscritas.
  3. O anteproxecto de orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma no que se recolla a estimación dos recursos derivados das súas fontes xerais de financiamento elaborarao a Consellería de Economía e Facenda.
  4. Tendo en conta os estados de ingresos e gastos mencionados e o marco macroeconómico no que se conteña a previsible actividade económica do exercicio orzamentario seguinte, a Consellería de Economía e Facenda formulará o anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e someterao a acordo da Xunta.
  5. Xunto co anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma remitiráselle ó Consello da Xunta a seguinte documentación:
    1. A conta consolidada dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
    2. Unha memoria explicativa do seu contido e das principais diferencias existentes neles en relación co orzamento en vigor.
    3. A liquidación dos orzamentos do ano anterior e un avance dos do exercicio corrente.
    4. Un informe económico e financeiro.
    5. Un anexo de investimentos reais, que conterá a valoración dos proxectos de investimento público que se van realizar e a súa distribución territorial. No caso de investimentos plurianuais, indicarase o investimento de cada ano.
      Dentro do dito anexo de investimentos reais distinguiranse os proxectos de investimento en vinculantes e non vinculantes. Os créditos destinados a proxectos de investimento ós que se lles dea carácter vinculante non poderán destinarse ó financiamento doutros proxectos, agás por autorización do conselleiro de Economía e Facenda. Trimestralmente comunicaráselle á Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia a relación das autorizacións realizadas, no caso de as haber.
    6. Un anexo de transferencias.
    7. Un anexo de persoal.

Artigo 52º.- Remisión ó Parlamento.

O proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, xunto coa documentación establecida no número 5 do artigo anterior, remitiráselle ó Parlamento de Galicia antes do 20 de outubro, para os efectos do artigo 53º 1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 53º.- Orzamentos das deputacións provinciais.

A Xunta remitiralle igualmente ó Parlamento de Galicia os orzamentos das deputacións provinciais, para os efectos previstos na disposición adicional terceira do Estatuto de autonomía e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (108).

(108) Publicada no D.O.G. nº 149, do 5 de agosto e modificada polas disposicións adicionais 4ª e 5ª da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, presupostarias e de función pública e actuación administrativa (D.O.G. nº 252, do 31 de decembro).
Ó peche desta edición está en tramitación unha nova Lei de Administración Local de Galicia. O proxecto de lei foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 20 de xaneiro de 2005.

Artigo 54º.- Prórroga dos orzamentos xerais.

Se a lei de orzamentos xerais non fose aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico no que teña que aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

  1. A Consellería de Economía e Facenda poderá elaborar, se é o caso, os correspondentes estados de gastos nos que se detallarán os importes dos créditos prorrogados. Os ditos importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado as operacións seguintes:
    1. Excluiranse aqueles gastos que correspondan a actuacións que deban quedar ultimadas ó finaliza-lo exercicio os orzamentos do cal se prorrogan, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia.
    2. Nos indicados estados de gastos incluiranse aqueles créditos que correspondan a actuacións de urxente iniciación ou cobertura, sempre que teñan cabida dentro das baixas motivadas polo indicado na alínea a) anterior.
    3. O conselleiro de Economía e Facenda determinará qué modificacións orzamentarias das realizadas durante o exercicio os orzamentos do cal se prorrogan se consolidarán nos estados de gastos a que fai referencia a alínea a).
  2. Durante o período de prórroga seralles aplicable ós estados de gastos resultantes do disposto no número anterior o contido no capítulo II deste título III.
  3. Unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade procederase a imputarlles a estes as operacións realizadas durante o período de prórroga, de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Economía e Facenda.
    No caso de non existir nos orzamentos aprobados créditos ós que lles imputar expedientes de gasto tramitados durante o período de prórroga, a consellería ou o organismo autónomo afectado propoñeralle á Consellería de Economía e Facenda aqueles créditos do orzamento aprobado con cargo ós cales deberá efectuarse a imputación.
  4. A Consellería de Economía e Facenda confeccionará así mesmo os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga e que se elaborarán en función das previsións que poidan derivarse ben da liquidación dos orzamentos de ingresos do exercicio prorrogado ou de calquera outro dato válido para sustenta-las ditas previsións, sempre que non supoña a introducción de ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio do cal se prorroga o orzamento.
  5. O texto da Lei de orzamentos correspondente ós que se prorrogan tamén se prorrogará nos seus propios termos, excepto aquelas disposicións que polas súas propias características só puidesen ter exclusiva vixencia durante o respectivo ano natural.

Artigo 55º.- Dereitos e obrigas recoñecidas.

  1. Os dereitos liquidados e as obrigas recoñecidas aplicaranse ós orzamentos polo seu importe íntegro, quedando prohibido atender obrigas mediante minoración dos dereitos que se van liquidar ou xa ingresados, a non ser por autorización expresa dunha lei.
  2. Exceptúanse do disposto no punto anterior as devolucións de ingresos que se declaren indebidos por tribunal ou autoridade competentes e o reembolso do custo das garantías achegadas polos contribuíntes para obte-la suspensión cautelar do pagamento de débedas tributarias impugnadas (109), en canto estas sexan declaradas improcedentes e a dita declaración adquira firmeza (110).
  3. Para os efectos deste artigo entenderase por importe íntegro o que resulte despois de aplica-los beneficios fiscais que sexan procedentes, os que deberán ser obxecto de contabilización independente. O importe dos beneficios fiscais que afecten ós tributos propios da Comunidade Autónoma incluiranse na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

(109) Téñase en conta o artigo 34 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (B.O.E. nº 302, do 18 de decembro).

(110) Apartado modificado polo artigo 4º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (D.O.G. nº 252, do 31 de decembro). A súa redacción anterior era:

2. Exceptúanse do disposto no punto anterior as devolucións de ingresos que se declaren indebidos por tribunal ou autoridade competentes.
|
arriba
|

CAPÍTULO II.
Dos créditos e das súas modificacións (111)

(111) Sobre as modificacións orzamentarias téñanse en conta as previsións das leis anuais orzamentarias da Comunidade Autónoma.

Artigo 56º.- Autorización de créditos.

  1. Os créditos consignados nos estados de gastos destinaranse exclusivamente ás finalidades específicas para as que foron autorizados pola lei de orzamentos ou polas modificacións aprobadas conforme esta lei.
  2. Os créditos autorizados nos programas de gastos teñen carácter limitativo e vinculante no nivel de concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal, excepto os que se refiren a incentivos ó rendemento, e os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante no nivel de artigo (112).
  3. No orzamento correspondente ós servicios transferidos do Insalud a vinculación anterior entenderase referida ós seus grupos de programas, atendidos o alcance e grao de pormenor da súa estructura na citada clasificación, en tanto en canto a dita estructura difira da establecida con carácter xeral para a Comunidade Autónoma.
  4. En todo caso terán carácter vinculante, co nivel de desagregación económica co que aparezan nos estados de gastos, os créditos destinados a atencións protocolarias e representativas e os declarados ampliables conforme o artigo 64º desta lei.

(112) Sobre a vinculación de créditos téñase en conta a lei anual de orzamentos.

Artigo 57º.- Nulidade de obrigas.

  1. Non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos figurados nos estados de gastos, sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais con rango inferior a lei que infrinxan a expresada norma, sen prexuízo das responsabilidades a que haxa lugar (113).
  2. Exceptúanse do disposto no número 1 anterior aqueles compromisos de gastos que regulamentariamente se determinen, cando a imputación corresponda a créditos ampliables (114) ou que se adquiran como consecuencia das necesidades propias do normal funcionamento dos servicios e o seu importe exacto sexa de difícil previsión por corresponder a obrigas de tracto sucesivo.

(113) En relación á nulidade de pleno dereito téñanse en conta os artigos 62 e 102 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administración Públicas e do procedemento administrativo común (B.O.E. nº 285, do 27 de novembro), modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (D.O.G. nº 12, do 14 de xaneiro). En canto ás responsabilidades, véxanse os artigos 122 e seguintes deste texto refundido.

(114) Artigo 64 desta lei.

Artigo 58º.- Gastos plurianuais. (115)

  1. Poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual, aínda que a súa execución deba iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a seguir se especifican:
    1. Investimentos e transferencias de capital.
    2. Transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei, ou que se concedan a través de convocatorias ou do asinamento de convenios (116), logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.
    3. Gastos en bens e servicios dos que a súa contratación baixo as modalidades establecidas na Lei de contratos das administracións públicas non poida ser estipulada ou resulte antieconómica por prazo que comprenda un só exercicio orzamentario.
    4. Arrendamentos de bens inmobles que vaian ser utilizados por organismos ou servicios da Comunidade Autónoma.
    5. Cargas financeiras derivadas de operacións de endebedamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.
    6. Activos financeiros.
    7. Convenios con universidades e outras institucións ou centros docentes cando aqueles deban executarse durante cursos académicos coincidentes con dous exercicios orzamentarios (117).
  2. A autorización ou realización dos gastos de carácter plurianual subordinarase ós créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
  3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), f) e g) e os gastos en bens da letra c) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos contratos de consultoría e asistencia e nos de servicios.
    O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de lle aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ó 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos ós que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.
    O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos (118).
  4. Tamén poderá ser diferido o pagamento do prezo de compra das adquisicións de bens inmobles cando o importe exceda de 350 millóns de pesetas, sen que en ningún caso o desembolso inicial no momento de asina-la escritura poida ser inferior ó 30% do prezo, podendo distribuírse libremente o resto ata en catro anualidades sucesivas ós respectivos vencementos dentro das limitacións do punto anterior (119).
  5. Con independencia do establecido nos números anteriores para os programas e proxectos de gastos de capital que se especifiquen nas leis de orzamentos, poderán adquirirse compromisos de gastos que teñan que estenderse a exercicios futuros ata o importe que para cada unha das anualidades se determine.
    Para estes efectos, cando nos créditos orzamentarios se encontren incluídos proxectos das características sinaladas anteriormente, as porcentaxes a que se refire o número 3 deste artigo aplicaranse sobre os ditos créditos, unha vez deducida a anualidade correspondente a estes proxectos.
  6. O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da correspondente consellería e logo dos informes que se xulguen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos (120).
    Este procedemento será igualmente de aplicación no caso dos contratos de obras que se efectuen baixo a modalidade de aboamento total deles, segundo o previsto no artigo 99.2º do texto refundido da Lei de contratos das Administracións Públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, ben se pacte o aboamento total do prezo dunha soa vez ou se fraccione en distintas anualidades, que non poderán ser superiores a dez desde a data fixada para a conclusión das obras (121).
  7. Os compromisos de gastos de carácter plurianual a que fai referencia o presente artigo serán adecuadamente contabilizados de forma independente.

(115) Téñase en conta a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 28 de novembro de 2001, pola que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia (D.O.G. nº 239, do 12 de decembro de 2001). Téñanse en conta tamén nesta materia as previsións das leis anuais de orzamentos.

(116) Véxase a Resolución da Consellería de Economía e Facenda do 8 de abril de 1991 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991 sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (D.O.G. nº 82, do 30 de abril).

(117) Apartado modificado polo artigo 5º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (D.O.G. nº 252, do 31 de decembro). A súa redacción anterior era:

  1. Poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual, aínda que a súa execución deba iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a seguir se especifican:
    1. Investimentos e transferencias de capital.
    2. Transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei.
    3. Gastos en bens e servicios dos que a súa contratación, baixo as modalidades establecidas na Lei de contratos das administracións públicas, non poida ser estipulada ou resulte antieconómica por prazo dun ano.
    4. Arrendamentos de bens inmobles que vaian ser utilizados por organismos ou servicios da Comunidade Autónoma.
    5. Cargas financeiras derivadas de operacións de endebedamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.
    6. Activos financeiros.
    7. Convenios con universidades e outras institucións ou centros docentes cando aqueles deban executarse durante cursos académicos coincidentes con dous exercicios orzamentarios.

(118) Apartado modificado polo artigo 3º da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (D.O.G. nº 251, do 29 de decembro). A súa redacción anterior era:

3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), c), f) e g) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos traballos específicos e non habituais.
O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ó 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos ós que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.
O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial, dese conxunto de conceptos

(119) Artigo 18 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega (D.O.G. nº 78, do 24 de abril), modificado pola disposición adicional 5ª da Lei 2/1988, do 5 de marzo, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1988 (D.O.G. nº 50, do 14 de marzo), e 39 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo (D.O.G. nº 71, do 13 de abril. Corrección de erros no D.O.G. nº 134, do 13 de xullo).

(120) Actualmente a Dirección Xeral de Orzamentos, de acordo co Decreto 115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda (D.O.G. nº 113, do 14 de xuño).

(121) Apartado modificado polo art. 20 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo (D.O.G. nº 84, do 2 de maio). A súa redacción anterior era:

6.- O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, a petición da correspondente consellería e logo dos informes que se estimen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos.

Artigo 59º.- Anulación de créditos.

  1. Os créditos destinados a atender gastos que no último día do exercicio orzamentario non estean afectados ó cumprimento de obrigas recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, salvo as excepcións recollidas no artigo 71º da presente lei.
  2. Malia o indicado no número anterior, a anulación de créditos que por disposición legal teñan o carácter de incorporables non impedirá a continuación da tramitación en forma provisional de expedientes de gastos con base nos mesmos, condicionados a que ó dictarse o acordo de autorización do compromiso de gasto exista crédito adecuado e suficiente.
    En ningún caso esta tramitación provisional poderá xerar dereitos a favor de terceiros.

Artigo 60º.- Regulación de obrigas.

  1. Con cargo ós créditos consignados nos estados de gastos só poderán contraerse obrigas derivadas de adquisicións, obras, prestacións de servicios e demais gastos en xeral que fosen realizados no ano natural do correspondente exercicio orzamentario.
  2. Sen embargo, aplicaránselles ós créditos do orzamento vixente no momento da expedición de ordes de pagamento as seguintes obrigas:
    1. As que resulten do recoñecemento e da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba as súas retribucións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
    2. As derivadas de compromisos de gastos debidamente adquiridos en exercicios anteriores (122).
    3. As que teñan a súa orixe en sentencias xudiciais (123).
    Naqueles casos nos que non exista crédito adecuado no exercicio corrente, por iniciativa da consellería correspondente, o conselleiro de Economía e Facenda poderá determina-los créditos ós que se lles deberá imputa-lo pagamento destas obrigas.

(122) Véxase o Decreto 63/1987, do 17 de marzo, sobre obrigas de exercicios pechados e sobre imputación a exercicio corrente de obrigas recoñecidas ou xeradas en anos anteriores (D.O.G. nº 61, do 31 de marzo).

(123) Este apartado c) foi engadido polo artigo 4º da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (D.O.G. nº 251, do 29 de decembro).

Artigo 61º.- Normativa aplicable.

  1. As modificacións dos créditos orzamentarios axustaranse ó disposto nesta lei e nas leis anuais de orzamentos.
  2. Todo acordo de modificación orzamentaria deberá indicar expresamente, ademais da sección ou ente público a que se refira, o programa, servicio ou organismo autónomo, artigo, concepto e subconcepto, se é o caso, afectados por ela, incluso naqueles casos nos que o crédito se consigne ou sexa vinculante no nivel de artigo.
    As limitacións establecidas no artigo 68º desta lei entenderanse referidas no nivel de concepto para aqueles casos nos que a vinculación establecida o sexa no nivel de artigo.
    A correspondente proposta de modificación orzamentaria deberá expresar ineludiblemente a súa incidencia na consecución dos obxectivos previstos, así como as razóns que a xustifican (124).

(124) En relación ás modificacións de crédito destaca a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 3 de xaneiro de 1989 sobre documentación e tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (D.O.G. nº 20, do 30 de xaneiro. Corrección de erros no D.O.G. nº 42 do 1 de marzo).

Artigo 62. Créditos extraordinarios e suplementos.

  1. Cando deba realizarse algún gasto con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que non poida demorarse ata o exercicio seguinte e non exista crédito nos estados de gastos, ou sexa insuficiente e non ampliable o consignado, o conselleiro de Economía e Facenda, logo de informe da dirección xeral competente en materia de orzamentos (125), someterá ó acordo da Xunta, para a súa remisión ó Parlamento, un proxecto de lei de concesión dun crédito extraordinario no primeiro caso ou dun suplemento de crédito no segundo, no que se especificarán necesariamente os recursos con que se financiará o gasto que por estas causas se xera, e o detalle do concepto orzamentario que se debe crear ou que é suplementado.
  2. Malia o indicado no punto anterior, se a necesidade de crédito extraordinario ou de suplemento de crédito se produce nun organismo autónomo e estes non supoñen aumento nos créditos do orzamento da Comunidade Autónoma, observaranse as seguintes normas:
    1. A súa concesión será facultade do conselleiro de Economía e Facenda se o seu importe non excede do 5% do orzamento de gastos do organismo autónomo correspondente, e da Xunta de Galicia cando, superando a dita porcentaxe, non excede o 10% do citado orzamento de gastos. As ditas porcentaxes aplicaranse de forma conxunta e acumulada para ámbalas dúas clases de modificacións de crédito e ó longo do mesmo exercicio orzamentario.
    2. No expediente de modificación orzamentaria emitirá informe a Consellería á que estea adscrito o organismo autónomo que o promova, xustificando debidamente a necesidade e urxencia do gasto e propoñendo os recursos con que se financiará o incremento que se propón.
    3. A Xunta de Galicia daralle conta trimestralmente ó Parlamento de Galicia dos créditos extraordinarios e suplementos de crédito concedidos ó abeiro do previsto na alínea a) deste número.

(125) Consúltese a nota ó artigo 58.6, parágrafo primeiro desta lei.

Artigo 63º.- Anticipos de Tesourería.

A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá excepcionalmente conceder anticipos de Tesourería para atender gastos inaprazables, ata un límite do 2% dos créditos autorizados pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade, nos seguintes casos:

  1. Cando, dentro da tramitación do expediente de crédito extraordinario ou suplemento de crédito, recaese acordo favorable da Xunta para remitirlle ó Parlamento o correspondente proxecto de lei.
  2. Cando se promulgue unha lei na que se establezan obrigas que para o seu cumprimento sexa precisa a concesión dun crédito extraordinario ou dun suplemento de crédito.
  3. Se o Parlamento de Galicia non aprobase o proxecto de lei de concesión de crédito extraordinario ou do suplemento de crédito, o importe do anticipo de Tesourería será cancelado mediante minoración nos créditos que ocasionen menor trastorno nos servicios públicos da respectiva consellería ou organismo autónomo.

Artigo 64º.- Créditos ampliables.

  1. Malia o disposto nos artigos 56 e 57 desta lei, terán excepcionalmente a condición de créditos ampliables (126):
    1. Aqueles que se especifiquen de maneira singular na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e coas condicións que nela se determinen.
    2. Os que se destinen a cubri-los gastos dos servicios traspasados pola Administración do Estado, cando sexan ampliadas as transferencias nas respectivas materias e polo importe do custo efectivo de tódalas ampliacións, mentres este non se integre na base de cálculo para obte-la porcentaxe da participación nos ingresos do Estado.
    3. As cotas de Seguridade Social e a prestación familiar, así como as achegas que, se é o caso, lle corresponda efectuar á Comunidade Autónoma ó réxime de previsión social dos seus funcionarios.
    4. Os que se destinen ó pagamento de xuros, amortizacións do principal e gastos derivados da débeda pública emitida pola Comunidade Autónoma ou a operacións de crédito concertadas por ela.
    5. Os créditos destinados á cobertura de necesidades de toda orde motivadas por sinistros, catástrofes ou outros de recoñecida urxencia, correspondentes a gastos en bens correntes e de servicios.
    6. Os destinados ó pagamento de productos farmacéuticos procedentes de receitas médicas.
    7. Os créditos dos que a súa execución corresponda a unha consellería e que a súa contía se module pola achega doutras consellerías ou organismos autónomos, logo de retención do crédito correspondente nos estados de gasto afectados. A estes créditos non lles serán aplicables as limitacións a que se refire o artigo 68º desta lei.
  2. O expediente de ampliación de créditos deberá establece-la fonte de financiamento da dita ampliación, distinguindo se este se financia con retencións noutros créditos, con maiores recursos que se vaian obter, con remanente de Tesourería, con endebedamento dentro dos límites autorizados ou con outras formas de financiamento que non entrañen déficit orzamentario.

(126) Sobre a ampliación de créditos téñase en conta a lei anual de orzamentos.

Artigo 65º.- Competencias do Consello da Xunta.

  1. Correspóndelle ó Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e por iniciativa das consellerías correspondentes:
    1. Autorizar transferencias de créditos entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servicios ou organismos autónomos dunha mesma consellería.
    2. Autorizar transferencias de créditos entre un ou varios programas incluídos na mesma función, correspondentes a servicios ou organismos autónomos de diferentes consellerías.
    3. Autorizar transferencias de crédito entre programas incluídos en distintas funcións, correspondentes a servicios ou organismos autónomos de diferentes consellerías, sempre que se trate de reorganizacións administrativas ou que se produzan como consecuencia da aplicación dos recursos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou do Fondo Social Europeo.
    4. Autorizar transferencias de créditos por proposta do conselleiro de Economía e Facenda das dotacións non utilizadas nos programas das distintas seccións do orzamento ós distintos conceptos do programa de imprevistos e funcións non clasificadas, habilitando os créditos que sexan necesarios para a súa posterior reasignación.
  2. De cada modificación acordada en virtude do disposto neste artigo daráselle conta de modo singular, no prazo máximo de trinta días, á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, con remisión de copia do correspondente expediente.

Artigo 66º.- Facultades da Consellería de Economía e Facenda.

Correspóndenlle ó conselleiro de Economía e Facenda (127), ademais das competencias xenéricas atribuídas ós titulares das consellerías, as seguintes de carácter específico:

  1. Resolve-los expedientes de modificacións orzamentarias, nos supostos nos que estes estean atribuídos ós titulares das distintas consellerías e exista discrepancia na consellería respectiva co informe da intervención delegada.
  2. Autorizar transferencias de crédito entre un ou varios programas incluídos na mesma ou distinta función, dentro do mesmo grupo de funcións, correspondentes a servicios ou organismos autónomos dunha mesma consellería, coa creación de novos conceptos orzamentarios, se isto fose preciso.
  3. Autorizar transferencias de créditos desde o programa de imprevistos e funcións non clasificadas ós conceptos e artigos dos demais programas de gasto, calquera que sexa a función ou sección a que corresponda.
    A consellería ou o organismo autónomo que solicite a transferencia deberá xustifica-la imposibilidade de atende-las insuficiencias mediante reaxuste dos seus créditos. Para tal efecto deberá procederse a unha revisión de conxunto dos oportunos programas de gasto, poñendo de manifesto as desviacións que na consecución dos obxectivos previstos motivaría a modificación orzamentaria proposta.
  4. Introducir, logo de informe da consellería correspondente, as variacións que sexan precisas nos orzamentos de servicios transferidos do Imserso e do Insalud, co obxecto de adaptalos ós resultantes da aprobación polas Cortes Xerais dos orzamentos xerais da Seguridade Social.
  5. Autoriza-las incorporacións de crédito previstas no artigo 71º desta lei.
  6. Autoriza-las incorporacións de crédito previstas no artigo 71º desta lei.
  7. Autoriza-las ampliacións de crédito cando estes teñan tal carácter por disposición de lei (128).
  8. Introducir nos estados de gastos as modificacións precisas para adecua-los créditos afectados por transferencias finalistas procedentes dos orzamentos xerais da Administración do Estado e das comunidades europeas, e os demais recursos de igual carácter e procedencia. Esta autorización implicará o aumento ou a diminución das consignacións previstas, así como a incorporación ou creación dos correspondentes conceptos orzamentarios se así procede.

(127) En relación ás competencias da Consellería de Economía e Facenda sobre as modificacións orzamentarias, téñase presente tamén a lei anual de orzamentos da Comunidade Autónoma.

(128) Artigo 64 da presente lei.

Artigo 67º.- Facultades dos conselleiros.

  1. Os titulares das consellerías poderán autorizar, logo de informe da Intervención Delegada correspondente, as transferencias de créditos entre diferentes conceptos do capítulo II, dun mesmo programa, correspondentes a un mesmo ou diferente servicio ou organismo autónomo dependente da consellería, sempre que non afecten a créditos de atencións protocolarias ou representativas, nin supoñan desviación na consecución dos obxectivos previstos para o programa respectivo.
    En tanto o capítulo II teña carácter limitativo e vinculante no nivel de artigo, esta autorización comporta a creación, se é o caso, de novos conceptos orzamentarios dos previstos na clasificación económica.
  2. En caso de discrepancia co informe emitido pola intervención delegada sobre a modificación orzamentaria proposta, remitiráselle o expediente á Consellería de Economía e Facenda para os efectos previstos no artigo 66º a) da presente lei.
  3. Os presidentes dos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma terán as mesmas competencias establecidas neste artigo en relación coas modificacións orzamentarias do seu respectivo orzamento , sen prexuízo do principio de autonomía orzamentaria do Parlamento de Galicia.
  4. En todo caso, unha vez autorizadas as modificacións orzamentarias incluídas nos números 1 e 3, remitiránselle á dirección xeral competente en materia de orzamentos (129) da Consellería de Economía e Facenda, para instrumenta-la súa execución.

(129) Véxase a nota ó artigo 58.6, parágrafo primeiro

Artigo 68º.- Limitacións.

  1. As transferencias de crédito de calquera clase estarán suxeitas ás seguintes limitacións:
    1. Non afectarán ós créditos ampliables nin ós extraordinarios concedidos durante o exercicio.
    2. Non poderán minorarse os créditos incorporados como consecuencia de remanentes de exercicios anteriores nin os que fosen incrementados con suplementos ou transferencias, agás cando afecten a créditos de persoal.
    3. Non poderán incrementarse créditos que como consecuencia doutras transferencias fosen obxecto de minoración, agás cando afecten a créditos de persoal.
  2. Respecto do orzamento dos servicios transferidos do Insalud as limitacións contidas nas alíneas b) e c) anteriores entenderanse referidas ós orzamentos totais da entidade xestora, aínda cando estes se desenvolvan de modo descentralizado a través dos distintos centros de gastos.
  3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas ou realizadas ó amparo do artigo 60.2 desta lei, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea (130).
  4. Os créditos correspondentes a financiamento condicionado estarán suxeitos ás limitacións específicas que lles sexan aplicables; de non existir estas seralles aplicable o determinado no número 1 deste artigo.

(130) Apartado modificado polo artigo 16º da Lei Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo (D.O.G. nº 251 do 30 de decembro). A súa redacción anterior era:

As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea.

Artigo 69º.- Xeración de crédito . (131)

  1. Poderán xerar crédito nos estados de gastos dos orzamentos os ingresos efectivos, os dereitos liquidados e os compromisos firmes de ingresos derivados das seguintes operacións:
    1. Achegas doutras administracións públicas ou de persoas físicas ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos encomendados á Comunidade Autónoma ou ós seus organismos autónomos.
    2. Alleamento de bens da Comunidade ou dos seus organismos autónomos (132).
    3. Prestación de servicios.
    4. Reembolso dos préstamos destinados a atencións sociais e á promoción e ó fomento da actividade económica e cultural de Galicia.
    5. Créditos do exterior para financiar investimentos públicos.
  2. As xeracións de crédito a que se fai referencia no número anterior unicamente poderán realizarse polo exceso de ingreso sobre as cifras inicialmente orzadas, e cando se deriven das operacións incluídas na alínea c) destinaranse unicamente ó financiamento dos gastos correspondentes no capítulo II do orzamento.
  3. As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ó que se refire o punto anterior entenderase referido ó orzamento de orixe (133).

(131) Artigo 66. f) desta lei.

(132) Véxanse os artigos 24 a 43 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, citada en nota ó artigo 1.2.c) desta lei, modificada polos artigos 18 e 19 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo (D.O.G. nº 251 do 30 de decembro), e os artigos 60 a 105 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo (D.O.G. nº 71, do 13 de abril. Corrección de erros no D.O.G. nº 134, do 13 de xullo), e modificado polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (D.O.G. nº 156, do 13 de agosto).

(133) Apartado modificado polo artigo 6º da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (D.O.G. nº 251, do 29 de decembro). A súa redacción anterior era:

3.- As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando este teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado que os cofinancien, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ó que se refire o punto anterior entenderase referido ó orzamento de orixe.

Artigo 70º.- Reposición.

Os ingresos derivados do reintegro de pagamentos indebidos con cargo a créditos orzamentarios poderán repoñer estes últimos nas condicións que se establezan regulamentariamente (134).

(134) Téñanse en conta as Ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de decembro de 1990 pola que se regula a tramitación de reintegros de pagamentos indebidos (D.O.G. nº 27, do 7 de febreiro de 1991. Corrección de erros no D.O.G. nº 47, do 7 de marzo) e do 21 de xullo de 1998 pola que se regula o procedemento da recadación nos supostos de reintegro de axudas ou subvencións públicas, pensións asistenciais e subsidios económicos (D.O.G. nº 152, do 7 de agosto).

Artigo 71º.- Incorporacións. (135)

  1. Malia o disposto no artigo 59º desta lei, poderán incorporarse ós estados de gastos do orzamento correspondente ó exercicio inmediato seguinte:
    1. Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito, así como as transferencias de crédito, que se concedesen ou autorizasen, respectivamente, no último mes do exercicio orzamentario e que, por causas xustificadas, non puidesen ser utilizados durante este.
    2. Os créditos que recollan compromisos de gastos anteriores ó último mes do exercicio orzamentario e que non puidesen executarse á fin do exercicio económico por causas xustificadas.
      Será preciso que tales compromisos de gastos acadasen a fase de disposición en contabilidade antes do último mes do exercicio.
    3. Os créditos destinados a operacións de capital.
    4. Os créditos autorizados en función da efectiva recadación de dereitos afectados a estes.
    5. Os créditos xerados polas operacións enumeradas no artigo 69º desta lei.
  2. Os remanentes incorporados segundo o previsto no número anterior unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio orzamentario no que a incorporación se acorde, a excepción dos que correspondan a créditos financiados polo Fondo de Compensación Interterritorial (136) ou por fondos ou subvencións finalistas procedentes da Unión Europea ou doutras administracións públicas, que poderán ser incorporados en canto persista o dereito á percepción do ingreso que os financia.
    Nos supostos a) e b) do dito número a incorporación farase para os mesmos gastos que motivaron en cada caso a concesión, a autorización e o compromiso.
  3. Os créditos correspondentes a financiamento condicionado serán incorporables de acordo coa normativa que lles sexa aplicable en cada caso. De non existir esta, rexeranse polas normas desta lei.
  4. O conselleiro de Economía e Facenda poderá acordar, con carácter xeral, a incorporación automática ó exercicio seguinte dos créditos a que se refire a alínea d) do número 1 anterior.
  5. Das incorporacións a que se refiren os números 1 e 3 daráselle conta ó Parlamento.

(135) Artigo 66.e) desta lei. Véxase tamén o Decreto 63/1987, do 17 de marzo, sobre obrigas de exercicios pechados e sobre imputación a exercicio corrente de obrigas recoñecidas ou xeradas en anos anteriores (D.O.G. nº 61, do 31 de marzo).

(136) Regulado pola Lei 22/2001, do 27 de decembro, dos Fondos de Compensación Interterritorial (B.O.E. nº 313, do 31 de decembro).

|
arriba
|

CAPÍTULO III.
Execución e liquidación

Artigo 72º.- Autorización de gasto.

  1. Correspóndelles ós órganos estatutarios (137), agás o que establezan outras leis aplicables, ós conselleiros e demais órganos da Comunidade Autónoma que tivesen dotacións diferenciadas nos seus estados de gastos autoriza-los gastos referentes ós servicios ó seu cargo, excepto nos casos reservados polas leis á competencia da Xunta de Galicia, así como autoriza-los actos de disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas, e propoñerlle ó conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.
  2. Coa mesma reserva legal correspóndelles ós presidentes ou directores dos organismos autónomos da Comunidade a autorización e disposición de gastos e créditos, respectivamente, o recoñecemento de obrigas e o ordenamento dos pagamentos que lles correspondan a estes.
  3. Regulamentariamente, o Consello da Xunta de Galicia poderá establece-las competencias e os trámites que debe realizar directamente a Consellería de Economía e Facenda, respecto da contabilidade e da tesourería para os organismos autónomos e entes que polas súas características se estime oportuno sen prexuízo da normativa que lles sexa aplicable.
  4. As facultades ás que se fai referencia neste artigo poderán ser obxecto de delegación ou desconcentración nos termos que regulamentariamente se estableza.

(137) Baixo a expresión "órganos estatutarios" deben entenderse as institucións previstas no Estatuto de Autonomía para Galicia, como o Parlamento, o Valedor do Pobo e o Consello de Contas.

Artigo 73º.- Fases do gasto.

A xestión económica e financeira dos dereitos e créditos incluídos nos orzamentos da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos estructurarase de acordo coas seguintes fases:

  1. Orzamento de gastos.
    1. A autorización do gasto, que é o acto en virtude do cal a autoridade competente acorda a realización dun gasto, calculado en forma certa ou aproximada, reservando para tal fin a totalidade ou unha parte do crédito orzamentario legalmente destinado a garanti-lo cumprimento das obrigas que poidan ser consecuencia daquel, tida en conta a súa natureza económica.
    2. A disposición, que é o acto en virtude do que se acorda, concerta ou determina, segundo os casos, despois de cumpri-los trámites que de acordo co dereito procedan, a contía concreta que debe alcanza-lo compromiso económico para a realización de todo tipo de prestacións.
      Cos actos de disposición queda formalizada a reserva do crédito por un importe e unhas condicións exactamente determinados.
    3. O recoñecemento da obriga, que é a operación de contraer en contas os créditos esixibles contra a Comunidade de Galicia que deban acreditarse como contraprestación económica derivada dos acordos, dos concertos ou das normas resolutorias que determinen a disposición dun crédito, unha vez realizada e xustificada adecuadamente a correspondente prestación e efectuada a pertinente liquidación.
    4. O ordenamento do pagamento, que é a operación en virtude da cal o ordenador competente, logo de proposta de pagamento realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga, expide a orde de pagamento contra a Tesourería da Comunidade a favor do respectivo acredor.
  2. Orzamento de ingresos (138).
    1. O compromiso de ingresos, que é o acto con base no que se recoñece en contas o dereito a liquidar un determinado recurso por unha contía certa se se cumpren aquelas condicións e trámites que se prevexan nas normas legais aplicables.
    2. O contraído do recurso, que é o acto polo que se liquida este e se recoñece en contas o dereito definitivo á súa percepción pola súa exacta contía.
    3. A recadación do recurso, que constitúe o proceso polo que a Tesourería da Comunidade fai líquido e ingresa nas súas caixas o importe deste.

(138) Orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de xullo de 2000 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria e contabilización dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital (D.O.G. nº 171, do 4 de setembro. Corrección de erros no D.O.G. nº 181, do 18 de setembro), modificada pola Orde do 29 de setembro de 2004 (D.O.G. nº 192, do 1 de outubro).

Artigo 74º.- Ordenación xeral dos pagamentos (139).

  1. A ordenación xeral de pagamentos da Comunidade correspóndelle ó conselleiro de Economía e Facenda, podendo delega-la dita competencia de acordo cos procedementos legais aplicables.
  2. Co obxecto de facilita-lo servicio de ordenamento de pagamentos, poderanse establecer ordenamentos secundarios baixo a dependencia do conselleiro de Economía e Facenda ou da autoridade na que delegue as súas competencias sobre a materia.
  3. Os servicios e as funcións dos ordenamentos de pagamentos dispoñeranse regulamentariamente por proposta do conselleiro de Economía e Facenda.

(139) En relación ó réxime da ordenación de pagamentos constitúe unha especialidade o Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común (D.O.G. nº 191, do 30 de setembro), modificado polo Decreto 93/1998, do 20 de marzo (D.O.G. nº 58, do 26 de marzo).

