Estimados/as cidadáns/ás:
Quero darvos a benvida á páxina web da Consellería de Economía e Facenda. Aproveito para comunicarvos o meu compromiso de manter o contacto con todos os galegos e galegas que o desexen e precisen.
Unha das razóns de ser deste portal é achegarvos información sobre a Consellería de Economía e os seus departamentos, así como da evolución da situación económica, social e laboral da nosa Comunidade Autónoma. Esta páxina quere ser ademais unha ferramenta útil e áxil para simplificar e facilitar trámites administrativos.
O noso equipo da Consellería ten como misión prioritaria empregar todos os medios ao noso alcance para conseguir unha Galicia máis forte, competitiva e territorialmente equilibrada, e así cumprir o noso obxectivo de converxer coas rexións máis desenvolvidas da Unión Europea. As nosas metas diríxense cara ao progreso da nosa Comunidade Autónoma, coa ilusión de construír o camiño da modernidade.
Nesta forte aposta polo cambio, a participación activa dos cidadáns e cidadás é esencial. Por iso quero agradecervos de antemán todas as inquedanzas, opinións e valoracións que nos fagades chegar.
Un cordial saúdo,
José Ramón Fernández Antonio
Conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia