Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

Documento en formato PDF
Este documento está también disponible en formato PDF, en una versión anotada y con índice analítico.

Sumario

| |

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA ÚNICA.

TÍTULO PRELIMINAR. PRINCIPIOS XERAIS.

TÍTULO I. DO CONTIDO DA FACENDA DA COMUNIDADE.

CAPÍTULO I. DOS RECURSOS.

CAPÍTULO II. DAS OBRIGAS.

TÍTULO II. DAS OPERACIÓNS DE ENDEBEDAMENTO.

CAPÍTULO I. DAS OPERACIÓNS DE ENDEBEDAMENTO.

CAPÍTULO II. DAS GARANTÍAS.

TÍTULO III. DOS ORZAMENTOS XERAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA.

CAPÍTULO I. CONTIDO E APROBACIÓN.

CAPÍTULO II. DOS CRÉDITOS E DAS SÚAS MODIFICACIÓNS.

CAPÍTULO III. EXECUCIÓN E LIQUIDACIÓN.

CAPÍTULO IV. NORMAS DE ESPECIAL APLICACIÓN PARA OS ORGANISMOS AUTÓNOMOS DE CARÁCTER COMERCIAL, INDUSTRIAL, FINANCEIRO OU ANÁLOGO.

CAPÍTULO V. NORMAS DE ESPECIAL APLICACIÓN ÁS SOCIEDADES PÚBLICAS.

TÍTULO IV. DA TESOURERÍA.

TÍTULO V. DO CONTROL INTERNO E DA CONTABILIDADE.

CAPÍTULO I DO CONTROL INTERNO.

Sección primeira. Aspectos xerais.

Sección segunda. Da función interventora.

Sección terceira Do control financeiro.

CAPÍTULO II DA CONTABILIDADE.

CAPÍTULO III DA CONTA XERAL DA COMUNIDADE.

TÍTULO VI. DAS RESPONSABILIDADES.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

|
arriba
|

A disposición adicional oitava da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, autorizou o Goberno galego para a elaboración, no prazo dun ano, do texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En uso da dita autorización redactouse o correspondente texto refundido, no que se incorporan ó texto inicial da Lei 11/1992 as modificacións sufridas por esta desde a súa entrada en vigor, así como algunhas actualizacións terminolóxicas e correccións gramaticais que non inciden no fondo da disposición.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 10.1º a) do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e no artigo 4.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do sete de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade coa disposición adicional oitava da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, apróbase o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que se insire a continuación.

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA.

Remisións normativas á Lei 11/1992.

As remisións e referencias normativas á Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, entenderanse feitas, no sucesivo, ó texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA ÚNICA.

Entrada en vigor.

O presente decreto lexislativo e o texto refundido que se aproba entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de outubro de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente

José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda

TEXTO REFUNDIDO DA LEI DE RÉXIME FINANCEIRO
E ORZAMENTARIO DE GALICIA

|
arriba
|

TÍTULO PRELIMINAR.
PRINCIPIOS XERAIS

Artigo 1. Concepto.

  1. A Facenda pública de Galicia está constituída polo conxunto de dereitos e obrigas de contido económico e financeiro dos que a súa titularidade lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Constitúen materias propias da Facenda pública de Galicia, con independencia da normativa que as regule, as seguintes:
    1. O procedemento orzamentario nas súas distintas fases de elaboración, xestión e liquidación.
    2. O sistema de contabilidade a que debe someterse a actuación económica dos órganos competentes do sector público galego.
    3. O réxime do seu patrimonio.
    4. A contratación en réxime de dereito administrativo.
    5. A regulación dos seus ingresos de dereito público e privado.
    6. As normas de asignación e xestión dos recursos públicos e o control de eficacia e eficiencia no seu emprego.
    7. O endebedamento e a concesión de avais e outras garantías.
    8. A organización e regulación da Tesourería.
    9. Os procedementos xerais de funcionamento dos órganos responsables da Facenda pública galega.
    10. As prerrogativas da Facenda pública galega e as responsabilidades derivadas da actuación dos seus órganos e do persoal ó seu servicio.
    11. Calquera outra que tivese relación co contido da Facenda pública galega.

Artigo 2. Criterios e fins.

  1. A distribución e xestión dos recursos públicos realizarase tendo en conta criterios de eficacia e eficiencia.
  2. A acción do Goberno para a prestación de servicios públicos e a dotación de infraestructuras públicas básicas e sociais da Comunidade farase conforme os principios de equidade, solidariedade e equilibrio territorial.

Artigo 3. Normativa reguladora.

  1. Constitúe o obxecto desta lei a regulación da actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do que se dispoña noutras leis especiais.
  2. A actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase:
    1. Por esta lei e polas demais leis especiais e normas concordantes que sobre a materia dicte o Parlamento de Galicia.
    2. Polas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
    3. Polas normas regulamentarias que se dicten no desenvolvemento desta lei.
  3. Terán carácter supletorio as demais normas do ordenamento xurídico administrativo e, no seu defecto, o dereito privado respectando a prelación de normas do dereito civil galego.
  4. As leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán conter normas relacionadas coa súa actividade económico-financeira con vixencia permanente ou con vixencia temporal superior ó período anual ó que estas correspondan.

    Cando nas ditas normas legais concorra algunha destas circunstancias deberá terse en conta o seguinte:

    1. De tratarse de normas de vixencia permanente, establecerase así de forma expresa, incluíndo, se é o caso, a táboa de derrogacións motivada pola entrada en vigor da nova norma legal.
    2. De tratarse de normas de vixencia temporal, definirase con precisión o seu prazo de vixencia e as normas de ordenamento xurídico que quedan afectadas, así como os efectos sobre estas á entrada en vigor da nova normativa ó longo do prazo no que esta sexa aplicable.

Artigo 4. Principios orzamentarios e control.

  1. A actividade económico - financeira da Comunidade Autónoma de Galicia estará sometida ó réxime de orzamento anual e ós principios de control interno, de contabilidade e de unidade de caixa que se determinan nesta lei.
  2. Tódalas actividades que dean lugar ó recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico ou ó manexo de fondos públicos deberán estar controladas ou intervidas conforme as normas desta lei e sometidas ó réxime de rendemento de contas ó Consello de Contas e ó Tribunal de Contas, de acordo coas disposicións que os regulan.
  3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma será o órgano encargado da execución das funcións de control interno e de contabilidade reguladas nesta lei.
  4. A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos procedementos legais establecidos, poderá esixírlle-las indemnizacións económicas que sexan procedentes ós responsables da custodia e do manexo dos fondos públicos polos prexuízos que puidesen ocasionar, con independencia das demais responsabilidades de carácter civil, penal ou disciplinario en que puidesen incorrer.

Artigo 5. Reserva legal.

Regularanse por lei do Parlamento de Galicia as seguintes materias:

  1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e a concesión de créditos extraordinarios e suplementos de créditos da Xunta de Galicia e dos organismos autónomos nos termos recollidos nesta lei.
  2. O establecemento, a modificación ou a supresión dos seus propios tributos e das exencións e bonificacións que os afecten.
  3. O establecemento, a modificación e a supresión das recargas sobre os impostos do Estado.
  4. A emisión e o réxime da débeda pública e demais operacións de crédito.
  5. O réxime de patrimonio da Comunidade Autónoma.
  6. A creación e supresión dos organismos autónomos nos termos que se prevén nesta lei.
  7. Os convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas previstos no Artigo 35 do Estatuto de autonomía.
  8. O réxime e a concesión de avais e outras garantías pola Comunidade Autónoma.
  9. A coordinación orzamentaria das deputacións provinciais de Galicia, en concordancia coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
  10. As demais materias relativas á Facenda pública galega que, segundo as leis, se deban regular con este rango.

Artigo 6. Competencia do Consello da Xunta.

Será competencia do Consello da Xunta no marco das materias reguladas nesta lei:
  1. A determinación das directrices básicas de política económica e financeira, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia.
  2. A elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
  3. A autorización dos gastos que segundo as leis requiran a súa aprobación.
  4. A aprobación dos regulamentos para a súa aplicación.
  5. Calquera outra que precise coñecemento ou aprobación da Xunta e a competencia da cal non lle estea reservada ó Parlamento de Galicia.

Artigo 7. Competencia da Consellería de Economía e Facenda.

Será competencia da Consellería de Economía e Facenda:

  1. A administración, xestión e recadación dos dereitos da Facenda da Comunidade Autónoma.
  2. A ordenación de pagamentos nos termos establecidos na presente lei.
  3. A elaboración do anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
  4. O control de eficacia e eficiencia respecto dos obxectivos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade.
  5. O exercicio directo das demais funcións de control interno reguladas nesta lei e a dirección e execución da contabilidade pública.
  6. A execución ou dirección da política económica e financeira aprobada pola Xunta, na forma que esta determine.
  7. O desenvolvemento das actividades inherentes ó exercicio da tutela financeira sobre os entes locais, que ten atribuída a Comunidade no Artigo 49 do Estatuto de autonomía.
  8. As funcións executivas en materia de ordenamento e control das institucións de crédito corporativo público e territorial e das caixas de aforro que operen no seu territorio, nos termos previstos no Artigo 30 do Estatuto de autonomía.
  9. As demais funcións e competencias que lle asigne a normativa legal vixente.

Artigo 8. Competencia das consellerías.

Será competencia das consellerías:

  1. A elaboración do seu anteproxecto de orzamento.
  2. A administración e xestión dos créditos para gastos incluídos nos orzamentos e que estean adscritos a elas.
  3. A autorización dos gastos propios da consellería, agás que aquela estea reservada ó Consello da Xunta.
  4. A proposta do pagamento de obrigas á Consellería de Economía e Facenda.
  5. As demais que lles confira a normativa legal vixente.

Artigo 9. Competencia dos organismos autónomos.

  1. Son funcións dos organismos autónomos da Comunidade Autónoma no ámbito das súas respectivas competencias:
    1. A elaboración do seu anteproxecto de orzamentos de gastos e ingresos.
    2. A administración, xestión e recadación dos seus propios dereitos económicos.
    3. A autorización dos gastos contidos nos seus orzamentos e a ordenación dos seus pagamentos.
    4. As demais que lles atribúan as normas legais vixentes.
  2. O previsto no número 1 anterior enténdese sen prexuízo do que puidese establecerse no uso do disposto no Artigo 11.2.

Artigo 10. Prerrogativas.

Á Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias ás que se refire a esta lei, corresponderanlle en todo momento as mesmas prerrogativas e idéntico trato fiscal que a lei teña establecidos para o Estado.

Artigo 11. Organismos autónomos.

  1. Para o exercicio da actividade económico-financeira, a Comunidade Autónoma de Galicia, no seo da súa propia Administración pública, poderá crear organismos autónomos.

    Os organismos autónomos son entes institucionais de dereito público que realizan funcións ou actividades da competencia da Comunidade Autónoma en réxime de descentralización administrativa. Terán personalidade xurídica e patrimonio propios, independentes dos da Xunta de Galicia, e poderán ser de dúas clases:

    1. Organismos autónomos comerciais, industriais, financeiros ou análogos, que serán aqueles que realicen de forma principal actividades desta natureza ou calquera outra de carácter mercantil.
    2. Organismos autónomos administrativos, que serán todos aqueles nos que non concorra ningunha das circunstancias indicadas na alínea anterior.
  2. A creación e supresión dos organismos autónomos realizarase por lei.
  3. Ós organismos autónomos seranlles aplicables os preceptos desta lei e os demais que se dicten sobre materias non reguladas nela, e gozarán das prerrogativas e dos beneficios fiscais que se establezan nas leis para as entidades públicas de tal natureza.

Artigo 12. Sociedades públicas autonómicas.

  1. Son sociedades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos desta lei:
    1. As sociedades mercantís no capital das cales exista participación maioritaria, directa ou indirecta, da Comunidade ou dos seus organismos autónomos e as demais entidades de dereito público da Comunidade Autónoma.
    2. As entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que por lei teñan que adecua-la súa actividade ó ordenamento xurídico privado.
  2. As sociedades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse polas normas de dereito mercantil, civil ou laboral, agás nas materias nas que lles sexa aplicable a esta lei.
  3. A creación das sociedades ás que se refire a letra a) do número 1 anterior, así como os actos de adquisición ou perda da posición maioritaria, medida esta nos termos indicados na dita letra, requirirán acordo do Consello da Xunta.
  4. A actividade das sociedades públicas galegas coordinaraa a Administración da Facenda pública da Comunidade, nos termos previstos nas leis.

Artigo 13. Convenios, acordos e transferencias.

  1. Nos convenios con outras comunidades autónomas para a xestión e prestación de servicios da súa exclusiva competencia, e nos acordos de cooperación que se subscriban a teor do disposto nos números 1 e 2 do Artigo 35 do Estatuto de autonomía, deberán establecerse as cláusulas precisas para asegurar en todo momento a aplicación desta lei no caso de que se proceda a comprometer recursos da Facenda pública galega para o seu desenvolvemento.
  2. Nos casos en que, conforme o disposto no Artigo 36 do Estatuto de autonomía, se lle transfiran ou deleguen á Comunidade Autónoma facultades e competencias non asumidas nel, que pola súa natureza dean orixe ó manexo e á distribución dos fondos públicos, seranlle aplicables á xestión financeira dos ditos fondos os preceptos desta lei, sen prexuízo das formas de control que reserve o Estado para si.

TÍTULO I
DO CONTIDO DA FACENDA DA COMUNIDADE

|
arriba
|

CAPÍTULO I
DOS RECURSOS

Artigo 14. Recursos da Facenda autonómica.

Constitúen dereitos económicos da Facenda pública galega:

  1. Os rendementos dos impostos, das taxas e das contribucións especiais que estableza a Comunidade Autónoma.
  2. Os rendementos dos tributos cedidos polo Estado.
  3. A participación nos ingresos do Estado por impostos directos e indirectos, incluídos os monopolios fiscais.
  4. As dotacións para a nivelación dos servicios mínimos.
  5. O importe dos prezos derivados dos servicios prestados pola Comunidade ou pola concesión de canons por aproveitamentos especiais, xa sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos dos servicios estatais.
  6. Os ingresos procedentes do Fondo de Compensación Interterritorial ou doutros fondos de análoga natureza.
  7. As recargas sobre impostos estatais.
  8. Calquera outra asignación a favor da Comunidade Autónoma recollida nos orzamentos xerais do Estado ou nos doutros entes públicos.
  9. O producto da emisión da débeda pública e do recurso ó crédito.
  10. Os rendementos do patrimonio da Comunidade Autónoma.
  11. Os legados, as doazóns e calquera outro ingreso de dereito privado.
  12. O producto das multas e sancións impostas no ámbito da súa competencia.
  13. Se é o caso, as participacións que establezan as leis nos ingresos por tributos do Estado para recupera-los custos sociais producidos por actividades contaminantes ou que deterioren o medio ambiente ou que xeren riscos de especial gravidade para o medio físico e humano de Galicia.
  14. As subvencións que poida recibi-la Comunidade Autónoma.
  15. Calquera outro recurso de dereito público ou privado que obteña ou lle corresponda á Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Destino.

Os recursos da Comunidade Autónoma galega e de cada un dos seus organismos autónomos estarán destinados a satisface-lo conxunto das súas obrigas respectivas, salvo que por lei se estableza a súa afectación para fins determinados.

Artigo 16. Administración dos recursos.

  1. A administración xeral dos recursos da Facenda pública galega, así como a dirección e a coordinación xeral dos seus procedementos, correspóndenlle á Consellería de Economía e Facenda, cos controis que a lei estableza.
  2. Na mesma forma, correspóndelles ós órganos rectores dos organismos autónomos e demais entes públicos con personalidade xurídica propia a administración dos recursos específicos que lles correspondan para o cumprimento dos seus fins.
  3. As persoas ou entidades que teñan ó seu cargo a administración dos recursos da Facenda pública galega dependerán da Consellería de Economía e Facenda ou dos órganos de administración dos organismos autónomos, e demais entes públicos, en todo o relativo á súa xestión, aplicación e rendemento de contas.
  4. Estarán obrigadas á prestación de fianza aquelas persoas ou entidades que manexen fondos ou valores públicos, na contía e forma que determinen as disposicións regulamentarias.

Artigo 17. Xestión dos tributos.

  1. A xestión, incluíndo tódalas fases do procedemento, dos tributos propios da Comunidade Autónoma, dos impostos cedidos e das recargas sobre impostos do Estado que poida establece-la Comunidade Autónoma axustarase:
    1. Ás disposicións do Estatuto de autonomía.
    2. Ó disposto na presente lei.
    3. Ás demais leis do Parlamento de Galicia.
    4. Ás disposicións regulamentarias aprobadas pola Xunta en desenvolvemento desta lei e demais leis citadas.
    5. Ás normas de desenvolvemento que as leis ou os regulamentos lle autoricen dictar ó conselleiro de Economía e Facenda.
    6. Á Lei xeral tributaria e ás disposicións dictadas no seu desenvolvemento, coa consideración de dereito supletorio nos casos nos que sexa preceptiva a súa aplicación.
  2. Na xestión dos tributos cedidos polo Estado terase en conta ademais o que dispoña a correspondente normativa.

Artigo 18. Dispoñibilidade de bens e dereitos.

  1. A xestión dos bens patrimoniais e dos seus rendementos, tanto da Comunidade Autónoma coma dos seus organismos autónomos, axustarase ó disposto nas leis do Parlamento de Galicia aplicables en cada caso.
  2. Non poderán ser alleados, gravados nin arrendados os dereitos da Facenda da Comunidade Autónoma, salvo nos supostos e nas condicións previstas nas leis.
  3. Tampouco se concederán exencións, condonacións, rebaixas nin moratorias no pagamento dos dereitos a favor da Facenda pública galega, salvo nos casos e na forma que se determinen nas leis.

Artigo 19. Garantías.

  1. Para realiza-lo cobro dos tributos e demais recursos de dereito público que lle correspondan, a Facenda pública galega estará en posesión das prerrogativas legalmente establecidas, gozando en todo momento das mesmas facultades e garantías cás demais administracións públicas de ámbito estatal ou territorial.
  2. As certificacións acreditativas do descuberto ante a Facenda da Comunidade das débedas por tributos e demais ingresos de dereito público, expedidas polos funcionarios competentes segundo os regulamentos, serán títulos suficientes para inicia-lo seu cobro pola vía de constrinximento e terán a mesma forza executiva cá sentencia xudicial para proceder contra os bens e dereitos dos debedores.
  3. A efectividade dos dereitos da Facenda da Comunidade non recollidos no número l do Artigo 21 esixirase de acordo coas normas de procedemento aplicables en cada caso.

Artigo 20. Suspensión do procedemento de constrinximento.

  1. En ningún caso se poderán suspende-los procedementos administrativos de constrinximento en virtude de recursos interpostos polos interesados, se non se realiza o pagamento do débito, se consigna o seu importe ou se garante este na forma regulamentariamente establecida.
  2. Se contra os ditos procedementos se establecesen reclamacións en concepto de tercería ou por outra acción de carácter civil, por persoa que non teña ningunha responsabilidade coa Facenda da Comunidade en virtude de obriga ou xestión propia ou transmitida, suspenderanse os ditos procedementos só na parte que se refira ós bens ou dereitos controvertidos, unha vez que se efectuase o seu embargamento ou, se é o caso, a súa anotación preventiva no rexistro público correspondente, e substanciarase este incidente na vía administrativa como trámite previo á xudicial.
  3. Cando as reclamacións formuladas en vía administrativa fosen denegadas, proseguirá o procedemento de constrinximento a non ser que da execución poidan derivarse prexuízos de imposible ou difícil reparación; en tal caso a Administración pública poderá acorda-la suspensión daquel, sempre que se adopten as medidas regulamentarias de aseguramento dos respectivos créditos.
  4. Así mesmo poderá suspenderse o procedemento de constrinximento sen os requisitos establecidos no punto l deste Artigo se o interesado demostra que existiu no seu prexuízo erro material ou aritmético na determinación da débeda que se lle esixa.
  5. Poderán aprazarse ou fraccionarse as cantidades debidas á Facenda da Comunidade nos casos e cos procedementos que regulamentariamente se establezan. As ditas cantidades devengarán xuros de demora e deberán garantirse excepto nos casos seguintes:
    1. Cando sexan inferiores á cifra que, por norma xurídica de rango suficiente, fixe a Consellería de Economía e Facenda.
    2. Cando o debedor careza de bens ou créditos suficientes para garanti-la débeda e a execución do seu patrimonio afectase ó mantemento da capacidade productiva e do nivel de emprego da actividade do sector económico respectivo, ou ben producise graves crebas para o interese da Comunidade Autónoma, se así o acorda o conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 21. Xuros de demora.

  1. As cantidades debidas á Facenda da Comunidade Autónoma polos conceptos recollidos neste capítulo devengarán xuros de demora desde o día seguinte ó do seu vencemento. Inclúense neste punto as cantidades recadadas a través de entidades colaboradoras, contas restrinxidas, oficinas liquidadoras e demais entidades recadadoras por conta da Facenda da Comunidade que non sexan ingresadas na Tesourería nos prazos establecidos.
  2. O tipo de xuro aplicable será o que corresponda en aplicación do disposto no Artigo 58.2 da Lei xeral tributaria.

Artigo 22. Integridade da Facenda.

  1. Non se poderá transixir sobre os dereitos da Facenda da Comunidade, nin someter a arbitraxe as contendas que se susciten respecto deles, senón mediante decreto acordado pola Xunta de Galicia.
  2. A subscrición pola Facenda da Comunidade dos acordos de convenios en procesos concursais previstos na Lei de axuizamento civil e na Lei de suspensión de pagamentos requirirá unicamente autorización do conselleiro de Economía e Facenda.
  3. Os actos e contratos realizados en prexuízo da Facenda da Comunidade polos que resulten debedores dela serán rescindibles conforme as disposicións legais que lles sexan aplicables.

Artigo 23. Prescrición.

  1. Salvo o establecido polas leis reguladoras dos diferentes recursos, prescribirá ós cinco anos o dereito da Facenda da Comunidade:
    1. A recoñecer ou liquidar créditos ó seu favor, computándose o citado prazo desde o día no que o dereito puido exercitarse.
    2. Ó cobro dos créditos recoñecidos ou liquidados, que se contará desde a data da súa notificación ou, se esta non fose preceptiva, desde o seu vencemento.
  2. En todo caso, o prazo de prescrición a que se refire o punto anterior será de catro anos para tódolos recursos derivados dos tributos propios da Comunidade Autónoma.
  3. A prescrición quedará interrompida:
    1. Pola interposición de reclamacións ou recursos de calquera clase.
    2. Se o debedor recoñecese fidedignamente a débeda.
    3. Se a administración esixise directamente o seu pagamento por escrito.
  4. Os dereitos declarados prescritos serán dados de baixa en contas, logo da tramitación do oportuno expediente, no que, se é o caso, se declarasen as responsabilidades a que houbese lugar, salvo que procedese a súa tramitación en peza separada na forma disposta no título VI desta lei.
  5. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que poida dispoñe-la non liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas cando a súa execución resulte antieconómica. Para estes efectos, a dita consellería determinará previamente o límite cuantitativo no que se considere que se produce tal efecto.
|
arriba
|

CAPÍTULO II
DAS OBRIGAS

Artigo 24. Nacemento e esixibilidade.

  1. As obrigas económicas da Comunidade e dos seus organismos autónomos nacen da lei, dos negocios xurídicos e dos actos e feitos que, conforme a dereito, as xeren.
  2. O pagamento das obrigas só lle será esixible á Facenda da Comunidade na medida que resulte da execución dos seus orzamentos, de sentencia xudicial firme ou de operacións de Tesourería legalmente autorizadas.
  3. Cando as ditas obrigas teñan por causa prestacións ou servicios á Administración da Comunidade, o pagamento non poderá realizarse mentres o acredor non cumpra ou garanta, conforme a lei, a súa respectiva obriga.

Artigo 25. Inembargabilidade.

  1. Os tribunais, xuíces e autoridades administrativas non poderán despachar nin dictar mandamento de execución ou providencia de embargamento contra os dereitos, fondos, valores e demais bens da Facenda da Comunidade.
  2. O cumprimento das resolucións que determinen obrigas a cargo da Comunidade ou dos seus organismos autónomos corresponderalle exclusivamente á autoridade administrativa que sexa competente.

Se non existise crédito no orzamento en vigor ou fose insuficiente o dispoñible, solicitarase do Parlamento dentro dos tres meses seguintes á notificación da resolución, a concesión dun crédito extraordinario ou dun suplemento de crédito.

Artigo 26. Xuros.

Se o pagamento das obrigas da Comunidade non se lle fixese efectivo ó acredor no prazo dos tres meses seguintes ó día da notificación da resolución xudicial ou do recoñecemento da propia obriga, este terá dereito ó aboamento dos correspondentes xuros de demora sobre a cantidade debida ó tipo establecido no número 2 do Artigo 21 sempre que reclame por escrito o cumprimento da obriga.

Artigo 27. Prescrición.

  1. Salvo o establecido nas leis especiais, prescribirán ós cinco anos:
    1. O dereito ó recoñecemento ou á liquidación de toda obriga, computándose o prazo desde o momento no que esta sexa esixible conforme a dereito.
    2. O dereito a esixi-lo pagamento das obrigas recoñecidas ou liquidadas. O prazo contarase desde a data de notificación do recoñecemento ou da liquidación da respectiva obriga.
  2. O pedimento por escrito do recoñecemento ou do cumprimento da obriga, ou da efectividade do seu pagamento, por parte dos acredores lexítimos, ou dos que se subroguen nos seus dereitos, mediante a presentación dos documentos xustificativos do seu dereito, interromperá a prescrición, segundo o disposto no Código civil, salvo o establecido en leis especiais.
  3. As obrigas que prescribisen serán dadas de baixa nas contas respectivas, logo de tramitación do oportuno expediente.

TÍTULO II
DAS OPERACIÓNS DE ENDEBEDAMENTO

|
arriba
|

CAPÍTULO I
DAS OPERACIÓNS DE ENDEBEDAMENTO

Artigo 28. Endebedamento.

Constitúe o endebedamento público os capitais tomados a préstamo pola Xunta de Galicia ou polos seus organismos autónomos. A emisión de débeda pública ou a concertación doutras operacións de crédito, a súa administración, conversión ou extinción, así como a prescrición dos capitais e dos seus xuros, regularanse polas disposicións desta lei.

Artigo 29. Denominación e autorización.

  1. As operacións de crédito e a emisión de débeda pública poderanas levar a cabo a Comunidade ou os seus organismos autónomos, recibindo no primeiro caso a denominación de «Débeda da Comunidade Autónoma de Galicia» e no segundo a de «Débeda dos organismos autónomos».
  2. O endebedamento, tanto da Comunidade Autónoma coma dos seus organismos autónomos, terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento por realizar, deberá sinala-lo importe máximo autorizado. A Xunta de Galicia poderá determinar ó longo do período de autorización límites inferiores ó dito importe se así o aconsellasen circunstancias de política económica.

Artigo 30. Destino.

  1. A débeda e demais operacións de crédito concertadas pola Comunidade ou polos seus organismos autónomos por prazo superior a un ano destinaranse exclusivamente ó financiamento de gastos de capital.
  2. A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano.

Artigo 31. Débeda de Tesourería.

  1. No endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de Tesourería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano.

    Na lei de orzamentos de cada ano autorizarase o límite máximo destas operacións para cada exercicio.

  2. O producto da débeda de Tesourería a que se refire o número anterior contabilizarase independentemente nas contas de operacións do Tesouro. Os gastos e xuros que motive seranlle imputados ó orzamento da Comunidade antes do peche do exercicio, e á devandita débeda seralle aplicable, de proceder, o establecido nos artigos 38 e 39 desta lei.
  3. En todo caso, a partir do momento no que o montante total anual destas operacións transitorias exceda do 5% do estado de gastos, deberáselle dar conta trimestralmente ó Parlamento da evolución daquelas.

Artigo 32. Importe máximo.

  1. Nas autorizacións de endebedamento incluídas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade e noutras leis especiais, o importe máximo autorizado deberá entenderse, agás disposición contraria, como variación neta da posición debedora da Comunidade ou de cada un dos organismos autónomos ós que a dita autorización se refira, computada ó remate do período ó que se estenda a autorización.
  2. Queda excluído do disposto no parágrafo anterior a débeda de Tesourería a que se refire o Artigo 31.

Artigo 33. Autorización da emisión ou contracción.

  1. As emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade ou os seus organismos autónomos terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ó que lle corresponderá así mesmo autoriza-las súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación.

    Tales actos de endebedamento, cando este teña un prazo de vencemento superior a un ano, poderán ser formalizados dentro do exercicio orzamentario no que a lei autorice a súa creación ou do exercicio seguinte.

  2. Cando se trate de conseguir unha mellor administración da débeda pública emitida ou das operacións de crédito formalizadas, a Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá acorda-la súa conversión ou renegociación, e daralle conta ó Parlamento de Galicia dentro dos trinta días seguintes e sempre que non se altere o equilibrio financeiro daquelas, nin se prexudiquen, se é o caso, os dereitos económicos dos posuidores.

Artigo 34. Contabilización.

Sen prexuízo do disposto no Artigo 36, o producto das emisións continuas de títulos de pagamento ou calquera outro título emitido pola Comunidade Autónoma con vencemento igual ou inferior a dezaoito meses, así como o importe das amortizacións destes, contabilizaranse independentemente en contas de Tesourería, aplicándose o saldo neto das ditas operacións, ó remate do exercicio orzamentario, ó orzamento da Comunidade.

Os gastos por xuros ou de calquera outra natureza derivados da súa emisión ou amortización aplicaranse ó orzamento seguindo as normas xerais determinadas nesta lei.

Artigo 35. Subscrición e transmisión.

  1. A débeda pública poderá estar representada por títulos-valores ou calquera outro documento que formalmente a recoñeza.
  2. Na subscrición e transmisión da débeda pública negociable só será preceptiva a intervención de fedatario público cando aquela estea representada por títulos valores e así o dispoña a lexislación aplicable a estes. Non será preceptiva, en todo caso, para as operacións con títulos de pagamento ou títulos análogos emitidos pola Comunidade ou os seus organismos autónomos nos que os títulos-valores se extingan pola súa transformación en anotacións en conta.

Artigo 36. Aplicación orzamentaria.

O producto que se obteña da débeda pública e demais operacións de crédito, así como a súa amortización e xuros, aplicarase ó orzamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos correspondentes, sen prexuízo do disposto no Artigo 34.

Artigo 37. Competencia e atribucións do conselleiro de Economía e Facenda.

Coas limitacións que se derivan do contido do presente capítulo, facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para:

  1. Proceder a autoriza-la emisión ou contracción de débeda pública e demais operacións de crédito da Comunidade ou dos seus organismos autónomos respectivos, determinando a súa representación en títulos-valores, títulos de pagamento ou outros documentos que formalmente a recoñezan; sinalar ou concerta-lo seu prazo, tipo de xuro e demais características; e formalizar, se é o caso, en representación da Comunidade Autónoma, tales operacións, podendo delega-la dita representación nun funcionario da consellería cando a formalización da operación se realice no estranxeiro.
  2. Utilizar para a colocación de emisións de débeda pública calquera técnica financeira relativa á súa oferta, xuros, prazo ou calquera outra condición delas, sempre que o seu uso non represente a creación de situacións distintas ás derivadas das prácticas usualmente aceptadas nos mercados financeiros.
  3. Proceder de acordo coas condicións da emisión ou da contracción, ou de mutuo acordo cos acredores, ó reembolso anticipado total ou parcial da débeda pública ou dos préstamos concertados ou á modificación dalgunha das súas condicións cando a situación do mercado ou outras circunstancias así o aconsellen.
  4. Calquera outra operación usual no mercado financeiro, sempre que non prexudique os acredores ou se realice de común acordo con estes e non estea expresamente excluída pola normativa aplicable.
  5. Encomendárlle-lo exercicio das facultades expostas nos números anteriores en relación coa débeda pública emitida ou contraída polos organismos autónomos ós seus correspondentes órganos rectores.

Artigo 38. Beneficios.

  1. A débeda pública da Comunidade gozará dos mesmos beneficios cá débeda pública do Estado e suxeitarase ás demais normas que lle sexan aplicables segundo a súa modalidade e características, e conforme o previsto polas leis.
  2. Ós títulos ó portador da débeda pública que fosen roubados ou furtados, ou que sufrisen extravío ou destrucción, seralles aplicable o procedemento previsto pola lexislación mercantil, agás que se dictasen procedementos administrativos especiais que total ou parcialmente substituísen a aquel.

Artigo 39. Prescrición.

A obriga de reembolso dos capitais da débeda pública e o pagamento dos seus xuros prescribirán de acordo co procedemento e cos prazos establecidos pola normativa vixente para a débeda pública do Estado.

|
arriba
|

CAPÍTULO II
DAS GARANTÍAS

Artigo 40. Garantía por aval.

  1. A Comunidade Autónoma poderá afianza-las obrigas derivadas de créditos concertados por persoas naturais ou xurídicas, públicas ou privadas, con domicilio social en Galicia, mediante o outorgamento do correspondente aval da Tesourería, na forma establecida nesta lei.
  2. Os citados avais autorizaraos a Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 41. Importe.

O importe máximo dos avais que poderá concede-la Comunidade Autónoma durante o ano será determinado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade.

Artigo 42. Beneficiarios.

  1. A Comunidade Autónoma poderá avala-las operacións de crédito que a favor dos seus organismos autónomos, sociedades públicas e corporacións locais sitas no seu territorio concedan as entidades de crédito legalmente establecidas.

    Así mesmo poderalles prestar un segundo aval ás empresas privadas que teñan fixado o seu domicilio social ou a radicación dos seus negocios en Galicia.

  2. Os créditos avalados na forma indicada no número anterior, no caso de que os beneficiarios sexan empresas privadas, soamente poderán ter como finalidade financia-la creación, reconversión e reestructuración de medianas e pequenas empresas que, mediante a presentación dun plan económico-financeiro, demostren a capacidade e o dimensionamento necesario para facer viable a súa continuidade. Neste suposto cada aval individualizado non poderá exceder do 2% do límite global autorizado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade.
  3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma controlará a debida aplicación dos créditos avalados.

    Trimestralmente daráselle conta ó Parlamento dos avais existentes, dos novos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos ós que a Tesourería da Comunidade lles tivese que facer fronte.

Artigo 43. Obrigas.

  1. Os avais outorgados pola Comunidade Autónoma terán carácter subsidiario e obrigarán á súa Tesourería polo importe do principal e dos xuros só no caso de non poder satisfacelos o debedor principal ou o primeiro avalista.
  2. Poderá convirse a renuncia ó beneficio de excusión previsto no Artigo 1.830 do Código civil se se garantisen créditos concertados polos seus organismos autónomos e entes públicos, corporacións locais existentes no seu territorio ou, para cada caso, se se autorizase a dita renuncia por lei do Parlamento de Galicia.
  3. Os avais outorgados pola Comunidade Autónoma documentaranse na forma na que regulamentariamente se determine e devengarán a favor da súa Tesourería a comisión que para cada caso se estableza.

Artigo 44. Autorización legal.

Para a concesión de calquera outra forma de aval da non prevista no presente capítulo será precisa autorización mediante a correspondente lei, a que determinará polo menos a identidade dos avalados e o límite e prazo do correspondente aval.

Artigo 45. Avais dos organismos autónomos.

  1. Os organismos autónomos e entes públicos poderán prestar avais dentro do límite máximo fixado con esta finalidade para cada exercicio pola correspondente lei de orzamentos xerais, sempre que os beneficiarios sexan sociedades públicas ou mercantís no capital das cales participen. Dos avais que concedan, así como da situación dos existentes, deberán renderlle conta anual á Consellería de Economía e Facenda.

    Sen embargo, o Instituto Galego de Promoción Económica poderá conceder avais, dentro do límite máximo fixado, a aquelas empresas privadas, participadas ou non por este instituto, e para aquelas operacións que reúnan as condicións e cumpran os requisitos que se establezan por acordo do Consello da Xunta de Galicia por proposta da Consellería de Economía e Facenda. O citado acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia.

    Así mesmo, ós avais concedidos en virtude deste Artigo deberá dárselles publicidade no Diario Oficial de Galicia.

  2. Os avais así concertados cumprirán as condicións establecidas no Artigo 43.1 desta lei, salvo acordo da Xunta no que autorice a renuncia do beneficio de excusión previsto no Artigo 1.830 do Código civil.

TÍTULO III
DOS ORZAMENTOS XERAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA

|
arriba
|

CAPÍTULO I
CONTIDO E APROBACIÓN

Artigo 46. Concepto.

  1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma constitúen a expresión cifrada, conxunta e sistemática:
    1. Das obrigas que, como máximo, se poderán recoñecer e os dereitos que se prevexan liquidar por parte da Comunidade e dos seus organismos autónomos durante o exercicio orzamentario.
    2. Dos obxectivos que se pretendan conseguir coa utilización dos recursos financeiros consignados neles.
    3. Das estimacións dos fluxos financeiros das sociedades públicas.
    4. Da totalidade dos gastos e ingresos dos demais entes públicos.
    5. Dos beneficios fiscais estimados.
  2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma enmarcaranse nun escenario plurianual que conteña as liñas básicas da actuación a medio prazo do sector público galego.
  3. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma presentaranse e aprobaranse de forma que os estados de gastos non superen os recursos totais previstos nos respectivos estados de ingresos.
  4. Logo da autorización do conselleiro de Economía e Facenda poderán xestionarse e contabilizarse como operacións extraorzamentarias aquelas nas que a actividade da Comunidade e dos seus organismos autónomos se limite á realización de funcións de intermediación na súa xestión.

Artigo 47. O exercicio orzamentario.

O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle:
  1. Os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período ó que correspondan.
  2. As obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servicios ou outro tipo de gastos realizados con cargo ós créditos respectivos dentro do correspondente ano natural, sen prexuízo do disposto no punto 2 do Artigo 60.

Artigo 48. Contido.

  1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma estarán integrados:
    1. Polo orzamento da Comunidade.
    2. Polos orzamentos dos organismos autónomos.
    3. Polos orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas.
    4. Polos orzamentos dos demais entes públicos a que fai referencia o Artigo 12 desta lei.
  2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma conterán:
    1. Os estados de gastos, nos que se especificarán na forma establecida os créditos necesarios para darlles cumprimento ás obrigas.
    2. Os estados de ingresos, nos que se detallarán as estimacións dos dereitos económicos que se liquidarán durante o exercicio orzamentario.
    3. Os estados financeiros dos organismos autónomos comerciais, industriais ou financeiros a que fai referencia o Artigo 11 desta lei.
    4. Os estados financeiros das sociedades públicas.

Artigo 49. Estructura.

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustaranse, en canto á súa estructura, ás seguintes regras:

  • Primeira.
    1. Os estados de gastos confeccionaranse aplicando unha clasificación funcional por programas. Así mesmo, as clasificacións orgánica e económica informarán, respectivamente, sobre o axente que realiza o gasto e a súa natureza.
    2. Para cada programa de gasto estableceranse os obxectivos que se pretenden conseguir cos recursos que se lle asignen, así como sempre que sexa posible os indicadores de seguimento que se consideren adecuados para analiza-lo grao de consecución dos destes.
    3. Presentaranse con separación os gastos correntes e os gastos de capital, e a súa clasificación económica rexerase polos seguintes criterios:
      1. Nos créditos para gastos correntes distinguiranse os de funcionamento dos servicios, os gastos financeiros e as transferencias correntes.
      2. Nos créditos para gastos de capital distinguiranse os de investimentos reais, as transferencias de capital e as variacións de activos e pasivos financeiros.
  • Segunda. Os estados de ingresos presentarán unha clasificación económica distinguindo os correspondentes a operacións correntes e a operacións de capital.

Artigo 50. Competencias das consellerías.

  1. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda determinar con carácter xeral as estructuras básicas dos orzamentos e os demais estados financeiros correspondentes á Comunidade, ós seus organismos autónomos e ós demais entes e sociedades públicas.
  2. As distintas consellerías adoptarán as ditas estructuras básicas e desenvolveranas en función das súas propias necesidades de xestión e das dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas a elas adscritas.
  3. Os obxectivos e indicadores de seguimento ós que fai referencia o Artigo 49. Primeira. b) estableceranos as consellerías, os organismos autónomos e demais entes públicos, de acordo coa Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 51. Elaboración dos orzamentos xerais.

O procedemento para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustarase ás seguintes normas:

  1. Os órganos estatutarios da Comunidade Autónoma e as consellerías remitiranlle á de Economía e Facenda antes do 1 de xullo os seus respectivos estados de gastos debidamente documentados e axustados ás normas que lles sexan aplicables e ás directrices establecidas pola Xunta.
  2. Dentro do mesmo prazo e coas mesmas formalidades indicadas no punto anterior, cada unha das consellerías remitirá:
    1. Os anteproxectos de orzamentos de gastos e ingresos dos organismos autónomos que teñan adscritos, formando un só orzamento para cada organismo, incluíndo nos que teñan carácter comercial, industrial ou financeiro os estados financeiros a que fai referencia o Artigo 82 da presente lei.
    2. Os anteproxectos de orzamentos de ingresos e gastos dos entes públicos ós que fai referencia o Artigo 12 desta lei que lle estean adscritos.
    3. Os anteproxectos de orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas que teñan adscritas.
  3. O anteproxecto de orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma no que se recolla a estimación dos recursos derivados das súas fontes xerais de financiamento elaborarao a Consellería de Economía e Facenda.
  4. Tendo en conta os estados de ingresos e gastos mencionados e o marco macroeconómico no que se conteña a previsible actividade económica do exercicio orzamentario seguinte, a Consellería de Economía e Facenda formulará o anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e someterao a acordo da Xunta.
  5. Xunto co anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma remitiráselle ó Consello da Xunta a seguinte documentación:
    1. A conta consolidada dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
    2. Unha memoria explicativa do seu contido e das principais diferencias existentes neles en relación co orzamento en vigor.
    3. A liquidación dos orzamentos do ano anterior e un avance dos do exercicio corrente.
    4. Un informe económico e financeiro.
    5. Un anexo de investimentos reais, que conterá a valoración dos proxectos de investimento público que se van realizar e a súa distribución territorial. No caso de investimentos plurianuais, indicarase o investimento de cada ano.

      Dentro do dito anexo de investimentos reais distinguiranse os proxectos de investimento en vinculantes e non vinculantes. Os créditos destinados a proxectos de investimento ós que se lles dea carácter vinculante non poderán destinarse ó financiamento doutros proxectos, agás por autorización do conselleiro de Economía e Facenda. Trimestralmente comunicaráselle á Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia a relación das autorizacións realizadas, no caso de as haber.

    6. Un anexo de transferencias.
    7. Un anexo de persoal.

Artigo 52. Remisión ó Parlamento.

O proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, xunto coa documentación establecida no número 5 do Artigo anterior, remitiráselle ó Parlamento de Galicia antes do 20 de outubro, para os efectos do Artigo 53.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 53. Orzamentos das deputacións provinciais.

A Xunta remitiralle igualmente ó Parlamento de Galicia os orzamentos das deputacións provinciais, para os efectos previstos na disposición adicional terceira do Estatuto de autonomía e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 54. Prórroga dos orzamentos xerais.

Se a lei de orzamentos xerais non fose aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico no que teña que aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

  1. A Consellería de Economía e Facenda poderá elaborar, se é o caso, os correspondentes estados de gastos nos que se detallarán os importes dos créditos prorrogados. Os ditos importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado as operacións seguintes:
    1. Excluiranse aqueles gastos que correspondan a actuacións que deban quedar ultimadas ó finaliza-lo exercicio os orzamentos do cal se prorrogan, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia.
    2. Nos indicados estados de gastos incluiranse aqueles créditos que correspondan a actuacións de urxente iniciación ou cobertura, sempre que teñan cabida dentro das baixas motivadas polo indicado na alínea a) anterior.
    3. O conselleiro de Economía e Facenda determinará qué modificacións orzamentarias das realizadas durante o exercicio os orzamentos do cal se prorrogan se consolidarán nos estados de gastos a que fai referencia a liña a).
  2. Durante o período de prórroga seralles aplicable ós estados de gastos resultantes do disposto no número anterior o contido no capítulo II deste título III.
  3. Unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade procederase a imputarlles a estes as operacións realizadas durante o período de prórroga, de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Economía e Facenda.

    No caso de non existir nos orzamentos aprobados créditos ós que lles imputar expedientes de gasto tramitados durante o período de prórroga, a consellería ou o organismo autónomo afectado propoñeralle á Consellería de Economía e Facenda aqueles créditos do orzamento aprobado con cargo ós cales deberá efectuarse a imputación.

  4. A Consellería de Economía e Facenda confeccionará así mesmo os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga e que se elaborarán en función das previsións que poidan derivarse ben da liquidación dos orzamentos de ingresos do exercicio prorrogado ou de calquera outro dato válido para sustenta-las ditas previsións, sempre que non supoña a introducción de ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio do cal se prorroga o orzamento.
  5. O texto da Lei de orzamentos correspondente ós que se prorrogan tamén se prorrogará nos seus propios termos, excepto aquelas disposicións que polas súas propias características só puidesen ter exclusiva vixencia durante o respectivo ano natural.

Artigo 55. Dereitos e obrigas recoñecidas.

  1. Os dereitos liquidados e as obrigas recoñecidas aplicaranse ós orzamentos polo seu importe íntegro, quedando prohibido atender obrigas mediante minoración dos dereitos que se van liquidar ou xa ingresados, a non ser por autorización expresa dunha lei.
  2. Exceptúanse do disposto no punto anterior as devolucións de ingresos que se declaren indebidos por tribunal ou autoridade competentes.
  3. Para os efectos deste Artigo entenderase por importe íntegro o que resulte despois de aplica-los beneficios fiscais que sexan procedentes, os que deberán ser obxecto de contabilización independente. O importe dos beneficios fiscais que afecten ós tributos propios da Comunidade Autónoma incluiranse na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
|
arriba
|

CAPÍTULO II
DOS CRÉDITOS E DAS SÚAS MODIFICACIÓNS

Artigo 56. Autorización de créditos.

  1. Os créditos consignados nos estados de gastos destinaranse exclusivamente ás finalidades específicas para as que foron autorizados pola lei de orzamentos ou polas modificacións aprobadas conforme esta lei.
  2. Os créditos autorizados nos programas de gastos teñen carácter limitativo e vinculante no nivel de concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal, excepto os que se refiren a incentivos ó rendemento, e os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante no nivel de artigo.
  3. No orzamento correspondente ós servicios transferidos do Insalud a vinculación anterior entenderase referida ós seus grupos de programas, atendidos o alcance e grao de pormenor da súa estructura na citada clasificación, en tanto en canto a dita estructura difira da establecida con carácter xeral para a Comunidade Autónoma.
  4. En todo caso terán carácter vinculante, co nivel de desagregación económica co que aparezan nos estados de gastos, os créditos destinados a atencións protocolarias e representativas e os declarados ampliables conforme o Artigo 64 desta lei.

Artigo 57. Nulidade de obrigas.

  1. Non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos figurados nos estados de gastos, sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais con rango inferior a lei que infrinxan a expresada norma, sen prexuízo das responsabilidades a que haxa lugar.
  2. Exceptúanse do disposto no número 1 anterior aqueles compromisos de gastos que regulamentariamente se determinen, cando a imputación corresponda a créditos ampliables ou que se adquiran como consecuencia das necesidades propias do normal funcionamento dos servicios e o seu importe exacto sexa de difícil previsión por corresponder a obrigas de tracto sucesivo.

Artigo 58. Gastos plurianuais.

  1. Poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual, aínda que a súa execución deba iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a seguir se especifican:
    1. Investimentos e transferencias de capital.
    2. Transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei.
    3. Gastos en bens e servicios dos que a súa contratación, baixo as modalidades establecidas na Lei de contratos das administracións públicas, non poida ser estipulada ou resulte antieconómica por prazo dun ano.
    4. Arrendamentos de bens inmobles que vaian ser utilizados por organismos ou servicios da Comunidade Autónoma.
    5. Cargas financeiras derivadas de operacións de endebedamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.
    6. Activos financeiros.
    7. Convenios con universidades e outras institucións ou centros docentes cando aqueles deban executarse durante cursos académicos coincidentes con dous exercicios orzamentarios.
  2. A autorización ou realización dos gastos de carácter plurianual subordinarase ós créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
  3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), f) e g) e os gastos en bens da letra c) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos contratos de consultoría e asistencia e nos de servicios.

    O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de lle aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ó 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos ós que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.

    O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos.

  4. Tamén poderá ser diferido o pagamento do prezo de compra das adquisicións de bens inmobles cando o importe exceda de 350 millóns de pesetas, sen que en ningún caso o desembolso inicial no momento de asina-la da escritura poida ser inferior ó 30% do prezo, podendo distribuírse libremente o resto ata en catro anualidades sucesivas ós respectivos vencementos dentro das limitacións do punto anterior.
  5. Con independencia do establecido nos números anteriores para os programas e proxectos de gastos de capital que se especifiquen nas leis de orzamentos, poderán adquirirse compromisos de gastos que teñan que estenderse a exercicios futuros ata o importe que para cada unha das anualidades se determine.

    Para estes efectos, cando nos créditos orzamentarios se encontren incluídos proxectos das características sinaladas anteriormente, as porcentaxes a que se refire o número 3 deste Artigo aplicaranse sobre os ditos créditos, una vez deducida a anualidade correspondente a estes proxectos.

  6. O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste Artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, a petición da correspondente consellería e logo dos informes que se estimen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos.
  7. Os compromisos de gastos de carácter plurianual a que fai referencia o presente Artigo serán adecuadamente contabilizados de forma independente.

Artigo 59. Anulación de créditos.

  1. Os créditos destinados a atender gastos que no último día do exercicio orzamentario non estean afectados ó cumprimento de obrigas recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, salvo as excepcións recollidas no Artigo 71 da presente lei.
  2. Malia o indicado no número anterior, a anulación de créditos que por disposición legal teñan o carácter de incorporables non impedirá a continuación da tramitación en forma provisional de expedientes de gastos con base nos mesmos, condicionados a que ó dictarse o acordo de autorización do compromiso de gasto exista crédito adecuado e suficiente.

    En ningún caso esta tramitación provisional poderá xerar dereitos a favor de terceiros.

Artigo 60. Regulación de obrigas.

  1. Con cargo ós créditos consignados nos estados de gastos só poderán contraerse obrigas derivadas de adquisicións, obras, prestacións de servicios e demais gastos en xeral que fosen realizados no ano natural do correspondente exercicio orzamentario.
  2. Sen embargo, aplicaránselles ós créditos do orzamento vixente no momento da expedición de ordes de pagamento as seguintes obrigas:
    1. As que resulten do recoñecemento e da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba as súas retribucións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
    2. As derivadas de compromisos de gastos debidamente adquiridos en exercicios anteriores.
    3. As que teñan a súa orixe en sentencias xudiciais.
    Naqueles casos nos que non exista crédito adecuado no exercicio corrente, por iniciativa da consellería correspondente, o conselleiro de Economía e Facenda poderá determina-los créditos ós que se lles deberá imputa-lo pagamento destas obrigas.

Artigo 61. Normativa aplicable.

  1. As modificacións dos créditos orzamentarios axustaranse ó disposto nesta lei e nas leis anuais de orzamentos.
  2. Todo acordo de modificación orzamentaria deberá indicar expresamente, ademais da sección ou ente público a que se refira, o programa, servicio ou organismo autónomo, artigo, concepto e subconcepto, se é o caso, afectados por ela, incluso naqueles casos nos que o crédito se consigne ou sexa vinculante no nivel de artigo.

    As limitacións establecidas no Artigo 68 desta lei entenderanse referidas no nivel de concepto para aqueles casos nos que a vinculación establecida o sexa no nivel de artigo.

    A correspondente proposta de modificación orzamentaria deberá expresar ineludiblemente a súa incidencia na consecución dos obxectivos previstos, así como as razóns que a xustifican.

Artigo 62. Créditos extraordinarios e suplementos.

  1. Cando deba realizarse algún gasto con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que non poida demorarse ata o exercicio seguinte e non exista crédito nos estados de gastos, ou sexa insuficiente e non ampliable o consignado, o conselleiro de Economía e Facenda, logo de informe da dirección xeral competente en materia de orzamentos, someterá ó acordo da Xunta, para a súa remisión ó Parlamento, un proxecto de lei de concesión dun crédito extraordinario no primeiro caso ou dun suplemento de crédito no segundo, no que se especificarán necesariamente os recursos con que se financiará o gasto que por estas causas se xera, e o detalle do concepto orzamentario que se debe crear ou que é suplementado.
  2. Malia o indicado no punto anterior, se a necesidade de crédito extraordinario ou de suplemento de crédito se produce nun organismo autónomo e estes non supoñen aumento nos créditos do orzamento da Comunidade Autónoma, observaranse as seguintes normas:
    1. A súa concesión será facultade do conselleiro de Economía e Facenda se o seu importe non excede do 5% do orzamento de gastos do organismo autónomo correspondente, e da Xunta de Galicia cando, superando a dita porcentaxe, non excede o 10% do citado orzamento de gastos. As ditas porcentaxes aplicaranse de forma conxunta e acumulada para ámbalas dúas clases de modificacións de crédito e ó longo do mesmo exercicio orzamentario.
    2. No expediente de modificación orzamentaria emitirá informe a consellería á que estea adscrito o organismo autónomo que o promova, xustificando debidamente a necesidade e urxencia do gasto e propoñendo os recursos con que se financiará o incremento que se propón.
    3. A Xunta de Galicia daralle conta trimestralmente ó Parlamento de Galicia dos créditos extraordinarios e suplementos de crédito concedidos ó abeiro do previsto na alínea a) deste número.

Artigo 63. Anticipos de Tesourería.

A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá excepcionalmente conceder anticipos de Tesourería para atender gastos inaprazables, ata un límite