Artigo 75º.- Plan de disposición.

A expedición de ordes de pagamento con cargo ó orzamento da Comunidade e dos seus organismos autónomos deberá axustarse ó plan que sobre disposición de fondos da Tesourería estableza anualmente a Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 76º.- Tramitación (140).

  1. As ordes de pagamento expediranse unha vez que se xustificase documentalmente ante o órgano competente para recoñece-la respectiva obriga a realización da prestación ou o dereito do acredor, conforme os acordos polos que no seu día se autorizaron e comprometeron os correspondentes gastos.
  2. Os ordenadores de pagamentos poderán recibi-las propostas e libra-las correspondentes ordes de pagamento mediante a utilización de procesos informáticos. Neste suposto a documentación xustificativa do gasto realizado poderá quedar naqueles centros nos que se recoñeceron as correspondentes obrigas, para a súa posterior inclusión, se é o caso, na Conta Xeral da Comunidade Autónoma ou para a súa posta á disposición dos órganos de control competentes.
  3. Nos casos establecidos no número anterior, ós ordenadores de pagamentos non lles serán esixibles responsabilidades que procedan de trámites anteriores á súa participación no proceso de xestión orzamentaria, considerándose nestes casos que a referencia que no artigo 122º e seguintes desta lei se fai ás responsabilidades dos ordenadores de pagamento se entenderá referida ós órganos que recoñezan as obrigas ou propoñan o ordenamento do pagamento.

(140) Véxase a Resolución da Consellería de Economía e Facenda do 18 de xuño de 1990, pola que se publica a instrucción reguladora do réxime xeral de pagamentos a contratistas por razón de contratos de obras, subministros, servicios, asistencia e traballos específicos e non habituais (D.O.G. nº 138, do 16 de xullo). As referencias ós traballos específicos e non habituais deben entenderse derrogadas á luz da nova normativa de contratos das Administracións Públicas.
Véxase tamén a Circular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma do 15 de abril de 1993 sobre retencións en pagamentos a terceiros (D.O.G. nº 79, do 28 de abril).

Artigo 77º.- Pagamentos para xustificar (141).

  1. Terán o carácter de pagamentos para xustificar os fondos librados para atender gastos que non poidan ir acompañados da documentación xustificativa a que se fai referencia no artigo anterior.
  2. Poderán expedirse ordes de pagamento para xustificar nos supostos seguintes:
    1. Cando os documentos xustificativos non poidan achegarse antes de efectua-la proposta de pagamento.
    2. Cando se considere conveniente a utilización deste sistema para axilizar significativamente a xestión dos créditos.
    3. Cando as ordes de pagamento teñan por obxecto satisfacer gastos en localidades onde non existan dependencias do organismo autónomo de que se trate.
  3. A Consellería de Economía e Facenda, oídas as consellerías, logo de informe da Intervención Xeral, establecerá as normas xerais que regulen a expedición de ordes de pagamento para xustificar, así como os seus límites cuantitativos e os conceptos orzamentarios ós que son aplicables (142).
  4. As ordes de pagamento cursadas co carácter de para xustificar aplicaranse ós créditos orzamentarios que correspondan e os seus perceptores quedarán obrigados a xustifica-la aplicación das cantidades recibidas no prazo de tres meses, estando suxeitos ó réxime de responsabilidades previsto nesta lei (143). Nos casos excepcionais poderá concederse unha prórroga adicional por outro período igual para formalizar en todo ou en parte a citada xustificación.
  5. No curso dos dous meses seguintes á data de recepción da documentación xustificativa a que se refiren os números anteriores, o órgano competente procederá á aprobación ou ó reparo da conta rendida.
  6. Non terán a condición de pagamentos para xustificar as provisións de fondos de carácter permanente que se realicen a pagadorías, caixas e habilitacións para a atención de gastos periódicos ou repetitivos. Estes anticipos de caixa fixa terán a consideración de operacións extraorzamentarias e a súa contía global non poderá exceder do 10% do capítulo destinado a gastos correntes en bens e servicios do orzamento vixente en cada momento. Regulamentariamente, ordenarase o procedemento de concesión de anticipos de caixa fixa, a súa xustificación e imputación ó orzamento e demais aspectos relacionados con eles.

(141) Véxase o Decreto 51/1985, do 21 de marzo, sobre situación e disponibilidade de cantidades libradas "en firme" e "a xustificar" (D.O.G. nº 76, do 20 de abril).

(142) Téñase presente a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 26 de febreiro de 1993 pola que se regula a expedición de ordes de pagamento para xustificar (D.O.G. nº 45, do 8 de marzo. Corrección de erros nos D.O.G. nº 49, do 12 de marzo, e nº 102, do 1 de xuño). Actualizadas as aplicacións orzamentarias polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 8 de abril de 1994 (D.O.G. nº 79, do 26 de abril. Corrección de erros no D.O.G. nº 87, do 6 de maio) e 30 de xuño de 2000 (D.O.G. nº 138, do 17 de xullo). Modificado o anexo pola Orde da Consellería de Economía e Facenda do 14 de xuño de 1999 (D.O.G. nº 124, do 30 de xuño).

(143) Artigos 122 e seguintes desta lei.

Artigo 78º.- Réxime xeral de axudas e subvencións (144).

  1. As normas contidas neste e no seguinte artigo son aplicables ás subvencións e axudas públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma (145).
    O disposto nesta lei será de aplicación supletoria para os procedementos de concesión de axudas e subvencións establecidos en normas da Unión Europea ou, se é o caso, polas normas de desenvolvemento ou transposición daquelas e para os casos nos que lle corresponda a outra administración a regulamentación básica.
    Así mesmo deberán axustarse a esta lei as subvencións outorgadas polos organismos e polas demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes da Administración da Comunidade Autónoma na medida na que as subvencións que outorguen sexan consecuencia do exercicio de potestades administrativas.
    Serán aplicables os principios de xestión contidos nesta lei e os de información aos que fai referencia o artigo 20 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, ao resto das entregas dinerarias sen contraprestación que realicen os entes do parágrafo anterior que se rexan polo dereito privado. En todo caso, as achegas gratuítas terán relación directa co obxecto da actividade contido na súa norma de creación ou nos seus estatutos.
    Os incentivos á actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidos ao abeiro do Decreto 172/2000, do 12 de xullo, dos que a súa xestión lle corresponde ao Instituto Galego de Promoción Económica regularanse polo disposto na súa normativa específica, excepto no referido ao réxime de control financeiro e ás infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións, que se rexerán polo disposto nesta lei.
  2. Enténdese por subvención e axuda pública, para os efectos desta norma, toda disposición dineraria acordada pola Administración da Comunidade Autónoma ou por unha entidade vinculada ou dependente dela con cargo aos seus orzamentos a favor de persoas públicas ou privadas ou de particulares, e que cumpra os seguintes requisitos:
    1. Que a entrega se realice sen contraprestación directa dos beneficiarios.
    2. Que a entrega estea suxeita ao cumprimento dun determinado obxectivo, á execución dun proxecto, á realización dunha actividade, á adopción dun comportamento singular, xa realizados ou por desenvolver, ou á concorrencia dunha situación, debendo o beneficiario cumprir as obrigas materiais e formais que se establecesen.
    3. Que o proxecto, a acción, a conduta ou a situación financiada teña por obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública.

    Non están comprendidas no ámbito de aplicación desta lei as achegas dinerarias entre diferentes administracións públicas, así como entre a administración e os organismos e outros entes públicos dependentes delas, destinadas a financiar globalmente a actividade de cada ente no ámbito propio das súas competencias, para o que resulta aplicable o disposto de maneira específica na súa normativa reguladora.
    Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:

    1. Os premios que se outorguen sen a previa solicitude do beneficiario.
    2. As subvencións previstas na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.
    3. As subvencións reguladas na Lei orgánica 3/1987, do 2 de xullo, de financiamento dos partidos políticos.
    4. As subvencións aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia nos termos previstos na súa normativa específica.
  3. Son órganos competentes para a concesión de subvencións ou axudas públicas os conselleiros, os presidentes ou os directores dos organismos autónomos e mais os órganos reitores dos demais entes segundo as súas leis de creación ou a normativa específica dentro do ámbito da súa competencia. As devanditas atribucións poderán ser obxecto de delegación.
    Malia o anterior, requirirá autorización do Consello da Xunta a concesión de subvencións ou axudas públicas que superen a contía de 3.000.000 de euros por beneficiario. A autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para a concesión da subvención.
  4. Terá a consideración de beneficiario da subvención ou da axuda pública a persoa que teña que realizar a actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se atope na situación que lexitima a súa concesión.
    Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, e sempre que así estea previsto nas bases reguladoras, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a condición de beneficiarios.
    Cando estea previsto expresamente nas bases reguladoras, poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
    Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución da concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79.Tres desta lei.

    Son obrigas do beneficiario:
    1. Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
    2. Acreditar perante a entidade concedente ou, se é o caso, perante a entidade colaboradora a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o gozo da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e do disposto nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.
    3. Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma na que se determine regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
    4. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente ou, se é o caso, a entidade colaboradora, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
    5. Comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
    6. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
    7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
    8. Adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 8 deste artigo.
    9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no apartado 10 deste artigo.
  5. A subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  6. Será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, lles entregue e distribúa os fondos públicos aos beneficiarios, cando así se estableza nas bases reguladoras, ou colabore na xestión da subvención sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos. Estes fondos non se considerarán en ningún caso integrantes do seu patrimonio. Igualmente terán esta condición os que, sendo nomeados beneficiarios consonte a normativa comunitaria, teñan encomendadas, exclusivamente, as funcións enumeradas no parágrafo anterior.
    Para estes efectos, poderán ser consideradas entidades colaboradoras os organismos e demais entes públicos, as sociedades mercantís participadas integramente ou maioritariamente polas administracións públicas, polos organismos ou polos entes de dereito público e mais as asociacións ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases do réxime local, así como as persoas xurídicas que reúnan as condicións de solvencia e eficacia que regulamentariamente se establezan.
    A Administración xeral do Estado, os seus organismos públicos e entes que teñan que axustar a súa actividade ao dereito público e as corporacións locais poderán actuar como entidades colaboradoras das subvencións concedidas pola Administración da Comunidade Autónoma, dos seus organismos e entes de dereito público vinculados ou dependentes.
    De igual forma, e nos mesmos termos, a Administración da Xunta de Galicia e os seus organismos públicos poderán actuar como entidades colaboradoras das subvencións concedidas pola Administración do Estado e os seus organismos públicos e polas corporacións locais.
    Son obrigas da entidade colaboradora:
    1. Entregarlles aos beneficiarios os fondos recibidos de acordo cos criterios establecidos nas normas reguladoras da subvención ou da axuda e no convenio subscrito coa entidade concedente.
    2. Verificar, se é o caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos determinantes para o seu outorgamento, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.
    3. Xustificar a aplicación dos fondos percibidos perante a entidade concedente e, se é o caso, entregar a xustificación presentada polos beneficiarios.
    4. Someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos devanditos fondos pode efectuar a entidade concedente así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, coa achega de canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
    5. Colaborar na restitución das subvencións outorgadas nos supostos nos que concorra causa de reintegro.

    Formalizarase un convenio de colaboración entre o órgano concedente e a entidade colaboradora no que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por esta.
    O convenio deberá conter, como mínimo, os seguintes extremos:

    1. Definición do obxecto da colaboración e da entidade colaboradora.
    2. Identificación da normativa reguladora especial das subvencións que van ser xestionadas pola entidade colaboradora.
    3. Prazo de duración do convenio de colaboración.
    4. Compensación económica que, se é o caso, se fixe a favor da entidade colaboradora.

    Cando a Administración xeral do Estado, as administracións doutras comunidades autónomas, as corporacións locais ou os organismos públicos vinculados ou dependentes delas actúan como entidades colaboradoras, a Administración da Comunidade Autónoma ou os seus organismos vinculados ou dependentes subscribirán con aquelas os correspondentes convenios, nos que se determinarán os requisitos para a distribució